Co subtítulo 'Escolma do Panorama Musical Galego de 2009. 15 Temas Inéditos', foi presentado esta mañá polo director do xornal Novas da Galiza, Carlos Barros, e Marcos Payno, de Galegoz. Marcos Payno e Carlos Barros na presentación de 'Vozes Novas'
O proxecto discográfico foi unha iniciativa do xornal Novas da Galiza, coa colaboración do colectivo de grupos musicais Komunikando.net e coo patrocinio da Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística da Corunha. Como explicou Carlos Barros, nunha conferencia de prensa no Pichel, na mañá deste martes, o obxectivo é darlle pulo ao tecido de grupos musicais que empregan o galego como lingua vehicular, "nun tempo en que a Administración se dedica a promocionar o español, xa sobradamente promocionado na Galiza".
Pola súa banda, Marcos Payno fixo pública a lista de grupos participantes no disco, salientando a súa boa disposición e implicación desinteresada no proxecto. Os propios Galegoz son un dos grupos participantes, xunto con Dios ke te Crew, The Homens, Os 3 Trebóns, Novedades Carminha, Projecto Mourente, Fanny& Alexander, a Banda Potemkin e Festicultores, entre outros. Payno explicou tamén que o CD se publica baixo licenza Creative Commons, que permite a libre distribución da música que contén.
Para rematar, Carlos Barros aproveitou para informar da celebración dun concerto, este xoves 25 de xuño na Nasa, onde se poderá escoitar algúns dos grupos participantes: Sacha na Horta, Ataque Escampe e Arremecághona's Produçións (con O Leo de Matamá e En-Riquinho). O concerto comeza às 21.30, na compostelá Sala Nasa, e as entradas poden mercarse anticipadas en Discos Gong, A Reixa, O Pichel e a través do web da Nasa.
Vozes Novas . Escolma do Panorama Musical Galego de 2009. 15 Temas Inéditos
O jornal Novas da Galiza está a trabalhar conjuntamente com Komunikando, colectivo que agrupa mais de 60 bandas e artistas galegos, na elaboraçom de um CD de temas inéditos de umhas 15 bandas galegas como: Ataque Escampe, Galegoz, Leo, Sacha na Horta, Festicultores, A Companhia do Ruído, Os Tres Trebóns, Nao, Skárnio ou Novedades Carminha. A participaçom com temas inéditos ou versions sem publicar está garantida na maioria dos casos.
O objectivo é unificar dous projectos comunicativos, um jornalístico e outro musical, confluentes na defesa de um espaço de trabalho e difusom galego veiculado também na nossa língua. Novas da Galiza quere contribuir com este trabalho à uniom e difusom deste tecido musical, heterogéneo mas bem relacionado, elaborando umha tiragem ampla com duas finalidades: por um lado, enviar o CD de balde à totalidade de subscritores/as do jornal, e pôr à venda o mesmo através de festivais, centros sociais, bares, qualquer outro tipo de locais 'amigos', e tendas de música. Achamos ademais que este projecto musical, destinado especialmente à gente nova, pode contribuir a achegar à mocidade à leitura e ao hábito de consumo de imprensa, do que cada vez está mais desvinculada.
Com este trabalho pretende-se também ajudar à promoçom do uso do galego na oralidade dos grupos mais novos, assim como à sua normalizaçom entre um público novo, como boa parte do que accede ao jornal.