
Un ano máis, Saxamonde prepárase para unha fin de semana de degustación de caldos caseiros. Un extenso e variado programa de actividades acompañará a celebración da terceira edición da Festa do Viño da Casa.
A presente edición pretende consolidar a festa así como sumar novos incentivos, actividades e colaboracións que consigan vehiculizar o traballo de diferentes asociacións da parroquia.
A Asociación Cultural “Chan das Pipas” pretende, desde o traballo diario, dinamizar a vida social e cultural da parroquia de Saxamonde e a súa bisbarra. O colectivo desenvolve diversas e variadas actividades ao longo do ano que procuran dar conta dunha maioría de vontades na parroquia. O amplo elenco de cursos, as festividades anuais celebradas ou as xornadas de convivencia propostas obteñen unha crecente participación por parte da veciñanza da parroquia así como por persoas de toda a comarca.
A III Festa do Viño da Casa terá lugar os días 31 de xullo e 1 de agosto e reunirá nesta fin de semana a diversos produtores domésticos de viño de Saxamonde e arredores para que oferten os seus caldos aos visitantes. Calquera persoa que queira poderase achegar para degustar os viños e acompañalos de carne ao caldeiro, polbo e empanada a prezos populares. A Área Recreativa e Chan das Pipas, onde se celebra a festa, ten unhas condicións idóneas para o estacionamento e o goce dun entorno natural, agradábel e familiar.
Desde o Centro Cultural “Chan das Pipas” consideramos que celebracións desta natureza poñen en valor a elaboración do viño artesán mais non só. Pretendemos contribuír á promoción de Saxamonde, e Redondela, dinamizando os seus espazos e ofrecendo posibilidades de lecer, ao tempo que potenciamos e renovamos os nosos elementos de identidade cultural e dinámicas sociais.
A III Festa do Viño da Casa conta cunha PROGRAMACIÓN AMPLIADA respecto do ano pasado que inclúe:
unha exposición de fotografía titulada “O traballo e os días” onde se mostra escenas de diferentes traballos realizados por habitantes de Saxamonde;
demostración de diferentes cursos de baile impartidos durante todo o ano;
un concerto folk coa presenza das Pandereteiras Arela, Velaquí e ARDENTÍA.
O Domingo sesión vermú coa Orquestra de Saxos de Redondela;
un xantar popular
e xornada de xogos populares e tradicionais.
Este ano incluímos como grande novidade o primeiro Concurso Degustación de Receitas ao Viño, en colaboración coa Asociación de Mulleres Arela. O domingo as persoas interesadas poderán achegar os seus pratos e, antes do xantar, un xurado formado por ilustres persoas da parroquia, dará o fallo e repartirá tres premios.
A festa terá lugar na Área Recreativa de Chan das Pipas na parroquia de Saxamonde (Redondela) e conta co patrocinio das concellarías de Cultura e Participación Cidadá do Concello de Redondela, da Deputación de Pontevedra así como a colaboración da Comunidade de Montes en Man Común de Saxamonde e da Asociación de Mulleres Arela.
Como chegar: No Alto de Os Valos, na extrema de Redondela con Mos na N-550, vírase cara o Aeroporto. A uns 400 m. tómase á dereita e, 50 m. despois á esquerda. Haberá indicadores dende o desvío da N- 550.
PROGRAMA DA III FESTA DO VIÑO DA CASA
Sábado 31 de xullo:
18:00 Apertura de casetas de viño e petiscos (carne ao caldeiro, polbo e empanada)
Inauguración da exposición fotográfica:
"O traballo e os días"
19:00 Demostración da Escola de Baile Moderno de Saxamonde e da Escola de Baile Latino Vigo-Salsa.
21:00 Pasarrúas a cargo das Pandereteiras de Reboreda
22:00 Concerto de Música
Pandereteiras de Saxamonde “Arela”
Velaquí
ARDENTÍA
Domingo 1 de agosto:
11:00 Reapertura de Casetas
13:00 Sesión vermú a cargo da Orquestra de Saxos de Redondela.
14:00 1º Concurso-degustación receitas ao viño
14:00 Xantar Popular
17:30 Xornada de Xogos Tradicionais e Populares (para cativos e maiores)
|