>> Iniciar Sesión  




+     

 


 



Premio "Xabier Prado Lameiro" 2011 ao Colectivo Castro Floxo

(ultima actualización: 17 / 10 / 11 )



O Xurado do premio "Xabier Prado Lameiro" ven de conceder o recoñecemento 2011 ao COLECTIVO CASTRO-FLOXO DE OURENSE "polo traballo que ó longo de máis de trinta anos levan realizando no campo da investigación, conservación e divulgación do noso folclore tradicional, non só a través da danza, senón tamén por medio de tódalas demais manifestacións etnográficas que a acompañan, como son a música, as súas vestimentas e os costumes que xiran arredor da mesma.".



ACTA DO XURADO.
__________________________________________________________________

O luns, día 10 de outubro de 2011, reuniuse o xurado nomeado pola Coral de Ruada para estudar as candidaturas presentadas para a segunda edición do Premio Xabie Prado Lameiro, co que se pretende, segundo contemplan as súas bases, “…premiar, de xeito simbólico, o labor desinteresado daquelas persoas ou colectivos que destaquen polo seu compromiso coa cultura de Galicia de expresión en idioma galego e de carácter popular, fundamentalmente no eido do folclore e, máis concretamente, na música popular e polifónica galegas.”


O xurado estaba formado por:

Presidente: Emilio Rodríguez Portabales (Vicepresidente Primeiro da CORAL DE RUADA).

Secretario: Manuel Souto Prieto (Secretario Xeral da CORAL DE RUADA, con voz pero sen voto).

Vogais:Eladio Quevedo Almoina (Presidente da CORAL DE RUADA).

Antonio Piñeiro Feijóo (Xornalista e Director da revista Auria).

César Francisco González Fernández (Director da Plataforma Independente de Teatro de Amoeiro “PITA”).

Xosé María Carballeira Anllo (Coautor dos Dicionarios Xerais de Lingua Galega e

Director do IES “Universidade Laboral” de Ourense).


O xurado acordou, por unanimidade:


Conceder o PREMIO XABIER PRADO LAMEIRO, organizado pola CORAL DE RUADA de Ourense, na súa segunda edición, correspondente ó ano 2011, ó colectivo Castro Floxo de Ourense polo traballo que ó longo de máis de trinta anos levan realizando no campo da investigación, conservación e divulgación do noso folclore tradicional, non só a través da danza, senón tamén por medio de tódalas demais manifestacións etnográficas que a acompañan, como son a música, as súas vestimentas e os costumes que xiran arredor da mesma.


O principal mérito que atesoura a traxectoria do grupo Castro Floxo, non é soamente o inxente traballo que durante estas tres décadas teñen realizado no campo da recolla, conservación, interpretación e divulgación do noso folclore (que xa de por si merecería un recoñecemento explícito, por teren sido quen de levar as nosas manifestacións artísticas por un gran número de países de Europa, Asia, África e América), senón que souberon ir un paso máis alá e interpretar a cultura tradicional coma un todo, promovendo a publicación de monográficos sobre moi diversos aspectos das nosas tradicións que constitúen exemplos para o resto de Galicia, como é o caso do “Cancioneiro Popular da provincia de Ourense”, os dous tomos de “Danzas Gremiais e procesionais de Ourense”, a “Arquitectura popular galega”, a colección “Memoria fotográfica” que recolle a fotografía histórica de diversas comarcas da provincia de Ourense, así como a revista Raigame, que está considerada un referente na divulgación da nosa cultura, ademais da creación e organización anual da Romaría Etnográfica Raigame que se celebra cada ano o día 17 de maio en Vilanova dos Infantes e que está servindo de modelo para toda Galicia de cómo celebrar o Día das Letras Galegas.


Pero ademais, dende o seu nacemento Castro Floxo tamén coordina a organización das Xornadas do Folclore que ó longo de 28 edicións teñen de espectacular e diverso escaparate do folclore de todo o mundo, manténdose coma un dos principais eventos escénicos e culturais do verán ourensán, sen esquecer a organización de varios Congresos sobre etnografía en colaboración coa Universidade.


O inxente labor de Castro Floxo constitúe, polo tanto, un exemplo de traballo pausado, calado e de compromiso coa cultura popular galega e o PREMIO XABIER PRADO LAMEIRO, con este galardón, non fai, senón, recoñecer a coherente traxectoria que o colectivo ten mantido neste campo ó longo de máis de tres décadas.

• O acto de entrega do II PREMIO XABIER PRADO LAMEIRO terá lugar o día 27 de outubro no teatro Principal de Ourense, segundo horario e programa que se anunciará oportunamente.

• O I PREMIO XABIER PRADO LAMEIRO, correspondente ao ano 2010, fóralle concedido ao Real Coro Toxos e Froles de Ferrol.


- Coral de Ruada- Castro Floxo -
- Toxos e Froles -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal