No ano 1986 nace LUAR NA LUBRE na cidade de A Coruña, convertíndose co paso dos anos e o seu teimoso traballo, nunha das formacións máis prometedoras
..>>
No ano 1986 nace LUAR NA LUBRE na cidade de A Coruña, convertíndose co paso dos anos e o seu teimoso traballo, nunha das formacións máis prometedoras e referenciais da música feita na Galiza e en galego. O traballo que desenrola a banda está enfocado dende a óptica de entender que a música é un dos factores culturais máis importantes para a afirmación do dereito á diferencia enriquecedora do pobo galego. O grupo pretende que na Galiza predomine a súa cultura, aínda que non rexeita influenzas que melloren a súa proposta, sen deturpar o carácter central do seu proxecto, que baséase fundamentalmente nas músicas de raiz e língua galegas, polo que adican especial atención ao estudo dos cancioneiros galegos, así como ao traballo de campo, que lles proporciona un fondo coñecemento sobre a realidade musical galega, que tamén se revela determinante nas composicións propias.
LUAR NA LUBRE é hoxendía a banda máis internacional da Galiza, así pois dende Palestina a Canada, e dende Arxentina a Alemaña, levan percorrido parte do planeta levando a cultura e a música da nosa terra a través da súa proposta. No ano 1992 coñeceron ao músico británico Mike Oldfield para o cal ofreceron un concerto privado nunha coñecida sala de concertos coruñesa. Dese improvisado concerto saiu unha amizade que ainda perdura e que se traduciu nunha relación que levou a Mike a facer unha versión de O SON DO AR composición de Bieito Romero, un dos temas máis emblemáticos de Luar Na Lubre e título do que no 1988 foi o seu primeiro L.P. Mike incluiuno no seu C.D. Voyager (1996) como tema 1. Esto foi determinante na carreira de Luar Na Lubre sendo un gran impulso á súa proposta que medrou cando o propio Mike os convidou no 1999 a realizar a xira Then & Now por diferentes cidades do estado con grande éxito e confirmándose como grupo `revelación`.
Entre as xiras por Galiza, estado español e mundo, no ano 2004 e dirixida por Ignacio Vilar, LUAR NA LUBRE gravou o seu primeiro DVD onde se recolle parte da súa traxectoria e vivencias. Unha experiencia magnífica, onde se combinan as paisaxes do noso país, a música do grupo e as anécdotas persoais de cada un dos seus membros. É destacabel tamén a incorporación da nova voz do grupo. Tras a estela de Ana Espinosa e Rosa Cedrón, chega a doce e persoal voz da lisboeta Sara Vidal, que confirmou un aporte de frescura e nitidez á esta etapa da banda; coa que gravou, dende a súa incorporación no ano 2005, 4 CDs como vocalista: `Saudade`, `Camiños da fin da terra`, `Ao vivo` e `Solsticio`.
12 traballos discográficos, 9 deles editados por Warner España, máis de 300.000 discos vendidos, 2 discos de ouro, 9 Premios da Música e 1.000 conciertos en máis de 23 países confirman a Luar Na Lubre como a proposta musical máis consistente i estable de Galicia.
Neste ano 2011, Luar Na Lubre é embaixador musical da súa terra realizando máis de 35 concertos e levando a marca “Galicia” polos mellores teatros e festivais do estado cun éxito máis que notable.
Agora, a banda reemprende unna nova xeira na que presentará por diversos escearios a Paula Rey, a nova voz que sustitúe á da lisboeta Sara Vidal. Unha voz carregada de matices e de enerxía que combinada coa riqueza instrumental i estilística da banda, non deixará indiferente a ninguén.
Rodrigo Romaní, con Arpas de Breogán, fai 'dobrete' (mellor tema orixinal por Terra de Melide + mellor artista) e Luar Na Lubre levan o premio a mellor disco co seu Mar Maior
Os PREMIOS OPINIÓN fixeron un ano máis unha profunda e agarimosa defensa da música de raíz galega, do folclore da terra e da dedicación dos seus músicos por manter viva e fecunda a súa tradición sonora. O gran triunfador da tarde-noite, o mesmo Rodrigo Romaní, quen asinou un dobrete cos galardóns de mellor canción e mellor artista do ano, salientou no seu breve discurso de agradecemento que estes premios convértense “nun acto de resistencia” contra os tempos de problemas que vive o seu sector, contra a suba de impostos, lembrou, que teñen que asumir os artistas e as dificultades para interpretar a súa música en concertos. A banda Luar Na Lubre mereceu o premio que os músicos que forman o xurado lle deron ao seu traballo Mar Maior, recoñecido como mellor disco galego de folk. A gala celebrou no teatro Rosalía os doce anos de vixencia dos PREMIOS OPINIÓN con outro galardón especial, o que recolleu o director do arquivo sonoro da Radio Galega e compositor Pablo Barreiro Rivas, o premio Andaina Senlleira. As actuacións musicais foron o outro momento forte da gala. Comezou a formación arteixán de cantareiras Taravela, que deu mostra da súa frescura con xota, muiñeira, rumba e maneo no seu repertorio. Un grupo da Escola Municipal de Folclore de Betanzos dirixido por Pedro Lamas seguiulle con pasodobre, rumba, vals e xota. O dúo que forman Xabier Díaz e Guille Fernández convidou á escea a Carlos Álvarez, Uxía Cribeiro e Diego Calviño para dar conta de catro fermosas pezas do seu disco Arrolos de salitre (2010), unha colección de nanas ás que responderon máis dun cativo que se atopaba entre o público durmindo prácidamente nos berces dos seus pais. O momento máis emotivo da gala, no que se fusionaron música, lembranzas, tradición, defensa do folclore galego e tamén bágoas, foi a reaparición da banda Dhais. Os seus membros levaban trece anos sen tocar xuntos sobre un escenario. E o fixeron onte para lembrar aos seus finados compoñentes César Morais e Luís Areán, dos que se falou nunha curta documental proxectada no teatro. O grupo de Lalín pechou a festa cunha actuación de 40 minutos que entusiasmou ao público, desexoso de que interpretasen máis temas, e para a que se prepararon durante sete meses. Todos os premiados e artistas agradeceron ao xornal LA OPINIÓN a celebración destes galardóns que destacan a tradición da música galega de raíz desde hai doce anos, e en concreto ao colaborador deste diario Óscar Losada, quen volveu a estar ao frente da organización dos premios. O Concello, a Diputación, a Xunta e Gadisa tamén colaboraron. O xornalista Moncho Lemos estreouse coma mestre de cerimonias e quiso lembrar nas súas intervencións a “toda a xente que mantén viva a esencia da música galega”. E o tamén colaborador de LA OPINIÓN Lino Braxe, moi emocionado por volver ás táboas tras sufrir un accidente traballando nunha obra teatral hai tres meses, foi o encargado de ler dous poemas dos Cantares Galegos de Rosalía de Castro.
Premiados e artistas recoñecen a aposta de LA OPINIÓN pola esencia da tradición musical galega
Na loita por facerse cos trofeos dos XII PREMIOS OPINIÓN de música folk saiu triunfadora a figura de Rodrigo Romaní, quen se impuxo, con Terra de Melide na categoría de mellor canción, a Acadacanto, Óscar Fernández e Pancho Álvarez. Ao recoller o seu recoñecemento suliñou máis dunha vez que a súa peza “non foi a mellor canción do ano”. Romaní subiu de novo ao escenario ao ser escollido polo xurado mellor artista por diante de Pancho Álvarez, Óscar Fernández e Fernando Barroso.
O premio correspondente ao mellor álbume galego de música folk do ano foi a parar a Luar na Lubre. Mair Maior mereceu mellor recoñecemento que os discos de Lois Peixoto e Fernando Barroso, Rodrigo Romaní e PeldeNoz. O xornalista e promotor musical Nonito Pereira recolleu a peza de artesanía e agredeceu, coma os demáis protagonistas da velada, a aposta de LA OPINIÓN por premiar as raíces musicais da súa cultura.
Kepa Junkera, convidado de luxo na Foliada da Baiuca (Arteixo)
(texto engadido o día 26/ / 4/ / 13 )
Kepa Junkera continúa a preparar o seu vindeiro traballo discográfico, que contará coa participación de artistas e cancións galegas.
O vindeiro venres 26 estará nos estudos "BRUAR" gravando un tema con Luar Na Lubre e á tarde/noitiña participará na Foliada que organizan tódo-los venres na Baiuxa, en Arteixo.
Xoves 21 de Marzo no Teatro Principal de Compostela
A música de Luar Na Lubre non entende nin de fusións nin de confusións, de modas ou de vaivéns. É un exemplo claro de lealdade a un xeito de facer, de descubrir vencellos entre a raíz e o contemporáneo, de constancia en tempos difíciles que sempre da froitos. Son máis de 25 anos na brecha cun percorrido que agora nos ofrece en "Sons Da Lubre Nas Noites De Luar", un reflexo do máis significativo de Luar Na Lubre"
Este mes de marzo en Tolemias: Triángulo de Amor Bizarro Luar na Lubre Siniestro Total Os Resentidos Che Sudaka Munich Silvia Superstar y los Fabulosos Ripper Ground Kimuru
Tolemias é a canle de VOD (vídeo baixo demanda) de música ao vivo que R e Casa de Tolos están poñendo a funcionar nestes últimos tempos.
Gracias a Tolemias os mellores acontecementos musicais convirten o teu salón no mellor auditorio, sala de concertos... cunha calidade de vídeo e son que farache sentir parte do público!
Data: sábado 2 de marzo 2013 Lugar: Auditorio do CSC de Fontiñas (Santiago DC, Rúa Berlín) Horas: 16.30 a 20.30 Prezo: 30 € As prazas son limitadas
O vindeiro sábado 2 de marzo o músico bretón Pierrot Rougier, ofrecerá un obradoiro de música bretoa para frautas traveseira para toda persoa interesada neste repertorio e xeitos particulares de toques nesa parte do mundo. Será unha descuberta da riqueza e variedade da súa música tradicional e ornamentacións propias, dos xéneros para danza e as súas melodías. Terá lugar no Auditorio do CSC das Fontiñas en Santiago de Compostela. Para anotarse, escribir un mail a matricula@folque.com .
Pierrot Rougier Flautista de bandas bretoas para Fest-Noz como Diskall e Pleneden, ten tocado con Luar Na Lubre en Bretaña e Galiza, co cantante Yann-Fãnch Kemener, Trio Liu, ten participado na comedia musical "Rue des Legendes" e escrito arranxos de organo pra tocar en dúo musica bretonasacar en templos de culto. Pierrot Rougier, tamén guitarista de folk-rock e apaixonado da técnica de gravación, tivo unha curta carreira na música electrónica (bootleg) con composicións propias que teñen tocado Djs famosos da escena francesa como Dj. Zebra, auténtico fenómeno de masas. Ten impartido aulas de flauta e desenvolveu un método de tablatura especial para alumnos que non sabian ler musica, coa axuda de ferramentas informáticas para deconstruir estructuras complexas e preparar playbacks de ensaio. A flauta coa voz é o seu instrumento máis importante que aparece nas súas composicións, explorando a columna de aire como dinamizador e motor da música que levamos dentro.
Aulas de musica bretona a través da flauta A proposta do mestre aos flautistas galegos/as é de descobrer a riqueza e varidade da musica bretoa no coñecemento do seu repertorio tendo en conta a ornamentación da música tradicional.
- Percorrido básico pola historia musical tradicional da Bretagne. Contexto, intrumentos, instrumentistas...- estilos e xéneros de repertorio de baile no sentir do ritmo como tocadores/bailadores. Especial atención a gavottes, en dro, plinn, ridée, ronds, e os compartidos valse, scottish, polka... - Estudio de melodias tipicas de cada estilo
MELLOR ARTISTA Pancho Álvarez O porriñés foi membro nos anos oitenta do grupo Na lúa. A carreira como solista vai sumando etapas e con este cuarto disco logra o seu recoñecemento como compositor e instrumentista.
Alonso Caxade O músico é acordeonista dos Caramuxo. O seu labor como arranxista no traballo ‘jazz&trad’, do dúo PeldeNoz, fixo que o xurado recoñecese os seus méritos para entrar nesta lista.
Óscar Fernández Esta é a segunda candidatura acadada polo músico ferrolán nesta categoría. O ano pasado foi por exercer de director musical e nesta ocasión saliéntase o seu labor no álbum de Os Cempés.
Rodrigo Romaní O prestixioso músico consegue aparecer como finalista en todas as categorías. O seu traballo de composición e arranxador de temas tradicionais situouno como un dos finalistas.
MELLOR TEMA ORIXINAL Meu nome por mar e terra Autor: A cada canto Este tema foi o primeiro que se deu a coñecer oficialmente por parte do cuarteto formado por Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero. É unha das pezas desta obra realizada de xeito conxunto. O autor da letra é Carlos Rivero Troncoso.
Terra de Melide Autor: Rodrigo Romaní Esta composición de Rodrigo Romaní é a que abre o seu último álbum, un traballo marcado polo son da arpa, instrumento que vai estreitamente ligado á andaina do noiés. A localidade de Melide serve de inspiración para a creación dun tema doce.
A Borna Autor: Pancho Álvarez O músico adoita tocar unha manchea de instrumentos nos seus traballos como solista e nesta peza instrumental emprega guitarra, violín, pandeireta, bombo e unha harmónica rechamante, xa que non se acostuma empregar neste tipo de música.
Muiñeiras da noite Autor: Óscar Fernández Óscar Fernández compuxo varias das pezas incluídas no último disco da banda ferrolá Os Cempés, da que é o cerebro creativo. Traballando nesta ocasión co popular ritmo de muiñeira, o autor realiza un tema que constitúe un dos valores sobranceiros do álbum.
MELLOR DISCO Pop Intérprete: Barroso e Peixoto O ano pasado estaban na gala como compoñentes do trío Asembly Point e agora Fernando Barroso e Luís Peixoto decidiron montar un dúo para seguir incidindo en pezas de composición propia nas que os instrumentos de corda dominan totalmente a sonoridade da obra.
Mar maior Intérprete: Luar na Lubre Primeiro álbum como cantante do grupo de Paula Rey. A obra ten achegamentos á lírica medieval galaico-portuguesa e ao mundo céltico. Son xa vinte e sete anos os que leva de traxectoria o conxunto herculino.
Arpas de Breogán Intérprete: Rodrigo Romaní Gravado con tranquilidade na súa casa, o músico decidiu plasmar o seu amor pola arpa nesta nova incursión discográfica. Nesta ocasión cedeulle a responsabilidade de cantar a Inés Lorenzo nun disco que tamén conta cunha parte instrumental de peso.
jazz&trad Intérprete: PeldeNoz O dúo PeldeNoz realiza un traballo arriscado nesta obra na que son quen de mesturar con gusto a tradición galega co mundo do jazz. O son provén dun acordeón e un contrabaixo e nalgún tema contaron co acompañamento da voz de Xandre Outeiro.
O noiés Rodrigo Romaní aparece como finalista nas tres categorías que se conceden nos galardóns e Óscar Fernández, membro de Os Cempés, repite na lista de mellor artista Nesta edición dos galardóns achamos unha mestura entre as candidaturas finalistas de artistas xa veteranos, cunha sólida traxectoria, e músicos que aportan traballos que supoñen o seu debut discográfico, como acontece con dous dúos que foron quen de entrar nunha lista sobranceira da que é difícil formar parte, e máis se temos en conta que este ano o xurado debeu valorar case un 30% máis de traballos que na edición anterior. O portugués Luís Peixoto gañou o ano pasado o premio á mellor canción formando parte do trío Assembly Point. Nesta ocasión editou unha obra a dúo co ferrolán Fernando Barroso que vén de acadar un lugar entre os finalistas a mellor álbum. Pola súa banda, o dúo PeldeNoz, debutantes discográficos no 2012, tamén logrou unha candidatura como mellor disco e ademais engadiron que Alonso Caxade, quen exerce de arranxista dos temas, entrara na terna dos mellores artistas. Na categoría de mellor tema orixinal non tiñan posibilidades, xa que o repertorio do seu traballo provén da tradición. Nesa loita para ser a mellor peza atopamos unha canción do cuarteto A Cada Canto, unha composición de Óscar Fernández incluída na obra de Os Cempés e unha creación de Rodrigo Romaní, quen é un dos grandes protagonistas destes nomeamentos ao lograr entrar co seu Arpas de Breogán nas tres categorías (disco, canción e artista). Unha menos logrou outro home que tamén leva moitos anos de andaina no mundo do folk e que completa o cuarteto para mellor canción. O traballo de Pancho Álvarez como solista, tamén é integrante dende hai tempo da banda de Carlos Núñez, aparece tamén con opción de vitoria como mellor artista do ano. Esta é a segunda edición da nova etapa dos galardóns, anteriormente só eran recoñecidos os tres mellores discos, e Óscar Fernández conseguiu aparecer novamente entre os finalistas na categoría de mellor artista. O ano pasado optou a ese recoñecemento como director musical do álbum Atlántica Vapora Orquestra e nesta ocasión o xurado salientou o seu traballo creativo na obra de Os Cempés, grupo do que é o auténtico cerebro e para o que compuxo varias pezas. Outros músicos con longa andaina son os coruñeses Luar na Lubre. En dúas ocasións quedaran ás portas de recibir un premio, ao ser cuartos nas votacións, e agora teñen opción de facerse con el na categoría de mellor álbum polo seu Mar maior. Os tres vencedores serán dados a coñecer no decurso da gala de entrega dos galardóns. A décimo segunda edición dos premios creados polo xornal LA OPINIÓN volve contar entre os seus finalistas con diversas óperas primas, polo que se comproba que todos os anos a escena folk do país conta con boas novas propostas, xa sexan de músicos emerxentes ou xente cunha maior traxectoria que decide aportar unha nova perspectiva musical, o que resulta vital para que o panorama creativo non quede unicamente nas mans de artistas coñecidos, dos que se debe valorar que continúen ofrecendo obras de interese.
A forza da música galega navega polo temporal da crise. Dixo Antón Vilar Ponte: «Interésanos máis un coro galego en Madrid que un deputado en Cortes por Galicia». «Tal foi a dedución feita por tan egrexio persoeiro a respecto do coro pontevedrés Aires d'a Terra, de grande sona a comezos do século XX. Tendo en conta que o propio Ponte era representante político galego en Madrid, maxinemos qué pensaría calquera daqueles devanceiros galeguistas ao respecto da brillante realidade que a nosa música folk está vivindo case cen anos despois daquel período». Isto escribían no ano 2000 Xoán Manuel Estévez e Óscar Losada no libro Crónica do folk galego. 25 anos de historia (TrisTram).
Unha ducia de anos despois, a situación parece outra e ata cambiou o nome: «Universalmente é música celta e aquí parece que se vai impoñendo o de música de raíz, que é máis ampla, porque, por exemplo, para os norteamericanos si falas de folk entenden que son cantautores», explica Roi Maceda, que forma parte do grupo Quempallou e traballa para a discográfica Zouma. Quempallou é unha das formacións que editou disco este ano: Vellas Novas é o seu título. Ademais actuaron en festivais como o de Pardiñas, Lorient, Brincadeira (Cambre) ou Ponte da Barca (Portugal).
Neste outono tamén Uxía Senlle publicaba disco, Andando a terra. Uxía canta a Manuel María, un traballo no que, como indica o título, canta os poemas do escritor da Terra Chá. É a maneira que ten Uxía de celebrar os seus máis de 25 anos no mundo da música, unha traxectoria que vai seguir esta liña xa que ten teño en proxecto «pór música a poemas de Saramago ou Pessoa».
Triple «Sons da lubre»
O grupo máis activo dos últimos anos está sendo Luar na Lubre, e por varios motivos: en xaneiro incorporou a súa nova voz feminina, Paula Rey; en xuño presentaba novo disco, Mar Maior (Warner España). Logo veu a xira de presentación que Bieito Romero resumía nestes datos, antes dos concertos desta semana en Palencia ou no Festival Irish Fleed de Cáceres: «Once semanas nas listas dos discos máis vendidos, 22 concertos, os catro primeiros enchendo durante catro días seguidos no Círculo de Belas Artes de Madrid. En total, máis de 40.000 asistentes». E para a próxima semana máis novidades: «Sairá outro disco, Sons da lubre nas noites de luar, un recompilatorio con tres cedés e un DVD do concerto que fixemos o 31 de xullo na praza da Quintana, en Santiago, diante de 6.000 persoas». Con todo isto, e datos como os 30 concertos do ano pasado con motivo dos 25 anos do grupo, Bieito Romero explica que Luar na Lubre tivo que reinventarse: «Agora somos empresa, estamos casi autofinanciándonos porque esta é unha música de militancia, ninguén contrata folk en Galicia; facer música é ir contracorrente».
Na mesma liña sitúanse dous históricos como Mini e Mero: «É duro dicilo, pero o momento actual é máis difícil para a música galega que cando comezamos nós hai case 40 anos». Isto dicían no encontro de música tradicional Terra de Trasancos que organizou o mes pasado o coro Toxos e Froles en Ferrol. Xosé Luis Rivas Cruz, Mini, insistía esta semana en que iso débese «a moitos factores, como é a depreciación da cultura galega, o autoodio, que non se impulse a cultura desde a Administración, e non falo de subvencións, senón de intencións».
Para Mini e Mero, que teñen recollidas «entre 14.000 e 15.000 cantigas de sempre» que queren que estean a disposición «de todo o mundo na Rede», a cultura «non se pode subvencionar, ten que camiñar por si soa», apunta o primeiro, despois de lembrar que Irmandiños é o último disco destes dous músicos, e o seu grupo A Quenlla, premiados co Pedrón de Ouro.
Roi Maceda asegura que na música galega «o problema é a visibilidade porque Galicia é moi creativa, estamos a un nivel altísimo, na primeira liña de vangarda; o problema é saber vender todo o que facemos».
Festivais si, pagando
Maceda indica que esta fin de semana ten lugar o Castañazo Rock en Chantada, onde están citados os organizadores de varios festivais galegos. A idea é facer unha fronte común que lles permita saír adiante «compartindo estratexias e medios». «Os festivais de música galega teñen moitos problemas e, polo que me din, algún, como o Irmandiños de Moeche, estivo a piques de suspenderse este ano», explica este músico.
«Moitos festivais subsistiron este ano porque fixeron a programación cos colegas», apunta Montse Rivera, de Leilía. E abre a controvertida cuestión do pagamento: «Non hai cultura de pagar por ver actuar a un grupo galego, porque durante anos a música galega foi gratis». Esta é outra liña de debate para un futuro que, segundo os gaiteiros Bellón e Maceiras, non terá nada que ver con aquel bum nos anos 90. Entenden que un dos cambios é que «estamos acostumados á subvención e agora mesmo o apoio a música é penoso, aínda que este é un problema dunha conciencia social na que se valora máis o que vén de fóra que o noso».
Salienta Bellón «todo o poder musical que ten Galicia» e apunta como están sendo as empresas privadas as que están apoiando as iniciativas musicais. Cita os casos de R ou Estrella de Galicia e asegura que «o único que vive da música é Carlos Núñez», actualmente en xira por Estados Unidos e que «actúa nos clubs de Nova York», anota Maceda, que fala tamén de Cristina Pato, que, «está a un nivel moi alto» e tamén se reinventou.
Bellón está «a favor de que se pague entrada para os festivais, como se fai en tódolos sitios do mundo» e apunta outra novidade: «Susana Seivane, que é moi amiga, fai un formato de trío e así pode viaxar fóra, porque con todo o grupo non se pode».
Montse Rivera distingue entre os organizadores dos festivais e apunta que «as empresas de contratación tamén están caendo ou reducindo persoal». E cita casos como os de Abada ou Nordesía. A portavoz de Leilía, que actuarán o día 15 no Pazo da Cultura de Narón (20.30 horas), salienta que «por un lado está a crise do mundo profesional e logo a cultura base: nunca tiven tanta xente como agora nas clases de baile». O mesmo pasa na escola BellónMaceiras de Fene, onde votou a andar esta semana unha banda «con 40 gaiteiros de todas as idades; é unha cousa que temos comentado moitas veces con Montse, de Leilía, que tamén dá clases: con esta xente o relevo está garantido».
Sons da Lubre nas Noites de Luar, é o nome da caixa "de luxo" que condensa a historia, inconclusa, da formación coruñesa. Unha caixa na que se recolle o seu xeito de sentir i entende-lo país e o seu entorno, e o modo de plasmalo na súa música.
Tanto o deseño e as ilustracións, da artista plástica Estefanía Domínguez Cagigao, como a parte conceptual, céntranse no universo mitolóxico da etnografía galega. E deste xeito os 3 CDs que inclúe o traballo preséntanse con nome propio:
- Os trasnos, pequenos seres bulideiros que andan por bosques e camiños, cando non asaltan as casas coas súas trasnadas; marcan o nome do CD que recolle as suits instrumentais con algúns dos seus temas máis emblemáticos.
-Fadas, recolle o contido lírico: baladas, romances e tradicionais e poemas musicados polo grupo.
-Encantos, os seres mitolóxicos que gardan os tesouros, reúne as colaboracións que tivo Luar Na Lubre dende os seus comezos (Miro Casabella, Luz Casal, Pablo Milanés, Ismael Serrano, Pedro Guerra, Diana Navarro, Adriana Varela, Lila Downs..)
Ademáis na caixa inclúese un libreto con prólogo/biografía de Nonito Pereira, e un DVD con videoclips do grupo e o concerto gravado en directo na Praza da Quintana o pasado 31 de xullo.
26 anos -con 13 discos editados- facendo música galega é complicado, afirma Bieito Romero, "a música galega non é ben tratada, nin nós estamos ben organizados".
Pero a pesares de vivir nunha situación hostil, na que a música perdeu valor e apenas é recoñecida, Luar Na Lubre continúa a acadar logros, como o de permanecer 13 semanas consecutivas na lista dos discos máis vendidos no estado español co seu disco Mar Maior (xuño 2012). Co mérito engadido de non ser un grupo que soe habitualmente nos medios de comunicación. Esto significa, afirma Bieito, que existe unha plataforma de xente que apoia ao grupo e dálle enerxía para continuar traballando para ilusionar i emocionar coa súa música.
Luar Na Lubre continúa a xira de presentación de MAR MAIOR
(texto engadido o día 6/ / 9/ / 12 )
- 9 de setembro, Pontedeume - 11 de setembro, "Festival Etnohelmántica", Salamanca - 22 de setembro, "Festival de la Luz", Boimorto. . - 20 de outubro, Teatro Colón, A Coruña - 31 de outubro, Gran Teatro, Elche - 1 de novembro, Málaga - 2 de novembro, Teatro Principal, Palencia - 3 de novembro. Gran Teatro, "Festival Irish Flead", Cáceres - 14 de decembro, Auditorio Gustavo Freire, Lugo - 16 de decembro, Teatro Principal, Ourense
Un día: 10 € / Dous días: 15 € (+ gastos de distribución) A entrada inclúe acampada gratuíta. A recaudación destinarase a unha causa solidaria: a loita contra o cancro, a través da Asociación Española contra el Cáncer (AECC) de Galicia.
Un evento solidario, comprometido co medio rural e cunha anfitrioa de excepción. Luz Casal convídanos á súa casa natal en Boimorto para gozar dun festival único no que escoitar a artistas da talla de Manolo García, Vega, Rosendo, Dover ou a propia Luz; gozar da gastronomía e de actividades para toda a familia e coñecer as mellores iniciativas produtivas do noso medio rural.
O Festival de la Luz é unha experiencia singular. A infraestrutura dun gran festival trasladada a unha pequena localidade do interior de Galicia: Boimorto. Na aldea de Andabao atópase a casa natal de Luz Casal, rodeada de campos agrícolas que, por uns días, se transformarán no escenario dunha das citas culturais máis atractivas do ano.
Luz Casal é a anfitrioa de Festival de la Luz. Convídanos á súa casa a gozar da súa música e da de artistas e grupos amigos da calidade de Manolo García, Dover, Rosendo, Vega, Chris Barron, Luar Na Lubre, Di Elas, Christina Rosenvinge, Basia Bulat, Nova Galega de Danza... Actuarán en dous espazos: o Escenario de la Luz (escenario principal) e o Escenario SON Estrella Galicia (escenario acústico), na Praza da Cebada do Mercado de la Cosecha.
Pero Festival de la Luz non é só música. Nel teñen cabida actividades de todo tipo dirixidas ao público de todas as idades: talleres, teatro, actividades infantís e a mellor gastronomía de Galicia danse cita en Boimorto. O festival xorde dun compromiso decidido co desenvolvemento socioeconómico do medio rural, e por iso nel ten un espazo destacado o Mercado de la Luz, unha mostra das iniciativas produtivas que innovan e fomentan a calidade de vida no rural. Trátase dun mercado no que probar os mellores alimentos da nosa terra e experimentar os produtos e servizos que ofrecen as empresas do rural que apostan pola innovación, a calidade e a sustentabilidade en sectores como o agroalimentario, as novas tecnoloxías, o medio ambiente...
O Festival Folk máis antigo do sur de Europa chega esta semana á súa 40 edición. Os organizadores apostan tamén pola música galega, incluindo como prato forte do cartel a Luar Na Lubre, "unha das mellores agrupacións folk do mundo"
Mar Maior de Luar Na Lubre: 13 semanas consecutivas entre os 100 discos máis vendidos do Estado Español
(texto engadido o día 28/ / 8/ / 12 )
Según certifica Media Control GFK International para Promusicae o disco Mar Maior, de Luar Na Lubre, leva xa 13 semanas consecutivas presente na listaxe dos 100 discos máis vendidos do Estado Español
Media Control GfK International publica cada semana a clasificación dos cien discos más vendidos no Estado Español (incluíndo discos estranxeiros). Mar Maior, o novo traballo discográfico de Luar Na Lubre que saíu á venda o 5 de xuño do presente ano, entrou nesta lista o 13 de Xuño, no posto 31, e nela continúa a día de hoxe, como único disco de música folk.
Neste novo traballo de Luar Na Lubre a música medieval ten un importante protagonismo, maiormente a galaico portuguesa, aínda que tamén están presentes as músicas tradicionais galegas e atlánticas así como as composicións propias que axudan a elaborar unha banda sonora inspirada no “Leabhar Ghabhala Eireann” ou “Libro das invasións de Irlanda” transcrito por monxes irlandeses e recollido da tradición oral no século XII, sendo un libro de referencia da súa historia e que coincide coa época de máximo esplendor da lírica galaico-portuguesa. Unha ligazón atlántica apaixonante que percorrerá os vellos lazos de unión de Galicia coa verde Irlanda e con outras culturas do noso entorno inmediato, grazas de novo á música.
O disco conta coas colaboracións de Roi Casal, Nani García, Maria Xosé Silvar "Ses", Carmen Rey, Verónica Ferreiro, Ángeles Dorrio, Quinteto Cimarrón, Miguel Queixas, Rubén Montes, Miguel Cabana, Daniel Canosa, Alfonso Deus, Pablo Raso, Roberto García, Sergio Fernández e Sergio Delgado. Ademáis, Isidro Cea encargouse da fotografía e os deseños do libreto foron elaborados por Estefanía Domínguez Cagigao, artista plástica, quen fora tamén a encargada do deseño do album anterior.
Programa das festas do Apostolo en Compostela [selección]
(texto engadido o día 19/ / 7/ / 12 )
XULLO 2012
Venres 20. Milladoiro Domingo 22. Día do Traxe Galego Mércores 25. DJ Crebinsky, Malandrómeda e Novedades Carminha Xoves 26. Tom Jones Venres 27. Vaamonde, Lamas & Romero, Xose Manuel Budiño con Kepa Junkera, Uxía e os pandeireteiros do Fiadeiro, Astarot Sábado 28 e Domingo 29. Xornadas de Folclore Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar, Os Xeitosos de Trazo, Asociación Cultural Xirandola, Brincadeira, Ultreia, A Ponte Vella e Trébede Martes 31. Luar Na Lubre
Luar Na Lubre presenta o seu novo disco, Mar Maior
(texto engadido o día 5/ / 6/ / 12 )
- 6 ao 9 de Xuño: Círculo de Bellas Artes - Madrid - 15 de xuño: Auditorio de Ceutí – Murcia. - 16 de Xuño: Teatro Cervantes - Valladolid. - 28 de xuño: Sala “La Mirona” – Girona. - 29 de xuño: Sala “Apolo” – Barcelona. - 30 de xuño: Festival Internacional de Folk de Segovia. - 7 de xullo: Festival da Guitarra de Córdoba. - 21 de xullo: Festival do Ebro – Zaragoza. - 31 de xullo: PRAZA DA QUINTANA - COMPOSTELA. - 4 de agosto: Festival “Demanda Folk” – Burgos. - 11 de agosto: Granada. - 12 de agosto: Baluarte de la Candelaria – Cádiz. - 13 de agosto: Auditorio Rocío Jurado – Sevilla. - 14 de agosto: Boulevard “Demetrio Herrero” – Torrelavega – Cantabria. - 25 de agosto: Jódar - Jaén. - 1 de setembro: Teatro Bretón – Logroño. - 9 de setembro: Pontedeume - 11 de setembro: Festival de Etnohelmántica - Salamanca - 22 de setembro: Festival de La Luz - Boimorto (A Coruña) - 20 de Outubro: Teatro Colón - A Coruña - 31 de outubro: Gran Teatro de Elche - 2 de novembro: Teatro Principal - Palencia. - 3 de novembro: Festival “Irish Flead” – Gran Teatro – Cáceres.
Presentación do disco no telexornal de TVE
en Noticias Cuatro
Actuación emitida en directo no Noise Off Festival
Mar Maior. Ese será o título do novo disco do grupo Luar na Lubre, que xa está botando horas no estudio da gravación para poder lanzalo ás tendas en xuño. Tratarase dun álbum de longa duración, cunhas 15 cancións e no que se estreará a nova voz da banda: Paula Rey. O disco continuará a senda aberta polo anterior traballo do grupo, Solsticio, no que se musicou un feixe de cantigas da lírica galego portuguesa. "Este será un álbum que, en parte, está inspirado na lírica galego-portuguesa, un camiño que xa exploramos con Solsticio, pero non o entendemos como unha segunda parte do traballo anterior. Hai unha continuidade, iso si; pero son discos diferentes, con sonoridades distintas.", sinala Bieito Romero, membro do histórico conxunto musical.
O novo traballo discográfico de Luar na Lubre, ademais de beber da lírica medieval galego-portuguesa, tamén furará na tradición e na historia de Irlanda. "O álbum tamén estará inspirado no Leabhar Ghabhála, o libro das invasións, que é da mesma época das cantigas galego-porutugesas. É un texto mítico no que se fala da chegada dos galegos a Irlanda, no que aparecen elementos e cidades galegas como Brigantia. É un disco que conecta Galicia con Irlanda. O Mar Maior do que se falou en tantas ocasións, o Atlántico, é o que une a estes dous pobos irmáns", explica Romero, que adianta tamén que o grupo musicará tamén ao mítico bardo Amergin.
Mar Maior atópase en fase de gravación. Os músicos andan a traballar co obxectivo de entregarlle á discográfica os temas definitivos a comezos de maio para lanzalo ao mercado xa en xuño. Luar na Lubre está a compaxinar estes días os ensaios coa gravación dunha serie de temas que serán totalmente inéditos para o público. "Son cancións que aínda non interpretamos ante o público. Normalmente, as cancións doutros discos xa as tocábamos nos concertos antes de gravalas. Pero neste caso, non é así. Serán totalmente novas para o público", sinala Bieito Romero, que recoñece que o repertorio "aínda non está pechado", pero que seguramente contará "cunhas quince cancións e unha hora de duración".
"PROXECCIÓN EXTERIOR"
Luar na Lubre xa ten pechadas unha serie de actuacións no Círculo de Belas Artes de Madrid para presentar o seu Mar Maior. A intención do grupo pasa por compaxinar actuacións en Galicia con outras fóra dela durante a xira de presentación para buscar unha maior presenza tamén no exterior nestes tempos de crise. Unha crise que, para Bieito Romero, estase a empregar como escusa nos recortes, sobre todo no eido cultural. "Estamos nun momento de rebaixas, nun tempo no que as orquestras nunca van faltar, pero si pode chegar a desaparecer unha música como a nosa. Vivimos un momento de recortes xusto cando se están a enterrar os cartos no mausoleo do Gaiás", lamenta Bieito.
Por outra banda, Luar na Lubre iniciará unha nova etapa con este álbum. Trala marcha de Sara Vidal, a voz do grupo correrá a cargo de Paula Rey, que se está a adaptar ao xeito de traballo da formación. "Creo que vai ser unha gran sorpresa no mundo do folk. Paula Rey é unha rapaza que procede da música clásica e todo o que está a facer agora resúltalle novo. É moi ecléctica e considero que é a mellor voz, dende un punto de vista técnico, que pasou por Luar na Lubre", sentencia Romero.