>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Pasamento de D. Xosé Manuel Seivane Rivas
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 28 / 1 / 12 )





Asociación de Gaiteiros Galegos:
Hoxe temos que informar dunha triste nova, sentimos a perda dun membro destacado e ben querido do colectivo da música tradicional, faleceu D. Xosé Manuel Seivane, os 90 anos, dedicou toda a súa vida á música tradicional galega, sendo un referente na construción, transmisión e difusión da nosa cultura.

D. Xosé Manuel Seivane será enterrado, o domingo 29 de Xaneiro, as catro da tarde, en San Xurxo (Riveira de Piquín). A capela ardente estará, a partir de hoxe venres, no tanatorio Eiroa en Almeiras, Culleredo.

Nado en Fomiñá (A Pastoriza) en 1921, foi o creador do selo Seivane e o iniciador dunha das sagas de artesáns e artistas máis recoñecidas dentro do mundo da gaita.
Xosé Seivane abriu o seu primeiro obradoiro de gaitas con 18 anos. Xa tocaba de antes a gaita e o clarinete mais devecía por crear a súa gaita por si mesmo. Axudárono o seu pai, Francisco, ebanista e a súa nai, Estrella, que tiña un bo ouvido musical e lle transmitiu as melodías de gaiteiros xa desaparecidos, como Curuxeiras. Daquela, as gaitas fabricábanas ebanistas-torneiros e os gaiteiros afinábanas, facendo eles as súas propias palletas e en moitos casos as gaitas mesmas. Xosé Manuel Seivane decidiu dedicarse exclusivamente á construción.Ao casar, trasladou o obradoiro para Ribeira de Piquín, onde comezou a súa sona. Os seus fillos, Álvaro e Xosé Manuel, e algúns netos continúan o seu labor. Desde 1994, o obradoiro está instalado en Cambre. A súa neta, Susana Seivane, filla de Álvaro, é unha gaiteira notábel.
Nos seus máis de sesenta anos de histoira ten contribuído ao desenvolvemento da gaita galega, por exemplo na unificación das palletas, ou no perfeccionamento da afinación, con pasos importantes na escala do punteiro.
Ó longo da súa vida, recibiu numerosos homenaxes, tal vez o máis sentido o que lle dedicaron os seus veciños da Ribeira de Piquín en 2008 pola súa contribución á música tradicional galega.
Dende aquí facerlles chegar o noso máis sentido pésame á familia e amigos.



- Seivane -


NOVAS RELACIONADAS:



Galicia Confidencial :: Morreu Xosé Manuel Seivane, un dos mestres da gaita
http://www.galiciaconfidencial.com/nova/9510.html


Segundo a súa familia, Seivane morreu hoxe aos 90 anos. Nado en 1921 na Pastoriza (Lugo), construíu a súa primeira gaita en 1939, nun pequeno taller deste recuncho da comarca da Terra Chá, creando así o primeiro selo “Seivane”. Aínda que xa era gaiteiro e clarinetista, cumpría así o seu soño infantil de facer o seu propio instrumento.

O seu pai Francisco, un grande ebanista, e a súa nai Estrela, dotada dun marabilloso oído musical, achegáronlle unhas bases moi sólidas para desenvolver toda a súa capacidade artesanal. Do seu pai herdou a técnica, ferramentas e as madeiras e da súa nai a sensibilidade musical, especialmente no que se refire á afinación e ton. Dela recibiu tamén as melodías de gaiteiros que xa desapareceran, como Curuxeiras, nado na Pastoriza.

Cumprindo o seu servizo militar en Pontevedra, entra en contacto co artesán Antón Represas “O Marreco”, co que comparte experiencias e coñecementos axudándolle a construír varias gaitas para o exército.

Era o comezo dun camiño difícil pois, en plena guerra civil, as necesidades do momento non pasaban por comprar algo que só achegaba satisfaccións. Naquela época, as gaitas eran construídas polos ebanistas–torneiros, e os gaiteiros afinábanas e facían as súas propias palletas. Moi poucas eran as persoas que reunían a dobre condición de construtor de gaitas e gaiteiro; unha delas foi, sen dúbida, Xosé Manuel.

Conseguiu, deste xeito, reunir as condicións necesarias para desenvolver a técnica construtiva dende un profundo sentimento musical. As súas expectativas víronse cumpridas e, anos máis tarde, casa e establécese en Ribeira de Piquín (Lugo). Nun primeiro momento, abastece unicamente os gaiteiros do seu ámbito, pero pronto ensanchará máis e máis o seu campo de acción ata superar os límites do Estado e converter o obradoiro en lugar de peregrinación de gaiteiros e amantes da música tradicional de Galicia.

A continuación

Os seus fillos, Álvaro (Ribeira de Piquín, Lugo, 1952) e Xosé Manuel (Ribeira de Piquín, Lugo, 1964) seguen os seus pasos dende moi nenos da mesma forma que lle acontecera a el con respecto ao seu pai. Ao seu lado van recibindo os pequenos segredos do traballo diario, os que xorden co tacto diario da madeira, así como a capacidade para recordar o son ao escoitalo, impregnándose para sempre do timbre da marca Seivane.

No ano 1972, Álvaro trasládase a Barcelona, por motivos de estudos, e acaba creando alí outro obradoiro a imaxe e semellanza do do seu pai. En 1986 decide regresar a Galicia para continuar o seu traballo aquí, o que anima a todos a unirse de novo. En 1994 toda a experiencia adquirida por cada un deles se fonde para formar, en Cambre (A Coruña), o actual Obradoiro de Gaitas Seivane.

Velaquí a reportaxe que lle fixo ANT Tv hai dous anos:



"Eu tamén podo facer unha gaita". Foi a partir dese desexo que comezou a construír o seu legado, e dende aquel ano 1939, Xosé Manuel Seivane non deixou de lado o seu soño até converterse nun dos máis famosos construtores de gaitas de Galicia.





Galicia Confidencial :: Morreu Xosé Manuel Seivane, un dos mestres da gaita
http://www.gaiteirosgalegos.com/index.php?option=com_content&view=article&id=1958:o-mundo-da-gaita-galega-despide-ao-mestre-xose-manuel-seivane&catid=27&Itemid=18


O mundo da gaita galega despide ao mestre Xosé Manuel Seivane















COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal