A la Habana quiero ir, Los gallegos en la música de Cuba
O libro A la Habana quiero ir, Los gallegos en la música de Cuba, recolle a investigación de Ramom Pinheiro Almuinha sobre a parte cubana do patrimonio musical galego.
A la Habana quiero ir (Ed. Sotelo Blanco 2009) compendia meses de investigación en Cuba de Ramom Pinheiro. Ademais do libro, o espectáculo Descarga ao vivo, do que Pinheiro é director artístico, ofreceranos a finais de xullo un repertorio de temas saídos desta investigación.
A finais do século XIX e princ. do XX, os emigrantes galegos foron tan numerosos en Cuba que “gallego” se convertiu en sinónimo de Peninsular. Cunha comunidade tan grande axiña se fixeron necesarios símbolos de identidade e así se estrea o himno galego na Habana en 1907.
Durante meses, Pinheiro estudou os compositores galegos emigrados ou exilados na illa, os xéneros musicais que crearon e a influencia que a música galega exerceu nos compositores cubanos. Levantou tumbas, removeu memorias e apareceron pezas inéditas ou longamente esquecidas do repertorio musical galego. E así se foi xestando a Descarga ao vivo, un espectáculo musical de fusión galego-cubana do que Pinheiro é o director artístico. Un espectáculo que se estreou o ano pasado na Habana, no Teatro Mella, e que chegará o próximo mes de xullo a Galicia.
A la Habana quiero ir, Los gallegos en la música de Cuba, presentouse no mes de febreiro na Habana, na Feira Internacional do Libro. Poderán adquirirse exemplares desta edición nos concertos da Descarga ao vivo na Coruña (23 de xullo, Teatro Rosalía) e Vigo (30 de xullo, Teatro Caixanova). DESCARGA AO VIVO. O espectáculo que fusiona a música galega e a cubana
Cun elenco musical de luxo e uns arranxos musicais entre o jazz latino e o folque europeo, a Descarga ao vivo preséntase por fin en Galiza en tres concertos exclusivos:
23 de xullo. A Coruña. Teatro Rosalía de Castro
25 de xullo. Compostela. Campus Sur
30 de xullo. Vigo. Teatro Caixanova
A Descarga ao vivo nace dun acordo de colaboración entre aCentral Folque e o Instituto Superior de Arte cubano. Profesores de ambos centros conforman esta orquesta mixta que nos achegará a finais de xullo os sons que facían bailar a galegos e mulatos nos xardíns da Tropical, na capital cubana.
Entre os 12 temas que interpretarán soarán melodías emblemáticas para a emigración galega coma a “Alborada de Veiga” ou “Un adiós a Mariquiña” e temas inéditos, froito da investigación de Ramón Pinheiro, como “O Indiano” de Ricardo Fortes Albarellos, “Del Ferrol a La Habana” de Juan Parga ou o tema “Cuba-Galicia” do compositor cubano Guillermo Tomás.