>> Iniciar Sesi�n  




+     

 


 

Culturgal 2011 arranca coa apertura das convocatorias de propostas de actividades e de reserva
Fonte / M�is informaci�n

(ultima actualizaci�n: 23 / 6 / 11 )





ACTUALIZACION: Culturgal amplía o prazo para presentar propostas até o 25 de setembro

O presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, e o novo director da Feira das Industrias Culturais, Sergio Lago, deron esta mañá no Pazo da Cultura de Pontevedra o pistoletazo de saída ao Culturgal 2011, coa apertura das convocatorias para propostas de actividades e para a reserva de stands. “A Feira das Industrias Culturais quere ser un espazo de divulgación dos proxectos máis interesantes da cultura galega actual”, sinalaron, polo que “ademais da oferta de stands para expositores, que se poden reservar dende hoxe mesmo, e dun foro profesional no que se analizará a relación da cidadanía cos contidos culturais, abrimos unha convocatoria pública de propostas, para que calquera empresa ou entidade poida achegar os seus proxectos, produtos e servizos á sociedade a través de Culturgal”.


Neste sentido, Sergio Lago salientou a importancia da Asociación Culturgal como elemento vertebrador da industria cultural en Galicia e como punto de encontro do sector coa sociedade e anunciou que un dos obxectivos estratéxicos a medio prazo é “ampliar o papel de Culturgal tanto no tempo como no espazo, estendéndoo máis alá da celebración anual da Feira das Industrias Culturais”. Outros elementos claves da visión estratéxica do novo director de Culturgal son “acompañar a industria na incorporación de formatos de visibilización da cultura creativos e innovadores” e “introducir Culturgal no debate global sobre novas formas de relación entre creadores e industria, novas formas de levar a cabo os proxectos e novas formas de achegar a cultura á sociedade”.


Presentación de propostas para Culturgal 2011

A convocatoria de propostas para actividades está aberta a empresas, persoas, asociacións e outras entidades, que poderán presentar proxectos empresariais ou creativos de calquera disciplina ou sector das industrias culturais, sempre e cando teñan participación galega. Aínda que non é necesario que a empresa conte cun stand na feira para que a súa actividade sexa elixida para formar parte da programación de Culturgal 2011, a organización adiverte que aquelas empresas que conten cun posto de expositor na feira teñen asegurada a presenza dunha actividade de presentación de proxecto ou produto, sempre dentro dos espazos e formatos preestablecidos.

A organización proporcionaralles aos proxectos seleccionados para formar parte da programación de Culturgal os recursos técnicos precisos para o correcto desenvolvemento da actividade, así como promoción a través dos soportes e ferramentas web da feira e a posibilidade de chegar de xeito directo ao público que asista á feira, que na pasada edición superou as 14.000 persoas. Os proxectos serán seleccionados atendendo á súa calidade, á súa viabilidade, á súa complementariedade co resto do programa de actividades de Culturgal 2011 e á adecuación aos valores e obxectivos da Asociación Culturgal, entre os que destaca a promoción e o desenvolvemento da lingua e da cultura galegas. Unha vez realizada a selección, a organización do Culturgal decidirá os horarios e espazos para as diferentes actividades.


Reserva de stands na Feira das Industrias Culturais

Culturgal abriu tamén esta mañá a convocatoria para a reserva de espazos de exposición e venda na Feira das Industrias Culturais 2011. Poderán alugar o seu stand en Culturgal todas as empresas, persoas e entidades con sede social en Galicia que produzan, desenvolvan, difundan, xestionen ou comercialicen produtos e servizos culturais. A organización quere premiar ás empresas, profesionais ou asociacións que antes reserven o seu stand, polo que a escolla dos espazos se fará atendendo exclusivamente á orde de formalización da reserva. O prazo comeza hoxe mesmo e remata o 5 de setembro.

A contratación dun espazo na Feira das Industrias culturais implica, ademáis do dereito a expor e vender produtos e servizos culturais, a inclusión no catálogo da Feira e na web de Culturgal, a posibilidade de presentar un proxecto ou produto na programación oficial da feira e dúas acreditacións profesionais para o Foro Culturgal, que afondará nos novos modelos de relación co público que se están xerando na industria creativa global e, moi especialmente, nas oportunidades de innovación neste sentido que se presentan desde culturas e territorios periféricos. A acreditación para o Foro Culturgal inclúe, ademais do acceso a todas as actividades do propio Foro, acceso ao espazo exclusivo para profesionais e acceso de balde a todos os concertos e actuacións teatrais de pago.


Descarga todas as bases e formularios, aquí.


- Culturgal -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver m�is novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal