>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

A Central Folque renova a música popular galega
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 2 / 5 / 09 )



Para aclarar que os ritmos tradicionais non son só un feixe de gaitas, esta organización impulsa o estudo e promoción dos novos sons que se producen nestes intres no país.

Víctor Paz Morandeira


“Para distinguir o de aquí, hai que ter unha visión multicultural”. É a tese de Sergio Fernández, músico catalán que toca a gaita e que agora vén de se lanzar á aventura co acordeón diatónico. Reside en Galicia, e a única forma que ten de se familiarizar con este instrumento é a través dun mestre como Pedro Pascual, integrante de Marful e toda unha referencia nesta materia.
“Ségueme a alucinar que exista unha escola así”, di o profesor. “Cando eu comecei a tocar, tiña que pagar cursos en Euskadi ou Francia. O que a min me levou varios anos, aquí pódese facer en un”, di. Estase a referir á escola musical que a Central Folque ten en Santiago de Compostela, unha iniciativa pioneira, cun plano de estudos de catro anos, para se especializar na música tradicional galega.
Pascual dá clases todos os sábados xunto a un interesante conxunto de “non docentes”, como os define Ugía Pedreira, compañeira de grupo de Pascual e directora desta novidosa academia. “Somos todos da xeración dos 70, a de Carlos Núñez”, recorda a cantante, que cre que a profesionalización veu despois da creación no seu caso, pero que esta porta que eles abriron pode agora beneficiar as novas xeracións.
“Vese que Óscar é un bo músico, con moitos recursos”, di Ramón do seu profesor, Óscar Fernández, que lles ensina, a el e outros compañeiros, a coñecer ben a zanfona, instrumento que sae moito do típico, adxectivo que nesta escola, aberta ao mundo, parece non existir.
Pauliine, licenciada en Filoloxía Hispánica, provinte de Letonia, recorda que se puxo a tocar este instrumento porque se sentiu interesada polos ritmos do país logo de ler un libro sobre lendas galegas.
“A música evoluciona, non é ríxida, e aquí axúdannos a fixar ese enfoque”, explica Beatriz Blanco, que vén de tocar con Pedro Pascual un tema moi na liña de Yann Tiersen, o célebre compositor da banda sonora de Amélie. Non por nada opina Pascual que Francia ten máis tradición co acordeón diatónico. “Non me atrevería a falar dun estilo galego con este instrumento”, di, pero ben que probou que se poden facer propios os sons alleos.

Do local ao global
Esta filosofía, a de fusionar o cosmopolita coa tradición máis local, parece imperar nunha escola que tivo o ano pasado unhas 400 solicitudes, aínda que só admitiron a 120. “A selección foi moi difícil”, admite Edelmiro Fernández, responsable das clases de gaita, que xa era ‘non docente’ na anterior escola que tiñan el Lalín. Agora, esa primeira academia dividiuse en dúas localidades, a de Santiago de Compostela e a de Pontevedra, dirixida ao público infantil.
Pero non só de clases vive a Central Folque. As súas actividades inclúen tres piares: docencia, investigación e producións. Estas últimas reprodúcense por todo o mapa galego e no estranxeiro.
Un dos eventos máis importantes por vir é o Ciclo de Músicas Portuarias, que terá lugar en Ferrol do 20 de xuño ao 11 de xullo, unindo a diferentes culturas a través do mar. Estarán presentes o arxentino Marcelo Mercadante, a asturiana Anabel Santiago, os galegos Marful, e a portuguesa Mísia.
Ademais, Aleksander Kolkowski estará no ciclo Espazos Sonoros o luns na Sala Nasa de Santiago.

INVESTIGACIÓN
Ademais da produción de diversos espectáculos, e das clases impartidas nos centros de Santiago de Compostela e Pontevedra, a Central Folque leva a cabo varias investigacións sobre a música tradicional galega.
A máis recente, publicada no libro A la Habana quiero ir, de Ramón Piñeiro, fala da fusión entre os ritmos do país e os do Estado comunista. Froito de “dous meses de investimento musical”, como os define Ugía Pedreira, a máxima responsable da organización, é o espectáculo Descarga ao vivo. Cuba-Galiza 08.
Este é un macroconcerto con novas versións de temas clásicos, que pasan polo filtro do cubano. “Esperamos poder traelo a Galicia”, di Pedreira.
Actualmente, a Central Folque ten dous novos proxectos de investigación. Un, sobre a regueifa e “outras actividades de canto improvisado”, para a Asociación Veciñal de Valadares. Outro, sobre a canción mariñeira de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa).


Noticia enviada por Xan Rolei

- aCentral Folque -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal