>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

X Foliada e Romarí­a do Lecer
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 18 / 6 / 10 )





A tradicional Foliada, que os últimos anos se viña realizando no paseo das Pontes, celebrarase este sábado no Parque de Sta. Margarida. Aínda que estaba previsto facelo nos Xardíns de Méndez Núñez, a programación de diversos actos impide que finalmente se realize alí.

O sábado día 19 de xuño realizarase, como anticipo á Romaría, unha festa coa que se pretende recuperar outra tradición galega moi popular: a Foliada, festa nocturna de carácter tradicional na que a xente se reunía para cantar, bailar e divertirse. Como todos estes anos contamos coa presenza de grupos folclóricos de toda Galicia: O Fiadeiro de Vigo, Azougue de Betanzos, Pandereteiras da Pontragha de Tordoia, Magúa da Coruña, Traspés de Vigo, Iar da Coruña, Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela… acompañando no escenario ao Grupo de Música Tradicional Xacarandaina interpretando pezas do noso repertorio tradicional para que poidan bailar nenas e nenos, mozos e maiores, xente de todas as idades que participan de forma moi activa na festa.

O domingo 20 de xuño realizarase a tradicional Romaría do Lecer. Este acto dará comezo ás 11,30 horas e finalizará sobre as 20,30 horas. O programa inclúe a actuación das alumnas e alumnos da asociación onde amosarán o aprendido durante o curso enriba do escenario; intercalaranse actuacións de grupos de baile tradicional, pandereteiras e pandereteiros, cuartetos de gaitas, baile de salsa e merengue, acordeón, guitarra, bailes de salón... Contaremos tamén coa actuación do grupo de baile “Les Ayalgues d´Ayer” de Cabañaquinta (Asturias) que realizarán unha exhibición do baile tradicional de Asturias. Están programadas tamén actividades paralelas pensadas para todas as idades: aulas abertas de folclore (para todos os que o desexen), obradoiros para rapaces, contacontos, inkana... Poderase aprender a xogar á billarda ou á chave ou observar unha demostración das palilleiras da Asociación.  Para os máis pequenos cóntase con inchables e xogos populares, onde varios monitores ensinarán a xogar aos máis novos, diversión garantida! E, para ofrecer a posibilidade ao público de gozar durante todo o día desta Romaría, contarase con bochinche, pulpeira, churrasco e rosquillas e lambonadas.

A Asociación Xacarandaina celebra desde o ano 2001, no mes de xuño, esta Romaría coa que pretende recuperar o “sabor” de festa e lecer das antigas romarías galegas. Desde Xacarandaina animamos a toda a xente da cidade e arredores a participar neste día, como un día de homenaxe participativo ao folclore e cultura galegas, axudando deste xeito a que todas as coruñesas e coruñeses nos sintamos máis orgullosos das nosas tradicións, sen deixar que se extingan.




- Foliada -
- Xacarandaina- O Fiadeiro- Cantigas e Agarimos -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal