>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Mini e Mero reciben o Premio Ramón Piñeiro-Facer Paí­s
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 19 / 9 / 11 )





Mini e Mero, músicos, poetas, mestres e investigadores do patrimonio cultural galego, foron galardoados co Premio Ramón Piñeiro-Facer País na súa décima edición. Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, e Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, actuais compoñentes do grupo A Quenlla, formaron parte tamén de Fuxan os ventos. O xurado, integrado por representantes de 18 asociacións culturais da comarca de Sarria (Lugo) analizou e considerou 29 propostas. O premio foi instituído en 2002 pola Asociación Cultural Val de Láncara para recoñecer o labor senlleiro de persoas e entidades a prol de Galicia. O acto de entrega terá lugar en Láncara (Lugo) o vindeiro 15 de outubro. Os 18 membros do xurado, representantes doutras tantas asociacións culturais da comarca de Sarria, avaliaron o constante labor dos premiados, Mini e Mero, "a prol da creación e recreación do cancioneiro galego e de diferentes manifestacións do noso patrimonio inmaterial, participando de modo individual ou con diferentes grupos no proceso de dignificación e recuperación das máis diversas facetas da expresión musical, incoporando ao seu repertorio creacións de poetas clásicos e modernos xunto con obras propias que gozan de xeral aceptación". Recoñeceron asemade "o compromiso profesional de Mini e Mero como educadores a prol da galeguización do ensino e dunha escola creadora e non alleante no medio rural" e salientaron "a constante e desinteresada colaboración que os premiados prestan a colectivos culturais tanto de Galicia como da diáspora, levando a mensaxe de loita e solidariedade coas xustas reivindicacións do noso pobo". Subliñaron por último "a súa activa participación nas actividades de recuperación da memoria histórica". Nesta décima edición a candidatura de Mini e Mero competiu con outras 28, propostas polas distintas asociacións que colaboran con "Val de Láncara" na organización e concesión do Premio Ramón Piñeiro-Facer País. Reseñado en Xornal, La Voz de Galicia, Cultura Galega.


- Mini e Mero- A Quenlla -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal