>> Iniciar Sesi�n  




+     

 


 

Xoves 24 de Xullo: O PAZO DAS MUSAS, revista oral nº 22
Fonte / M�is informaci�n

(ultima actualizaci�n: 23 / 6 / 10 )





COLABORAN NESTE NÚMERO

Fernando Arribas Arias
Profesor de EXB e Licenciado en Humanidades, traballa como Técnico de Difusión no Museo Provincial de Lugo. Etnógrafo e Historiador de Cine, leva publicados diversos traballos sobre a sétima arte en Lugo e sobre os cruceiros da Terra Chá. Conferenciante e investigador, actualmente prepara a súa tese de Doutoramento sobre os cruceiros galegos. Membro da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico-Artístico de Lugo en representación do Consello da Cultura Galega.

Laura Branco
Naceu en Foz en 1984. Licenciada nas Filoloxías Portuguesa e Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, é membro do grupo de investigación GALABRA (sobre os sistemas culturais galego, luso, brasileiro e africanos de língua portuguesa) desde 2006. En cualidade de investigadora en formación desenvolve a súa tese de Doutoramento sobre a construción discursiva e os procesos culturais no período histórico da Ilustración na Galiza. Combina esta faceta co hábito da escrita, desde a adolescencia, tendo publicado algúns poemas en revistas, e participado en diferentes recitais poéticos en diferentes lugares da xeografía galega, principalmente na Mariña de Lugo. Os tres que se presentan nesta entrega fan parte do seu libro inédito Doenças dum espelho.

Escola de Arte e Lecer: Teatro
A Escola de Arte e Lecer Fingoi é unha escola aberta de arte e cultura, onde se mestura a vangarda e a tradición. O seu obxectivo é dar unha oferta de calidade, organizando obradoiros moi diversos, dirixidos a nenos/as, xoves e adultos, fóra do horario lectivo, coa fin de que os participantes poidan adquirir novos recursos para o seu tempo libre e de lecer e para que desenvolvan a súa creatividade e sensibilidade estética. O grupo Palimoco dirixe as actividades de teatro e danza nas que se pretende mellorar a expresión corporal e vocal, fomentar o diálogo e a creatividade dos nenos, romper coas tensións do corpo e da mente e desenvolver a atención nun mesmo. Progresivamente, os rapaces aumentan a súa expresividade e creatividade, coñecen o seu propio corpo e o movemento no espazo, participan na procura do ritmo individual e grupal, e aumentan a concentración e confianza nun mesmo. A obra “Non quero crecer”, inspirada na historia de Peter Pan, é unha adaptación do Grupo Trasnadas baixo a dirección de Paula Buján coa intervención de arredor de 20 actores e actrices de entre 5 e 14 anos.

Manuel Fernández “Lolo”
Naceu en Anseán, o Corgo (Lugo) en 1956. Graduado en Artes Aplicadas, talla en madeira e cerámica. Despois de pasar por diversas experiencias escultóricas (madeira, pedra, cemento) iníciase no campo da cerámica, formándose en numerosas técnicas. En 1999 recibiu o 1º Premio do Certame Antonio Fraguas Fraguas da Deputación da Coruña. Expuxo con regularidade desde 1983 en Sarria, Lugo, Madrid, Oviedo, A Coruña e Lorian. Actualmente amosa a mostra “As cores da terra, as cores do ceo” na Sala Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, ata o 31 de xullo.

Mini e Mero
Xosé Luís Rivas Cruz (Mini), nado en Begonte o 18 de xuño de 1951, e Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero), Vilalba, 27 de xuño de 1951, músicos, poetas, mestres e investigadores do folklore e a cultura tradicional de Galicia, membros históricos de Fuxan os Ventos e actuais compoñentes de A Quenlla. Ademais da súa produción discográfica con estes grupos, teñen participado por separado ou conxuntamente noutros discos de música galega como o Quiquiriqui (2006) producido pola Asociación de Gaiteiros Galegos e en obras teatrais como Pan, catro propostas arredor da malla e publicado diversos libros. É salientable o seu labor de recompilación de contos, lendas, refráns, ditos ou poemas, principalmente na súa Terra Chá natal e nas zonas onde exercen o seu traballo de mestres: Mesía (Mero) e Boimorto (Mini). O arquivo sonoro froito deste labor, composto por milleiros de cintas magnetofónicas, foi cedido ao Museo do Pobo Galego para a súa dixitalización e incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). No campo educativo son autores de diveros libros de texto de ciencias sociais, naturais e lingua galega para o ensino infantil e primario. En abril de 2009 foilles concedido o Pedrón de Ouro como recoñecemento á súa traxectoria de corenta anos de investigación musical.

Xornadas Interxeneracionais Rurais
As Xornadas Interxeneracionais Rurais nestes seis anos pretenderon seguir constituíndo un espazo de reflexión e debate dirixido, fundamentalmente, ós nosos maiores aos que se lles ofrecen charlas, presentación de ofertas de programas, visitas e festas culturais. Tamén están pensadas para os xoves e así poder desenvolver un traballo conxunto xa que un dos grandes legados dos nosos maiores é que sexan escoitados trasmitíndonos todo o que aprenderon ó longo da sua vida. Estamos ante unhas xornadas abertas nas que queremos contar cos máis novos e ofrecerlles un camiño para seguir avanzando na súa formación, nunha formación baseada tamén na aprendizaxe do no noso patrimonio que tan preto está de nós e moitas veces nin o vemos.



- Mini e Mero -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver m�is novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal