Resultados para:

Voces Ceibes
XML



   >> Iniciar Sesión  


Buscar información
sobre outro grupo / etiqueta:



Novas que incluen 'Voces Ceibes':


Miro Casabella en Moaña
https://www.facebook.com/photo.php?fbid=1813799515333215&set=gm.2109664055943176&type=3&theater
(texto engadido o día 12/ / 5/ / 18 )


O sábado 12 de maio ás 22:30 horas e cunha entrada anticipada de 3€, concerto de Miro Casabella no Var Con Uve, teléfono de reservas 986 31 09 91.
Miro Casabella é o último representante en activo de Voces Ceibes, foi galardoado co Premio Especial da música Var con Uve 2010, no apartado do patrimonio musical de Galicia, pola súa aportación singular á historia musical de Galicia, recoñecéndolle o importante labor feito polo grupo Voces Ceibes nos anos 60, cando aínda cantar, e moito máis en galego con letras comprometidas coa lingua, a sociedade e a política, era algo máis que un atrevemento que se pagaba con cadea e represalias profesionais.
A traxectoria artística de Miro como compositor e cantante está estreitamente vencellada ó movemento da Nova Canción Galega e á historia contemporánea de Galicia. Miro puxo música e voz á poesía galega medieval e aos poetas galegos contemporáneos. Comprometido co país, coa cultura e co idioma galego, algunhas das súas cancións son xa himnos, símbolos dun tempo.

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



R estrea un documental sobre a música galega nos anos setenta
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/television/2013/05/25/r-estrea-documental-sobre-musica-galega-anos-setenta/0003_201305G25P58991.htm
(texto engadido o día 25/ / 5/ / 13 )


«De Voces Ceibes a Milladoiro», dirixido por Antón Seoane, conta o cambio entre 1973 e 1978

Foron anos «emocionantes». Así cualifica os cinco anos entre 1973 e 1978 Antón Seoane, integrante de Milladoiro e codirector do documental que hoxe se presenta no Centro Galego das Artes da Imaxe, De Voces Ceibes a Milladoiro. Unha memoria do movemento popular da canción galega. O documental, coproducido por R e Casa de Tolos, estrease ás seis da tarde na sede coruñesa do CGAI, pero xa pode ser visto polos clientes da plataforma galega que estean subscritos á canle musical Tolemias.
Segundo Antón Seoane, este documental «é a terceira pata dun banco formado por un libro e un disco nos que se contan as vivencias dun tempo que foi moi emocionante de vivir». Guiados por Seoane, no documental hai outras voces para contar eses cinco anos que cambiaron a música en Galicia. Pilocha, Rodrigo Romaní, Bibiano, Miro Casabella, Vicente Araguas, Nonito Pereira ou os que, antes de Milladoiro, formaban Faíscas do Xiabre.
Seoane sinalou na presentación do documental que nin a película nin o libro e o disco, que poderían saír antes do verán, «son un tratado histórico senón a recollida dunhas vivencias dun tempo».
O documental conta eses cinco anos desde o momento en que a música galega comeza a tomar protagonismo ata o día en que se se pode «dicir que naceu Milladoiro». Seoane asegura que na película «non están todos os que son, houbo quen non quixo falar e quen non puído», e comenta o caso de Luís Emilio Batallán quen lles asegurou que non lembraba nada de aquilo.
O codirector da longametraxe, Segundo Grandío, explicou que este é «o primeiro documental que poñemos en marcha desde Casa de Tolos», sinalou tamén que o seu carácter musical «complementa moi ben a oferta da canle ao que vai destinada, Tolemias». Grandío explicou que esta película documenta un momento clave na música folk, argumentando que «sen Milladoiro non se pode entender a música folk, sería radicalmente distinta». Grandío apuntou que a película era «moi amena e descubre algunhas novidades dun tempo fundamental para a o que hoxe se entende por música galega».
Para Alfonso Martínez, responsable de contidos de R, «é un fito estrear un documental coma este e completar unha oferta de vídeo baixo demanda nunha canle na que se xa se poden desfrutar 75 concertos».
Segundo as cifras do operador, na actualidade Tolemias conta con máis de 2.000 subscritores mentres que R conta con 100.000 abonados. A subscrición a esta canle custa 0,90 euros máis IVE.

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Moaña volve repartir os Grammy galegos - Faro de Vigo
http://galego.farodevigo.es/portada-o-morrazo/2012/02/09/moana-vuelve-repartir-grammy-gallegos/622147.html
(texto engadido o día 13/ / 2/ / 12 )


(Fotografía: Integrantes do xurado, xunto ao responsable do Var con Uve, anuncian os gañadores. // Gonzalo Núñez)

Achégase marzo e, por terceiro ano, entregaranse os Premios dá Música Var con Uve, uns galardóns que reúnen en Moaña aos personaxes e grupos máis destacados da escena tradicional galega. O cantautor e fundador de Voces Ceibes Vicente Araguas será o gran protagonista dunha gala na que tamén se premiará ao gaiteiro Anxo Lorenzo, aos grupos Luar na Lubre e Ludovaina, á Agrupación Cultural Folclórica Breogán e ao grupo de canción de taberna Trío Ruada. Mención especial terá o trompetista moañés José González Galo (Pepe Chiné).

FRAN G. SAS - MOAÑA Os que empezou como un evento para dinamizar culturalmente o barrio de Abelendo está a converterse, aos poucos, nun referente da música tradicional galega. Trátase dos Premios dá Música do Var con Uve, que desde fai tres anos entréganse neste local moañés. A repercusión lógraa pola traxectoria e calidade dos galardoados, que acoden a unha gala na que se pode ver aos máis selecto da música do país.
Este ano, os premios correspondentes a 2011 entregaranse o 17 de marzo a partir das 22.00 horas. O galardón máis simbólico, o que recoñece a unha persoa ou grupo como "patrimonio musical de Galicia" pola súa achega singular á música da comunidade, levarallo este ano o cantautor Vicente Araguas, nacido en Xuvia (Neda) que pasa por ser un dos fundadores do movemento Voces Ceibes cuxos integrantes se destacaron, a partir de 1968, polas súas letras de compromiso con Galicia e contra a ditadura. "Sempre estivo na primeira liña loitando contra unha situación de opresión, mediocridade e miseria cultural coma a de entón", explica Luís de Nascidas, integrante do xurado e que se encargará de presentar a gala. Actualmente Araguas comparte a actividade docente coa de crítico literario e tamén publicou varios libros.
Outro dos premios máis importantes é o que recoñece unha vida dedicada á música. Recae en José González Galo (Pepe Chiné), un veciño de Moaña que exerce como músico na orquestra A Bámbola, despois de traballar en distintos conxuntos como a orquestra Os Magos de España. En compañía da súa trompeta actuou en escenarios de medio mundo.
O nome máis mediático de cuantos recibirán a estatuílla deseñada polo escultor Manuel Varela, é o do grupo Luar na Lubre, que recibirá o galardón ao grupo ou solista de Galicia de maior proxección internacional. O nome deste conxunto fundado en 1986 foi o máis votado polos seguidores do Var con Uve en Facebook. Unhas 300 persoas colaboraron co seu voto na selección final. Cuns ritmos baseados fundamentalmente na música de raíz galega pero sen renunciar ás composicións propias, Luar na Lubre consolidouse como a banda máis internacional de Galicia. Desde Palestina a Canadá e desde Arxentina a Alemaña, son embaixadores da cultura propia ao longo de todo o planeta.
En canto ao músico moañés con maior proxección, o gaiteiro Anxo Lorenzo foi o elixido. As súas actuacións por toda Europa nos últimos dous anos e o recente triunfo no festival Folkherbst de Plauen (Alemaña), seguro que inclinaron a balanza. A Agrupación Cultural Breogán será premiada pola promoción do folclore tradicional e o Trío Ruada foi elixido o apartado de canción de taberna. O grupo de raíz que máis gustou ao xurado foi Ludovaina.
Xurado
O comité que decidiu os nomes está formado polo presentador, polo gaiteiro Xosé Manuel Budiño, polo músico e luthier José Bermúdez "Ou Peix" e polo técnico municipal de Cultura Manuel Rúa.

- Var con Uve- Luar Na Lubre- Ludovaina- Anxo Lorenzo- Vicente Araguas- Xosé Manuel Budiño -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Acústico de Miro Casabella en Moaña
http://www.xeadodetoxo.com/cultura/ac%C3%BAstico-de-miro-casabella
(texto engadido o día 1/ / 7/ / 11 )


O cantautor natural de O Valadouro e derradeiro compoñente en activo do colectivo Voces Ceibes, Miro Casabella, mañá sábado 2 de xullo ás dez e media da noite vai ofrecer un concerto no Var con Uve ((rúa Soage Hermida 115, Abelendo, Moaña). Neste directo de balde, Miro contará coa colaboración especial do gaiteiro moañés Xosé Manuel Budiño.
- Miro Casabella- Xose Manuel Budiño -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



A memoria das voces
http://www.vieiros.com/nova/72029/a-memoria-das-voces
(texto engadido o día 15/ / 2/ / 09 )
Mario Regueira analiza os libros presentados nas últimas semanas sobre Benedicto e Miro Casabella.

É sabido que os movementos da canción protesta dos 60 e 70 sufriron os seus propios procesos de marxinación e esquecemento, especialmente aqueles que tentaron ser feitos en linguas minorizadas. Porén, vascos e cataláns conservaron até hai pouco a vixencia musical e testemuñal dalgunhas das figuras que formaran en tempos Els Setze Jutges e Ez dok amairu, e apesar do ocaso e desaparición destes movementos podían dar por boa a experiencia e desfrutar de músicos como Lluís Llach ou Mikel Laboa. Fronte a isto o equivalente galego foi completamente arrasado polo tempo, probabelmente pola acción da súa propia precariedade, pero tamén con sombras de liortas internas. Apenas Suso Vaamonde e Miro Casabella continuaron algo semellante a unha carreira musical propia, nos dous casos con similares ou maiores dificultades que na etapa precedente.

O reflexo do colectivo en publicacións foi practicamente nulo durante moitos anos. Até os dous libros que nos ocupan, a única obra publicada, aparte dalgúns artigos, era Voces Ceibes de Vicente Araguas, editada por Xerais no ano 1991, a medio camiño entre a crónica e libro de memorias. Tamén o recompilatorio Noticia da Nova Canción Galega, dirixido por Suso Vaamonde, merece unha mención especial, pois recollía as primeiras gravacións realizadas por membros do grupo.

Porén, a verdadeira recuperación do legado de Voces Ceibes chegou, probabelmente, da mao dun momento tecnolóxico distinto, e protagonizado por páxinas web, máis que por proxectos editoriais ou discográficos. Labouras de recuperación como as levadas a cabo por Ghastas Pista, ou a primeira etapa d'A Regueifa, que chegou a publicar no seu netlabel un concerto de Benedicto e Bibiano. Este interese completouse nas páxinas persoais dos propios protagonistas, como o caso de Benedicto ou Bibiano, alentando á "pirataría" ou disponibilizando directamente discos que levaban máis de trinta anos sen editarse. Finalmente a día de hoxe, a práctica totalidade do catálogo de Voces Ceibes pode ser atopado na rede a un par de golpes de buscador, feito este que devolve tamén o seu legado cultural ás novas xeracións, tras tantos anos sepultado. Unha nova vixencia que non podía pasar desapercibida para o mundo editorial, que da mao das dúas grandes editoras lle dá a súa cumprida resposta.


Sonata de amigos, as memorias de Benedicto

Sonata de amigos

Benedicto García Villar
Vigo. Edicións Xerais de Galicia, 2008, 17 €
Rústica con lapelas, 178 páxs.; 17 x 24

O libro de Benedicto é un exemplo de como mudaron os tempos dende aquel Voces Ceibes de Vicente Araguas. Formalmente dentro da mesma colección ("Crónica"), o seu formato é completamente distinto, máis grande e cunha maquetación máis xenerosa co lector en canto ao tamaño da letra. Pero alén destas mudanzas, se cadra o máis destacábel é a enxurrada de documentos inéditos que incorpora e que, apesar das limitacións do branco e negro e do tipo de papel empregado, constitúen un factor importante a ter en conta, especialmente se valoramos o feito de que moitos deles non poden ser atopados (aínda) na rede. Cartaces, follas voandeiras, cartas das discográficas ou borradores das cancións do autor, alén da súa importancia documental, consiguen darnos unha sensación de proximidade coa época rememorada por Benedicto, e permítennos deternos nos aspectos máis anecdóticos e cotiás do que foi o movemento.

As memorias de Benedicto adican unha parte fundamental do seu desenvolvemento á Voces Ceibes. Porén, hai que aclarar que son sobre todo un exercicio persoal, moito máis persoal se cadra que o de Araguas, que á fin pretendía historiar o discorrer do movemento. Sonata de amigos fala sobre todo do Benedicto cantor, pero sempre dende unha óptica absolutamente persoal, na que o colectivo ten o seu papel, pero sempre en función de como foi vivido polo narrador, renunciando de entrada a facer máis xuízos sobre o mesmo que os estrictamente necesarios. Ao lado de Voces Ceibes, aparece tamén a aventura galego-portuguesa que supuxo para el o contacto e colaboración con José Afonso (co que estrearía Grândola nun concerto en Compostela), así como o tempo no que fixo parcería con Bibiano, a época dos festivais antifranquistas por Europa... pero tamén, e cunha sinceridade e proximidade dignas de loubanza, as súa época escolar, as circunstancias familiares, a súa vocación de mestre, ou o traballo sindical rematada a dictadura. O estilo é o mesmo que lle coñeciamos doutros artigos de memorias espallados pola rede: conciso e sinxelo, cunha linguaxe coloquial que consigue involucrarnos no narrado.

Apesar das posíbeis discrepancias políticas co que enuncia Benedicto (e que poden comezar polo mesmo prólogo e continuar nalgunha valoración puntual sobre o final do movemento), hai que recoñecer que a súa figura é capaz de levantar por si mesma, coa súa sinxeleza e proximidade, todo o libro. A sensación final é a de estar ante a experiencia dun home que fixo sempre, cunha dose de paixón e sinceridade envexábeis, aquelas cousas nas que creu.


Miro Casabella, inmenso traballo documental


Miro Casabella e a Nova Canción Galega
Xan Fraga
Vigo. Editorial Galaxia, 2008, 28 €
Rústica con lapelas + CD, 144 páxs.; 24 x 21

Ben distinta é a aposta da Editorial Galaxia, nesta ocasión un libro documental feito por Xan Fraga que se centra na figura de Miro Casabella, pero que aporta tal cantidade de información que ben serviría para documentar todo o movemento de Voces Ceibes, ou mesmo a historia da canción galega durante eses anos. Nun formato moi coidado, que prima moito o aspecto visual, o libro de Xan Fraga achégase ao concepto do libro obxecto que ademais é acompañado dun cd de oito temas, unha escolma da traxectoria musical do cantor de Ferreira do Valadouro efectuada por el mesmo. Apesar do atractivo deste agasallo, cabe dubidar, en relación ao momento tecnolóxico mentado anteriormente, se non podería estar mellor aproveitado, ofrecendo material inédito, (aproveitando o feito de que o autor é o último membro de Voces Ceibes en activo), ou polo menos reeditando completo algún dos traballos que non viu nunca o formato dixital.

O seu desenvolvemento segue a carreira de Miro, aínda que analizando esa traxectoria no marco común do que estaba a ser a música galega e estatal naquela altura, cun traballo de documentación que se presinte intenso e intachábel, xa que tamén remite a outras realidades internacionais coas que a canción galega estivo fortemente ligada. Resalta o facilmente que pode oscilar o libro entre as anécdotas persoais de Miro e esa outra perspectiva xeral que atinxía a todo o movemento, nun equilibrio moi ben conseguido. Así xunto a informacións das loitas sociais da época, podemos saber das dificultades legais de Miro para poñerlle Eusenda á súa filla, e xunto ao apartado adicado á historia do colectivo, non falta tamén un sobre a experiencia de Miro no grupo Doa, ou sobre os anos de inactividade do cantor. Do mesmo xeito, trátase de ofrecer unha versión obxectiva xeral, aínda que en ocasións as valoracións do autor ondean por riba desa intención, e noutras botamos en falta que se deixe escoitar un pouco máis a versión ou as opinións de Miro, o verdadeiro protagonista do libro.

En calquera caso, e aínda que o texto non desmerece e está a altura, non cabe dúbida de que a faceta máis atractiva da obra é a visual e documental. Multitude de fotos persoais do músico, unha discografía completísima da época, con reproducións das carátulas dos discos (incluídas moitas rarezas), cartaces de concertos e o inevitábel cancioneiro... o aspecto gráfico sobresae dun xeito indubidábel, e ademais ten o aliciente de estar acompañado, entre outros documentos, da transcrición dos informes policiais da época. Sen dúbida un formato que o movemento de Voces Ceibes merecía, como o merecía a senlleira figura individual de Miro Casabella, e que agardamos que sente un precedente para futuros traballos.



- Voces Ceibes- Grupo Doa -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Benedicto: `Existe unha lenda negra sobre Voces Ceibes´
http://www.anosaterra.org/nova/existe-unha-lenda-negra-sobre--voces-ceibes-.html
(texto engadido o día 1/ / 2/ / 09 )


Foto: Paco Vilabarros


(Mar Barros)

'Botar unha ollada serena para atrás' é a intención coa que Benedicto García Villar (Compostela, 1947) escribiu o seu libro de memorias 'Sonata de amigos' (Xerais). Nas súas páxinas, este fundador de Voces Ceibes, rememora as súas orixes, a súa formación, a loita antifranquista e a música entendida como instrumento de intervención social.

No libro ofrece unha crónica biográfica que é a vez musical e persoal. Nela narra todos os camiños posíbeis que tiña un mozo dos anos 60.
 
Vivíamos unha situación de ditadura. Todo estaba prohibido para un mozo daquela época que se interesase pola música. Foi realmente difícil porque existía un muro tremendo ao que enfrontarse, unha parede que semellaba inexpugnábel. Co tempo decatámonos de que era posíbel derribalo coa forza colectiva. Se algo saquei en limpo daquela época foi precisamente o valor do colectivo. Naquel caso resultou ser o grupo de canción Voces Ceibes e con eles fixen a travesía.
 
Como empezou vostede na música? Como aprendeu a tocar a guitarra?
 
Fun autodidacta, (ri), por iso nunca cheguei a tocar ben. O feito de cantar xa me viña do colexio La Salle, no que estudei en Compostela, onde formei parte do coro dende pequeno. Non sei explicar ben por que escollín o camiño da música. Na miña familia non existían antecedentes, pero aquilo de cantar presentóuseme como algo realmente importante, máxime cando me topei co público, co feedback, e sentín que lle chegaban as mensaxes, que contestaba e arroupaba o meu traballo. Foi tamén a miña maneira de protestar.
 
As súas influencias musicais son diversas pero, de que bebeu máis: da canción francesa, dos cantautores norteamericanos ou quizais dos cantantes en catalán?
 
Un pouco de todo. Despois de cantar en latín no colexio comecei a cantar en catalán os temas de Raimon. Dunha maneira totalmente casual, este cantautor catalán actuou no colexio maior no que residía cando estudaba Telecomunicacións en Madrid. Quedei absolutamente impactado. Comecei entón a cantar en catalán. Un grupo de compañeiros suxeriume que, do mesmo xeito que interpretaba en catalán, podía facelo en galego. Ese foi o motivo que me levou a escribir o tema O home, en galego. Era unha elección dobremente contestataria, cantar e facelo en galego.
 
Con todo, na súa obra translócese unha influencia e, sobre todo, unha gran admiración por Zeca Afonso.
 
Evidentemente. José Afonso foi un ídolo para min. Traballei con el só dous anos pero foi o meu mestre non só musical senón tamén espiritual e ideolóxico. Era un home dunha sensibilidade fóra de toda norma. Vivir ao seu lado era sempre motivo de algo interesante. Estreou en Santiago o tema Grândola, Vila Morena en abril 1972, na Facultade de Económicas. Estaba no escenario con el, porque naquela época o acompañaba coa voz e a guitarra. O público estaba moi receptivo e ocorréuselle cantala a pesar de que non estaba previsto no programa. Agarroume polo brazo, do mesmo xeito que fan os coros alentexanos, e fíxome acompañalo. Logo viría a historia e a decisión dos militares de sacar o 25 de abril en Radio Renascença, curiosamente a radio da Igrexa, o tema do Zeca, á hora prevista como sinal do levantamento.
 
Esa admiración por un músico como Zeca, tamén significaba un anhelo por lograr a calidade dos seus arranxos musicais?
 
Iso era imposíbel. Sempre digo que se non fose portugués José Afonso sería un cantor mundialmente recoñecido, máis que os americanos. Era un monstro, tanto dende o punto de vista compositivo como interpretativo. Os seus arranxos e as súas cancións eran espeluznantes. Por outra parte, todos recoñecemos que Voces Ceibes era un movemento necesario pero que non destacou polo nivel artístico dos seus integrantes. Nós fixemos o que se podía facer, que xa era moito. Puxémonos a cantar en galego cando era, daquela o máis absurdo do mundo. Malia todo, os que posteriormente decidimos apostar pola música de xeito profesional dedicámoslle moito tempo á formación.
 
Outra persoa que cita como clave na súa música foi Celso Emilio Ferreiro. Que significaron os poetas galegos, tamén Lois Diéguez e Manuel María, para Voces Ceibes?
 
No meu caso Diéguez foi moi importante. Cantei temas dun cancioneiro que me mandou Manuel María con coplas feitas a máquina por eles dous. Púxenlle música a tres das asinadas por Lois Diéguez, Loitemos, No Vietnam e A voz do pobo, que formaban parte do primeiro disco. Foron ademais, en certo sentido, os abandeirados de Voces Ceibes. Habería ademais que nomear, aínda que non era letrista, a Xesús Alonso Montero, que tamén estivo detrás animando.
 
Chama o libro Sonata de amigos mais a historia de Voces Ceibes e as súas diversas continuacións tamén é unha historia de desencontros. Tivo que ver con isto as distintas militancias políticas dos seus integrantes?
 
Discrepo de que esta fose unha historia de desencontros. Gardo un recordo magnifico de todos eles. No recital que se acaba de celebrar en Compostela para festexar o corenta aniversario de Voces Ceibes, rememorando aquel concerto emblemático de Medicina, constatouse esa boa relación. Existe unha lenda sobre Voces Ceibes en canto a relación entre os seus membros. No referido á cuestión política, os que eramos militantes, Bibiano, Xerardo Moscoso máis eu, estabamos adscritos ao PCG. Outros militantes non había.
 
Que tiñan contra vostede os gobernadores civís?
 
Gustábamos moito (ri). O feito de cantar en galego o que cantabamos era como meterlles o dedo nun ollo. Pero hai un informe da policía do 1970 onde o autor, que era da [Brigada Política] Social, por suposto, demostra ter unha enorme simpatía polo grupo. Na relación que fixo do resto de cantores da época que non pertencían a Voces Ceibes citou a Juan Pardo ao que lle criticaba, por oposición, "a mala calidade" e o feito de ser "comercial".
 
Gravar co selo catalán EDICSA sinalaba tamén as carencias do noso país naquel tempo.
 
Todo quedaba por facer e aínda se tardou en crear un selo galego. Logrouse a mediados da década dos 70, na Coruña, pero durou catro días.
 
En 1975 cantaban para 5.000 persoas nun pavillón. Que dano lles fixo a vostedes a Transición?
 
Foi moi dura. Fomos todos vítimas do desencanto. Desincháronse todas as estruturas en que actuaramos e atravesamos momentos moi duros. Despois esmoreceu todo.
 
En 1980 coincidiu a súa despedida da música co seu abandono do PCG, estas dúas decisións teñen algún tipo de lectura?
 
Coincidiu. Efectivamente deixei de cantar e de militar. Logo dediqueime a dar clase como mestre.
 
Coa perspectiva que dan os anos, que importancia lle daría a Voces Ceibes dentro da historia da música do país?
 
Facendo unha lectura seria e non excesivamente pasional, aquilo foi necesario para que agora gocemos dunha pluralidade de intérpretes e de formacións, tanto de canción de autor como de estilos máis contemporáneos. Fomos ademais os primeiros en cantar en galego, en dar os primeiros pasos na normalización do idioma no eido da música e iso non o pode negar ninguén.


...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Voces Ceibes
http://elprogreso.galiciae.com/nova/21896.html
(texto engadido o día 16/ / 12/ / 08 )
Maria Xesús Nogueira .
A Pasada semana a Universidade de Santiago e a Fundación 10 de Marzo celebraban unha homenaxe ao grupo Voces Ceibes con motivo do corenta aniversario da súa creación. O lugar escollido para o evento, o Salón de Actos da Facultade de Medicina, non podía ser máis significativo, pois foi alí onde os membros do grupo conseguiran organizar, en abril de 1968, e sorteando as coñecidas prohibicións do réxime, un concorrido e exitoso concerto no que soaron as cancións do que sería o xermolo do grupo. O público que ateigaba a sala saíu cantando ‘Venceremos nós’, versión galega do himno pacifista ‘We shall overcome’ popularizada nas revoltas estudantís dos anos sesenta.

Corenta anos despois, os membros de Voces Ceibes (coa excepción de Xerardo Moscoso, que saudou o acto desde as súas terras mexicanas de residencia) volveron subir ao escenario para entoar o mítico himno e facernos lembrar que Galicia tivo, nuns tempos marcados polas mobilizacións estudantís e pola loita antifranquista, a súa particular banda sonora. Nacía por aqueles anos a chamada Nova Canción Galega, interpretada por voces que, andando os anos, habían ter unha traxectoria diversa: Benedicto, Vicente Araguas, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso, Xavier González del Valle ou Miro Casabella.

Entre os méritos de Voces Ceibes cómpre salientar o feito de teren creado unha alternativa á música popular galega, estancada naquela altura na vertente tradicional. Non foi menor o labor de difusión que fixeron, coas súas versións, da poesía dalgúns autores, moi especialmente de Celso Emilio Ferreiro.

O marco político da transición democrática, a deriva da poesía galega cara a un abandono do verso social e a popularización entre nós de novos modelos musicais, os máis deles de procedencia anglosaxona, arrombaron na desmemoria durante algún tempo os derradeiros acordes de Voces Ceibes.

Nos últimos anos, a música popular galega experimentou importantes transformacións, axudada sen dúbida polas novas formas de difusión, entre as que Internet ocupa un lugar principal. Das voces máis novas xurdiron numerosas e variadas alternativas á música tradicional que van da canción de autor ao punk ou ao hip hop. As novas propostas semellan fortalecer un sector ben necesitado de normalización lingüística e historicamente
ameazado por presións externas. Neste novo escenario, resulta curioso comprobar como algunhas destas voces volven beber das fontes inesgotábeis dos nosos poetas e chegan mesmo a versionar algúns dos temas de Voces Ceibes. Velaí están, por citarmos só algúns nomes, Tino Vaz, O Leo i Arremecághona, García, ou Ataque Escampe, intervindo na realidade social coas súas mensaxes e facendo vibrar coa voz da poesía galega os auditorios. Velaí tamén ronsel revolucionario de Voces Ceibes.

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



A Fundación 10 de Marzo presenta o Libro "SONATA DE AMIGOS", de Benedicto García Villar
http://www.galicia.ccoo.es/f10m/cronica/benedictogarciasonatadeamigos.html
(texto engadido o día 10/ / 12/ / 08 )


NOVA ACTUALIZADA
“O vindeiro venres 12 de decembro, ás 19.30 horas, presentarase no Salón de
Actos da Fundación Caixa Galicia (rúa do Vilar, 19; Santiago de Compostela) o
libro de “Sonata de amigos”, de Benedicto García Villar, editado por Edicións
Xerais de Galicia en colaboración coa Fundación 10 de Marzo

Tomarán a palabra Manuel Bragado, director xeral de Edicións Xerais de Galicia,
Víctor Santidrián, director da Fundación 10 de Marzo, Emilio Pérez Touriño,
presidente da Xunta de Galicia, e o autor, Benedicto García Villar. Durante o acto
Marcos Teira interpretará unha peza musical”.



Benedicto (García Villar)
Naceu en 1947, en Santiago de Compostela. Estudante antifranquista que
coñeceu o 68 compostelán, fundador de Voces Ceibes, compañeiro de José
Afonso, cantor con tres discos ás súas costas (Eu son a voz do pobo, Pola unión,
O nome das cousas), militante comunista contra a ditadura, mestre vocacional,
sindicalista, animador de mil causas, amigo dos seus amigos… Son aspectos moi
variados dunha traxectoria vital que se pode resumir nun sinxelo título: cidadán por
un mundo máis xusto.

Sonata de amigos
“Non está de máis botar unha ollada serena para atrás. Iso pretendín con estas
notas, subxectivas e apaixoadas ata o tormento, das que o único responsable é
quen isto escribe, que exerce libérrimo o dereito da memoria, conscientemente
selectiva e neuroticamente teimuda”. Son as palabras coas que Benedicto (García
Villar), un dos fundadores de Voces Ceibes, presenta Sonata de amigos.
Benedicto abre ao lector a intimidade da súa memoria cunha mirada ao pasado
que busca, como cada un dos pasos dados polo autor ao longo da súa vida,
contribuír á mellora do presente.
Nas páxinas deste volume Benedicto rememora as súas orixes familiares, que o
unen para sempre a Santiago de Compostela, cidade universitaria onde viviu a
revolta estudantil de 1968, orixe dos variopintos compromisos cívicos do autor:
dende a loita antifranquista ata a construcción do sindicalismo democrático; dende
a música entendida como instrumento de intervención social ata o ensino como
palanca de transformación; dende o uso da palabra escrita ata a reivindicación da
amizade como elementos dun mundo máis humano.
Por Sonata de amigos desfilan acontecementos e personaxes claves da nosa
historia. Sen eles tanto a historia recente de Galicia como o noso presente serían
distintos.

+ 1 noticia relacionada

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Vicente Araguas revelará `O que non contei en Voces Ceibes´
http://www.radiofusion.eu/rfusion/contidos/vicente_araguas_revelara_o_que_non_contei_en_voces_ceibes
(texto engadido o día 9/ / 12/ / 08 )


Erguéronse a voz en canto hai corenta anos contra o franquismo, nun
concerto inesquecible na Facultade de Medicina da Universidade de
Santigo. A lenda de Voces Ceibes reconstruíuse a pasada semana nun
recital de homenaxe no escenario orixinal ao que asistiron os
membros orixinais daquela aventura musical e reivindicativa. Entre
eles, o poeta e escritor Vicente Araguas, quen anunciou en
Radiofusiòn que a celebración deste novo recital serviralle de punto de
partida a un novo libro que continuará o seu ensaio do ano 1991
sobre Voces Ceibes, e que editará Xerais. Ao respecto da vixencia do
ideario de Voces Ceibes, Araguas considera que a canción de crítica, a
canción de sátira que el mesmo puxera en práctica, sempre debe
estar presente. O autor natural da vila coruñesa de Neda rastrexa a
pegada dese verso reivindicativo na poesía actual galega, "que se
nutre desa tendencia sociopolítica", e entre a que salienta o nome de
poetas como Daniel Salgado

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



4 de decembro: Homenaxe a Voces Ceibes

(texto engadido o día 2/ / 12/ / 08 )


O vindeiro xoves 4 de decembro, a partir das 19,30 horas, a
Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa
Fundación 10 de Marzo, realizará unha “Homenaxe a Voces Ceibes”

Noticia enviada por Fundación 10 de Marzo

- Voces Ceibes -

+ 7 noticias relacionadas

1 comentario
:: Enlace a esta nova ::



‘Neste país interesa máis aparentar, enviando embaixadas culturais’
http://www.apeneira.com/seccion/entrevistas/entrevistas_feitas/miro_casabella.php
(texto engadido o día 5/ / 11/ / 08 )


Se falamos de Ramiro Cecilio Casabella López (Ferreira do
Valadouro, 1946) estamos a falar de canción galega. Miro Casabella,
nome polo que se lle coñece máis, estivo vencellado nos seus inicios
ao grupo Voces Ceibes e máis adiante ao grupo de folk DOA. Agora, a
piques de publicarse a súa biografía, preséntase na Coruña o día 16
de outubro (Teatro Rosalía de Castro, 21 horas), cun concerto en
compañía do cantautor catalán Raimon. Todo un luxo.


(...)
Que lembra do primeiro encontro con Raimon?

O primeiro encontro foi nun cine, no meu pobo, sendo eu un rapaciño
de 16 anos, vin un documental no que aparecía un rapaciño cantando
unha canción estupenda, Al vent. Quedei abradiado de ver a alguén
cantando nun idioma mal visto. Ese foi o meu despertar a unha nova
canción e empecei a cantar no meu idioma, o galego. Ese foi o meu
primeiro encontro. Un ou dous anos despois fun a Barcelona a velo
actuar, e empecei a cantar dunha forma intencionada e tamén con
intención.

Cando comezou no mundo discográfico de Barcelona estaba moi por
diante de Galiza neste aspecto,e os músicos galegos que tiveron que
graver en Cataluña. Mudou moito a situación hoxe en día?



Daquela non é que Cataluña estivese moito máis adiante, é que
Galicia non estaba. Non había nin aparatos para escoitar os discos.
Agora mesmo a cousa si mudou moito neste senso. Agora editar un
disco non é nada complicado. O problema é a distribución e a crise da
industria por mor da piratería.

Que queda do espíritu de Voces Ceibes nos músicos actuais?

Quedo eu. Eu son o primeiro e o derradeiro de Voces Ceibes. Dos que
comezamos a cantar por aqueles anos xa non queda ningún. Estou
eu, que nunca deixei de cantar. Estiven un tempo calado, pero
escoitando, simplemente.

Da crítica á ditadura ata o Prestige tocou moitos temas. Cales son os
que lle interesan na actualidade?


Séguenme a interesar as cousas que nos están pasando cada día. É
por iso que continuan vixentes as cantigas dos poetas, e eu sigo
traballando nelas, xa que falan da emigración, de estimarnos a nós
mesmos, de combatir o odio.... O noso combate é diario.


Rematamos, se lle parece, falando dos proxectos de futuro.

Neste país proxectos de futuro teño poucos. O meu proxecto de
futuro, de momento, é ir cantando... Tentei facer unha serie de
actuacións polos institutos galegos, pero non o conseguín, os meus
intentos non saíron adiante. Neste país interesa máis aparentar,
enviar embaixadas culturais para mostralas ao mundo, pero o
primeiro que temos que facer e mostralas aquí, na casa. Cos cartos
gastados no aniversario do Himno poderíamos ter feito moito aquí.

Polo momento, o meu futuro é o que me vaia deparando cada día.
- Grupo Doa -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



O legado da canción protesta
http://www.anosaterra.org/index.php?p=nova&&id_nova=16577
(texto engadido o día 5/ / 11/ / 08 )


Son voces protagonistas da lembranza (e permanencia) dunha época na que
agromou a reinvindicación da cultura e a lingua propia, nos estertores do
franquismo. Miro Casabella e Raimon contan para ANT TV as dificultades polas
que pasaron durante o fascismo, pero tamén como despois foron ingnorados.



A loita contra a inxustiza e o sometemento de Galiza e a reivindicación da lingua
tiveron unha voz propia nos estertores do franquismo: o 9 de maio de 1967, o
cantautor Raimon (Xátiva, 1940) ofreceu un concerto no estadio universitario de
Compostela, que sería o punto de partida deste movemento da canción protesta.
O paraninfo da facultade de Medicina da mesma universidade acolleu, case un
ano despois (o 26 de abril do 68), un recital no que se musicaron poemas,
nomeadamente de Celso Emilio Ferreiro, e se interpretaron composicións propias.


Benedicto cantou "Eu son a voz do pobo", "Un home", "Loitemos e Carta" a "Fuco
Buxán"; Xavier, "Monólogo do vello traballador", "María Soliña", "Romance
incompleto" e "Longa noite de pedra"; Guillermo Rojo, "Quen tivera vinte
anos", "Tirade ao chan os fusiles", "A vós irmáns", "Señor, eu fun poeta"; Xerardo
Moscoso, "Deuda cumprida" e "Réquiem Nº II" e Vicente
Araguas, "Comunión", "A cea" e "Eles non sabían cantar". En maio, xuntáronse
Araguas, Benedicto, Xavier e Moscoso, amais de Margariña Valderrama e Alfredo
Conde, coa idea de crear un colectivo semellante ao catalán Els setze jutges ou
os vascos Ez dok amairu.

Aí naceu Voces Ceibes. En xuño dese ano, por medio de Salvador García
Bodaño, acordouse co selo Edigsa, de Barcelona, publicar o primeiro disco de
cada un dos catro compoñentes, que se gravaron finalmente no outono. A finais
dese outubro houbo trece actuacións en varias localidades galegas (Vigo,
Ourense, A Coruña, Ferrol, Pontevedra...), e xa o 1 de decembro tivo lugar a
actuación máis importante, no teatro Capitol compostelán, con Benedicto, Xavier,
Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas e, xa daquela tamén, Miro
Casabella.

O 25 de xaneiro de 1969 o goberno declarou o estado de excepción que supuxo a
paralización dos recitais. Ese ano actuaron en París, e ao ano seguinte houbo
cambios no grupo, ao marchar Xavier e entrar Xaime Barreiro Gil, ao marchar
Benedicto a facer o servizo militar e deixar tamén Guillermo Rojo o colectivo. En
decembro entrou, por breve tempo, Tino Álvarez, e na primavera de 1971 deixouno
Miro Casabella e entraron Suso Vaamonde e Bibiano. No 72 participaron na
gravación do disco colectivo Cerca de mañana con Lluís Llach, Elisa Serna, Julia
León, Pablo Guerrero, Xavier Ribalta, Imanol Larzábal, Adolfo Celdrán e Juanele,
que saíu ao mercado en 1973 fóra de España. O grupo disolveuse no 74.


ANT TV conversou con Raimon e Miro Casabella, dous hitos da canción protesta
en Cataluña e Galiza, para acercarnos as súas vivencias nunha época convulsa.

- Voces Ceibes -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Galaxia edita de Xan Fraga o libro `Miro Casabella e a Nova Canción Galega´
http://www.editorialgalaxia.es/actualidade/nova.php?id_noticia=753
(texto engadido o día 18/ / 10/ / 08 )


Volve Miro Casabella

Unha das voces máis representativas do que no seu día se denominou a Nova Canción Galega. Xan Fraga escribe a súa biografía ("Miro Casabella e a Nova Canción Galega") e repasa un período importante e emocionante da nosa cultura contemporánea: dende os anos 60 para acá. Anos contra a ditadura de Franco e a prol da esperanza.

O cantante valenciá Raimon e Miro Casabella ofreceron o pasado xoves un recital no Teatro Rosalía de Castro da Coruña que constituíu un verdadeiro acontecemento, co auditorio cheo de xente e arredor de dúas horas e media de actuación. Na colección Reportaxe de Editorial Galaxia, o escritor e historiador Xan Fraga propón unha viaxe pola biografía do músico galego e polos últimos anos do franquismo e os primeiros anos da democracia, sempre da man da crónica da canción galega.

Dende as primeiras grabacións en galego de Jacinta ou Luis Olivares, editadas por Edigsa/Galaxia, ás grabacións de Voces Ceibes (Edigsa/Xistral), o concerto de Raimon na residencia de estudantes de Santiago en 1967, a aparición do Movemento da Canción Popular, o nacemento da nova música folk, as colaboracións cos cantantes e a música portuguesa, a explosión do pop, etc., ata os nosos días, a crónica da música popular (e da "canción protesta", como se denominou durante algún tempo) é tamén a crónica dunha xeración.

Xan Fraga amosa, no libro dedicado a Miro Casabella, unha capacidade obxectiva para contextualizar os movementos sociais, artísticos e políticos. Nada se explica fóra do seu tempo. Manuel María, Alonso Montero, Lois Diéguez, Alfredo Conde, Xavier Alcalá... Os compoñentes todos de Voces Ceibes... Jose Afonso, Luis Cilia, Jose Mario Branco... Raimon, María del Mar Bonet, Pi de la Serra, Paco Ibáñez, Mikel Laboa...

Entre outros documentos, o libro desenterra un informe da policía política do franquismo, datado na Coruña en 1970, no que se fai un reconto miúdo da significación deste movemento cultural (Voces Ceibes e a Nova Canción Galega), con referencias concretas ás persoas máis directamente implicadas no mesmo. Tamén se inclúen, nun CD complementario, algunhas das grabacións máis significativas de Miro Casabella.

+ 1 noticia relacionada

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Nova Cançó e Voces Ceibes: Raimon e Miro Casabella. o 16 de Outono no Teatro Rosalía

(texto engadido o día 3/ / 10/ / 08 )


(Forografía: Miro Casabella nun primeiro
plano, detrás Benedicto fala con Raimon -á dereita- .
Foto pertencente ao arquivo de Voces Ceibes)



``No ano 1967, o día nove de maio, no estadio da residencia de
Estudiantes de Santiago de Compostela, Raimon deu, na súa língoa, un recital da
súas propias canciós que tivo un ésito cramoroso. Este recital foi o que fixo
comprender a tódolos que a él asistimos a necesidade imperiosa de crear unha
nova canción en galego. Unha canción feita no noso idioma, con problemas de
oxe, a outura do noso tempo e con música e sensibilidade dos nosos días. (..)´´

Noticia da Nova Canción Galega



Logo de varios anos sen ter novas del, o cantantor valencián,
Raimon, actuará na Coruña acompañado por Miro Casabella.

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Bugallo entrega a Araguas e á Aula Castelao os premios Pedrón de Ouro
http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pIdNoticia=65088&pIdSeccion=8&pNumEjemplar=2636
BA asociación foi distinguida pola súa defensa da cultura galega e o escritor recibiu o galardón de Honra.

Redacción / padrón

A Aula Castelao de Filosofía e Vicente Araguas recibiron onte os premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra, que concede anualmente a Fundación do Pedrón de Ouro. O acto, na súa cuadraxésima segunda edición, estivo presidido pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, na Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón.
Como é costume, o evento comezou cunha ofrenda floral diante da estela da poetisa e actuaron como mantedor Manuel Outeiriño e, como presentador, Xosé Ramón Fandiño.
A Fundación salientou da Aula Castelao os seu s vintecatro anos de actividade, "sempre dende unha posición intelectual crítica, moderna, rigorosa, universal e netamente galega".
De Vicente Araguas, subliñou a súa producción literaria, traducida nunha ducia de libros de poemas, dúas novelas, ensaios, prólogos, estudos críticos e traduccións ao galego de autores como Joyce, Stevenson ou Heaney e ao castelán de obras de Celso Emilio Ferreiro, Cunqueiro ou Darío Xohán Cabana.
Bugallo, que amosou a súa satisfacción por participar no acto dunha institución "tan importante e consolidada da historia cultural de Galicia", louvou as traxectorias dos premiados e fixo súas as palabras do presentador, Fandiño, que se referiu ao Ano da Memoria.
Fandiño recordou aos moitos demócratas que despois de 1936 viviron unha existencia "chea de densas sombras" e aos que pagaron coa súa propia vida "o seu compromiso e amor a Galicia".
Pola súa parte, o presidente da Aula Castelao, Fernando Pérez, tras recoller o galardón, defendeu unha filosofía rigorosa, comprometida e universal, que "é o fundamento da Semana Galega de Filosofía", que organiza anualmente a entidade.
Araguas estendeu a distinción a todos aqueles que "dende a diáspora", manteñen o seu compromiso con Galicia, e a su localidade de orixe, Neda, cuxo alcalde e concelleira de cultura acudiron o acto de entrega.
Entre os máis de 200 asistentes figuraban tamén Carme Adán, secretaria xeral da Vicepresidencia da Xunta e anterior presidenta da Aula Castelao, e Benedicto, Xavier del Valle e Miro Casabella, fundadores con Vicente Araguas en 1968 de Voces Ceibes.

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Caraveis para as voces ceibes
http://www.laopinioncoruna.com/secciones/noticia.jsp?pIdNoticia=55570&pIdSeccion=2&pNumEjemplar
Benedicto e Miro Casabella, pertencentes ao movemento da nova canción galega, reúnense na Coruña para honrar a Jose Afonso.

A. R..A Coruña

"Durante os últimos vinte anos, ninguén cantou á palabra en Galicia". É Miro Casabella, músico das Voces Ceibes que crearon en galego pola Galicia perseguida. Alto e sereno, aperta ao que fora un dos seus compañeiros no movemento musical da última década do franquismo, Benedicto, pequeno e de fala rápida.

Non é doado velos xuntos. Onte reuníronse na Coruña nunha homenaxe que o colectivo Urbano Lugrís rendeu á voz da Revolución dos Caraveis, Jose Afonso, na que tamén participaron, e cantaron, os fundadores de Fuxan os Ventos e actualmente integrantes de A Quenlla, Mini e Mero.

(...)

Fotos e mais información do evento na web do Colectivo Urbano Lugris
- Voces Ceibes -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::






En 'Novas Relacionadas'



* Nostalxia e aplauso

* "Sonata de amigos", as memorias de Benedicto

* "Compañeiros de arredor dunha fogueira"

* Vieiros: Galiza Hoxe - Quen tivera vinte anos: volven Voces Ceibes

* Ataque Escampe: PERDEREMOS NÓS


(mostráronse só as últimas recibidas)

Buscando en
información
de discos
engadida en
Ghastas Pista?:



Xulio Formoso, Farruco Sesto Novás, Celso Emilio Ferreiro -tocando o pandeiro na Pandirada do Che- e J.J. Sesto Novás, ademáis de temas de compoñentes de Voces Ceibes:
Galicia Canta


Voces Ceibes:
(Fragmento da Serie Documental "Galicia na Transición")


Vicente Araguas:
Voces Ceibes







buscar mais información
sobre Voces Ceibes en
Ghastas Pista?
buscar mais información
sobre Voces Ceibes en
Ghastas Pista?

Voltar á páxina anterior

Ghastas Pista?

Falándoche de música galega dende o Século XX
info@ghastaspista.com

[ Discos ]-[ Historia..]-[ Novas ]-[ Concertos ]-[ Radio ]-[ De copas ]
[ Foro ]-[ Actualizacións ]-[ Videos ]-[ Outras ]