Presentación do disco "1952. Homenaxe a Alan Lomax", de TANXEDORAS Interveñen: Tanxedoras (María Silva, Leni Pérez e Margó Gayoso) e Roberto Comesaña (acordeón)
Día: venres 16 de novembro de 2018 Hora: 20:00 Lugar: Espazo Nemonon (no edificio Villa Pilar; rúa do Marqués de Riestra, 11-1º)
Ateneo de Pontevedra organiza un concerto de presentación do disco "1952. Homenaxe a Alan Lomax", de Tanxedoras, no que estarán acompañadas polo acordeonista Roberto Comesaña. A actividade musical terá lugar o vindeiro venres 16 de novembro, ás 20 horas, no Espazo Nemonon de Pontevedra. A entrada é libre ata completar cabida.
Concerto Tanxedoras e Roberto Comesaña no Poemagosto (Allariz)
(texto engadido o día 11/ / 10/ / 18 )
Sábado 13 de Outubro, ás 22h, dentro do Festival Internacional de Poesía en Allariz
O proxecto TANXEDORAS xorde en Vigo no ano 2003 promovido por un grupo de cantareiras que, tras formar parte de diversas agrupacións folclóricas, xuntáronse para traballar arredor dunha idea común: a recuperación do legado musical de Galicia.
Chegan ó Poemagosto co seu 3º traballo discográfico, "1952", que leva por subtítulo "Homenaxe a Alan Lomax".
A formación inicial do grupo constaba de 5 membros, e dende o ano 2017 continúa a súa andaina a cargo de 3 das fundadoras iniciais: Leni Pérez, Margó Gayoso e María Silva. Para este concerto contan coa colaboración do recoñecido acordeonista Roberto Comesaña.
TANXEDORAS non son un grupo de música tradicional sen máis; cantan o de sempre, pero dende unha marca de seu. “Cando cantamos música tradicional, facemos inventario do que somos, do que fomos e do que queremos ser”.
TANXEDORAS emprega nas súas actuacións os instrumentos característicos da percusión galega: pandeireta, pandeiro e pandeira, así como os chamados “instrumentos pobres” (tixolas, legóns, culleres, cunchas), ademais de gaita e acordeón.
Estas mulleres galegas soben ao escenario sabedoras de que atesouran, como bagaxe sagrada dentro das súas gorxas, as músicas todas da tradición galega.
Tamén á venda en BenComún Espazo (Allariz) e Punto e Coma (Ourense)
SORTEO DISCO TANXEDORAS: Cada 50 entradas anticipadas vendidas sortearemos un disco (entre esas compras, e cada 25 entrada+camiseta vendidas, outro disco (entre esas compras). Canto antes a compres, máis oportunidades de levar un disco de regalo! Ata o 7 de outubro.
Sábado, 8 de marzo. Festa pola Igualdade na Praza da Constitución: 17 a 19,30 h espazo lúdico para nenos e nenas. 21 h Actuación musical a cargo do grupo Tanxedoras 22h Lectura manifesto 22,15h Actuación musical a cargo de Sés
Encontro de pandeireteir@s de ambas beiras do Eo en El Sabil (www.elsabil.net). Cea-confraternización e concertos: TANXEDORAS (Vigo-Galiza) Alumn@s de A.C. da E.M.T de Cangas del Narcea
Leni, Yoli, María e Tere ou o que o mesmo, As Tanxedoreas, subiron unha vez máis ao esceario, mais esta vez na súa cidade e cun traballo discográfico baixo o brazo: ‘Enerxía para botar por fóra’, un cd coa escolma das mellores pezas das recollidas feitas ao longo dos seus seis anos de existencia.
A son do pandeiro, panderetas, castañolas ou percusións, o potencial das cinco integrantes de As Tanxedoras deixouse notar onte sobre as táboas do Centro Cultural Caixanova. ‘Estamos moi ilusionadas por poder tocar na nosa cidade e nun lugar tan emblemático como é Caixanova, xa que, pese a ser viguesas, aquí é onde menos oportunidades de tocar tivemos’, afirmou para este medio, María Silva, unha das Tanxedoras, horas antes do comezo do recital. O repertorio foi a base de pezas que as cinco intérpretes recolleron polas aldeas de toda Galicia ao longo de seis anos: ‘A riqueza do noso patrimonio musical é importantísima; cada zona ten un xeito propio de nasalizar a voz, variando incluso fonéticamente, e acompáñase por diferentes instrumentos, por exemplo, mentres en Ribeira domina a gaita e o tambor, na Costa da Morte, a pandeireta’, afirmou Silva. Ao longo deste tempo teñen recollido todo tipo de expresións artísticas, aínda que para As Tanxedoras as que máis chaman atención do público son as que musicalizan aparellos cotiás: ‘É moi curiosa a tradición que aínda conservan na zona de Ourense, onde se acompañan coa son das tixolas ou os temas musicalizados pola son das sachadas; a xente chócalle, pero estes costumes existían, xa que nas xornadas de campo, facían competicións para ver quen remata antes e despois botábanse a cantar acompañándose do que tiñan a man’, sinalou a cantareira. Vigo, ao seren unha área industrializada, conserva pouco deste patrimonio: ‘Da cidade temos algunha cantiga de taberna, festeira acompaña por gaita ou acordeón; é máis rico o acerbo de Mondariz ou A Paradanta, que conservan a tradición dos seráns’, concluíu María Silva, que xunto as súas compañeiras, comezaron no folk de nenas.
Vén de saír á rúa o debut discográfico de Tanxedora, unha formación integrada por cinco mulleres que levan anos mergulladas na música tradicional e de raíz. Esta carta de presentación chega da man de Pai Música. O disco será presentado ao vivo o sábado 25 de abril no Centro Cultural Caixanova.
Leni, Yoli, María, Margó e Tere son as vocalistas que artellan a proposta musical de Tanxedora, unha banda que agora se estrea a nivel discográfico, a pesar de levar xa tempo traballando no eido da música tradicional.
O repertorio que se presenta no disco inclúe, na súa maior parte, temas recollidos por todo o país. Entre eles figuran A ruada de entroido e muiñeira de Canizo, tomada na Gudiña, Canto de Arriero e maneo de Cambre, a Muiñeira de Cadós, recollida en Bande, e o Canto, muiñeira e xota dos Ancares, rexistrada nas Nogais, interpretados todos eles con pandeiretas, sachos, tixolas, morteiros, ferriños, bombos, tambores, gaitas e acordeóns.
O Centro Cultura Caixanova acollerá o sábado 25 o concerto de presentación deste primeiro disco de Tanxedora. Será a partir das 22:30 horas.
Tanxedoras falan do seu novo traballo "Tanxedoras" (PAI Música 2008) que sairá á venda o próximo mes de nadal. O grupo presentará o seu disco o próximo martes 23 de nadal de 2008 ás 20:30 h. no Auditorio Centro Caixanova (Vigo)
Tanxedoras é un grupo de música tradicional formado por cinco rapazas de Vigo que proceden de diferentes formacións dentro do ámbito da música tradicional.
DUF. V ENCONTRO INTERNACIONAL DE PANDEIROS DE MAO, 14, 15 e 16 de novembro
(texto engadido o día 6/ / 11/ / 08 )
NOTICIA AMPLIADA
Entre o venres 14 e domingo 16 de novembro celebrarase en Pontevedra esta cita anual que esta edición ten dúas importantes novidades: a dimensión pública do festival ao celebrarse fundamentalmente ao aire libre na praza da Ferrería e o novo concepto mirando cara as orixes deste tipo de instrumentos na cultura árabe.
DUF, verba de etimoloxía árabe da que derivou adufe, coa que tamén se denomina ao pandeiro, dá nome a este Encontro que dirixe a súa ollada á tradición musical árabe, responsábel da incorporación deste instrumentp ao patrimonio musical galego achegando a Pontevedra a mestría de Massud Naderi (Irán) e Mohammed el Sayed (Exipto) que compartirán priograma artístico con Leilía e Tanxedoras ademais da celebración do xa clásico Serán Urbano.
O entusiasmo polos cantos populares acompañados de pandeiros, a finais do s.XIX, entre os eruditos e investigadores pontevedreses interesados no patrimonio musical galego, lecou a Perfecto Feijóo co seu grupo Aires d’a terra a realizar as primeiras gravacións comerciais de adufe en 1904. Este singular instrumento depositado actualmente no Museo de Pontevedra será exhibido extraordinariamente durante os días do Encontro no Novo Edificio da institución.
Venres 14 Novembro
16:00 h Praza da Ferraría-Apertura da Haima DUF: feira de artesanía musical na que participarán mestres de Galiza (Carlos Collazo, Xaneco Tobío), Portugal (Paulo Meirinhos), Castilla (Victor Barral). -Punto de información xeral -Tetería con especialidades árabes, -Exposición de material bibliográfico e fonográfico. 20:00 h Centro Social Caixanova.Concerto Barbod. Irán Leilía. Galiza Mohammed el Sayed. Exipto
Sábado 15 Novembro 10:00 h Museo de Pontevedra-Obradoiro “Fai o teu pandeiro!” O mestre artesán Carlos Collazo dirixe a construción dun pandeiro cadrado, reprodución do orixinal de Perfecto Feijóo -co que se realizaron as primeiras gravacións fonográficas deste instrumento en 1904- conservado no Museo. *Esta actividade conta cun número de prazas limitadas. 11:00 h Praza da Ferraría-Ao encontro de… Mohammed el Sayed na Haima Duf. O maestro exipcio compartirá conversación e té con interesados na súa realidade musical nun encontro de mediación cultural entre artista e público. 12:00 h -Concerto de Tanxedoras, presentando en exclusiva o seu primeiro lanzamento discográfico.
17:30 h -Artesáns en palco: Exhibición musical dos artesáns participantes na feira no escenario central no que presentarán os seus instrumentos interpretando repertorio específico das súas tradicións musicais. 20:00 h -Serán Urbano: Concerto aberto inaugurado polas futuras promesas xurdidas no selo da AFI de Pontevedra e actuacións de tocadores de pandeiros de man afeizoados e experimentados músicos da bisbarra pontevedresa. Tamén haberá unha representación dos colectivos de mulleres árabes na Galiza.
Domingo 16 Novembro
10:00 h-14:00 h Casa das Campás -Master class de pandeireta galega impartida por Felisa Segade -Concerto, exhibición de repertorio e técnica galega a cargo de Felisa Segade. -Presentación de Etnofolk do número especial da Revista galega de etnomusicoloxía Etnofolk, nº8. Coordinado polo Conservatorio de Música Tradicional e Folque (CMTF) que inclúe traballos presentados por profesores do encontro internacional de pandeiros de mao de Pontevedra nas edicións pasadas.
Merlo Branco Producións informa nun e-mail enviado a Ghastas Pista? do concerto organizado pola aCentral Folque dentro do "DUF - V ENCONTRO INTERNACIONAL DE PANDEIROS DE MAO" no que actuarán LEILÍA "Tradicional", BARBOD de Irán, e MOHAMMED EL SAYED de Exipto. O concerto terá lugar no Auditorio Centro Social de Caixa Nova de Pontevedra O 14 de novembro ás 20:00h, con entrada gratuita.
Ademáis, na web ca aCentral Folque veredes que xa está aberto o prazo de matrícula para os obradoiros:
Esta será a V edición do Encontro Internacional de Pandeiros de Mao, unha cita que reúne diferentes actividades ao redor desta familia de instrumentos que levan na tradición musical galega máis de 1000 anos.
Serán actos escénicos, pedagóxicos e divulgativos en diferentes localizacións do centro de Pontevedra pero a actividade estará centrada na praza da Ferrería.
Entre as actividades que se anunciarán en breve na web, os obradoiros con límite de praza que se ofertan son:
pandeireta galega con Felisa Segade: Domingo 16 novembro na Casa das Campás. De 10 h a 13 h 30 € “Fai o teu pandeiro!” O artesán Carlos Collazo (do Viso) dirixe a construción dun pandeiro cadrado, reprodución do orixinal de Perfecto Feijóo -co que se realizaron as primeiras gravacións fonográficas deste instrumento en 1904- conservado no Museo de Pontevedra. Sábado 15 novembro novo edificio do Museo de Pontevedra. De 10 h a 13 h 100 € (inclúe material)
Para inscribirse dirixirse a matricula@folque.com ou no teléfono 881 031 829.
Non hai reserva de prazas, a matrícula será por orde de inscripción.
A II Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués celebrarase do 8 ao 11 de novembro en Ourense coa intención de dar a coñecer as manifestacións da nosa cultura tradicional. Na praza Maior da cidade reviviranse usos, representacións, técnicas e coñecementos tradicionais que conforman o noso patrimonio.
A mostra insírese dentro do proxecto Ronsel, nacido da colaboración das consellarías de Cultura e Deporte, Innovación e Industria e as tres universidades galegas. Amosará a diversidade patrimonial da nosa comunidade, ofrecendo a todos os que se acheguen representacións da súa riqueza. Esta mostra é "unha exposición viva das nosas manifestacións culturais, onde a xente poderá participar nos distintos obradoiros de xeito activo", sinalou Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais de Universidade de Vigo. Area foi o encargado de presentar o programa de actividades dos catro días, no que se mesturan obradoiros tradicionais e de artesanía, actuacións de música e baile, conferencias e proxeccións audiovisuais.
Catro estacións
A II Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués ten como fío condutor o Ciclo do ano, denominación baixo a que se reúnen as actividades que os galegos facemos de xeito cíclico cada estación do ano. Por iso, cada día adicarase a unha estación, de xeito que o certame comezará o sábado 8 coa primavera, o domingo será o verán, o luns tocaralle ao outono, e a mostra rematará coa chegada do inverno o martes 11.
Ademais cada estación do ano contará cunha cabana permanente onde se poderán visitar diferentes exposicións. Nenos e maiores poderán participar de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.30, durante os catro días, en obradoiros como olería, fabricación de corozas, forxa, tornaría, fabricación de xoguetes e instrumentos musicais, ou destilación de augardente, entre outros.
A mostra conta tamén cunha Cabana das Palabras onde terán lugar diversos relatorios e proxección audiovisuais, ademais das I Xornadas de Hortofruticultura Ecolóxica. O remate final a este certame, o martes 11, virá acompañado de castañas, chourizos e viño novo, no magosto popular que se organizará ás 17:00 nos Xardíns Bispo Cesáreo.
Música tradicional
Aínda que todos os días haberá actuacións musicais e de baile tradicional protagonizadas por agrupacións da área Galicia-Norte de Portugal, a música darase cita de xeito especial as noites do sábado e do luns, xa que a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), que tamén colabora na organización da mostra, celebrará eses días o seu Festival de Música Tradicional. As Tanxedoras do Pandeiro, Joaquim Pereira "O Carriço", a Requinta de Xián, Pai da Cana ou Tanto nos ten, son algunhas das agrupacións que pasarán polo escenario. Durante as actuacións e para afastar o frío, poderase desgustarse gratuitamente queimada feita coas augardentes destiladas polo poteiro da mostra.
Proxecto Ronsel
Grazas á colaboración entre as tres universidades galegas, coordinadas pola Universidade de Vigo, xunto co patrocinio das Consellarías de Cultura e Deporte, Innovación e Industria e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), xurdiu o Proxecto RONSEL; que naceu pola imperiosa necesidade de salvagardar o patrimonio cultural inmaterial de Galicia. O proxecto, no que se insire esta mostra, pretende facer unha investigación e documentación minuciosa de todo o patrimonio galego, ademais da súa promoción, protección, difusión e transmisión.