>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Tres días de música sen pausa, no Culturgal
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 25 / 11 / 10 )





Culturgal (Programación musical)


Venres 26, sábado 27 e domingo 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Entrada gratuíta


Descargar o programa musical detallado

Os novos ritmos brasileiros, un sorprendente fado alegre, tradición e innovación coa gaita, música armenia, pop de autor... son algúns dos sonidos que compoñerán a particular banda sonora da Feira das Industrias Culturais. A música anegará tamén todos os espazos do Culturgal 2010, desde a recámara, ata o patio, o faiado, o cuarto dos nenos e o estudo.


MÚSICA NA RECÁMARA
Galicia.br
Venres 26 de novembro ás 21 h
Lugar: Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra
Prezo: Entrada gratuíta previa retirada na billeteira
Os convites pódense conseguir, por rigorosa orde de solicitude, na billeteira do Pazo da Cultura o venres de 11 a 14 e de 17 a 21 h


Culturgal ten na recámara dúas noites de música e diálogo intercultural. Os espectáculos Galicia.br e Galicia.pt xuntarán no escenario do Auditorio do Pazo da Cultura artistas galegos, brasileiros e portugueses.

O venres chegarán da outra beira do Atlántico dous artistas revelación de Minas Gerais, Érika Machado e Kiko Klaus. A partir das 21 h experimentarán un estimulante intercambio artístico co novo espectáculo do coñecido humorista galego Carlos Blanco, que presenta Ordem e progresso, unha ollada ao Brasil acompañada da cadencia do pandeiro e do cavaquiño do Sergio Tannus Trío.

Érika Machado de nena soñaba con ser científica, formouse como artista plástica e, aínda que adoraba cantar, nunca pensou acabar levando vida de carricanta. Comezou facendo música como parte de proxectos artísticos de intervención urbana. Un deles, O Baratinho, gravado no seu propio cuarto, fixo barullo abondo para que en 2006 lanzase o seu primeiro disco de verdade, O Cimento, producido por Pato Fu. A Pontevedra chega cun novo lanzamento, Bem Me Quer Mal Me Quer.

Kiko Klaus lanzou en 2008 o seu primeiro disco en solitario, O Vivido e o Inventado, que recibiu importantes eloxios da crítica nacional e internacional. O xornal O Estado de São Paulo seleccionouno como un dos quince mellores lanzamentos dese ano e a revista Dig This Real de Nova York definiuno como un dos artistas máis creativos e prometedores da nova escena brasileira. A súa música mestura raíces afro-brasileiras como o maracatu, a ciranda, a samba e as percusións de Umbanda e Candomblé, con flamenco, rock, soul e electrónica.

Tras o éxito de Humor neghro e Só, Carlos Blanco volve agora máis colorista, máis ousado, máis de pel. En Ordem e progresso toma a frase da bandeira de Brasil como título do espectáculo. Nel o actor amosa unha nova faceta na que lle canta ao Brasil máis recoñecible, e ao que non o é tanto, acompañado dunha banda de luxo, o Sergio Tannus Trío, formado por Sergio Tannus, Sergio Sales e Paulo Silva. Esta proposta suma humor calma, harmonía e música de Pixinginha, Cartola, Nelson Cavaquinho... os clásicos.




MÚSICA NA RECÁMARA
Galicia.pt
Sábado 27 de novembro ás 21 h
Lugar: Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra
Prezo: Entrada gratuíta previa retirada na billeteira
Os convites pódense conseguir, por rigorosa orde de solicitude, na billeteira do Pazo da Cultura o venres e o sábado de 11 a 14 e de 17 a 21 h


O sábado, tamén no Pazo da Cultura, poderemos gozar dunha oportunidade única: dúas das propostas musicais máis exitosas desta e da outra beira do Miño comparten escenario en exclusiva para o público de Culturgal. Deolinda é un grupo portugués formado por catro mozos que saltan todos os clixés do fado: non usan guitarra portuguesa, fan música para bailar e a súa cantante, Ana Bacalhau, viste roupas coloridas. Veñen de presentar o seu último disco, Dois selos e un carimbo, co que están a causar sensación no país veciño.

Compartirán escenario con Xosé Manuel Budiño, que visita Culturgal co seu último proxecto debaixo do brazo: Volta, unha viaxe polos catro continentes da man do gaiteiro galego máis innovador. Bos Aires, México, Oriente Medio, Europa, Ortigueira... este disco está concibido como unha road movie conceptual coa que percorreremos os lugares nos que o magnífico compositor e multiinstrumentista galego participou nos últimos anos e que culmina co seu concerto na pasada edición do Festival Celta máis coñecido e concorrido do mundo. Poderemos revisar as pezas máis representativas da súa carreira, desde o referencial "Paralaia" ata "Revolución", pasando por "Zume da Terra" ou "Home", peneiradas por unha reinterpretación contemporánea.




SHOWCASES NON STOP NO PATIO
No patio da Feira das Industrias Culturais pódese atopar un bar con programación cultural non stop, entre a que a música ocupa un lugar prioritario. Nel sucederanse actuacións en pequenas doses, para que dea tempo a dixerir todas as novidades. O formato empregado é o dos showcases e entre pílula e pílula proxectaranse vídeos cos grandes eventos musicais deste ano. Na barra os músicos mesturaranse co público para intercambiar opinións.
Participan nos showcases do patio Renato Spencer e Café Caxaça, Kibitka, Anxo Lorenzo e Silvia Penide. Os primeiros presentarán o venres ás 18.30 h Peneirando, o seu primeiro traballo discográfico, resultado de cinco anos de convivencia entre músicos de diversas orixes, tanto xeográficas como musicais, que residen en Galicia. Rumba e forró, tamboril e zabumba, muiñeira e afoxé, gaita e cavaquiño mestúranse de forma natural neste disco con temas propios e versións de músicas populares brasileiras e galegas.
Kibitka integra a bagaxe e as viaxes das oito persoas que a banda e que trouxeron músicas de Armenia, Bielorrusia, Moldavia, Rusia e Galicia, agregaron ritmos e influencias latinas e rescataron sonoridades esquecidas. Actuarán o sábado ás 12.30 h. Pouco despois, ás 16 h, subirase ao escenario do patio Anxo Lorenzo para presentar Tirán, o seu novo disco, no que volve poñer a proba os límites da gaita e os propios facendo un percorrido musical polos lugares e melodías que coñeceu nos últimos anos. Para esta gravación contou coas colaboracións da famosa gaiteira de Northumbria Kathryn Tickell, as cordas de Pancho Álvarez, as percusións de Milla e Roi Adrio, a zanfona de Anxo Pintos, o acordeón de Jorge Arribas e o grupo de estética hindú Om/Off.
Deseguido, ás 19.30 h, será a quenda de Silvia Penide, que volve co seu cuarto traballo de estudo Las erres dobles, da man do recoñecido Juan de Deus Martín. Cos seus dous traballos discográficos anteriores, Kilómetros, Invisible e Desafinante Crónica, xa deixou sobradas mostras da forza e dos matices que poden alcanzar as súas cancións.

Ademais destes showcases, o patio acollerá unha serie de presentacións musicais con breves actuacións de mostra. O sábado ás 17.30 h a asociación cultural Negus Reggea presentará algunhas das bandas de reggae e os sound systems galegos, entre as que se atopan, por exemplo, Bush Doctors, Zamaramandi, Sauko B & One, Pinnacle, Ganjahrfamily, On The Bass Sound System, Goodchilla Sound ou Jas Processor. A continuación a popular publicación especializada no sector musical Mondo Sonoro ofrecerá unha selección de actuacións de grupos musicais, así como unha mostra dalgunhas das fotografías realizadas polos seus colaboradores nos eventos musicais máis significativos dos últimos tempos. Xa o domingo, ás 12.30 h, presentarase a oitava edición de Cantos na Maré, Festival Internacional da Lusofonía. Sobre o escen ario do Pazo da Cultura volverán xuntarse o 18 de decembro catro dos creadores máis inquietos da música dos países lusófonos, un cruce de voces novas e consolidadas baixo a dirección artística de Uxía e a dirección musical de Paulo Borges.


SONS PARA O CUARTO DOS NENOS
O cuarto dos nenos que acolle a programación infantil e xuvenil do Culturgal ferve de actividade desde a apertura ata o peche da feira, tamén do eido musical. Para mostra o novo disco do grupo de música infantil Mama Cabra, titulado Ola, ola, la!, un libro CD cun vídeo karaoke e un bo feixe de cancións inéditas, publicado pola Editorial Galaxia. O venres ás 17 h presentaranse en directo temas deste traballo, para o que se contou cun coro dirixido por Ramón Bermejo e con colaboracións como a de Sèrgio Tannus (pandeiro brasileño e cavaquiño) e a de Gende Beat coas súas percusións vocais.
Xa o domingo ás 12 h terá lugar o espectáculo Tic tac, o primeiro traballo musical en solitario de Pablo Díaz, que fai un percorrido por distintos ritmos cos que, dende a perspectiva do folk, abarca a universalidade da música, dende o xénero clásico ata o jazz, pasando polo rock, o soul, o swing e os ritmos latinos. É un disco para ver, escoitar e cantar, pensado tanto para o público infantil como para gozar en familia. As súas 16 cantigas abordan temas próximos aos cativos, como a natureza, o mar, os animais ou o fogar, de xeito que se lles proporciona vocabulario e fórmulas de expresión a través da música.
Pola tarde, ás 17 h, actuará o grupo Pesdelán, disposto a recuperar a cultura participativa das festas e a poñernos a todos a bailar co seu último disco, Na punta do pé. Pesdelán é froito da unión de reputados músicos, bailadores e mestres de coñecidas formacións musicais, como Leilía, Xochilmica e Susana Seivane Grupo. O seu repertorio abrangue temas tradicionais galegos e portugueses, arranxados dun xeito divertido e orixinal.
Ademais, o Laboratorio de Sons da Aula Folque Infantil de aCentral Folque, o sábado traslada por un día a súa actividade ao Culturgal. Mestres e alumnos realizarían exercicios de improvisación e exploración sonora con instrumentos non convencionais, baseándose no espazo da Feira, na súa musicalidade, a súa oralidade e as súas posibilidades sonoras. Ao remate da actividade os asistentes presentarán unha intervención artística como mostra do traballo realizado durante a sesión.

AUTOEDICIÓN NO FAIADO
O faiado, o espazo reservado no Culturgal para as propostas que están nas marxes e que mesmo cuestionan o que chamamos industrias culturais, terá unha ampla programación musical para visualizar aquelas iniciativas que rastrexan a música en calquera lugar, que están atentas aos sons da vida cotiá e que velan pola memoria sonora e musical para explorar novos horizontes. Autoedición e activismo sonoro serán os termos máis repetidos.
O venres ás 19 h. SINSALaudio ofrecerá a audioconferencia Érase una vez un suco, unha sesión con música e imaxes na que se repasará o apasionante mundo do rexistro sonoro. Deseguido presentarán o seu novo selo discográfico, SOSOaudio e as súas dúas primeiras series de cilindros fonográficos e dedodiscos. A xornada do 26 pecharase no faiado cun concerto de Emilio José, o músico máis innovador do interior de Galicia, chegado directamente desde Quins, concello de Melón. Amosará a súa maneira de entender as cancións, con mestura de rexistros e diferentes xiros, demostrando que o retrouso non é tan importante.
A autoedición centrará o apartado musical do sábado no faiado. Os músicos galegos Iván Oubiña (6pm), Diego Castro (Disco las Palmeras!) e Xan Molina (Mequetrefe) impartírán a partir das 12 h o obradoiro O estudio na túa casa. Xa pola tarde, ás 17.30 h, desenvolverase o coloquio A autoedición na música: o camiño do novo músico, moderado por Manuel Suárez e coa participación de Manuel Portolés (Niño y Pistola), Toño Rodríguez (Unicornibot), Javier Becerra (La Voz de Galicia) e Tomi Legido (CuacFM/10D10). Ademais, Manuel Suárez e Álvaro Álvarez presentarán o proxecto Desconcierto Cultural.

O FUTURO DA INDUSTRIA MUSIACAL NO ESTUDIO
O sábado a partir das 10 h, no particular estudio do Culturgal, dedicado ao debate profesional, as asociacións Agaphono e Agem propician nun foro aberto ao público o encontro dos distintos axentes do sector musical para elaborar unha radiografía do seu presente e para debater sobre o seu futuro. No difícil contexto da crise económica, a industria da música ten que afrontar o desafío dos cambios tecnolóxicos e outros retos como a superación da dependencia institucional e a busca de novos espazos de crecemento. Participarán Franciso Javier Viéitez Cendón, vicepresidente de Agem; Sergio Lago, representante de Aghapono; Raul Abeledo, economista; Leo Garcia-Boadilla Prosper, avogado ; Felix Lozano, ideólogo; Juan Carlos F. Fasero, director da Agadic; e Joaquim Balas, representante da Asociación Profesional MUSICA PT. É compromiso dos organizadores ofrecer un documen to conclusivo ao final do encontro.








- Culturgal -
- aCentral Folque -


NOVAS RELACIONADAS:



A cultura está de feira até o domingo
http://www.anosaterra.org/nova/a-cultura-esta-de-feira-ate-o-domingo.html


















COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal