Volve O Caimán do Río Tea! máis de dúas décadas despois do seu nacemento o célebre réptil de Ponteareas remontará o río Caselas para dar o seu primeiro concerto en Salceda de Caselas. O vindeiro sábado 4 de maio a Asociación Cultural Deportiva e Ecoloxista 13-14 celebra a VI edición da súa Festa homónima que contará, amais d´O Caimán do Río Tea, con Quempallou e Terbutalina. A esmorga arrancará coa xa tradicional sesión vermú (12:00h) e non arrefriará até que calen os pratos do afamado picadiscos local DJ Croqueta. No medio: xantar popular, gaiteiros, grande potada, bingo musical, pulpo, xogos tradicionais, actuación do bloquinho APERTA, chourizos á brasa e moito máis. Así e todo, o que realmente agardan os incondicionais desta festa é o Grande Concurso de Saltos 13-14 o título do cal ostentan actualmente os membros de Terbutalina. Para abraiar ao xurado no teu voo sobre as alpacas de herba seca non importa se agochas os teus cartos na Suíza ou se xa non atopas aqueles que gardabas preferentemente para a universidade do Luisito; aquí só conta a imaxinación que —como a Festa 13-14— é de balde.
A forza da música galega navega polo temporal da crise. Dixo Antón Vilar Ponte: «Interésanos máis un coro galego en Madrid que un deputado en Cortes por Galicia». «Tal foi a dedución feita por tan egrexio persoeiro a respecto do coro pontevedrés Aires d'a Terra, de grande sona a comezos do século XX. Tendo en conta que o propio Ponte era representante político galego en Madrid, maxinemos qué pensaría calquera daqueles devanceiros galeguistas ao respecto da brillante realidade que a nosa música folk está vivindo case cen anos despois daquel período». Isto escribían no ano 2000 Xoán Manuel Estévez e Óscar Losada no libro Crónica do folk galego. 25 anos de historia (TrisTram).
Unha ducia de anos despois, a situación parece outra e ata cambiou o nome: «Universalmente é música celta e aquí parece que se vai impoñendo o de música de raíz, que é máis ampla, porque, por exemplo, para os norteamericanos si falas de folk entenden que son cantautores», explica Roi Maceda, que forma parte do grupo Quempallou e traballa para a discográfica Zouma. Quempallou é unha das formacións que editou disco este ano: Vellas Novas é o seu título. Ademais actuaron en festivais como o de Pardiñas, Lorient, Brincadeira (Cambre) ou Ponte da Barca (Portugal).
Neste outono tamén Uxía Senlle publicaba disco, Andando a terra. Uxía canta a Manuel María, un traballo no que, como indica o título, canta os poemas do escritor da Terra Chá. É a maneira que ten Uxía de celebrar os seus máis de 25 anos no mundo da música, unha traxectoria que vai seguir esta liña xa que ten teño en proxecto «pór música a poemas de Saramago ou Pessoa».
Triple «Sons da lubre»
O grupo máis activo dos últimos anos está sendo Luar na Lubre, e por varios motivos: en xaneiro incorporou a súa nova voz feminina, Paula Rey; en xuño presentaba novo disco, Mar Maior (Warner España). Logo veu a xira de presentación que Bieito Romero resumía nestes datos, antes dos concertos desta semana en Palencia ou no Festival Irish Fleed de Cáceres: «Once semanas nas listas dos discos máis vendidos, 22 concertos, os catro primeiros enchendo durante catro días seguidos no Círculo de Belas Artes de Madrid. En total, máis de 40.000 asistentes». E para a próxima semana máis novidades: «Sairá outro disco, Sons da lubre nas noites de luar, un recompilatorio con tres cedés e un DVD do concerto que fixemos o 31 de xullo na praza da Quintana, en Santiago, diante de 6.000 persoas». Con todo isto, e datos como os 30 concertos do ano pasado con motivo dos 25 anos do grupo, Bieito Romero explica que Luar na Lubre tivo que reinventarse: «Agora somos empresa, estamos casi autofinanciándonos porque esta é unha música de militancia, ninguén contrata folk en Galicia; facer música é ir contracorrente».
Na mesma liña sitúanse dous históricos como Mini e Mero: «É duro dicilo, pero o momento actual é máis difícil para a música galega que cando comezamos nós hai case 40 anos». Isto dicían no encontro de música tradicional Terra de Trasancos que organizou o mes pasado o coro Toxos e Froles en Ferrol. Xosé Luis Rivas Cruz, Mini, insistía esta semana en que iso débese «a moitos factores, como é a depreciación da cultura galega, o autoodio, que non se impulse a cultura desde a Administración, e non falo de subvencións, senón de intencións».
Para Mini e Mero, que teñen recollidas «entre 14.000 e 15.000 cantigas de sempre» que queren que estean a disposición «de todo o mundo na Rede», a cultura «non se pode subvencionar, ten que camiñar por si soa», apunta o primeiro, despois de lembrar que Irmandiños é o último disco destes dous músicos, e o seu grupo A Quenlla, premiados co Pedrón de Ouro.
Roi Maceda asegura que na música galega «o problema é a visibilidade porque Galicia é moi creativa, estamos a un nivel altísimo, na primeira liña de vangarda; o problema é saber vender todo o que facemos».
Festivais si, pagando
Maceda indica que esta fin de semana ten lugar o Castañazo Rock en Chantada, onde están citados os organizadores de varios festivais galegos. A idea é facer unha fronte común que lles permita saír adiante «compartindo estratexias e medios». «Os festivais de música galega teñen moitos problemas e, polo que me din, algún, como o Irmandiños de Moeche, estivo a piques de suspenderse este ano», explica este músico.
«Moitos festivais subsistiron este ano porque fixeron a programación cos colegas», apunta Montse Rivera, de Leilía. E abre a controvertida cuestión do pagamento: «Non hai cultura de pagar por ver actuar a un grupo galego, porque durante anos a música galega foi gratis». Esta é outra liña de debate para un futuro que, segundo os gaiteiros Bellón e Maceiras, non terá nada que ver con aquel bum nos anos 90. Entenden que un dos cambios é que «estamos acostumados á subvención e agora mesmo o apoio a música é penoso, aínda que este é un problema dunha conciencia social na que se valora máis o que vén de fóra que o noso».
Salienta Bellón «todo o poder musical que ten Galicia» e apunta como están sendo as empresas privadas as que están apoiando as iniciativas musicais. Cita os casos de R ou Estrella de Galicia e asegura que «o único que vive da música é Carlos Núñez», actualmente en xira por Estados Unidos e que «actúa nos clubs de Nova York», anota Maceda, que fala tamén de Cristina Pato, que, «está a un nivel moi alto» e tamén se reinventou.
Bellón está «a favor de que se pague entrada para os festivais, como se fai en tódolos sitios do mundo» e apunta outra novidade: «Susana Seivane, que é moi amiga, fai un formato de trío e así pode viaxar fóra, porque con todo o grupo non se pode».
Montse Rivera distingue entre os organizadores dos festivais e apunta que «as empresas de contratación tamén están caendo ou reducindo persoal». E cita casos como os de Abada ou Nordesía. A portavoz de Leilía, que actuarán o día 15 no Pazo da Cultura de Narón (20.30 horas), salienta que «por un lado está a crise do mundo profesional e logo a cultura base: nunca tiven tanta xente como agora nas clases de baile». O mesmo pasa na escola BellónMaceiras de Fene, onde votou a andar esta semana unha banda «con 40 gaiteiros de todas as idades; é unha cousa que temos comentado moitas veces con Montse, de Leilía, que tamén dá clases: con esta xente o relevo está garantido».
Ademáis Turgalicia instalará un espazo de 200 metros cadrados no que actuarán grupos galegos de música folk (Pablo Seoane Grupo, Suso Oscariz -candidato ao Trofeo MacCrimmmon - e Vaamonde, Lamas & Romero. O pasado ano, o recinto galego instalado neste evento foi visitado por máis de 23.000 persoas.
O grupo actuará esta mesma fin de semana no Festival de Pardiñas, en Guitiriz, para logo viaxar á Bretaña Francesa e Portugal.
Logo do lanzamento do seu cuarto traballo discográfico “Vellas Novas” o pasado mes de maio, a banda galega faise oco nos máis importantes festivais de música folk. O seu paso polo Festival de Pardiñas, o vindeiro día 4 de agosto, acompañando a Kepa Junkera ou Eliseo Parra, será o comezo dunha xeira de concertos que os levarán camiño da Bretaña francesa para participar por segunda vez no Festival Interceltique de Lorient os días 8 e 9. Xa de volta, e sen apenas descanso, agardan o día 10 o Festival Brincadeira en Cambre e ao día seguinte o Festival Folk de Ponte da Barca (Portugal).
Quempallou confirma deste xeito que segue a ser un referente na música tradicional e folk galega. Un grupo cunhos piares ben asentados na terra, que sabe coma ninguén facer festa pero sen esquecerse da súa faceta reivindicativa social.
XOVES 9 BONGO BOTRAKO SEGISMUNDO TOXICÓMANO SKUNK D.F. MINIM ZËNZAR FAMILIA CAAMAGNO INVIVO IM&BREAKERS LOS DESTEMPLAOS EMBORA SHROUD OF TEARS THE WATTSONS
VENRES 10 CALLE 13 THE INSPECTOR CLUZO & FB´S HORNS BARB WIRE DOLLS MEDINA AZAHARA HEREDEIROS DA CRUS LA PEGATINA BOIKOT LAS GRECAS ZULÚ 9.30 BASTARDS ON PARADE QUEMPALLOU LOS MIGHTY CALACAS LULÚ Y LOS CANÍBALES MIGUEL COSTAS METELASACALA EXTREMA URGENCIA LENGUALERTA DR. GRINGO DJ´S: DECEPTICONS VAMPÌRE DR THINK UNGAR BEAT POLAR YO MISMO FUNK MINATION RAFA MORCEGO MC´S: LENGUALERTA GARCÍA MC RIAJOS MOUDAFAKA
SÁBADO 11 STATUS QUO TITO&TARANTULA MAD SIN DEMENTED ARE GO LENDAKARIS MUERTOS CHIMO BAYO D´CALLAOS THE BON SCOTT BAND CAÑITA BRAVA Y LOS DEMÁS THE LOCOS RUXE-RUXE HELLTRIP TERBUTALINA KASTOMÄ AGORAPHOBIA MALANDRÓMEDA ALTO ASALTO MEDOMEDÁ DJ´S: TREVOR ROCKLIFE RICHI RISCO EROS MAREZ MIGUEL MIRANDA IVAN ABRASIVE PITWO MOU PINCHADISCOS BIGOTE MIX MESTRE PI MC´S: SOKRAM MOU HEVY
DOMINGO 12 THE GRIT SÔBER KOMA MANOLO KABEZABOLO TREGUA KONFLIKTO LEO I ARREMECÁGHONA CHÍCHARO PSICÓTICO MORGEN DISPLAY OF POWER AEROSOUL EOTEM STRIKEBACK
O vindeiro sábado día 23 de Xuño, a partir das 23:30 h na Praza do Correxidor de Ourense, o grupo compostelán Ruxe-Ruxe presentará ao vivo as pezas compoñen o seu último traballo discográfico: "Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras". Este concerto forma parte do programa de actividades organizado pola Asociación Cultural Auriense con motivo da celebración do Campionato de Futbolin Cidade de Ourense e no que actuarán tamén os grupos Hora Meiga e La Kinky Beat.
Coa súa persoal proposta musical, baseada nunha contaxiosa fusión de rock, punk, rock´n´roll, folc ou ska, levan os Ruxe-Ruxe dende o ano 1.996 levando a súa música por toda a xeografía galega e española, grazas ao seu enérxico e potente directo. "Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras" e a súa oitava achega discográfica, un disco gravado en Oceanoestudio polo prestixioso produtor Javier Abreu (Os Resentidos, Los Piratas, Cornelius 1960, Boikot, etc) e que conta cunhas colaboracións de auténtico luxo: Xavier Díaz (Berrogüetto), Dios Ke Te Crew, Roi Maceda (Quempallou), Bocixa (Zenzar) ou Esteban (Skacha), o que fai deste traballo discográfico un disco imprescindible para os seguidores do rock feito en Galiza.
Despois de 16 anos, Ruxe-Ruxe é sen dúbidas unha das bandas máis emerxentes e con maior proxección da actual escena rock galega. Cultura, compromiso coa terra e coa língua, traballo, actitude e honestidade son as súas armas.
AO SON DO MASMA é un proxecto que nace da inquedanza pola posta en valor da producción artística galega. As aportacións tradicionais da nosa cultura son os principais referentes deste proxecto, mais, tentar abrir paso ás novas achegas ao patrimonio musical e aos ritmos tradicionais feitos por novas agrupacións, é un dos principais obxectivos desta iniciativa. A súa materialización é froito da suma de esforzos entre Tumba e Dálle, grupo de recente creación composto por mozas e mozos da Mariña de Lugo que trae aos días de hoxe a música tradicional galega; e o Colectivo Cultural Ollomao, asociación do concello de Barreiros (Lugo) que traballa polo fomento e difusión da cultura propia dende a orixinalidade e a innovación. Xuntos levan a cabo organización deste I Festival Ao Son do Masma.
Para levar a cabo este proxecto, a organización do mesmo ideou un programa que conxuga distintas actividades dispostas ao longo de toda unha xornada, que fan referencia ás diferentes manifestacións culturais e produccións artísticas, e un peche de día con concertos de grupos de recoñecido prestixio no panorama musical galego xunto con outros de máis recente creación, tratando así de responder ao principal obxectivo de AO SON DO MASMA.
Durante todo o día haberá roteiros, xogos tradicionais, feira de artesanía, obradoiros de baile e pandeireta da A.F. Arco da Vella, aberto de billarda cos palanadores e palanadoras do Varal, etc... E a partir das 23:00h. terá lugar a apertura de CONCERTOS do “I Festival Ao Son do Masma” a cargo dos seguintes grupos:
- TUMBA E DÁLLE - OS MODERNOS - TANTO NOS TÉN - QUEMPALLOU
Quempallou, novo disco na rúa e nova xira de presentación
(texto engadido o día 27/ / 3/ / 12 )
Quempallou presenta o seu novo traballo discográfico “Vellas Novas” e faino cunha xira galega que comeza este venres 13 de Abril no Bar Liceum, no Porriño, onde actuarán a partires das 23:30 h. para continuar ao día seguinte cunha nova intervención sonora no Aturuxo de Bueu ás 22:30. A xira de presentacións continuará en semanas sucesivas por diferentes vilas da xeografía galega. O martes 17 de Abril, a partires das 12 h. está previsto que os membros do grupo fagan unha presentación ante os medios de comunicación na Casa de Xantar O Dezaseis, situada na Rúa de San Pedro, en Santiago de Compostela. Acto que será seguido dunha sesión vermú con música en directo ao máis xenuino estilo Quempallou.
Axenda de Concertos de Quempallou presentando Vellas Novas 13 de abril 23:30 Bar Liceum - O Porriño 14 de abril 22:30 Aturuxo Bar - Bueu 17 de abril 22:30 Casa das Crechas - Santiago de Compostela 20 de abril 21:30 Auriense - Ourense 27 de abril 19:30 FNAC A Coruña 27 de abril 22:00 Cova Céltica - A Coruña 28 de abril 22:30 Sala Super 8 - Ferrol 5 de maio Festa do Muiño de Coiro - Cangas 14 de maio Teatro Principal de Pontevedra 16 de maio 22:00 Fábrica de Chocolate - Vigo
“Vellas Novas” é un traballo cunha estética baseada no mundo do xornalismo, cargado de matices sonoros e variadas influencias musicais, que chegan dende a experiencia dun grupo que leva máis de doce anos en escena. Como é habitual en Quempallou, o disco asenta unha fonda raíz na tradición musical galega, a partir da cal, constrúe arranxos, adapta letras e crea novas composicións. Así conseguen unha sonoridade característica, apoiada nas percusións tradicionais, o acordeón e as cordas, sobre o que camiñan frautas, gaitas, e sobre todo a voz.
Adoitan dedicarlles breves parágrafos e letras minúsculas en cartaces de teloneiros. Asinan contratos miserentos. Pero nin se resignan nin se flaxelan, “porque o país non se fai chorando”. Seguen a bourear baixo tellados de uralita, enlamando os zapatos nos torreiros das festas e creando parroquia até no último palco, nunha incansable romaría de aldeas, porta a porta, veciño a veciño. É o marketingmáis eficaz. Botarlle horas ao volante e chegar alí onde remata o asfaltado dos camiños. Sen buscar o aplauso, con humildade. O mérito, din, é ser xente desta eira e deste tempo. A xeración máis combatente da creación sonora da terra volve aos escenarios disposta a rozar a maleza da indiferenza e facer agromar a rebelión das mentes. Chega a primavera da música galega.
Desde que Mördor se convertera en Zënzar e as Encrobas no epicentro do rock galego, en Cerceda sempre florece primeiro. En maio, a incombustible banda de Xosé Bocixa —voz— volve aos escenarios, coa mesma insubmisión de cando bruaban contra o servizo militar obrigatorio en casetes de 500 pesetas a unidade. “Case 25 anos despois, o espírito do grupo mantense inmóbil. É o mundo en xeral o que non deixa de empeorar. Por iso volvemos ás nosas orixes, con sons eclécticos e cancións tralleiras, que falan do conflito social entre ricos e pobres, entre explotadores e explotados, cancións que falan dunha vida subordinada á rutina do traballo”.
Avisan, que coma anuncian na carátula, Vaise armar. Polo pronto, o próximo 14 de abril, axudarán a montar balbordo aos seus discípulos máis avanzados, os Machina. O cuarteto prepara a presentación oficial de Ensaio sobre o silencio, plasmación da “madurez persoal e musical” da banda referencial do metal galego. Arredor de 13 cortes “directos e rápidos”, os cercedenses reflexionan sobre historias enganadas, patrias impostas e camiños marcados. “Estamos cansos de que apandemos sempre os mesmos. Queremos dilapidar os silencios da medocracia, dunha crise que nos condena á miseria”.
A palabra segue a ser unha arma cargada de futuro. Por iso, hainos que se meten a editores. Os Quempallou xa teñen o prelo a punto para distribuír o seu cuarto álbum, Vellas Novas, no que volven bater con retranca nas pandeiretas, enchendo o fol de festa, empeñados en recuperar voces que falan e contan cousas que lles petan de preto. “Desgrazadamente, despois de décadas de normalización lingüística estamos nunha situación pre-democrática, sen prensa en galego”. De aí que o leitmotiv do disco, incluído o deseño gráfico, sexa o xornalismo. Tirando de repertorio popular pero con maior protagonismo das composicións propias. Cantándolle aos galegos que emigraron á Habana para gañarse un peso ou aos que parolan fronte a unha cunca de viño. “Non pretendemos reescribir a música tradicional, senón falar da realidade que nos rodea Tamén na foliada”, canta Guillerme, “hai que coidar esta terra”.
Desde o cortello dos xa veteranos Ruxe-Ruxe, Vituco Neira subscribe o fondo, pero matiza a forma. “Para criticar as cruezas da realidade non sempre hai que poñerse no papel de francotirador. Nós non queremos facer simples textos de protesta. Creamos aquilo que nos sae do corazón, aquilo que realmente sentimos”. E o que lles pide o corpo é ouvear Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras, e falar do que lles doe pero tamén do que lles enche a alma de folgos. De “amores macarras” e negocios co demo. Dese rock país que o 31 de marzo subirán ao escenario da Sala Capitol.
Menos directos, menos vendas
Aos concellos péchanlles a billa e aos grupos os circuítos nos que tocar. Menos festivais, menos directos, menos vendas. Malia existir máis formacións e estilos ca nunca, a pesar da normalización do galego e, incluso, aínda estando máis ou menos resoltas certas eivas históricas, como a falla dunha industria discográfica, grazas á Rede e á aparición de selos de autoedición, a crise afasta a utopía de vivir do que dá a música. Intensifica a eterna contradición entre unha oferta talentosa e unha economía de subsistencia. Pero o escenario tampouco é tan novidoso. “As dificultades son sempre as mesmas”, recoñece Bocixa: “Autoodio, descoñecemento, falta de apoio gobernamental...”. Para Guillerme Costa, voz dos Quempallou, “o desexable sería que a cultura puidera sobrevivir sen subvencións igual que a lingua sen plans de normalización”, unha situación para a que considera imprescindible o cambio de actitude de medios de comunicación e partidos españolistas como o PP respecto das diferentes culturas do Estado. Bocixa engade a problema xurdida da “pretendida confusión” creada arredor da “suposta” dependencia institucional da música. “Onde van parar os investimentos en cultura das diferentes entidades autonómicas? É que os macro-concertos do Monte do Gozo non son cultura subvencionada? O que acontece é que a Xunta gasta o orzamento en artistas que veñen de fóra”. Aos Ruxe xa lles cansa dar sempre os mesmos titulares, pero Vituco recoñece que, tristemente, son certas cantilenas as que non cambian. “Chamáronnos para tocar en Euskadi, en Italia, mesmo nas Azores, pero nunca do concello no que estamos empadroados, no que pagamos os nosos impostos. É máis interesante traer a grupos de pop madrileños, que soan nos 40 Principales, porque son "guays" e din "I love you". E o rebaño vaise facendo máis grande”. Sen sostén institucional, agoira Bocixa, ao final só quedarán os festivais de resistencia, de contracultura, “aos que acabas por non cobrar”. “Pero os músicos non deberiamos confundir unha asociación cultural cun festival. Moitos grupos aceptan estar nun cartel de soa a cambio de ir de balde. Se a xente se vende por 300 euros é difícil mellorar a situación”.