>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Cuarteto Caramuxo - Tiruriru
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 17 / 10 / 10 )



O cuarteto Caramuxo e a música

O camiño que percorreu Caramuxo dende a súa formación ata este traballo foi moi diverso, comezando dende o máis clásico ata chegar ao repertorio actual - de carácter popular - co que gozan plenamente, dándolle ós seus concertos un aire festivo que contaxia ó público e que intensifica o seu valor. A súa coidada posta en escena tende máis cara a un espectáculo teatral cá un concerto ó xeito tradicional. Esta teatralidade vese reforzada nos últimos anos grazas á colaboración co actor Avelino González no espectáculo Vento Mareiro - polo que recibiron no ano 2006 o premio de teatro María Casares á Mellor Música Orixinal-, e a participación no espectáculo didáctico infantil O Calcetín Amarelo en 2007, ou á produción do seu novo espectáculo (en preparación) A RAtiña Laranxa.

Actualmente, o repertorio do Cuarteto Caramuxo vira claramente cara á reinterpretación da música tradicional galega, tomando como base as melodías recollidas nos cancioneiros populares galegos e algunhas composicións de autores contemporáneos de Galicia (Nacho Muñoz, Antón L. Pulido, Jesús González ou Ernesto Campos), feitas expresamente para o grupo. Así e todo, Caramuxo non renuncia ás interpretacións doutras melodías, ben sexan doutras culturas, do jazz, ou da música pop, sempre adaptadas ó seu discurso musical.

As claves da singularidade do Cuarteto Caramuxo residen en dous feitos fundamentais: por unha banda, a instrumentación e, pola outra, os arranxos. Catro intérpretes de clarinete -que abranguen toda a familia do instrumento-, unha percusionista tradicional e un acordeonista, todos eles cunha variada formación académica que vai dende a música antiga ata a contemporánea, pasando pola música tradicional, a pedagoxía ou a musicoterapia. A mestura de todos estes elementos nuns arranxos colectivos onde cada un achega a súa propia personalidade e bagaxe musical, dan como resultado unha música fresca e orixinal que non persigue estilos nin referentes musicais alleos. A filosofía dos Caramuxos resúmese na interpretación da música sen présa e sen maior pretensión cá de gozar coa música.

Tiruriru quere ser unha mostra de que o Cuarteto Caramuxo está a facer na actualidade, coa humilde intención de que a escoita deste traballo sexa tan gratificante para o oínte como o foi para o cuarteto a súa creación, interpretación e gravación.

Este traballo forma parte do premio recibido polo Cuarteto Caramuxo como gañador do Festival Folk Cancioneiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza, celebrado no mes de marzo de 2008 e no que o xurado salientou a súa orixinalidade e posta en escena na reinterpretación dos cancioneiros populares galegos.


- Cuarteto Caramuxo -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal