>> Iniciar Sesión  




+     

 


 



Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 24 / 6 / 09 )



O Xoves 25 de xuño ás 18h00 terá lugar no Museo do Pobo Galego a presentación pública do
Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI).
O APOI xorde como consecuencia da evolución do proxecto “Sons e Voces da Identidade”,
programa de dixitalización, catalogación, estudo e difusión do patrimonio inmaterial que o
Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego pon a andar en abril de
2007.
Nos momentos iniciais, o proxecto contou cunha abondosa "materia prima", consistente
nunhas 600 cintas recollidas directamente, ou baixo a súa dirección, por Xosé Luís Rivas e
Baldomero Iglesias, profesores e cultivadores do folklore. Trátase de materiais gravados nos
últimos 35 anos de informantes da Galicia rural. Tamén se dispuña no fondo do Museo
dunha colección de gravacións realizadas en 1994 como resultado do proxecto interactivo
museo-escola “Recupera-la tradición oral”.
Despois dun laborioso proceso de tratamento das gravacións orixinais, transcrición e
construción dunha base de datos, o APOI está en condicións de entrar en funcionamento. Un
arquivo destas características, público e accesible e que dá conta da autoría das achegas
que se incorporan, pasará desde o Museo a ser un arquivo do pobo galego que teña a ben
participar nel. Neste momento xa está accesible en Internet a páxina web www.apoi-mpg.org,
que ha ser o aloxamento do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade.
No acto de presentación, as persoas responsables do desenvolvemento do proxecto,
compiladores e técnicos, estarán a disposición dos asistentes para responder a todas as
cuestións que poidan resultar de interese.


- Patrimonio Oral- Museo do Pobo Galego -


NOVAS RELACIONADAS:



Mini e Mero: “Ofrecemos o son colectivo ás novas xeracións”
http://www.xornal.com//artigo/2009/06/26/cultura/mini-mero-ofrecemos-son-colectivo-novas-xeraci


O dúo promove o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade no Museo do Pobo Galego

“Levamos case corenta anos nisto”. O traballo dunha vida. A frase é de Baldomero Iglesias, alias Mero, un dos cofundadores de Fuxan os Ventos, que xunto co seu compañeiro Mini, nome tras o que se agocha Xosé Luís Rivas, leva a estudar a música tradicional galega toda a súa vida.

Refírese desta volta á compilación dunhas 600 cintas que compoñen o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, que estará localizado no Museo do Pobo Galego en Santiago e que presentaron onte, con dixitalización incluída. “Usáronse filtros que non alteren a sonoridade orixinal”, explica Mero, porque “a intención é que a xente coñeza as gravacións o máis puramente posible”, engade Mini.

A idea é “ofrecer o son colectivo ás novas xeracións”, explica este, de maneira que se faga a aproximación ás gravacións “dende o tempo no que foron vividas”. Isto, loxicamente, conleva unha “contextualización enorme”, para a cal trouxeron ao proxecto “transcritores, entendidos en contos, informantes para tratar o contexto e técnicos”, destaca Mero. Eles foron os encargados de clasificar en carpetas os contidos que dende hoxe se poden consultar na páxina web www.apoi-mpg.org, que está clasificada en “arquitectura popular, contos, recitativos, ditos, adiviñas, lendas...”, indica Mero, facendo gala da heteroxeneidade dun proxecto que recolle “de forma autodidacta” as narracións populares do país, “algunhas de músicos populares que xa non vivían, pero que quedan na memoria”.

Nese elemento incide Mini, no de “devolver á xente o que é da xente” e “sen dixerir”. “Escoitar unha interpretación libre dunha canción popular hoxe como ‘Un adiós a Mariquiña’, que ten un significado profundísimo na época da emigración é lexítimo, pero doe”, explica, sendo el máis partidario de preservar a tradición do país antes que de introducir “perturbacións”.

Os inicios do proxecto

É así, a través da tradición oral, como eles entraron en contacto coa música e o proxecto. “Nos tempos de Fuxan os Ventos foi un cura o que nos meteu o veleno no corpo. Recuperamos o interese cultural pola música, e decidimos que había que recompilalo todo”, explica Mero, que recorda cómo botaron a andar esta iniciativa os dous sós, sen apoios de ningunha institución.

“Empezamos gravando todo o material nas cintas da época, despois pasámonos ao casete, e tamén hai algunhas fotografías e algo de cine, aínda que ao principio era moi difícil acceder a unha cámara”, indica Mero, que tamén recorda que “había que dixitalizar todo isto rápido porque a humidade deteriorara moito a calidade das gravacións”.

O estudoso indica que das 600 cintas, a información en doce delas perdeuse por completo, mentres que en 250 había imperfeccións. Logo do traballo de remasterización, pódense consultar con calidade na web do proxecto.

















COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal