>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Carta aberta aos organizadores do festival de Ortigueira e ás xentes da vila de Ortigueira

Ver en Malmequer

(ultima actualización: 17 / 6 / 09 )





Co galo de que xa queda menos dun mes para o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e que aínda non se fixo a presentación, ocorreuseme facer unha nova carta aberta para tratar de que a organización entenda que é necesario por, entre outras medidas, o cobro dunha entrada para o acceso á zona de acampada de Morouzos, logrando así dous obxectivos. Un deles, parar a decadencia do festival que está a levalo á súa desaparición. O outro, tratar de conseguir un público menor en cantidade pero maior en calidade, para lograr así que o Festival de Ortigueira sexa realmente o mellor festival de toda a península Ibérica.

A quen máis lle interesa que o festival non desapareza e que gañe calidade? aos mesmos veciños de Ortigueira, así que a eles, principalmente, vai dirixida:






A todos aqueles interesados pero especialmente aos cidadáns de Ortigueira:

Ano tras ano, por estas datas, o meu corazón vai latindo cada vez máis animado segundo vaise achegando o día en que comece o festival de Ortigueira. É para min algo moi especial poder ir aló a disfrutar dos concertos, das vistas, da festa, da vila, das xentes. Son catro días marabillosos nos que logro esquecer ao resto do mundo.

Máis hai algo que, tamén ano tras ano, vai facendo que agrome en min unha dúbida: si deixar de ir ou non ao festival, porque cada ano que pasa, o festival de Ortigueira vaise parecendo menos a aquela pequena idea que fai xa trinta anos levaron adiante os rapaces da Banda de Gaitas de Ortigueira. E así, este festival, pouco a pouco, é cada vez máis un macrobotellón e unha macrofesta das drogas. Non estou en contra nin do un nin do outro, por mais que eu non probe máis droga que o viño, a cervexa, xa saben, cousas desas, ou algún cigarriño con herba aromática de cando en vez. Non estou en contra de todo o que se fai no festival actual porque cada un é libre de facer ca súa capa un saio, pero iso non quere dicir que me pareza ben o que está a acontecer no festival.

Explícome. Eu considero, que a vista do que é o festival nestes últimos anos e do que xa aconteceu fai vinte tantos anos, que o festival está condenado a deixar de facerse.

Actualmente, segundo a organización van ao festival unhas cen mil persoas. Cantas desas persoas van realmente aos concertos? Botando contas e sendo xeneroso, eu diría que a ver os concertos van unhas corenta mil persoas por día de concerto. Polo tanto… onde están as outras sesenta mil? Pois a maior parte da xente que ven o festival queda na zona de acampada de Morouzos e só pisa o pobo si se lles esgotan as provisións ou a bebida. Morouzos, un lugar público e protexido, énchese de tendas e de chiringuitos onde non deixa de soar a música nin de pasar drogas de todo tipo en todas as noites do festival, como se fora unha macrodiscoteca tecno calquera.
Así tan só unha pequena parte dos cen mil van ao pobo a ver os concertos e a facer gasto nos bares, nos supermercados, nas tendas.

Eu explícolles todo isto porque quero propoñerlles dúas posibilidades do que vai acontecer no festival no futuro e vostedes terán que escoller unha.

Nunha delas as cousas seguen como están. A zona de Morouzos segue a ser unha macrodiscoteca, chea de alcohol, drogas e xente que vai ás carpas onde só poñen música dance ou grandes éxitos pop. As tendas están pegadas unhas ás outras e os rapaces desas tendas, para poder comer algo quente ou para poder ver de noite mentres beben, fan fogueiras, con ramas arrincadas das árbores ou incluso árbores novos enteiros. Segue a haber roubos e problemas. O ano que ven, ou o seguinte, ou mesmo este, haberá unha pelexa grande e morrerán un ou dous rapaces. Batalla campal no piñeiral de Morouzos.
A cousa pode non rematar aí. Imaxinen que no medio da pelexa, ou símplemente por culpa dun borracho, prende lume unha tenda e o lume pasa rapidamente dunha tenda a outra sen control e sen bombeiros que paren rápido a emerxencia, e o lume esténdese por todo o bosque… cantas persoas poderían morrer?
Mentras aos concertos só van as mesmas persoas que ían os anos anteriores, ou menos porque xa non soportan o ambiente de Morouzos e non tendo outra alternativa para aloxarse deciden deixar de ir.

A outra opción que lles plantexo e poñer entrada para poder acampar. Doce, quince, vinte euros por persoa máis outros tantos por tenda. Nesta situación seguramente de cen mil persoas tan só irán ao festival a metade, unhas cincuenta mil, pero todas esas serán persoas que queiran ver os concertos, que vaian á vila a pasear, que fagan gasto nos bares, tendas e restaurantes da vila… Deixaran de ir aqueles aos que o festival ben pouco lles importa, os que pasan catro días borrachísimos ou postos ata arriba de pastillas en Morouzos entre música tecno e que non pisan a vila máis que ó baixar do tren.
Por que agora xa non van familias a acampar como antes? simplemente porque o ambente de Morouzos xa non é familiar!!!

Que prefiren entón, que desapareza o festival e así tamén eses cartos que tan ben lle veñen ás xentes da vila, ou facer que o festival dure outros trinta anos máis poñendo unha entrada, para que só vaia xente interesada nos concertos, na vila de Ortigueira e seguir facendo caixa verán tras verán?

Así que, se prefiren a primeira opción, pois adiante, non teñen que facer nada e todo chegará. Se prefiren a segunda opción, está nas súas mans, xentes de Ortigueira, lograr o cambio, porque a min, un pobre rapaz do sur de Galicia, o alcalde de Ortigueira, a organización do festival, non me coñecen e tanto lles ten a miña opinión. Pero vostedes son persoas que poden protestarlle na porta do fermoso concello que teñen, persoas que eles coñecen, que poden presionalos directamente para que este ano o festival cobre entrada para acampar en Morouzos e que chegue a ser o grandioso festival folk galego tal como o é o festival de Lorient na bretaña francesa. Mobilícense, protesten, falen con quen teñan que falar, únanse para que o festival de Ortigueira non desapareza.

Aínda están a tempo de facer que este ano a organización cobre entrada para acampar!!!


Moitas grazas a TODOS!


Noticia enviada por Emacc

- festival- Ortigueira -












COMENTARIOS:



Completamente dacordo. Hai anos que deixei de ir a Ortigueira, i é unha mágoa porque podería ser un festival de referencia. E sí, a solución pasa por cobrar aínda que sexa un mínimo simbólico pola acampada e os concertos. Para asegurarse de que quen vai é por afición e non por ter un lugar gratis onde montar o botellón

Enviado por Laura o 18/6/09 ás 02:23h





 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal