
Sábado 14 de setembro
Chega a 6ª edición de As Cores do Outono, festival folk de entrada libre e gratuíta na área recreativa Samugueiros (A Pobra do Brollón).
O festival celébrase en horario de tarde-noite. Arranca ás 19:30 co espectáculo familiar ‘Concerto singular’, unha comedia musical e xestual da compañía Píscore, gañador do premio do público no Festiclown 2018.
A partir das 21:00 comezan os concertos. Empeza o músico ourensán Magín Blanco, cun espectáculo para público familiar. Fará un repaso a súa discografía coa que está a transformar a música infantil en galego, creando temas que gozan pequenos e maiores por igual. Tras Magín, falará o actor e monologuista Avelino González, o presentador este ano de As Cores do Outono, coñecido polos seus personaxes en televisión, como Miñato en ‘Padre Casares’ (TVG). Segue o emblemático Milladoiro, grupo que non precisa presentación, tras máis de tres décadas de traxectoria na música folk galega. Rematan os concertos as Pandeireteiras de Bouba, grupo de mozas da Pontraga (Tordoia, A Coruña) que este ano representou a Galicia no Festival Interceltique de Lorient e que levan dende o 2007 transmitindo o legado dos máis vellos cantadores e bailadores da zona.
|