>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Entrevista a Liorna: “Na editora dixéronnos que o disco soaba a Liorna e iso é importante”
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 20 / 7 / 11 )





Escrito por Oscar Losada
–Semella que sacan disco cada lustro. Como vai resistindo o seu grupo neste complicado panorama musical?
–Resistimos porque non temos pretensións, non nos marcamos obxectivos de facer un número concreto de actuacións ou vender unha cantidade determinada de discos, senón que deixamos fluír as cousas e así seguiremos ata que o corpo ature.
–Nótase un momento máis complicado para unha banda como Liorna que hai uns anos?
–O momento é difícil e nótase bastante, pero para nós, polo xa comentado anteriormente, ven sendo o mesmo dende o 2005. Tamén cremos que un grupo bo, de auténtica calidade, acaba por vencer as dificultades e sae cara adiante.
–Alberto Lago é o autor das pezas. Cando compón pensa moito xa na banda ou déixase total liberdade creativa e logo adaptan o mellor posible o tema?
–Sempre teño na cabeza as características musicais dos meus compañeiros para tentar amoldar as pezas o mellor posible a eles e logo non ter que realizar arranxos raros para que o tema funcione ben. Na voz cómpre ter un coidado grande e adoito compor pensando na tesitura da nosa cantante, para que non teña que forzar a voz e cante coa maior naturalidade posible.
–En dúas pezas contan co acompañamento da Orquestra Sinfónica de Melide. Como se deu esa colaboración?
–Pouca xente do folk galego gravou cunha orquestra e parecíanos orixinal facer uns temas con eles. Tivemos a sorte de que a Fernando Arias, director da orquestra, lle gustasen os nosos temas e incorporounos ao espectáculo Gallaecia, un proxecto que naceu hai xa bastantes anos e que por fin se puido realizar. Algúns de nós tiñamos certo respecto a traballar cunha orquestra, xa que impón contar con todos eses instrumentos, pero logo comprobas que é una auténtica pasada poder escoitar os temas de Liorna dese xeito.
–Alberto, vostede sempre aportou as pezas instrumentais da banda e dotoulle dunha sonoridade moi súa ao grupo.
–Tamén penso no grupo cando as fago, posto que teño composicións gardadas na casa que considero non van ben coas características da banda. Cando comezamos na música dixéronnos que o importante era acadar un son propio e cando presentamos este disco a Cumio, a nosa editora, comentáronnos que soaba a Liorna e iso é importante. Temos coidado en tentar non repetirnos á hora de realizar os temas. Mesturamos as instrumentais coas pezas cantadas xa que pensamos que unha obra toda instrumental pode chegara a ser, nalgún momento, un pouco dura para o ouvinte.
–E nunca perderon de vista na súa traxectoria botar un ollo á música tradicional.
–É verdade que nunca a esquecimos e neste disco metimos un canto de vodas que nos parecía precioso e daba xogo para incorporalo ao repertorio.
–Por outra banda aparecen catro pezas con derivas pop moi diferentes ao resto do álbum.
–Non cremos que esas composicións soen tan pop, aínda que resultan diferentes ao canto de vodas e son, evidentemente, menos tradicionais, aínda que non deixan de ter unha base folclórica de fondo. Aseméllanse máis ao que fixemos na nosa ópera prima que ás do disco anterior. Non existe intención de chegar a un público diferente con elas. Sabemos que non facemos un xénero musical de masas.



- Liorna -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal