NOVAS RELACIONADAS:
O vindeiro domingo 7 de Xuño, a Asociación Xuvenil Xacarandaina celebrará un ano máis o DÍA DA MUIÑEIRA.
O acto comezará ás 17.30 h. cun pasarrúas de tódolos grupos participantes, dende a Praza de María Pita ata os Xardíns de Méndez Núñez. Nestes terá lugar a lectura do pregón e a exhibición dos grupos, que consistirá no baile todos a unha vez de tres muiñeiras (de 5 voltas e 4 puntos), con breves descansos entre elas.
Para finalizar o acto, entregaráselle un recordo conmemorativo do acto a cada asociación participante. Dende o ano 1981 a Asociación Xuvenil Xacarandaina organiza de xeito ininterrompido e con carácter de exhibición o Día da Muiñeira, sendo unha das pioneiras en Galicia e na provincia de A Coruña. Neste evento poden participar todas as asociacións e centros que o desexen, dende asociacións de veciños a colectivos parroquiais ou deportivos.
O obxectivo deste acto e ensalzar a danza máis representativa e característica do noso pais, a muiñeira, así coma implicar na mesma ao gran público, moitas veces descoñecedor ou desarraigado da súa cultura máis popular. E por suposto, queremos do mesmo xeito compartir unha tarde festiva con toda a xente que así o desexe.
Os Xardíns de Méndez Núñez, en pleno centro da cidade, acollen cada ano ao redor de 600 rapaces e adultos de toda Galicia que interpretan tres muiñeiras consecutivas de xeito simultáneo. A participación do público é fundamental e chegan a reunirse unhas 3000 persoas.
O acto comeza cun desfile e pasarrúas a cargo de todos os grupos e asociacións dende a Praza de María Pita ata os Xardíns de Méndez Núñez. Unha vez alí un pregoeiro ou pregoeira vinculado ao mundo do noso folclore da a benvida aos participantes e abre a celebración. Unha solta de grobos e o lanzamento de bombas de palenque danlle ao momento o aire de festa que o caracteriza e son o sinal para que comece o baile. O noso desexo é que participe tamén o público asistente, e con ese motivo sempre se botan unhas pezas máis. Cada asociación recibe un recordo conmemorativo da súa asistencia, como agradecemento pola súa desinteresada colaboración ao acto e a nosa cultura.
O peche do Día da Muiñeira corre a cargo do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina, que interpreta danzas e pezas de músicas recollidas ao longo do ano na súa labor de investigación e traballo de campo por toda a xeografía galega. O Día da Muiñeira é un dos nosos actos máis abertos e populares, e pola tradición que leva un dos que nos fan sentir máis orgullosos, mesmo dentro da súa sinxeleza e proximidade, que é a clave do seu éxito, tanto de participación como de público.
|