
“En tempos que se foron…”. Con esta expresión, iniciábase antigamente o ritual da narración oral de contos, lendas ou historias. Hoxe, Trasmundi recupera estas palabras para convidarnos a facer unha viaxe sonora a través do imaxinario colectivo galego.
En tempos que se foron… é o título do novo traballo discográfico do grupo Trasmundi, formado por Moisés Quintas nas frautas, guitarra e mandolina, Xosé Manuel Fernández no piano e acordeón e Rosa Gayoso no violín. O trío galego compón a súa música, nesta ocasión, inspirándose en seres máxicos da nosa mitoloxía como o Trasno, as Lavandeiras ou a Maruxaina. Trasmundi consigue crear composicións que nos ofrecen a descrición de cada un destes seres, mergullándonos nun mundo de fantasía que perdura nas xentes do noso pobo desde hai moitos anos.
|