NOVAS RELACIONADAS:
A exposición pretende mostrar a importancia do Rei Sabio na actividade política do século XIII
en España e en Europa
As Cantigas de Santa María, de Afonso X, un dos textos fundacionais do galego-portugués, poderanse ver xuntas por primeira vez na historia. Será nunha exposición monográfica que sobre o rei Sabio e o século XIII español se inaugurará o próximo mes de outubro en Murcia. O obxectivo é dar a coñecer a importancia que tivo este monarca, a súa actividade política en España e Europa, así como o esplendor cultural que promoveu durante o seu reinado.
Así o explicaron onte na presentación da mostra o presidente territorial de Caixa Mediterráneo (CAM), Ángel Martínez; o alcalde de Murcia, Miguel Ángel Cámara, e o director xeral de Cultura da comunidade, Enrique Ujaldón, organizadores desta exposición, e o comisario da mostra, o catedrático de Historia Medieval da Autónoma de Madrid Isidro Bango.
A exposición pretende mostrar a importancia da figura de Afonso X, considerado por algúns historiadores como o monarca máis universal e brillante da Idade Media hispánica, nos campos da renovación das leis, As Partidas, así como nos aspectos artísticos e culturais ou a astronomía.
Bango manifestou que a premisa “coñecer o noso pasado para entender o presente” é a guía desta exposición, onde se explicará a historia “con coherencia” para unha fácil comprensión do contexto da época.
Pezas de marfil
Isto, a través da contemplación de obras como O Corpus do Scriptorium real, onde se realizaba a súa obra literaria, os códices e os traballos de tradución, ademais dunha das pezas raíña dos talladores de marfil europeo: a Virxe Abrideira, que se conserva en Allariz; ou fichas e taboleiros do xogo de xadrez ao que o monarca era moi afeccionado.
O comisario da mostra destacou entre as pezas estrela da mostra, que permanecerá aberta ata xaneiro de 2010, unha casulla do arcebispo de Toledo, Sancho de Aragón, na que se xuntan bordados en seda e ouro os escudos dos reinos de Castela, León e Aragón.
Tamén xoias da ourivaría como o Relicario das Táboas alfonsíes ou o do Santo Sepulcro, obras que foron cedidas por institucións tanto españolas como británicas e italianas.
Isidro Bango dixo tamén que o traballo científico plasmarase nun catálogo, no que corenta especialistas nacionais e estranxeiros mostrarán a dimensión do personaxe e da súa obra.
Afonso X tivo unha relación especial con Murcia, como a repartición da horta na que se permitiu o asentamento de casteláns e aragoneses. Aínda que morreu en Sevilla, o seu corazón custódiase na catedral murciana.
Nunha das súas cantigas, a número 169 dedicada á virxe da Arrixaca, Afonso X relata a modo autobiográfico algúns dos sucesos que protagonizou xunto ao seu sogro Jaime I, respecto das relacións entre cristiáns e musulmáns.
|