Resultados para:

Xoan Manuel Estevez
XML



   >> Iniciar Sesión  


Buscar información
sobre outro grupo / etiqueta:



Novas que incluen 'Xoan Manuel Estevez':


Novos camiños para o vello folk galego - La Voz de Galicia
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ocioycultura/2012/11/03/novos-caminos-vello-folk-galego/0003_201211SC3P2991.htm
(texto engadido o día 4/ / 11/ / 12 )


A forza da música galega navega polo temporal da crise. Dixo Antón Vilar Ponte: «Interésanos máis un coro galego en Madrid que un deputado en Cortes por Galicia». «Tal foi a dedución feita por tan egrexio persoeiro a respecto do coro pontevedrés Aires d'a Terra, de grande sona a comezos do século XX. Tendo en conta que o propio Ponte era representante político galego en Madrid, maxinemos qué pensaría calquera daqueles devanceiros galeguistas ao respecto da brillante realidade que a nosa música folk está vivindo case cen anos despois daquel período». Isto escribían no ano 2000 Xoán Manuel Estévez e Óscar Losada no libro Crónica do folk galego. 25 anos de historia (TrisTram).


Unha ducia de anos despois, a situación parece outra e ata cambiou o nome: «Universalmente é música celta e aquí parece que se vai impoñendo o de música de raíz, que é máis ampla, porque, por exemplo, para os norteamericanos si falas de folk entenden que son cantautores», explica Roi Maceda, que forma parte do grupo Quempallou e traballa para a discográfica Zouma. Quempallou é unha das formacións que editou disco este ano: Vellas Novas é o seu título. Ademais actuaron en festivais como o de Pardiñas, Lorient, Brincadeira (Cambre) ou Ponte da Barca (Portugal).


Neste outono tamén Uxía Senlle publicaba disco, Andando a terra. Uxía canta a Manuel María, un traballo no que, como indica o título, canta os poemas do escritor da Terra Chá. É a maneira que ten Uxía de celebrar os seus máis de 25 anos no mundo da música, unha traxectoria que vai seguir esta liña xa que ten teño en proxecto «pór música a poemas de Saramago ou Pessoa».


Triple «Sons da lubre»


O grupo máis activo dos últimos anos está sendo Luar na Lubre, e por varios motivos: en xaneiro incorporou a súa nova voz feminina, Paula Rey; en xuño presentaba novo disco, Mar Maior (Warner España). Logo veu a xira de presentación que Bieito Romero resumía nestes datos, antes dos concertos desta semana en Palencia ou no Festival Irish Fleed de Cáceres: «Once semanas nas listas dos discos máis vendidos, 22 concertos, os catro primeiros enchendo durante catro días seguidos no Círculo de Belas Artes de Madrid. En total, máis de 40.000 asistentes». E para a próxima semana máis novidades: «Sairá outro disco, Sons da lubre nas noites de luar, un recompilatorio con tres cedés e un DVD do concerto que fixemos o 31 de xullo na praza da Quintana, en Santiago, diante de 6.000 persoas». Con todo isto, e datos como os 30 concertos do ano pasado con motivo dos 25 anos do grupo, Bieito Romero explica que Luar na Lubre tivo que reinventarse: «Agora somos empresa, estamos casi autofinanciándonos porque esta é unha música de militancia, ninguén contrata folk en Galicia; facer música é ir contracorrente».


Na mesma liña sitúanse dous históricos como Mini e Mero: «É duro dicilo, pero o momento actual é máis difícil para a música galega que cando comezamos nós hai case 40 anos». Isto dicían no encontro de música tradicional Terra de Trasancos que organizou o mes pasado o coro Toxos e Froles en Ferrol. Xosé Luis Rivas Cruz, Mini, insistía esta semana en que iso débese «a moitos factores, como é a depreciación da cultura galega, o autoodio, que non se impulse a cultura desde a Administración, e non falo de subvencións, senón de intencións».


Para Mini e Mero, que teñen recollidas «entre 14.000 e 15.000 cantigas de sempre» que queren que estean a disposición «de todo o mundo na Rede», a cultura «non se pode subvencionar, ten que camiñar por si soa», apunta o primeiro, despois de lembrar que Irmandiños é o último disco destes dous músicos, e o seu grupo A Quenlla, premiados co Pedrón de Ouro.


Roi Maceda asegura que na música galega «o problema é a visibilidade porque Galicia é moi creativa, estamos a un nivel altísimo, na primeira liña de vangarda; o problema é saber vender todo o que facemos».


Festivais si, pagando


Maceda indica que esta fin de semana ten lugar o Castañazo Rock en Chantada, onde están citados os organizadores de varios festivais galegos. A idea é facer unha fronte común que lles permita saír adiante «compartindo estratexias e medios». «Os festivais de música galega teñen moitos problemas e, polo que me din, algún, como o Irmandiños de Moeche, estivo a piques de suspenderse este ano», explica este músico.


«Moitos festivais subsistiron este ano porque fixeron a programación cos colegas», apunta Montse Rivera, de Leilía. E abre a controvertida cuestión do pagamento: «Non hai cultura de pagar por ver actuar a un grupo galego, porque durante anos a música galega foi gratis». Esta é outra liña de debate para un futuro que, segundo os gaiteiros Bellón e Maceiras, non terá nada que ver con aquel bum nos anos 90. Entenden que un dos cambios é que «estamos acostumados á subvención e agora mesmo o apoio a música é penoso, aínda que este é un problema dunha conciencia social na que se valora máis o que vén de fóra que o noso».


Salienta Bellón «todo o poder musical que ten Galicia» e apunta como están sendo as empresas privadas as que están apoiando as iniciativas musicais. Cita os casos de R ou Estrella de Galicia e asegura que «o único que vive da música é Carlos Núñez», actualmente en xira por Estados Unidos e que «actúa nos clubs de Nova York», anota Maceda, que fala tamén de Cristina Pato, que, «está a un nivel moi alto» e tamén se reinventou.


Bellón está «a favor de que se pague entrada para os festivais, como se fai en tódolos sitios do mundo» e apunta outra novidade: «Susana Seivane, que é moi amiga, fai un formato de trío e así pode viaxar fóra, porque con todo o grupo non se pode».


Montse Rivera distingue entre os organizadores dos festivais e apunta que «as empresas de contratación tamén están caendo ou reducindo persoal». E cita casos como os de Abada ou Nordesía. A portavoz de Leilía, que actuarán o día 15 no Pazo da Cultura de Narón (20.30 horas), salienta que «por un lado está a crise do mundo profesional e logo a cultura base: nunca tiven tanta xente como agora nas clases de baile». O mesmo pasa na escola BellónMaceiras de Fene, onde votou a andar esta semana unha banda «con 40 gaiteiros de todas as idades; é unha cousa que temos comentado moitas veces con Montse, de Leilía, que tamén dá clases: con esta xente o relevo está garantido».


+ 1 noticia relacionada

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Tertulia Cultural de Tempos Novos
http://www.temposdixital.com/?page_id=37
(texto engadido o día 13/ / 1/ / 10 )


Distintas persoas vinculadas ao mundo da música folque, desde a creación e interpretación, á xestión ou a crítica, conversarán arredor do que significa este estilo dentro do contexto musical do país. Entre outros, participarán Ugia Pedreira (A Central Folque), Quique Costas (Nordesía) e Xoan Manuel Estévez (autor de "Crónica do folk galego")
- tertulia- Ugia Pedreira- Quique costas- Xoan Manuel Estevez- Nordesia -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Xornal :Presentan no Clube de Prensa un número de Cartafolk adicado a Berrogüetto
http://www.xornal.com/article.php3?sid=20070222132642

Na presentación do quinto número da revista Cartafolk, unha revista que realiza monográficos sobre artistas folk e que, nesta ocasión se adicou ao grupo galego Berrogüetto, o seu director Óscar Losada, autor tamén do texto, comentou que xa tiña ganas de facer un número sobre un artista do país e salientou que Berrogüetto é un conxunto do que sentirse orgulloso dada a súa traxectoria e calidade. A banda acadou nesta década de vida un prestixio musical gañado a pulso co seu traballo "e non só a nivel galego, posto que Berrogüetto é recibido no estranxeiro con moito respecto e concita a atención dos medios especializados".

(jueves 22 de febrero de 2007)

XORNAL I Santiago.- En canto á estrutura da revista, o autor clarexou que nesta ocasión se espiu da roupaxe de crítico musical para se centrar en dar a palabra aos músicos. "Ao longo destes anos realicei varias entrevistas cos membros do grupo e ao revisalas decateime que as súas respostas daban unha boa medida do que opina a banda sobre a súa traxectoria, os seus temas e o negocio da música en xeral e decidín apostar por iso en troques de avaliar cada álbum da banda en formato de crítica. Iso fíxeno coa revista dos Capercaillie, pero cómpre pensar a visión que mellor se axusta a cada artista segundo o material do que se dispón".
Pola súa banda, Guadi Galego expresou que Berrogüetto naceu nun tempo fantástico, "onde a música galega se atopaba nun momento emerxente". A cantante considera que o gran éxito da banda "é poder vivir da música", e salientou que a clave da formación era a súa tímbrica, "que aporta un son propio, algo difícil de acadar".

Guillermo Fernández amosou o seu agradecemento a que existan proxectos como Cartafolk "porque os músicos atopamos moitas dificultades para difundir o noso traballo, polo que estas iniciativas son moi benvidas". O guitarrista do grupo dixo que na revista se recollen os momentos máis significativos da formación e que o autor do texto non amosa unha actitude complacente, "senón que opina con claridade sobre o que lle parece a nosa obra".

Finalmente, Losada lembrou que Milladoiro non foi a banda que inaugurou a revista porque naquel tempo saíra ao mercado unha biografía escrita por Xoan Manuel Estévez "e o que non tiña sentido era realizar dous traballos semellantes". Agora, pasados xa uns anos e con novas obras de Milladoiro no mercado, o director de Cartafolk marca o ano do trinta aniversario da mítica formación como un momento excelente para publicar o seu monográfico.

Tamén adiantou que este ano saíra á venda a revista adicada á banda ferrolá Ós Cempes, disolta recentemente.

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::






buscar mais información
sobre Xoan Manuel Estevez en
Ghastas Pista?

Voltar á páxina anterior

Ghastas Pista?

Falándoche de música galega dende o Século XX
info@ghastaspista.com

[ Discos ]-[ Historia..]-[ Novas ]-[ Concertos ]-[ Radio ]-[ De copas ]
[ Foro ]-[ Actualizacións ]-[ Videos ]-[ Outras ]