Resultados para:

Muiñeira
XML



   >> Iniciar Sesión  


Buscar información
sobre outro grupo / etiqueta:

[1] [2] [3] [4] [5]

Novas que incluen 'Muiñeira':


III FOLIADA PESDEBARRO (Vilagarcía de Arousa)

(texto engadido o día 28/ / 9/ / 13 )


Este domingo 29, con motivo do comezo da nova temporada de clases, na asociación Pesdebarro celebraremos a III Foliada Pésdebarro.

Comezaremos ás 14:00 h., na Area Recreativa de Fontefría - Xiabre cun xantar, onde realizaremos entres os socios da asociación un concurso de postres.

E a continuación, a partir das 16 h., continuaremos, en Fontefría, cunha exhibición-participativa de diferentes danzas do mundo. Pésdebarro, organizador desta exhibición-participativa, quere “animar a todos, isto é familias cos fillos pequenos, adolescentes e tamén aos maiores da casa” pois as danzas serán guiadas pola profesora e os alumnos da aula de danzas do mundo da asociación Pesdebarro. A Foliada será de balde para todolos asistentes.

Entre outros moitas bailes, os asistentes terán a oportunidade de bailar valses, chotis, jotas, muiñeiras, gabots, ándro, etcétera e dar unha volta ao mundo a través dos bailes.

A Foliada pode e debe acudir todo tipo de público sen límite de idade. Tampouco se require ter coñecementos nen nocións previas sobre baile nin danza tradicional.

Dende a Asociación animamos a que os que asistan ao xantar leven cousas orgánicas,reutilizables: garfos,platos,vasos,...(intentar non levar plásticos ou papeis).

No caso de chover tanto o xantar como a exhibición-participativa farase na Praza da Peixería de Vilagarcía de Arousa.

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



PARA BAILAR VEÑO EU - Curso de iniciación ao baile a través da Muiñeira no Museo do Pobo Galego (Compostela)

(texto engadido o día 7/ / 9/ / 13 )


Xornada de achegamento ao baile tradicional.
Museo do Pobo Galego
Venres, 20 de setembro de 16h00 a 19h30.

Os contidos desta xornada tratarán de achegarnos ao baile tradicional galego a través dun dos seus bailes máis representantivos, a Muiñeira, atendendo ao seu contexto social e a súa evolución. Orientada a persoas adultas sen coñecementos previos, vai estar dirixida pola educadora do Museo, Carme Campo, que conta con ampla experiencia nesta materia.

Matrícula gratuíta. Custes por materiais: gratuíto para persoas socias do Museo e desempregadas, 3€ para quen non estea en ningunha destas situacións.

Prazas limitadas. Inscrición previa antes do 17 de setembro en:
Educación e Acción Cultural
Museo do Pobo Galego
981 583 620 / deac@museodopobo.com

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Concerto de NaRúa en Vigo

(texto engadido o día 5/ / 9/ / 13 )


Venres 6 de Setembro no Ferry (Eduardo Chao, 13)
Grupo "NaRúa". Jigas, reels, muiñeiras. Violin, frauta e guitarra

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Festa-homenaxe a Pazos de Merexo en Muxí­a o Venres 16 de Agosto
http://www.blogoteca.com/malmequer/index.php?cod=124177
(texto engadido o día 16/ / 8/ / 13 )


Festa-homenaxe que lle imos armar a Pazos de Merexo o vindeiro venres en Muxía, na que el e mais o seu acordeón diatónico serán os principais protagonistas.
Será as oito do serán, no "Rincón da Baiuca", na entrada mesmo de Muxía.


Pazos de Merexo, o mestre do acordeón diatónico da Costa da Morte

No Concello de Muxía, Merexo, aldea recollida no fondo da ría, a carón da fermosísima praia do Lago. Dende sempre, xente bailadora con auténtica fame de música.
Cando era moi novo e aínda non sabía tocar, levaba o acordeón e alquilábao nos bailes que se facían nas palilladas. Fala Pazos, oitenta e seis anos, gatillando dende os doce no seu acordeón diatónico. Aquel tesouro que lle trouxera o seu pai de Buenos Aires.

No cerne da enxebreza está o cosmopolitismo. Nas primeiras décadas do século XX , os homes cruzaron o mar e Merexo estivo moito máis perto de Cuba e Arxentina que de Madrid. En Buenos Aires un tío seu mercou un acordeón. Ía deixalo alá, no barco non había moito sitio para a equipaxe. Afortunadamente o seu pai, que tamén andaba por aló, pensou no fillo.
Manuel Pazos é un talento. Pequeno de corpo, mans grandes preparadas para facer ben calquera traballo. Armar cestos, ir ás lontras e, sobre todo, para crear música. A súa verdadeira paixón dende neno: Pola noite volvía cansadiño de rozar no balume e subía directo ao faiado a serrar no acordeón.

Xotas, mazurcas, tangos, muiñeiras… Nun tempo case sen radios, sen tocadiscos, calquera melodía que escoitase axiña rexurdía nos seus dedos, a armar festa por todos os bailes e palilladas da volta.

O seu repertorio, son anacos da historia da propia Costa da Morte. Cando lle pedín unha peza lentiña, botou esta cantarea:
Heiche de dar para un manto
heiche de dar para un velo
pero non quero que durmas
na miña cama de ferro.

E comentou deseguido: Aprendinlla a Monteagudo, o alcalde republicano de Carballo. Estivo agachado na miña casa. Eu era un neno. El e máis o meu pai, a carón do lume, cantábana cada noite.
Dende a década dos cincuenta, un novo tipo de instrumento, o acordeón piano –grande e con teclas- converteuse no campión de todos os bailes. O pequeno acordeón de botóns foi quedando esquecido, incapaz en competir con tanto portento. Mais Pazos nunca pousou o instrumento, seguiu tocando nas foliadas todas de Merexo. E só calou nos anos tristes da enfermidade da súa muller. Cando ela morreu gardou definitivamente no faiado a caixa da festa.

En 1997, o seu fillo Pedro deulle unha orde inescusable. Cumpría ir a Madrid coa Manada Invencible, a gran manifestación dos gandeiros galegos contra as cotas do leite. O Paseo de la Castellana foi o primeiro escenario do seu retorno á música. Todo o camiño de volta non parou de tocar. Dende aquela non acougou.
Cada un vai a feira co que ten, tal lle comentou a Kepa Junkera no xa mítico encontro do Couto entre estes dous mestres do acordeón.
Que bien toca este hombre –dixo Kepa- me recuerda a mi abuelo. Tanto lle prestou que hai unhas semanas reclamou a súa presenza no próximo disco do vasco, dedicado integramente á música galega. Na gravación participou tamén un novo portento, Pazos pequeno, Manuel, o neto do mestre, que está a continuar a súa escola de alegría.

Nos últimos anos Pazos ten repartido moita música en moitos escenarios. O vindeiro venres, volverá tocar diante dos seus veciños, no Rincón da Baiuca, nas portas mesmas de Muxía. Manuel, o neto, tamén estará alí.

Cómpre pois botar o ajrú, que viva o acordeón da Costa da Morte !

+ 2 noticias relacionadas

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Orquestra Os Modernos na Cidade da Cultura - Ciclo: Atardecer no Gaiás (Compostela)
http://www.cidadedacultura.org/gl/evento/orquestra-os-modernos
(texto engadido o día 9/ / 8/ / 13 )


10 de Agosto
21:00
Praza central
Entrada de balde



A claridade das lámpadas de cores, o cheiro a pólvora, o arrecendo das fiambreiras...
A praza central do Gaiás converterase nun auténtico campo da festa grazas á Orquestra Os Modernos, que ofrecerán un repertorio renovado de bailes como manda a última moda: fox-trot, bolero, habanera, corrido, rumba, mazurca... sen esquecerse tampouco deses ritmos máis arcaicos e propios do noso folclore como a muiñeira ou a jota.
- Os Modernos -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



XXVI día da muiñeira e XXV día dos oficios artesáns - 3 e 4 de Agosto en Mondariz

(texto engadido o día 28/ / 7/ / 13 )



...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



I Xornada sobre a música tradicional: A Zanfona na música galega
http://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2013/06/16/a-saga-organiza-a-sua-i-xornada-sobre-musica-tradicional-este-ano-o-tema-sera-a-zanfona-na-musica-galega/
(texto engadido o día 4/ / 7/ / 13 )


Continuando co seu labor a prol da investigación e da divulgación dos diferentes aspectos antropolóxicos da cultura galega, a SAGA pon en marcha a súa “I Xornada sobre música tradicional” co ánimo de axudar a divulga-los distintos apectos do que posiblemente sexa un dos máis ricos e variados folclores de Europa. Este primeiro ano adicaranllo á zanfona na música galega.

A xornada terán lugar o venres 5 de xullo a partires das 19h na Casa das campás de Pontevedra.



PROGRAMA:

19h Apertura da xornada e presentación dos participantes

19:10 Interpretación de música de zanfona a cargo de Benito Salgado. Temas: "O cantar do arrieiro" e "Historias do Cebreiro"

19:20 Relatorio: "Santalices, a zanfona, novos achádegos". Por Felix Castro e Castor Castro

20h Interpretacón de música de zanfona a cargo de David Iglesias. Temas: "O cego andante" e "San Fins de Castro"

20:10 Relatorio: "A zanfona e os cantos de cego na música popular". por Pablo Quintana

20:50 Interpretación de música de zanfona a cargo de Xandre Outeiro. Temas: "Arvolico de jazmin" (repertorio sefardí) e "Muiñeira CF53" de Aires da Terra

21h Relatorio: "Proceso de construcción dunha zanfona, selección de materiais e innovacións". Por Cesar Loureiro.

21:40 Interpretación de música de zanfona a cargo de Carmen Gallego e César Loureiro. Temas: un set de tres temas (galego, francés e sueco).

- Zanfona -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



O éxito da resistencia - XII Premios Opinión
http://mas.laopinioncoruna.es/canales/musicafolk/2013/05/24/o-exito-da-resistencia/
(texto engadido o día 25/ / 5/ / 13 )


Rodrigo Romaní, con Arpas de Breogán, fai 'dobrete' (mellor tema orixinal por Terra de Melide + mellor artista) e Luar Na Lubre levan o premio a mellor disco co seu Mar Maior

Os PREMIOS OPINIÓN fixeron un ano máis unha profunda e agarimosa defensa da música de raíz galega, do folclore da terra e da dedicación dos seus músicos por manter viva e fecunda a súa tradición sonora. O gran triunfador da tarde-noite, o mesmo Rodrigo Romaní, quen asinou un dobrete cos galardóns de mellor canción e mellor artista do ano, salientou no seu breve discurso de agradecemento que estes premios convértense “nun acto de resistencia” contra os tempos de problemas que vive o seu sector, contra a suba de impostos, lembrou, que teñen que asumir os artistas e as dificultades para interpretar a súa música en concertos.
A banda Luar Na Lubre mereceu o premio que os músicos que forman o xurado lle deron ao seu traballo Mar Maior, recoñecido como mellor disco galego de folk. A gala celebrou no teatro Rosalía os doce anos de vixencia dos PREMIOS OPINIÓN con outro galardón especial, o que recolleu o director do arquivo sonoro da Radio Galega e compositor Pablo Barreiro Rivas, o premio Andaina Senlleira.
As actuacións musicais foron o outro momento forte da gala. Comezou a formación arteixán de cantareiras Taravela, que deu mostra da súa frescura con xota, muiñeira, rumba e maneo no seu repertorio. Un grupo da Escola Municipal de Folclore de Betanzos dirixido por Pedro Lamas seguiulle con pasodobre, rumba, vals e xota. O dúo que forman Xabier Díaz e Guille Fernández convidou á escea a Carlos Álvarez, Uxía Cribeiro e Diego Calviño para dar conta de catro fermosas pezas do seu disco Arrolos de salitre (2010), unha colección de nanas ás que responderon máis dun cativo que se atopaba entre o público durmindo prácidamente nos berces dos seus pais.
O momento máis emotivo da gala, no que se fusionaron música, lembranzas, tradición, defensa do folclore galego e tamén bágoas, foi a reaparición da banda Dhais. Os seus membros levaban trece anos sen tocar xuntos sobre un escenario. E o fixeron onte para lembrar aos seus finados compoñentes César Morais e Luís Areán, dos que se falou nunha curta documental proxectada no teatro. O grupo de Lalín pechou a festa cunha actuación de 40 minutos que entusiasmou ao público, desexoso de que interpretasen máis temas, e para a que se prepararon durante sete meses.
Todos os premiados e artistas agradeceron ao xornal LA OPINIÓN a celebración destes galardóns que destacan a tradición da música galega de raíz desde hai doce anos, e en concreto ao colaborador deste diario Óscar Losada, quen volveu a estar ao frente da organización dos premios. O Concello, a Diputación, a Xunta e Gadisa tamén colaboraron.
O xornalista Moncho Lemos estreouse coma mestre de cerimonias e quiso lembrar nas súas intervencións a “toda a xente que mantén viva a esencia da música galega”. E o tamén colaborador de LA OPINIÓN Lino Braxe, moi emocionado por volver ás táboas tras sufrir un accidente traballando nunha obra teatral hai tres meses, foi o encargado de ler dous poemas dos Cantares Galegos de Rosalía de Castro.

Premiados e artistas recoñecen a aposta de LA OPINIÓN pola esencia da tradición musical galega

Na loita por facerse cos trofeos dos XII PREMIOS OPINIÓN de música folk saiu triunfadora a figura de Rodrigo Romaní, quen se impuxo, con Terra de Melide na categoría de mellor canción, a Acadacanto, Óscar Fernández e Pancho Álvarez. Ao recoller o seu recoñecemento suliñou máis dunha vez que a súa peza “non foi a mellor canción do ano”. Romaní subiu de novo ao escenario ao ser escollido polo xurado mellor artista por diante de Pancho Álvarez, Óscar Fernández e Fernando Barroso.

O premio correspondente ao mellor álbume galego de música folk do ano foi a parar a Luar na Lubre. Mair Maior mereceu mellor recoñecemento que os discos de Lois Peixoto e Fernando Barroso, Rodrigo Romaní e PeldeNoz. O xornalista e promotor musical Nonito Pereira recolleu a peza de artesanía e agredeceu, coma os demáis protagonistas da velada, a aposta de LA OPINIÓN por premiar as raíces musicais da súa cultura.

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



SOTAQUE. novo disco de Xose Manuel Budiño, en Abril

(texto engadido o día 26/ / 3/ / 13 )


Gravado no seu estudio, "Ardora", e mesturado e masterizado nos estudios “Atlântico Blue Studios de Lisboa”, SOTAQUE, o novo traballo discográfico de BUDIÑO, verá a luz a finais do mes de Abril.

Datas da presentación:

19/04/13 tvg-programa Luar
25/04/13 COMPOSTELA Teatro Principal / 21:00
26/04/13 OURENSE Teatro Principal / 21:30
09/05/13 MADRID Sala Galileo
10/05/13 PONFERRADA Sala La Vaca
18/05/13 ZARAGOZA Explosivo Club
25/05/13 SANTANDER Sala BNS
APRAZADO -> 01/06/13 A CORUÑA Teatro Colón


Este traballo de composición propia reflexa a impronta da música tradicional e en especial da percusión galega, sempre tocada e pulida a man, xunto coa utilización da electrónica co ACENTO característico de BUDIÑO, co seu SOTAQUE.

Un álbum conceptual onde as diferentes gaitas, percusións e voces galegas teñen a labor de marcar o ritmo ao longo de nove músicas compostas por BUDIÑO mais unha peza tradicional, chea de sutileza e vitalidade.

Os amigos convidados ao SOTAQUE de BUDIÑO fan que na súa particular atmosfera se misturen os centos de capas percutivas utilizadas para a gravación:

* ANTÓNIO ZAMBUJO desde Portugal canta ao amor en “Déixame Adiviñar”, unha letra escrita por Carlos Blanco.

* LUIS TOSAR imprime o seu SOTAQUE cantando á vida, á saudade, na canción “Hoxe canto en Libertᔠcon letra de Celso Emilio Ferreiro.

* Os CANTAREIROS DE O FIADEIRO cantan e tocan as pandeiretas no único tema recollido da tradición galega, onde a gaita de BUDIÑO aparece mestúrase como unha voz mais do grupo de cantareiros.

* MICHAEL McGOLDRICK coa súa frauta máxica desde Manchester toca unha muiñeira, que da título ao novo traballo de BUDIÑO, SOTAQUE.
- Budiño -

+ 1 noticia relacionada

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Finalistas XII Premios Opinión: Candidatos veteranos e noveis
http://mas.laopinioncoruna.es/canales/musicafolk/2013/02/21/finalistas-xii-premios-opinion-candidatos-veteranos-e-noveis/
(texto engadido o día 24/ / 2/ / 13 )


MELLOR ARTISTA
Pancho Álvarez
O porriñés foi membro nos anos oitenta do grupo Na lúa. A carreira como solista vai sumando etapas e con este cuarto disco logra o seu recoñecemento como compositor e instrumentista.

Alonso Caxade
O músico é acordeonista dos Caramuxo. O seu labor como arranxista no traballo ‘jazz&trad’, do dúo PeldeNoz, fixo que o xurado recoñecese os seus méritos para entrar nesta lista.

Óscar Fernández
Esta é a segunda candidatura acadada polo músico ferrolán nesta categoría. O ano pasado foi por exercer de director musical e nesta ocasión saliéntase o seu labor no álbum de Os Cempés.

Rodrigo Romaní
O prestixioso músico consegue aparecer como finalista en todas as categorías. O seu traballo de composición e arranxador de temas tradicionais situouno como un dos finalistas.

MELLOR TEMA ORIXINAL
Meu nome por mar e terra
Autor: A cada canto

Este tema foi o primeiro que se deu a coñecer oficialmente por parte do cuarteto formado por Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero. É unha das pezas desta obra realizada de xeito conxunto. O autor da letra é Carlos Rivero Troncoso.

Terra de Melide
Autor: Rodrigo Romaní

Esta composición de Rodrigo Romaní é a que abre o seu último álbum, un traballo marcado polo son da arpa, instrumento que vai estreitamente ligado á andaina do noiés. A localidade de Melide serve de inspiración para a creación dun tema doce.

A Borna
Autor: Pancho Álvarez

O músico adoita tocar unha manchea de instrumentos nos seus traballos como solista e nesta peza instrumental emprega guitarra, violín, pandeireta, bombo e unha harmónica rechamante, xa que non se acostuma empregar neste tipo de música.

Muiñeiras da noite
Autor: Óscar Fernández

Óscar Fernández compuxo varias das pezas incluídas no último disco da banda ferrolá Os Cempés, da que é o cerebro creativo. Traballando nesta ocasión co popular ritmo de muiñeira, o autor realiza un tema que constitúe un dos valores sobranceiros do álbum.

MELLOR DISCO
Pop
Intérprete: Barroso e Peixoto

O ano pasado estaban na gala como compoñentes do trío Asembly Point e agora Fernando Barroso e Luís Peixoto decidiron montar un dúo para seguir incidindo en pezas de composición propia nas que os instrumentos de corda dominan totalmente a sonoridade da obra.

Mar maior
Intérprete: Luar na Lubre

Primeiro álbum como cantante do grupo de Paula Rey. A obra ten achegamentos á lírica medieval galaico-portuguesa e ao mundo céltico. Son xa vinte e sete anos os que leva de traxectoria o conxunto herculino.

Arpas de Breogán
Intérprete: Rodrigo Romaní

Gravado con tranquilidade na súa casa, o músico decidiu plasmar o seu amor pola arpa nesta nova incursión discográfica. Nesta ocasión cedeulle a responsabilidade de cantar a Inés Lorenzo nun disco que tamén conta cunha parte instrumental de peso.

jazz&trad
Intérprete: PeldeNoz

O dúo PeldeNoz realiza un traballo arriscado nesta obra na que son quen de mesturar con gusto a tradición galega co mundo do jazz. O son provén dun acordeón e un contrabaixo e nalgún tema contaron co acompañamento da voz de Xandre Outeiro.


O noiés Rodrigo Romaní aparece como finalista nas tres categorías que se conceden nos galardóns e Óscar Fernández, membro de Os Cempés, repite na lista de mellor artista
Nesta edición dos galardóns achamos unha mestura entre as candidaturas finalistas de artistas xa veteranos, cunha sólida traxectoria, e músicos que aportan traballos que supoñen o seu debut discográfico, como acontece con dous dúos que foron quen de entrar nunha lista sobranceira da que é difícil formar parte, e máis se temos en conta que este ano o xurado debeu valorar case un 30% máis de traballos que na edición anterior.
O portugués Luís Peixoto gañou o ano pasado o premio á mellor canción formando parte do trío Assembly Point. Nesta ocasión editou unha obra a dúo co ferrolán Fernando Barroso que vén de acadar un lugar entre os finalistas a mellor álbum. Pola súa banda, o dúo PeldeNoz, debutantes discográficos no 2012, tamén logrou unha candidatura como mellor disco e ademais engadiron que Alonso Caxade, quen exerce de arranxista dos temas, entrara na terna dos mellores artistas. Na categoría de mellor tema orixinal non tiñan posibilidades, xa que o repertorio do seu traballo provén da tradición. Nesa loita para ser a mellor peza atopamos unha canción do cuarteto A Cada Canto, unha composición de Óscar Fernández incluída na obra de Os Cempés e unha creación de Rodrigo Romaní, quen é un dos grandes protagonistas destes nomeamentos ao lograr entrar co seu Arpas de Breogán nas tres categorías (disco, canción e artista). Unha menos logrou outro home que tamén leva moitos anos de andaina no mundo do folk e que completa o cuarteto para mellor canción. O traballo de Pancho Álvarez como solista, tamén é integrante dende hai tempo da banda de Carlos Núñez, aparece tamén con opción de vitoria como mellor artista do ano.
Esta é a segunda edición da nova etapa dos galardóns, anteriormente só eran recoñecidos os tres mellores discos, e Óscar Fernández conseguiu aparecer novamente entre os finalistas na categoría de mellor artista. O ano pasado optou a ese recoñecemento como director musical do álbum Atlántica Vapora Orquestra e nesta ocasión o xurado salientou o seu traballo creativo na obra de Os Cempés, grupo do que é o auténtico cerebro e para o que compuxo varias pezas.
Outros músicos con longa andaina son os coruñeses Luar na Lubre. En dúas ocasións quedaran ás portas de recibir un premio, ao ser cuartos nas votacións, e agora teñen opción de facerse con el na categoría de mellor álbum polo seu Mar maior. Os tres vencedores serán dados a coñecer no decurso da gala de entrega dos galardóns.
A décimo segunda edición dos premios creados polo xornal LA OPINIÓN volve contar entre os seus finalistas con diversas óperas primas, polo que se comproba que todos os anos a escena folk do país conta con boas novas propostas, xa sexan de músicos emerxentes ou xente cunha maior traxectoria que decide aportar unha nova perspectiva musical, o que resulta vital para que o panorama creativo non quede unicamente nas mans de artistas coñecidos, dos que se debe valorar que continúen ofrecendo obras de interese.

- A Cada Canto- Rodrigo Romaní- Pancho Álvarez- Os Cempés- PelDeNoz -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Éxito da De Cuellar Suite cun cheo total na catedral de Dublin

(texto engadido o día 28/ / 1/ / 13 )


60 músicos, 12 deles de aCentral Folque deleitaron a un entregado público

Este pasado sábado a catedral de orixe románica (o edificio máis antigo de Dublín) acolleu a segunda actuación da De Cuellar Suite, un espectáculo duns noventa minutos que mantivo ao público atento e entusiasmado do principio ao final da obra, unha sucesión de 11 movementos con narración, baile e música sobre a odisea do mariñeiro da Armada Invencíbel Francisco de Cuéllar. Había unha semana que se agotaran as 500 localidades á venda dun show que se presentaba coma un dos eventos sorpresa do Temple Bar Trad Fest, un festival de música irlandesa que se celebrou esta semana na capital en diferentes espazos históricos de Dublín e nos pubs máis importantes do centro da cidade. As fotos do concerto, poden verse nesta galería de imaxes.

A expectación estaba contida desde había días en Dublín para ver unha orquestra de case 60 músicos novos de Sligo (Ceol na nÓg Orchestra) e de Santiago (Escola Livre da MPG) para interpretar por segunda vez a De Cuellar Suite, obra composta por Michael Rooney, con músicas inspiradas nas tradicións galegas (cantos, xotas e muiñeiras), escocesas (schottishes e reels) e irlandesas (jigs, reels, polkas, planxtys, waltz, double jigs...) e arranxos orquestrais de instrumentos clásicos. A aportación d'aCentral Folque foi para tocar estas pezas galegas pero tamén para acompañar ao resto do repertorio da Suite cos instrumentos que se imparten na Escola Livre da MPG: gaita, percusións, zanfona, violíns e frautas.

Pero o espectáculo non foi somentes unha sucesión de músicas (sen aplausos entre seccións) senón que contou cun narrador (Jaimie Carswell, afamado actor) que leu extractos da carta do capitán de Cuellar (ao rei Felipe II, ano 1588) e bailaríns irlandeses que danzaron algúns ritmos típicos. Ademais o show contou coa aportación flamenca de cante e guitarra coa que se abriu a Suite, ademais de incorporar dous bailaores que con pericia acompañaron algúns dos temas da orquestra con grande habilidade e respeto.

A impresionante arquitectura da catedral, o son pulcro, reverberante pero nítido da orquestra na catedral de Christchurch, ademais dun axeitado xogo de luces nas columnas e teito deste magnífico espazo, fixeron da estrea en Dublín desta obra, un dos mellores momentos do festival.

+ 2 noticias relacionadas

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Festival de Nadal da Escola Provincial de Danza (Ourense)

(texto engadido o día 13/ / 12/ / 12 )


O vindeiro venres, 14 de Decembro, a Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense celebra o Festival de Nadal no Teatro Principal da cidade. A función dará comezo ás 20.30h. e nela participarán os diferentes grupos da Escola cunha representación máis de 150 alumnos de idades comprendidas entre os 6 e os 18 anos. O repertorio desta actuación, ademais de distintos bailes tradicionais como jotas, muiñeiras ou pandeiradas, inclúe unha serie de panxoliñas e cantos de Nadal cos que se celebran estas festas.

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Foliada do Demo en Pontevedra

(texto engadido o día 20/ / 8/ / 12 )


“REVIVINDO O ESPÍRITO DAS VELLAS VERBENAS”

O segundo terzo do século XX foi un tempo de cambios para a música tradicional galega. Novas modas e novos ritmos chegaron ó noso folclore da man de viaxeiros, emigrantes e, como non, tamén da radio. Rumbas, polkas, vals ou pasodobres empezaron a ser frecuentes nas nosas festas, e eses novos ritmos levaron tamén a novos bailes. Aparecía así, non sen a forte oposición da Igrexa, o baile agarrado que competía coas nosas muiñeiras e xotas.



Xunto cos gaiteiros tradicionais, xa dende comezos de século, empezaron a aparecer novas formacións que, por influenza das bandas de música, incorporaban instrumentos como o saxofón, o clarinete, a caixa ou o bombo con pratos. Nacen así as charangas, as murgas e as orquestillas que incorporan no seu repertorio os novos ritmos e bailes de moda no momento. A partir dos anos 60 irrompen as orquestras que van relegando nas festas, pouco a pouco, as populares bandas de música.



Estes cambios e novos aires na nosa música influíron, como non podía ser doutro xeito, nas nosas festas e bailes. Os tradicionais seráns, ruadas e fiadeiros convivían como boamente podían cos bailes organizados e coas verbenas que, amenizadas por charangas e orquestras, se organizaban co gallo das festas patronais.



É precisamente o espírito desas verbenas dos anos 40 e 50 o que Os Chichisos pretendemos recuperar coa Foliada do Demo. O baile agarrado ó ritmo das charangas e baixo un ceo de bandeiriñas e bombillas de colores, un xeito de vivi-la festa onde a música e o baile son os protagonistas, onde a participación da xente —máis alá de meros espectadores— é fundamental para poder revivi-lo ambiente e emoción daquelas verbenas de verán que hoxe tan só existen na lembranza dos máis vellos.



Agardamos a túa presenza nesta festa, se pode ser ataviado con roupas propias dos anos 50...un sombreiro, un chaleco, unha saia de tubo, ou acampanada, unha blusa ou un xersei, queda todo no voso propio gosto ou posibilidade.



Haberá unha rosquilleira, pra endulzar a noite, bandeiriñas e luces de colores.

- Foliada do Demo- Os Chichisos- Alvariza -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Abóbriga: Xira - Presentación do seu primeiro traballo discográfico, FOLIADA EN BAIONA
http://www.abobriga.com/
(texto engadido o día 20/ / 8/ / 12 )


31 de Agosto: Baiverán 2012 (Praza do Concello, Baiona)
7 de Setembro: Candeán (Vigo)
15 de setembro: Chaín (Gondomar), xunto a Noitarega.



O grupo de Baionao "Abóbriga" acaba de gravar o seu primeiro disco "Foliada en Baiona"

Esta formación que actualmente está composta por 10 músicos naceu a finais do 2009 cando unha parte dos gaiteiros de Monteboi de Baiona contactaron con varios músicos para facer una colaboración nunhas actuacións informais e como o resultado os conquistou decidiuse formalizalo grupo como Abóbriga, nome co que os antigos gregos chamaban a Baiona, lugar onde naceu o grupo.

“Foliada en Baiona” recolle 16 temas que se dividen entre pezas tradicionais e de composición propia, entre as que se recollen temas como “Muiñeira de Baiona”, “Ximauma”, “Pasodobre de Punta Balea” ou “Rumba da Balsa”, Ramón Pazos comenta que “este traballo é una homenaxe ó pobo que os veu nacer”.

(Fonte: Casa de Tolos)

- Abóbriga -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



XXXIII Concurso de Baile Tradicional Xacarandaina

(texto engadido o día 5/ / 7/ / 12 )


8 de xullo de 2012 no Pazo da Opera de A Coruña

CATEGORÍA A: ata 8 anos inclusive
- “D” Escola de Muiñeira de Cantigas e Agarimos- Santiago ........... Moliñeira de Murias de Rao
- “Chipiricuetos” da A.X. Xiradela – Arteixo .............Muiñeira de Piñeiro de Xaviña (Coristanco)
- “A Telleira” do Centro Cultural A Ponte Vella - Teo .............Moliñeira das Nogais
CATEGORÍA B: de 9 A 12 anos inclusive
- “Carabullos” da A.C. Xacarandaina.............Muiñeira de Buscás (Ordes)
- “C” da E. de M. Cantigas e Agarimos........... Muiñeira e jota de S. Vicente de Oitavén (Mondariz)
- “O muiño da Retorta” do C. C. A Ponte Vella–Teo .............. Jota e muiñeira da Picota (Mazaricos)
- “Valeiriños” da A.C. Algueirada – PontecesuresValse e muiñeira de Nogueira de Seavia (Coristanco)
- “Sete ferreñas” da A.M.B.T Vai de Roda –Rianxo............Danza de antroido de Sta. Cristina de Cobres (Pontevedra)
- “Ferreiros” da A.C. Adro-Baio...........Muiñeira de Sta. Xuliana (A Fonsagrada)
- “B” da A.C. Os Tranzantes de Tenorio ..............Polca e muiñeira de Leira (Ordés)
- “Rebuldeiros” da A. C. Xacarandaina............. Rumba e muiñeira de Trigueira (Sta. Comba)
- “Faragullilñas” da A.C. Faragulla – Teixeiro..........Pateado e muiñeira de Carcacía (Padrón)
- “A” da A.C. Os Xeitosos de Trazo.............. Carballesa do Incio2ª PARTE
CATEGORÍA C: de 13 a 16 anos inclusive
- “C” da A.X. Xiradela – Arteixo.............. Muiñeira e jota da Pontagra (Tordota)
- “Garagao” da A.C. Xacarandaina ............ Pandeiretada de Lema (Carballo)
- “Tras do Eo” do C.C. A Ponte Vella ............. Jota e muiñeira de Castro de Muras (Forcarei)
- “Xilbarbeira” da Asociación Xuvenil Xilbarbeira.............Muiñeira de Freixo (Oza)
- “Nove ferreñas” da A.M.B.T Vai de Roda –Rianxo ..........Polavila de Quindous (Cervantes)
- “B” da A.C. Os xeitosos de Trazo .............. Carballesa do Incio
- “A” da A. C. Rosalía de Castro – Cacheiras............Mazurca e jota de Vián (Cospeito)
- “O Rodicio” da A.C. Xacarandaina ............ Muiñeira de Loroño (Zas)
- “Pedravixia” da A.C. Adro-Baio.............Maneo e muiñeira de Vilabade (Tordoia)
- “C” da A.C. Os Tranzantes de Tenorio............Rumba e muiñeira de Bao (A Fonsagrada)
CATEGORÍA D: de 17 anos en adiante
- “Bulideiros” da A.C. Xacarandaina..........Jota e moliñeira de Cervantes (Lugo)
- “C” da A.C. Os Xeitosos de Trazo ............. Muiñeira punteada das Pozacas (Malpica)
- “A” da Escola de Muiñeira de Cantigas e Agarimos ............Maneo e muiñeira de Erbecedo (Coristanco)
- “Nordés” da A.C. Adro-Baio........... Jota e muiñeira de Laxoso (Pontecaldelas)
- “Trébede” da A.C. Loaira – Marín........... Jota e muiñeira de Vilavexe (As Nogais)
- “Fiada” da A.C. Xacarandaina..............Maneo de Seaia (Malpica de Bergantiños)
- “D” da A.X. Xiradela- Arteixo...........Pola Vila de Vilaquinte (Cervantes)
- “Faragullas” da A. C. Faragulla – Teixeiro.............Jota e ribeirana de Calvos (Fornelo de Montes)
- “Xolda” da A.C. Xacarandaina.......... Punteada de Baiñas (Vimianzo)

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Asociación Cultural Trépia - Cursos Monográficos de Verán

(texto engadido o día 25/ / 6/ / 12 )


Aberta a inscrición até o 30 de xuño!

Do 2 ao 31 de xullo convocamos a segunda edición dos cursos monográficos de verán da A.C. Trépia.

As sesións programadas para este ano son:

História e tipoloxias do traxe tradicional
Música tradicional galega contemporánea
Metodoloxia e técnicas da recolleita
Pasamaneria e bordado ao ar
Peiteado e maquillaxe para o traxe tradicional
Polifonia aplicada ao canto tradicional
Percusión tradicional (culleres, lata, tixola, pandeiro, cunchas...)
Baile, pandeireta e canto tradicional (muiñeira vella, Tordóia, técnicas de improvisación...)
Tedes máis información (programa, horários, prezo, etc...) no pdf da convocatória. -> www.trepia.org

NOTA: As sesións deberán ter un mínimo de 5 matriculados para seren levadas a cabo. Poderán asistir tanto sócios coma non sócios.

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



XIII Serán e Festa de Fin de Curso de O Fiadeiro (Vigo)
http://www.ofiadeiro.com/ofiadeiro/
(texto engadido o día 16/ / 6/ / 12 )


Sábado 7 de xullo de 2012 (18.00h)
Asociación de Veciños “Santa Mariña” de Cabral


Orde de actuacións:

Alumn@s de Guitarra
- Gloria
- Ai se eu te pego
- Otherside
- Whatever
- Every breath you take
- Hoy
- Jota de Vilar
- Valse de Beatiz
- "Ai se eu te pego" (con alumn@s de baile moderno)

Alumn@s de canto tradicional e pandeireta nen@s
- Rumba de Mondariz
- Pin Zas fogo Nicolás

Alumn@s de canto tradicional e baile nen@s
- Serán de Pazos de Borbén
- O Garotiño
- Muiñeira de Folgoso

Alumn@s baile moderno
- Dancing queen

Alumn@s de saxo
- Baile do paiaso
- Un barquiño pequeniño
- A cucaracha

Alumn@s de baile moderno
- Twings

Alumn@s de Acordeón
- Pupurri canario
- Agua que no hay que beber
- Yo vendo unos ojos negros
- Virxe da barca / Adios con el corazón

Alumn@s de baile moderno
- Dancing whith you

Alumnos de gaita
- Himno antergo de Galicia
- Pasodoble de Mallou

Alumnos de requinta
- Ei! Moxenas
- Rumba do topo

Alumn@s de zanfona

Alumn@s de baile moderno
- Funk girl

Alumn@s de baile tradicional

Alumn@s de gaita
- Danza de San Adrián de Cobres
- Aire de Vals
- Pasacorredoiras de Arnoia

Alumn@s de baile moderno
- Lady

Alumn@s de canto tradicional
- Jota de Sabaxáns
- Bande
- Arcos

Alumn@s de baile tradicional

Alumn@s de gaita
- Con alumn@s de canto: Arrieiros de Silván
- Con tod@s: Eiche de contar un conto

Alumn@s de gaita e grupo de gaitas da escola
- Pasodoble de cabezudos e Buxos verdes
- Pasodoble de Pol e Muiñeira do Carballal
- Jota cruzada de Sequeiros

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Baiona prepara o Dí­a das Letras Galegas
http://baionatv.blogspot.com.es/2012/04/baiona-prepara-o-dia-das-letras-galegas.html
(texto engadido o día 14/ / 5/ / 12 )


A Concellería de Cultura da que é titular María Iglesias, coa colaboración da Escola de Danza Vila de Baiona, está organizando unha serie de actividades encamiñadas a festexar o Día das LetrasGalegas. Entre elas, destaca unha lectura colectiva e actuación de varios grupos de folclore popular recollidos no programa “Bai De Muiñeiras”.

Os actos, totalmente abertos a participación tanto da veciñanza como dos visitantes, comezará ás 18:00 no Porto Pesqueiro. Alí concentraranse os grupos “Cear Castromao de Mondariz”, “Airiños da Lagoa de Baiña “, “Os Ventos de Comesaña de Vigo”, “Inquedanzas de Tui” e “Escola de Danza Vila de Baiona”, para a continuación desfilar por Elduayen ata o paseo Ribeira.

As 18:30 horas, no lugar antes sinalado, terá lugar o acto de homenaxe á figura de Valentín Paz Andrade, cunha lectura pública. Para participar nesta actividade faise necesario apuntarse dende agora na biblioteca pública, ou nas oficinas da concellería de Cultura.

Unha vez rematada a lectura, as agrupacións ofrecerán unha exhibición da súa arte aos presente.

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Concerto-Presentación do CD de Agustí­n Sánchez “Pezas de aquí­ e acolᔝ na Tradescola (Lugo)
http://www.gaiteirosgalegos.com/index.php?option=com_content&view=article&id=2082:concerto-presentacion-do-cd-de-agustin-sanchez-pezas-de-aqui-e-acola-na-tradescola&catid=27&Itemid=18
(texto engadido o día 24/ / 4/ / 12 )


O vindeiro mércores 25 de Abril, ás 21.00 horas, terá lugar o concerto – presentación do novo disco de Agustín Sánchez “PEZAS DE AQUÍ E ACOLÁ” na TRADESCOLA, ( Rúa Pintor Corredoira nº 4 – Lugo)

“Pezas de aquí e acolᔠé o título do primeiro traballo discográfico de Agustín Sánchez dedicado integramente á formación de cuarteto tradicional, no que se recolle unha selección das súas composicións e arranxos para esta formación. Partindo sempre da tradición do seu lugar de orixe, Galiza, Agustín introduce algúns dos ritmos e xéneros más representativos do novo continente, achegándonos a países como Arxentina, Venezuela, Cuba ou EE.UU, e empregando unicamente a sonoridade propiciada polas gaitas e a percusión tradicional. Así pois, nos 12 temas que compoñen este traballo mestúrase a muiñeira, a xota e o pasodobre con temas como “Swing con grelos”, “Comodoro”, “Almendrón” ou “El Marabino”, nos que se percibe claramente o sabor propio do swing, tango, danzón e o valse venezolano.

O concerto correrá a cargo do Cuarteto Tradicional “Farrapos de ghaita”, fundado o pasado ano co gallo da presentación do disco. “Farrapos de ghaita” quere rendir tributo á formación de curateto tradicional, pero facéndoo dun xeito distinto e innovador, onde a composición, o arranxo e a importación de novos ritmos e xéneros musicais son factores esenciais, sen renunciar por suposto ás súas raíces: a música tradicional galega. Os seus protagonistas son Suso Moreira (gaita), Agustín Sánchez (gaita), Noa Migal (tamboril) e Pablo Pardo (bombo), excelentes músicos cunha ampla experiencia no eido da música tradicional.
- Tradescola -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Muxarega no Palique (As Pontes)

(texto engadido o día 14/ / 4/ / 12 )


Hoxe sábado estamos no Palique en As Pontes a iso das 00:30, animádevos a botarlle unhas muiñeiras pa entrar en calor :)
- Muxarega -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



[1] [2] [3] [4] [5]


En 'Novas Relacionadas'



* Os ´Elelelos´ de Bueu buscan mecenas - Faro de Vigo

* Pazos de Merexo, o mestre do acordeón diatónico

* O dúo de Xinzo de Limia gaña o II Concurso de Dúos do Toxos e Froles

* II Concurso de Dúos Gaita-Percusión . Organiza o decano dos coros galegos

* Maghúa pesca con Corricán un trozo de patrimonio vivo - El Ideal Gallego


(mostráronse só as últimas recibidas)
buscar mais información
sobre Muiñeira en
Ghastas Pista?

Voltar á páxina anterior

Ghastas Pista?

Falándoche de música galega dende o Século XX
info@ghastaspista.com

[ Discos ]-[ Historia..]-[ Novas ]-[ Concertos ]-[ Radio ]-[ De copas ]
[ Foro ]-[ Actualizacións ]-[ Videos ]-[ Outras ]