>> Iniciar Sesi�n  




+     

 


 

Mini e Mero (un texto de Xabier Cordal para Vieiros.com)
Fonte / M�is informaci�n

(ultima actualizaci�n: 27 / 4 / 09 )




A historia comezara ben anos antes, mais para o que a nós respecta debían de correr as festas de agosto nunha pequena parroquia de Cariño. Na máquina de discos do bar, entre os éxitos de Raffaella Carrà e Bonie M., lucía coma un estandarte o único disco no noso idioma. Eu coaba un peso de mocete e dáballe cheo de razón ás dúas teclas.


Poucos agostos despois xente chegada de toda a comarca enchía o campo das festas da Pedra para escoitar ao vivo aquel grupo. Ao ronsel de Rosalía de Castro (non sabemos se a deu lido Pete Seeger) mergulláranse na música popular sinalando os conflitos do seu tempo. Cantaban contra o réxime autonómico comerciado pola nomenclatura franquista, contra a emigración e as celulosas, contra a tiranía da industria leiteira. Letras de Darío Xohán Cabana, de Manuel María ou de Marica Campo enriqueceron a banda sonora dunha idade, atroaron en Madrid cando aínda era capaz de escoitar as culturas nacionais: “se non tedes sachos/ traguémolos nós”, advertían ironicamente.

Fuxan os Ventos non eran só a dedicación etnográfica de Xosé Luís Rivas Cruz e de Baldomero Igrexas Dobarrio a enlamaren os pés en cada corredoira. Pero sen Mini e a súa barba grave de portentosa dicción, sen a guitarra combatente e a voz arrubiada de Mero, o proxecto resultaba incomprensible.

Os medios patronais ditaron esquecemento para eles nas crónicas do revival. A formación que conseguiu devolver ao pobo unha parte da súa música desfixérase por varias razóns e non vén ao caso aventurármolas aquí. Despois chegou A Quenlla, teimando. Os carballos cativos, se cadra rebolos da chaira de Duarría escoitaban a fin de semana desde o frío do local de ensaio as verdades incómodas, as verdades verdaderas que tamén cantara o camarada chileno.

A profesión de mestres e a condición insubornable de Xosé Luís Rivas e Baldomero Igrexas aforráballes transixir cun mercado musical que ditaba, seguramente, demasiada renuncia. Eles seguiron ao choio. Os vellos axitadores acabaron coñecendo coma case ninguén non só os ritmos condenados a esfragarse coa sociedade rural, senón tamén os contos, as adiviñas, os romances esgrevios ao son da zanfona que Faustino Santalices rescatara das montañas do sur. O dúo investigou, publicou, desenvolveu o don da ubicuidade. Lonxe ás veces dos focos da moda, xenerosos en cada unha das enormes e domésticas feridas que este país –ninguén o dubide- seguirá supurando á marxe do cálculo electoral, son imprescindibles Mini e Mero. Compartimos emoción a través deles no escenario da multitude ou na tarima do cuarto máis humilde, como só Zeca Afonso e os grandes souberon facer. Nunca poderemos pagar a quen nunca nada pediu, por iso o Pedrón de Ouro será a mellor escusa para que reciban en xustiza -con Mariana Ploae-Hanganu, portavoz da nosa literatura na outra estrema da Romania- a admiración e mais o abrazo comunal.




NOVAS RELACIONADAS:



O Pedrón de Ouro, para Mini e Mero
http://www.ghastaspista.com/novas/leenova.php?id=1104


















COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver m�is novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal