>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

VII EDICIÓN DO FESTIVAL TERRA BRAVA - 23 de Agosto no Incio

(ultima actualización: 14 / 8 / 09 )





As actividades inclúen música de rúa, un xantar popular, xogos para os cativos e maiores, e concertos pola noite

Un ano máis, a Asociación Cultural Terra Brava, en colaboración coa Asociación Cultural A Ouriceira, organiza o festival Terra Brava na localidade de O Incio (Lugo). Trátase dunha festa que camiña xa pola VII edición consecutiva procurando en cada unha delas a participación de todo o pobo a través das distintas propostas, tanto musicais como de animación e gastronómicas.
As actividades comezarán pola mañá coa actuación do grupo de gaiteiros do Incio Arandela, que animarán as rúas da vila e os prolegómenos do xantar que se celebra cada ano no mesmo lugar do festival, e ao que asisten máis de 400 persoas. A sobremesa tamén estará animada polos gaiteiros e músicos espontáneos que queiran sumarse á festa. Segundo un dos organizadores, Carlos Núñez, o xantar e un dos momentos que máis gusta aos asistentes xa que “supón un punto de encontro entre varias xeracións das distintas familias e persoas que acoden, algunhas das cales residen fora e soamente se reúnen nestas datas de verán”.
Pola tarde está prevista a realización de varios obradoiros de xogos para cativos e maiores e a animación musical do home orquestra Cé Orquestra Pantasma, quen tamén actuará pola noite completando o cartel do Festival cos grupos Tanto Nos Ten - a revelación do ano na música tradicional -, e Os Cuchufellos, que dende Manzaneda nos traen unha explosiva festa de fanfarria balcánica ao xeito máis galego.
O festival que se celebra no Incio leva o nome que o finado escritor Ánxel Fole lle daba a estas terras nas que viviu unha tempada, a Terra Brava. Este é tamén o título dun dos seus libros, no que se refire en varias ocasións aos costumes e paisaxes do lugar. Curiosamente, a festa lévase a cabo nunha pequena carballeira situada na estrada que vai dende O Incio a Hospital, pola que tantas veces paseou o escritor, ao final da rúa Ánxel Fole dedicada na súa memoria.



- Cé Orquestra Pantasma- Tanto nos Ten- Cuchufellos- Incio- Terra Brava- festivais -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal