>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Sons miúdos - A MúSICA PARA NENOS AFIANZA A SúA PRESENZA NO NOSO PAíS
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 12 / 1 / 10 )





Moito se ten falado nos últimos anos do bo momento que vive a música galega, cunha grande cantidade de grupos e variedade de estilos. Ao carón dos nomes máis coñecidos, existe toda unha serie de producións que sobreviven centradas nun sector de público que a miúdo pasa desapercibido no panorama musical: os máis novos. Aínda que poida semellar o contrario, no noso país contamos cunha boa lista de propostas musicais pensadas especificamente para nenos e nenas.




Vaia por diante que no panorama musical galego contamos mesmo con grupos especializados neste sector do público. É o caso de Mamá Cabra e de Migallas. Mamá Cabra, con seis traballos publicados, supón a máis clara aposta por este tipo de música no noso país. Nado no ano 2000, este conxunto de sete membros desenvolve habitualmente concertos por todo o país, adaptando poemas de autores coma Gloria Sánchez, Ana María Fernández, Concha Blanco, Antonio García Teijeiro ou Susa Herrera canda a temas propios tocando os máis diversos ritmos. A iniciativa conseguiu en 2006 o galardón á Mellor Canción en Galego polo tema Tan só con leres un libro. No caso de Migallas, o conxunto musical xurdiu no marco do grupo de teatro homónimo. En 1996 do seu CD Canta connnosco, no que mesturaban desde o rap ao reagge pasando pola cumbia ou o folk. Desde aquela o grupo desenvolveu actuacións por todo o país. Tamén o grupo Na Virada, que achegan en discos como Rolada das cantigas ou Solaina (acompañado dun libro) adaptacións de poemas de autores coma Neira Vilas, Manuel María ou Uxío Novoneyra destinados aos máis novos, canda a letras de inspiración popular.

A situación
Segundo explica Gloria Sánchez, de Mamá Cabra, “a verdade é que o sector medrou bastante. Nótase maior variedade e nós mesmos temos máis traballos”. No entanto, salienta que non existen circuítos específicos onde os grupos deste ambito poidan tocar, en boa medida por problemas de horarios. “Circuíto non hai, a xente andará a abrir portas por onde poida. Acontece que por exemplo se tes un teatro e queres programar para nenos tes que por actuacións ás cinco da tarde, ou sábado e domingo ás doce da mañá, que é cando os pais e as nais poden acompañalos. Pero se programas de tarde e pola noite tamén o tes ocupado, non queda moito oco para montar a actuación. E despois está problema dos orzamentos. Nós levamos a nivel musical o mesmoq ue calquera outro grupo, e precisas un equipo de sons, unhas luces, e iso haino que pagar”, conclúe.

O Xabarín
Non se pode falar de música para os máis novos no noso país sen mentar a proposta que tivo máis difusión neste campo: Os discos , videos e xiras do programa Club Xabarín, da TVG, convertéronse a mediados dos anos noventa en auténticos himnos xeracionais e visibilizaron un bo feixe de grupos que facía música no noso idioma. Un total de 5 Cds, máis dous recompilatorios, un DVD e videoclips supuxeron a aposta máis importante no campo da música en galego para os máis novos, tocando estilos coma o rock, o hip hop ou o folk a cargo dalgúns dos máis recoñecidos grupos galegos da época, coma Siniestro Total, Os Diplomáticos ou Heredeiros da Crus entre moitos outros. Aínda que nos últimos anos a actividade do espazo televisivo neste campo diminuíu, supuxo un achegamento ata o de entón inédito entre os grupos convencionais do noso país e as cancións para nenos ou preadolescentes.


Tradición e educación
Unha das tendencias máis claras na música para a os máis novos tenta achegarlle a nosa tradición musical ás novas xeracións. Neste campo enmárcanse propostas coma as que realizou a Asociación de Gaiteiros Galegos en colaboración con Pai Música, con discos coma O Quiquiriquí. Cantos para o Nadal (2006), ou Pelo Gato 24 (2008), un disco centrado na recuperación de xogos tradicionais. Do mesmo xeito, o grupo Servando e Contradança achega en discos coma Som voltas sons tradicionais de Galicia e Portugal a cativos e cativas. No mesmo apartado podemos incluír Para cantar e bailar (2008), un libro-CD de Luís Prego no que se lles ensina os máis novos a danzar pezas tradicionais dun xeito entretido e didáctico. De xeito semellante, o grupo Mamacabra traballou tamén este campo co seu álbum Patatín Patatán (2008), onde tamén propoñen aos máis novos un achegamento á muiñeira entre outras propostas. Non faltan tampouco propostas onde as formas tradicionais se empregan como base para transmitir contidos educativos. Deste xeito, por exemplo, o conxunto Adonairare de Vilaboa gravou o CD Coplas de estrelas (2009), recompilando cantigas populares con referencias aos astros para unha edición que fixo o Centro Superior de Investigación Científicas e mais a Universidade de Vigo con ocasión do Ano da Astronomía. Na mesma liña a Asociación Socio-Pedagóxica Galega editou Cancións para Antía, do grupo Fol do vento, coa intención de contribuír “á galeguización do espazo vital da infancia”, e achegando unidades didácticas para diferentes idades.

A pegada dos profesores
O vencello da música para os máis novos coa educación déixase sentir a miúdo nos propios contidos dos temas destes grupos. “O profesorado de infantil aoita buscar material para llesamosar aos nenos poemas e cancións en galego. Nós atopamos moitos profesores que buscaban os nosos traballos para traballar cuestións coma o corpo ou os números. A partir de aí pasouse a que tamén os pais nos fosen coñecendo e buscando”, explica Gloria Sánchez. Esta música recoñece que “para algúns traballos xa fun directa ao colexio, e preparamos unha canción para cada cousa que se fai no ano. O Día da Paz, a primavera... buscas cancións que aos profesores lles vaian ben nas aulas”.


Nenos que cantan
Non faltan tampouco en Galicia discos no que se recorre á voz dos nenos a prol de diferentes causas. É coñecido o traballo dos Meninos cantores (2005) e do seu disco homónimo a prol da candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués a ser declarado Obra Mestra da Humanidade. Tamén desde Pai Música desenvolveron o proxecto Operación Can (2007), un certame infantil a prol do coidado dos animais que tiña como premio precisamente a gravación dun disco cos traballos dos rapaces gañadores.

Libros e discos
Unha tendencia que se desenvolve con forza no país é a edición de discos vencellados a libros infantís. Kalandraka foi a editorial pioneira neste aspecto coa súa colección Sondeconto, na que obras coma A memoria das árbores, Gatipedro ou Soños de xulieta van acompañadas de discos que fan referencia á historia. A mesma firma correu coa edición do xa mentado Solaina de Na Virada, vencellando o álbum ilustrado ao CD. En 2007, ampliou aínda máis o seu catálogo cunha serie de libros-CDs que lles achegan aos máis novos óperas coma O barbeiro de Sevilla, Turandot ou Porgy an Bess entre outros títulos. A última aposta neste sentido desde a editora pontevedresa é Tic Tac (2009), un volume no que as cancións e letras de Pablo Díaz se mesturan coas ilustracións de Marc Taeger. Outro xeito de vencellar literatura e música é o que atopou Oqo en Contos en cantos (2008), un disco no que Almudena Janeiro transforma en doce cancións outros tantos contos publicados por esta editora.
Outra proposta neste último campo é o último disco dos xa mencionados Mama Cabra, que tiraron en colaboración con Susa Herrera, Todos os animais ao caixón (2008) un libro que adapta a cancións os contos da colección Cu-cú sorpresa de Combel.

Outros
Aínda existen outras iniciativas destinadas aos ouvintes máis novos, como a curiosa proposta de Antón Seonae en Lambón. Cancións para os croques (2004), unha colección de temas artellados arredor deste marisco. Tamén está o traballo de Manuel Rico Verea, dirixido fumdamentalmente a educadores, con títulos coma Vente vindo, ven cantando. Cancioneiro escolar galego (1997), ou Arrolín arrolán (1994), que inclúen diferentes indicacións didácticas, entre outras inicativas. Tamén grupos de teatro coma Berrobambán inclúen cancións nas súas obras destinadas aos máis novos. Entre os proxectos máis inmediatos neste campo está nestes momentos en marcha o proxecto Azou, que pretende crear un grupo virtual arredor de temas compostos por Marcos Payno, coa intención de chegar a un público preadolescente e cubrir en boa medida o oco deixado polo Xabarín Club neste campo.

En adiante
De cara ao futuro, Sánchez salienta que “ollando os que teñen camiño máis andado, os ingleses teñen unha música infantil moi variada. En Cataluña hai bastantes traballos neste sentido, e en Euskadi teñen unha grande calidade musical, con grupos coma Oskorri facendo temas para os máis novos”. Como tendencia actual, apunta que “en España en xeral están a arrasar os Cantajuegos, concertos nos que se se inclúen bonecos para acompañar as cancións e outras actividades. Vese que hai demanda para ese tipo de espectáculos. Se o futuro nos leva cara aí, pois nós encantados”. De feito, Mamá Cabra xa está a traballar para que o personaxe que lles dá nome apareza por fin nos seus espectáculos.

Ligazóns


Relacionadas



- nenos -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal