>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

ST Música Presente 2012

(ultima actualización: 22 / 3 / 12 )





A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), abre a cuarta entrega do ciclo de concertos promocionais "ST Música Presente", dirixido á promoción de traballos discográficos galegos. Unha vez máis, o Salón Teatro de Santiago será a sede deste programa de recitais, que nesta nova edición deséñase en colaboración con Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas) e acollerá os directos protagonizados por Liorna (22 de marzo), Riobó (26 de abril) Borja Cao Trío (10 de maio), Ugía Pedreira&Fred Martins (7 de xuño) e Loaira (14 de xuño).



O grupo Liorna abrirá o ciclo presentando os temas do seu novo álbum, Sarahyba, que segue na liña folk habitual, baseada na tradición galega aínda que con pinceladas actuais. Desde 1996, Liorna elixiu o camiño máis difícil para converterse nunha das realidades máis frescas e puxantes do panorama folk de Galicia. Mentres resulta habitual que as formacións e solistas do xénero recorran ao repertorio tradicional para configurar os seus discos, a banda de Marín apostou desde o principio polas súas letras e a súa música, á procura dunha linguaxe propia diferenciada.

Neste cuarto traballo discográfico, editado por Edicións do Cumio en 2010, preséntanse dez composicións que retroceden á orixe do grupo en canto á estrutura e temática das súas cancións, aderezadas con novas sonoridades. Para a súa produción, contaron coa colaboración do cantautor brasileiro Gustavo Almeida e da violinista Begoña Riobó. Ademais, dous temas foron gravados en directo no Teatro Colón da Coruña dentro do espectáculo Gallaecia, acompañados pola Orquestra Sinfónica de Melide e das Pandereteiras da Agrupación Trompos aos Pés. Xunto a Alberto Lago (gaita e piano), forman parte de Liorna os seus irmáns Carlos (batería) e Luis (percusións), Javier Rabanal (baixo), Jaime Reboyo (zanfona e saxo soprano), Rafael Maquieira (guitarra), Montse Ogando (voz e piano) e Tania Garrido (voz).

Xunto a Alberto Lago (gaita e piano), forman parte de Liorna os seus irmáns Carlos (batería) e Luis (percusións), Javier Rabanal (baixo), Jaime Reboyo (zanfona e saxo soprano), Rafael Maquieira (guitarra), Montse Ogando (voz e piano) e Tania Garrido (voz).



"ST Música Presente" continuará coa violinista folk Begoña Riobó, que chegará ao Salón Teatro o 26 de abril para presentar o seu primeiro proxecto musical. Riobó é o nome do grupo de Begoña e tamén o título do seu primeiro traballo discográfico, que se caracteriza polo virtuosismo dos seus músicos á hora de arranxar e interpretar melodías da tradición galega, sendo fieis ás súas formas e orixe. Begoña Riobó é, actualmente, unha das violinistas con maior proxección no panorama musical galego. Cunha destacada traxectoria artística (formou parte das bandas de Carlos Núñez, Susana Seivane, Anxo Lorenzo ou Sondeseu), preséntase como a primeira violinista folk galega en liderar o seu propio proxecto.

Acompañando a Begoña, en Riobó (Zouma Records, 2011) atópanse catro recoñecidos músicos cunha sólida traxectoria, habituais nos principais proxectos musicais de Galicia. Son Fernando Barroso (guitarra), Marcos Campos (gaita, acordeón e frautas), Xosé Liz (bouzouki) e Fernando Pérez (frautas e requinta).



O 10 de maio será a quenda do pianista ourensán Borja Cao, que dará a coñecer o seu segundo disco The future is green, no que mestura sons clásicos do jazz con músicas tropicais e ritmos electrónicos. Coa colaboración de Max Gómez á batería e a incorporación de Juansi Santomé ao contrabaixo, este trío continúa a súa andaina xunto co selo Audia Records que segue co seu labor de proxección das facetas do novo jazz feito en Galicia.



Xa en xuño, "ST Música Presente" ofrecerá o día 7 un concerto a cargo de Ugía Pedreira e Fred Martins, que interpretarán en directo os temas de Acróbata (Folque Music, 2011), o resultado pop do achegamento da música popular brasileira coa música popular galega. A palabra é o unico vestiario deste traballo onde as linguas galega e portuguesa se saúdan dun xeito cordial e responsable. É a poesía a auténtica protagonista e a única con poder absoluto en todas estas composicións engalanadas coa música.

Ugía Pedreira é xa unha artista e compositora consolidada no panorama artístico galego. É unha das caras visibles de proxectos musicais xa coñecidos como Nordestin@s, Ecléctica Ensemble ou Marful, entre outros. Fred Martins xa ten publicados catro discos como cantor e compositor. Os seus temas foron gravados por artistas universais do Brasil como Ney Matogrosso, Maria Rita ou Zélia Duncan



Finalmente, o 14 de maio, a música tradicional galega volverá de novo coa actuación do trío musical Loaira que, coa presentación do seu álbum de debut homónimo, pechará este novo ciclo de "ST Música Presente". Loaira xorde por mor das inquedanzas que os seus tres compoñentes amosan na busca de sons novos e versátiles, que beban directamente da música tradicional galega e aposten forte pola música de autor. Deste xeito e partindo das raíces, o trío fai unha mestura de ritmos e melodías, que van desde o swing ata a bossa nova, con letras sumamente coidadas, escritas coa colaboración da poetisa Mariña Pérez.

Clara Pino (harpa celta e voz), Rubén Abel (guitarra) e Roi Adrio (percusións) son os integrantes desta formación. Os tres teñen unha gran bagaxe musical, tanto como instrumentistas solistas, como parte de coñecidas agrupacións como son Sete Saias ou Quempallou.

Venda de entradas
Todas as actuacións terán lugar ás 21.00 horas. As entradas para os concertos poden adquirirse ao prezo único de 5 euros a través da billeteira electrónica da 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. No despacho de billetes do Salón Teatro poranse á venda a partir das 19:00 horas.



- Liorna- Riobó- Loaira- Ugia Pedreira -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal