José Manuel Salvado Sanín, un artesán con máis de 20 anos de experiencia, amosará o seu traballo esta semana na Feira Internacional de Florencia e logra manter as súas vendas con crise ou sen ela
José Manuel Salvado Sanín dirixe un obradoiro de instrumentos de percusión tradicionais, preto de Santiago. Esta semana está a preparar a súa participación na Feira-Mercado Internacional de Artesanía de Florencia -do 25 de abril ao 3 de maio-, e é un dos poucos autónomo con cinco empregados que non está a notar a crise. Vende os seus produtos a bandas de folk en toda España, e tamén ten clientes nos Estados Unidos, Irlanda, Alemania, Suiza, Suecia... "percusionistas de world music, profesionais que buscan un son étnico", segundo explica o propio artesán. Este é un novo mercado no que entraron hai poucos anos pero que vai a máis. "Comezan a coñecernos nos círculos axeitados e semella que gustamos, en calidade e sobre todo en prezos, que somos moi competitivos. Veñen pedir unha pandeireta e cando ven o que custa, lévan tres", comenta Sanín, medio en broma, medio en serio. A OPCIÓN DOS BOS PREZOS O modelo máis sinxelo que traballan, unha pandeireta galega de nove pares de ferriñas, custa uns 33 euros, un prezo que xa é baixo para Galicia e que non é sinónimo de mala calidade. No obradoiro, Sanín fabrican sempre de xeito artesanal, e só pandeiretas, tambores, bombos e outros xurdidos do folclore da cornisa cantábrica. Empregan madeira de piñeiro ou de nogueira, e pel de cabra, cousa "que se nota sobre todo no acabado e no son", afirma. A súa opción e perder algúns cartos en cada instrumento para logo vender máis. Foi así dende que comezou, hai xa máis de 20 anos, pero agora a crise estalle dando a razón: "En tempos de apuros económicos, os pais prefiren mercar unha pandeireta para que os fillos estuden música en vez de gastarse centos de euros nunha guitarra ou millerios nun piano, as tendas comentan que están a notalo". Sanín entrou no mundo da música folk como intérprete, aínda que sempre "foi hábil coas mans" e facía pequenas reparacións. Conta que nos 80 tivo que pagar 5.000 pesetas -"que daquela era moito"- e agardar seis meses pola súa primeira pandeireta, así que viu que había mercado para quen puidese ofrecer un trato mellor. E ata hoxe.
|