A Asociación de Gaiteiros Galegos preséntavos un novo traballo audiovisual que leva por nome "Trece Lúas". As lúas que compoñen o ciclo do ano, ou os doce meses do calendario; as lúas que dende tempos ancestrais foron guía da vida; as lúas que puxeron data aos traballos e tamén ás festas; as lúas que levan aparelladas unha fonda tradición cultural que chega ate os nosos días e agora queremos lembrar. Convidámosvos a facer unha viaxe no tempo, unha viaxe de doce meses con cadansúa canción, co ciclo do ano como fondo da escena. "Trece Lúas" é unha proposta de lecer, para gustar da nosa música, aquela que sempre estivo aí e que neste disco presentamos dun xeito actualizado. Pero esta proposta vai moito máis alá. Como continuación da liña seguida en traballos editados anteriormente "O Quiquiriquí" e "Pelo Gato 24", trátase dun material didáctico que pretendemos axude en boa medida á difusión da nosa cultura.
Unha ferramenta pensada para facer chegar, sobre todo aos máis novos, un anaco do que somos e do que queremos seguir sendo.
Desde a Asociación de Gaiteiros Galegos temos a convicción de que o futuro das nosas tradicións, o garante da súa supervivencia, está na xuventude.
Debemos achar a maneira de que a liña de transmisión cultural se adapte aos tempos para seguir sendo efectiva.
Así elaboramos "Trece Lúas", dun xeito respectuoso coas nosas tradicións e ao mesmo tempo atractivo, aplicando as novas tecnoloxías das que dispoñemos.
Agardamos que poida ser utilizado como elemento educativo en calquera dos ámbitos, xa sexa escolar ou familiar, e supoña un paso máis de cara á normalización da nosa música tradicional. Esperamos que vos guste..