Ghastas Pista?

Fuxan Os Ventos
XML



   >> Iniciar Sesión  


Buscar información
sobre outro grupo / etiqueta:

[1] [2]

Novas que incluen 'Fuxan Os Ventos':


Fuxan os Ventos: Lúa de Prata
https://www.youtube.com/watch?v=t8caJVBVGQY
(texto engadido o día 6/ / 5/ / 18 )


Co gallo do Día das Letras Galegas, o emblemático grupo de folk Fuxan os Ventos musica o poema “Lúa de Prata” da homenaxeada este ano 2018: María Victoria Moreno.



Fuxan os Ventos mergúllase na lírica da autora e enchóupaa da súa esencia, conseguindo que cada palabra vibre como unha nota máis desta melodía.

Esta canción pretende lembrar á escritora que tan fonda pegada deixou nas nosas letras, especialmente na literatura infantil e xuvenil.

Fuxan os Ventos, seguindo o ronsel doutros anos, volve render homenaxe ás nosas letras cunha harmonía de sons, na que voces, vento, corda e percusión van da man sublimando as verbas de María Victoria Moreno.

Colaboran neste tema Roi Adrio (percusións), Simón García (contrabaixo), Adrián Valdés (fagot) e Miguel Díaz (clarinete).

- Fuxan Os Ventos -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



VI Festival-Romería Catalmibre Tradicional (O Burgo. Culleredo)

(texto engadido o día 11/ / 9/ / 16 )


A Asociación Catalmibre Tradicional, organizamos o VI FESTIVAL-ROMERÍA que se celebrará unha vez máis no paseo marítimo do Burgo os días 16 e 17 de este mes de setembro.

O venres 16 teremos festival folk, no que contaremos con xa coñecidos por todos Mini e Mero (Fuxan os Ventos, A Quenlla), o grupo Oîma de Santiago e o grupo Virandeira Folk de Vigo. Como sempre poderedes disfrutar do noso chouripán!

O sábado 17 teremos un festival infantil pola mañá, e pola tarde o dos maiores, e a partir das 20h. comezará a foliada no que queremos que participedes todos tocando e bailando. ¿Podemos contar convosco para animar esta foliada?

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



II Serán ao Son do Cruceiro

(texto engadido o día 8/ / 3/ / 14 )


O próximo sábado 8 de marzo co gallo do día da Muller celebraremos nas Cruces o II Serán ao Son do Cruceiro.

As actividades comezarán ás 18h coa proxección dunha curtametraxe, seguida dunha mesa redonda sobre a situación actual da muller na que participarán muleres de distintos ámbitos e que estará aberto a todo o público.

A partir das 19'30h. comezarán os concertos:

- Mary Luz Mosteiro e Leticia Rey

- Maria José Pérez presentando "Ollos que non ven, síntoma de cegueira" e que contará coa colaboración de Maruxa (Fuxan os Ventos)


E ás 21'30h.cos foles das gaitas ben inchados, as ferreñas das pandeiretas e os redobres de tambor resoando comezamos co II serán!!

Haberá callos e tortillas!!

Agardámosvos a todas e a todos o próximo sábado coas mesmas ganas de troula ou máis que o ano pasado!

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Desaramar, novo proxecto musical, preséntase o 7 de Marzo en A Coruña
http://www.desaramar.com/
(texto engadido o día 10/ / 2/ / 14 )


7 de marzo ás nove da noite Centro Agora da Coruña.

“Desaramar” é a forza da música fronte a todas esas lacras socias que seguimos sen poder erradicar. Creado por Maria Xose Silvar (Sés), o proxecto tenta extender a idea de que unha outra sociedade é posíbel.

Podemos erradicar a violencia contra as mulleres, ou contra a diferenza en xeral, educando na igualdade e facendo arte en igualdade. Para isto, promovemos un espectáculo musical en que Sés, apoiada pola súa banda e numerosos colaboradores fará un percorrido por temas propios e alleos que, dalgún modo, nos instalan nesta idea.
Desaramar, romper os arames que nos impiden vivir en paz, é posíbel. A educación na igualdade é posíbel e hai que levala a cabo desde todas as tribunas, tamén desde os escenarios.

E a unión é a chave: mulleres e homes feministas, mulleres e homes de todas as xeracións.

Desta volta, Sés estará acompañada de Tereixa Novo (Fuxan os ventos), Martín Sanjurjo (Saraibas), Luis Tosar, Piti Sánz, Ugia Pedreira, Leo Arremecaghona, Mercedes Peón e Carlos Blanco.

Podemos desaramar, e podémolo facer cantando.

+ 2 noticias relacionadas

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Inauguración da Casa Museo de Manuel Marí­a (Outeiro de Rei)

(texto engadido o día 23/ / 8/ / 13 )


Sábado 7 de Setembro.

Coa actuación, a partires das 17:30h, de Fuxan Os Ventos, Miro Casabella, Maria Manuela, Uxí­a, Berrogüetto e Roi Casal
- Fuxan Os Ventos- Miro Casabella- Maria Manuela- Uxí­a Senlle- Berrogüetto- Roi Casal -

+ 1 noticia relacionada

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Presentación do novo traballo de Uxía, homenaxe a Manuel María, no teatro Colón

(texto engadido o día 13/ / 9/ / 12 )


Xoves 13 de Setembro ás 20h30 no Teatro Colón de A Coruña.
Presentación do novo traballo de Uxía Senlle, ANDANDO A TERRA, un percorrido pola obra do Poeta da Terra Chá. Melodías de Uxía, Sergio Tannus , e algunha adaptación de clásicos da música galega como O CARRO:


Uxía estará acompañada por:
Sérgio Tannus: Guitarra, cavaquinho, viola caipira e percusión
Serginho Sales: PIano e acordeón
Paulo Silva: Percusión

TEXTO DE UXÍA-
PRESENTACIÓN CD ANDAND A TERRA.
UXÍA CANTA A MANUEL MARÍA.
O que ides escoitar é o gozo sinxelo dun canto ao noso labrego-poeta. Un home que andou esta terra, este país, parroquia por parroquia, lugar por lugar, face a face. Seguindo o seu exemplo, quixen arroupar a súa poesía na proximidade e coa delicadeza das melodías que fun atopando nos camiños, coa luz, a beleza, a paixón e 'o latexar sinceiro da emoción' que emana dos seus poemas e Amando cada palabra, cada verso e cada nota para poñer en valor o seu valiosísimo, o seu precioso e prezado legado.

Ademáis da metafísica, o amor, a nenez, a casa que quixo tanto e agora será a Casa dos soños liberados de cadeas, o seu humor, o seu amor á vida, á lingua e a esta terra que andou sen descanso. Tamén me permitín adaptacións de temas tan emblemáticos como 'O Carro', cantada por Fuxan os Ventos ou o 'Manual do Señorito' na voz da miña querida María Manuela.

A poesía de Manuel María flúe coma un río. El é o gardador das albas e da íntima esperanza que nos fai crer ainda no ser humano. Crer a quen leve a música dentro de sí, a quen nunca sentirá medrar, no seu interior, a moura frol da soedade. Agora sabemos que a súa poesía, coma el mesmo di das fontes romanas, escribiuna para espantar soedades, melancolías e nostalxias e tamén para ser recitada, cantada e devolta ao pobo que lla inspirou.
Manuel María é o gozo de vivir, e eu fixen un pacto con él para completar a tarefa urxente, fermosa, nidia e necesaria de gastar o meu corpo e a miña voz nos camiños ata ser pó, seixo ou silveira.
Grazas, poeta, pola inspiración e a alegría que ainda nos entregas en cada verso. Galiza e o pobo galego estaremos eternamente en débeda contigo.
- Uxía Senlle -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



O canto agochado entre pipotes
http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=20572
(texto engadido o día 14/ / 3/ / 12 )


A RECUPERACIóN DO CANTO DE TABERNA CONTA CON CADA VEZ MáIS ADEPTOS NO PAíS



¿Quen dixo que as tabernas de toda a vida están condenadas á desaparición? Nos últimos anos multiplícanse as iniciativas para lles dar nova a vida da man da música. Os cantos tabernarios resoan por todos os recantos do país cada vez con máis forza. Pontevedra é a última en se sumar á iniciativa, da man de Maravallada, cun ciclo dedicado a esta forma da nosa tradición. Os que se queiran iniciar, téñeno ven sinxelo, xa está dispoñible na rede un Repertorio Tabernario cos ghits que mais soan onda os pipotes.

No primeiro venres de marzo, a cidade de Pontevedra vía renacer unha actividade que, cando menos na súa vertente máis tradicional, levaba anos sen se practicar. O grupo Maravallada botaba a andar o ciclo Cantos de Taberna, unha iniciativa coa que o Concello quere traer de volta esta forma musical aos bares locais. A iniciativa enmárcase nun renacer xeral desta actividade, que da man de asociacións e concellos está a se recuperar, malia á mudanza de hábitos de ocio e á paulatina desaparición dos lugares onde se adoitaba practicar.

O canto
Definir o que se entende por canto da taberna é complicado. Para alén do lugar no que se interpretan os temas, a primeira vista semella que non hai moitas diferenzas con outras formas da nosa tradición, xa que os temas e a instrumentación coinciden a miúdo. “Poderíase dicir que é un canto furtivo, porque de entrada realízase a unhas horas, na noitiña, nas que moita xente tería que estar xa na casa”, explica Torres. Como principais diferenzas, os especialistas sinalan que se dá un predominio vocal sobre os instrumentos, e que é característico o cantar en grupo, e con voces masculinas. “Polo xeral era un canto de homes, xa que antes non había mulleres na taberna”, lembra. En canto á música “é un canto con pouca instrumentación, hai que pensar que polo xeral era improvisado, e entón podíase contar cunha guitarra que houbese na taberna, ou un acordeón, pero pouca cousa máis”, sinalan desde Maravallada.

A música
Dentro da recuperación destes cantos, hai tamén tendencias. Deste xeito, Torres apunta que “desde a nosa perspectiva, non se pode meter un grupo de música nun local e chamarlle a iso música de taberna. Nós levamos un acordeón, percusión e como oito algunha gaita para cancións moi específicas, e aos grupos que veñen ao ciclo pedímoslles o mesmo. Ademais, non se poden meter grupos moi numerosos nunha taberna, porque polo xeral son pequenas e entón non se cabe”. Suso Sánchez é un dos organizadores, desde a asociación O Castelo, do concurso de Cantos de Taberna desta localidade, que reúne desde hai catro anos 16 grupos de todo o país. Desde a súa experiencia sinala que “nós facemos o concurso aberto, a calquera que queira participar. Aínda que orixinalmente os cantos eran fundamentalmente vocais, nós temos no certame desde rondallas, a grupos de música tradicional, pandeireteiras ou mesmo xente con saxos ou guitarras, procuramos variedade”.

Tradición e innovación
A variedade e a improvisación son marca deste xénero musical. “Había sempre innovacións”, apunta Sánchez. Malia á importante pegada do repertorio tradicional, no era estraño a introdución de tangos, boleros ou todo tipo de temas coñecidos en festas, a radio ou a televisión. “Nós cinguímonos á tradición, pero isto non está acotado, pódese cantar o que se queira. De feito hai xente que se arrinca a cantar outro tipo de temas, e nós imos detrás, o que interesa é a participación”, sinala Torres desde Maravallada. Dun xeito ou doutro, os músicos que traballan este xénero recoñecen un predominio de temas galegos, e mesmo apuntan os éxitos que máis se corean nas sesións. Deste xeito, para Torres, “as cancións de toda a vida están sempre presentes. A Rianxeira ou Catro vellos mariñeiros son o equivalente aos temas enchepistas das discotecas, cando se tocan, todo o bar comeza a cantar”. Pola súa banda, Sánchez sinala que “Quen teña viño é das que sempre están”.

Os lugares e o ocio
Desde Maravallada recoñecen que en Pontevedra este costume estaba practicamente extinto aínda que non falta en calquera noite quen se arrinque a cantar nun bar ou na rúa con repertorios xa do máis variado. “Custounos atopar tabernas típicas, xa quedan poucas e tivemos que botar man de locais que xa non son tan específicas e que máis ben son cafés, pero con propietarios que queren colaborar”, lembran. Fronte a isto, destaca a vitalidade que lle apoñen a esta tradición en Melide. Segundo sinala Sánchez “alí sempre se cantou polas tabernas e é unha tradición viva”, explica. Malia a que, como, de xeito semellante, o costume mantense en boa parte do país, as mudanzas nos hábitos de ocio supoñen unha especial ameaza a este tipo de cantos. A substitución de tabernas por cafeterías, pubs ou discotecas son só unha parte do problema. “ao meu ver o canto de taberna perdeuse pola televisión. Cando apareceu, a xente que cantaba comezou a estorbar”, explica Torres.
Encol da recuperación desta forma de entretemento, este músico apunta que “semella chocante que agora volte o interese. O mesmo e porque estamos en crise que a xente quere cantar. Tamén pode ser unha moda. Pero resulta curioso, porque cando o facemos nas tabernas conseguimos un éxito aínda que poñan fútbol pola televisión, co tirón que ten iso”.

Os protagonistas do retorno
Sánchez apunta que “é un fenómeno bastante recente. Nós como grupo non somos os únicos, verificamos que toda a xente que participa son máis ou menos novos”. Foz, Pobra de Brollón, Mondoñedo, Moaña, Ferrol, co seu recoñecido Ciclo de Músicas Portuarias, Compostela, Lalín, A Coruña ou mesmo Barcelona (co grupo Os Recanteiros) son só algúns dos lugares onde, con maior ou menor frecuencia, resoan estes cantos nocturnos. En Melide, cada ano esgótanse as prazas para participar no certame, e desde a organización recoñecen que “xa contabamos con ter unha boa acollida. Pensamos que é algo que funciona por si só. A toda a xente que toca ou canta gústalle cantar polos bares, é algo que resulta divertido. É moi distinto que estar nun escenario, moito máis libre”.

Influencias
Dentro do proceso de recuperación desta tradición, Torres apunta a influencia decisiva dalgúns grupos musicais. “A Roda tivo unha grande importancia, sobre todo porque fixo arranxos para temas clásicos permitindo que se puidesen cantar por todo o mundo, con ritmos moi pegadizos. Eu penso que conseguiron popularizar isto, e que sen eles non existiría hoxe o canto tabernario. Tamén podemos falar de Fuxan os Ventos ou de A Quenlla”. Máis recentemente, o proxecto Nordestin@s de Guadi Galego, Ugia Pedreira e Aber Rábade reivindicaban unha aproximación ás cancións dos bares portuarios.

Repertorio
Para alén da súa actividade en Maravallada, Torres é tamén autor dun libro que lle vai facilitar en boa medida aos interesados achegarse a este mundo. Repertorio tabernario publicado pola Área de Normalización da Universidade de Vigo, achega as letras de máis dun cento de temas populares. “Constatei que a xente se lanzaba a cantar sen saber toda a letra, e desde hai anos estaba coa idea de facer un libriño que as trouxese e que se puidese levar facilmente no peto, para botar man del”. Logo dun amplo traballo de selección buscando os temas máis populares, a publicación está a ter un grande eco, e están para se esgotar os 700 exemplares da tiraxe, aínda que a obra está tamén dispoñible na rede.

Para alén da proposta pontevedresa, que se desenvolve o último venres de cada mes, a vindeira cita
será en Melide o 28 de abril, entre as 12 da mañá e as tres da tarde, no casco vello da vila. Os interesados en se achegar, só precisan ter gana e perder un pouco a vergoña.
- cantos de taberna -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Mini e Mero reciben o Premio Ramón Piñeiro-Facer Paí­s
http://axendaaelg.blogaliza.org/2011/09/16/mini-e-mero-reciben-o-premio-ramon-pineiro-facer-pais/
(texto engadido o día 19/ / 9/ / 11 )


Mini e Mero, músicos, poetas, mestres e investigadores do patrimonio cultural galego, foron galardoados co Premio Ramón Piñeiro-Facer País na súa décima edición. Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, e Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, actuais compoñentes do grupo A Quenlla, formaron parte tamén de Fuxan os ventos. O xurado, integrado por representantes de 18 asociacións culturais da comarca de Sarria (Lugo) analizou e considerou 29 propostas. O premio foi instituído en 2002 pola Asociación Cultural Val de Láncara para recoñecer o labor senlleiro de persoas e entidades a prol de Galicia. O acto de entrega terá lugar en Láncara (Lugo) o vindeiro 15 de outubro. Os 18 membros do xurado, representantes doutras tantas asociacións culturais da comarca de Sarria, avaliaron o constante labor dos premiados, Mini e Mero, "a prol da creación e recreación do cancioneiro galego e de diferentes manifestacións do noso patrimonio inmaterial, participando de modo individual ou con diferentes grupos no proceso de dignificación e recuperación das máis diversas facetas da expresión musical, incoporando ao seu repertorio creacións de poetas clásicos e modernos xunto con obras propias que gozan de xeral aceptación". Recoñeceron asemade "o compromiso profesional de Mini e Mero como educadores a prol da galeguización do ensino e dunha escola creadora e non alleante no medio rural" e salientaron "a constante e desinteresada colaboración que os premiados prestan a colectivos culturais tanto de Galicia como da diáspora, levando a mensaxe de loita e solidariedade coas xustas reivindicacións do noso pobo". Subliñaron por último "a súa activa participación nas actividades de recuperación da memoria histórica". Nesta décima edición a candidatura de Mini e Mero competiu con outras 28, propostas polas distintas asociacións que colaboran con "Val de Láncara" na organización e concesión do Premio Ramón Piñeiro-Facer País. Reseñado en Xornal, La Voz de Galicia, Cultura Galega.
- Mini e Mero- A Quenlla -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



O folk de hoxe, clásicos e modernos en plena forma
http://www.anosaterra.org/nova/o-folk-de-hoxe-clasicos-e-modernos-en-plena-forma-.html
(texto engadido o día 20/ / 11/ / 10 )


Antonio Prado A música tradicional galega vive hoxe un momento moi interesante. Os grupos veteranos, en moitas ocasións con máis de 20 anos de existencia, están frescos. Os máis novos saben gardar a esencia sen renunciar a ningún experimento que os achegue aos gustos do século XXI.

Non é doado analizar a situación da música folk galega na actualidade pero, para comezar esta serie de colaboracións con A Nosa Terra, penso que o mellor é que poidades coñecer cal é o meu punto de vista no asunto.

Temos a sorte de estar a vivir un renacer da música galega, e xa non pola forma senón polo fondo. Se ben é certo que cada día pode ser máis sinxelo publicar un disco, estamos logrando para a música tradicional un respecto absolutamente necesario para apoiar unha das formas de cultura máis desprestixiadas no noso país. Isto tamén daría para falar noutro intre porque o tema pode ser longo.


Pouco e pouco, tanto co empeño persoal como a partir de axudas de distintas institucións, o número de espazos onde poder amosar o que fas é maior. Isto podémolo comprobar sobre todo no verán se collemos unha axenda de concertos e analizamos que a gran maioría de localidades teñen un festival folk, non coa mesma dimensión que ten o festival do Mundo Celta de Ortigueira –que tanto está a perder en calidade de asistentes– pero si cunha plataforma de apoio á nosa música de raiz.

É certo que as institucións poden chegar a patrocinar festivais pero tamén fan por desprestixiar a nosa música como a que máis, xa que debemos recordar que formacións como a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense non teñen nada que ver co noso e se están aí é polas públicas.



A saúde dos grupos

A calidade dos grupos cada vez é maior, e mentres Berrogüetto segue facendo un folk sensíbel que o converte no mellor grupo de música folk galega e que por certo ven de gravar o seu primeiro DVD o pasado sábado no Auditorio de Galicia de Compostela, Luar na Lubre está a explotar a súa fórmula de seguir cos clásicos, cun público que non lle falla e sacando novos discos case que cada ano. Agora tamén toca falar de Fía na Roca, outro dos grupos con máis traxectoria de Galicia, que dará por rematado o seu ciclo no mes de Xaneiro, no que se despedirán no ‘Celtic Connections’ de Glasgow após máis de vinte anos dándolle outro enfoque ao folk galego.


Por suposto, non podemos lembrar os grupos veteranos que fixeron posíbel todo isto sen falar de Milladoiro, que tamén seguen a actuar cunha forza que fai dubidar que leven máis de 30 anos nos escenarios. O pasado ano voltaron Fuxan os Ventos cunha nova proposta arrasou alá por onde foi.

Falando do tradicional, non podemos esquecer o renacer de Noitarega coa publicación do seu traballo “XXI” e tamén de grandes formacións como Os Terribles de Donas que non fan máis que acadar prestixio para o noso.

Unha nova corrente de grupos está a consolidarse, e está pisando con forza, tamén no estranxeiro. Grupos creados por xente nova, como é o caso de Bellón & Maceiras Quinteto, transmítenlle un novo aire a esta música, incorporando novas formacións e instrumentos que fusionan jazz, swing, tango, blues... e todo cun toque galego. Tamén están a dignificar a tradición grupos cun estilo de murga tradicional cun chisco contemporáneo, caso de Linho do Cuco, ou descubrindo até onde pode chegar o folk, con propostas como Marful.

A saúde desta nosa música é moi boa, así que a ver se a coidamos porque, como ben dixo Carlos Núñez no seu concerto en Santiago en setembro deste ano, os políticos van pasando, as xentes van pasando, pero a música sempre quedará.


Noticia enviada por Esteban Copen

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Cristina Pato e Mercedes Peón en WOMEX 2010
https://www.womex.com/
(texto engadido o día 27/ / 10/ / 10 )


TEXTO: anosaterra.org

O Womex de Copenhague, a máis importante cita profesional coa música de raíz tradicional, conta con representación galega a través das actuacións de Cristina Pato e Mercedes Peón, así como de sete empresas e dúas asociacións.

A esta feira internacional, que por segundo ano consecutivo ten a súa sede na capital dinamarquesa, asistirán as compañías Articket, Berrogüetto Producións, Fol Music, Lóspregos, Mare, Nordesía e Zouma. Xunto á representación institucional encabezada polo director da Agadic, Xoán Carlos Fernández Fasero, tamén viaxarán a Copenhagen integrantes das dúas principais asociacións do sector: Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono) e Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), encargadas de coordinar a presenza desta delegación comercial no Womex 2010. No recinto feiral, a música de Galicia presentarase a través dun espazo propio para Galiciantunes dentro do amplo stand da plataforma Sounds from Spain.

Mercedes Peón e Cristina Pato presentarán os seus respectivos traballos diante de 2.900 axentes acreditados procedentes de 90 países.

Cristina Pato será a encargada de abrir o concerto que Sounds from Spain organizará na noite do 28 do outubro dentro do programa offWomex, que se desenvolverá no DR Koncerthuset. A gaiteira ourensá foi seleccionada pola plataforma española xunto aos grupos Taifas e La Migas para formar parte desta programación paralela, dirixida tanto aos participantes da feira como ao público xeral.

Pola súa banda, Mercedes Peón actuará o día 29 na sede feiral do Forum Copenhagen, dentro da sección oficial de showcases, como primeira representante da música galega elixida expresamente polo xurado internacional do Womex entre máis de 800 propostas de todo o mundo. Coincidindo coa inminente saída ao mercado do seu novo traballo discográfico, SÓS, a compositora e instrumentista coruñesa amosará ante un público exclusivamente profesional a súa persoal performance. Peón interpreta todos os instrumentos e interactúa con cada un deles.

A delegación galega distribuirá en Womex 2010 un cd de audio con libreto, preparado especificamente para as feiras internacionais de música deste ano. Este cd recolle a produción musical galega máis recente dividida por xéneros en pop-rock e jazz (cd1) e roots (cd2), ofrecendo neste último caso temas de Mercedes Peón, Cristina Pato, Berrogüetto, Uxía, Guadi Galego, Fuxan Os Ventos, Xosé Manuel Budiño, Anxo Lorenzo, Sondeseu, Bellón Maceiras Quinteto, A Banda das Crechas, bOnOvO, Narf e Manecas Costa, Batuko Tabanka, Narf, Trasmundi e Renato Spencer.
- Womex- Cristina Pato- Mercedes Peón -

+ 1 noticia relacionada

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Xoves 24 de Xullo: O PAZO DAS MUSAS, revista oral nº 22
http://www.museolugo.org/documentos.asp?mat=11&id=1291
(texto engadido o día 23/ / 6/ / 10 )


COLABORAN NESTE NÚMERO

Fernando Arribas Arias
Profesor de EXB e Licenciado en Humanidades, traballa como Técnico de Difusión no Museo Provincial de Lugo. Etnógrafo e Historiador de Cine, leva publicados diversos traballos sobre a sétima arte en Lugo e sobre os cruceiros da Terra Chá. Conferenciante e investigador, actualmente prepara a súa tese de Doutoramento sobre os cruceiros galegos. Membro da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico-Artístico de Lugo en representación do Consello da Cultura Galega.

Laura Branco
Naceu en Foz en 1984. Licenciada nas Filoloxías Portuguesa e Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, é membro do grupo de investigación GALABRA (sobre os sistemas culturais galego, luso, brasileiro e africanos de língua portuguesa) desde 2006. En cualidade de investigadora en formación desenvolve a súa tese de Doutoramento sobre a construción discursiva e os procesos culturais no período histórico da Ilustración na Galiza. Combina esta faceta co hábito da escrita, desde a adolescencia, tendo publicado algúns poemas en revistas, e participado en diferentes recitais poéticos en diferentes lugares da xeografía galega, principalmente na Mariña de Lugo. Os tres que se presentan nesta entrega fan parte do seu libro inédito Doenças dum espelho.

Escola de Arte e Lecer: Teatro
A Escola de Arte e Lecer Fingoi é unha escola aberta de arte e cultura, onde se mestura a vangarda e a tradición. O seu obxectivo é dar unha oferta de calidade, organizando obradoiros moi diversos, dirixidos a nenos/as, xoves e adultos, fóra do horario lectivo, coa fin de que os participantes poidan adquirir novos recursos para o seu tempo libre e de lecer e para que desenvolvan a súa creatividade e sensibilidade estética. O grupo Palimoco dirixe as actividades de teatro e danza nas que se pretende mellorar a expresión corporal e vocal, fomentar o diálogo e a creatividade dos nenos, romper coas tensións do corpo e da mente e desenvolver a atención nun mesmo. Progresivamente, os rapaces aumentan a súa expresividade e creatividade, coñecen o seu propio corpo e o movemento no espazo, participan na procura do ritmo individual e grupal, e aumentan a concentración e confianza nun mesmo. A obra “Non quero crecer”, inspirada na historia de Peter Pan, é unha adaptación do Grupo Trasnadas baixo a dirección de Paula Buján coa intervención de arredor de 20 actores e actrices de entre 5 e 14 anos.

Manuel Fernández “Lolo”
Naceu en Anseán, o Corgo (Lugo) en 1956. Graduado en Artes Aplicadas, talla en madeira e cerámica. Despois de pasar por diversas experiencias escultóricas (madeira, pedra, cemento) iníciase no campo da cerámica, formándose en numerosas técnicas. En 1999 recibiu o 1º Premio do Certame Antonio Fraguas Fraguas da Deputación da Coruña. Expuxo con regularidade desde 1983 en Sarria, Lugo, Madrid, Oviedo, A Coruña e Lorian. Actualmente amosa a mostra “As cores da terra, as cores do ceo” na Sala Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, ata o 31 de xullo.

Mini e Mero
Xosé Luís Rivas Cruz (Mini), nado en Begonte o 18 de xuño de 1951, e Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero), Vilalba, 27 de xuño de 1951, músicos, poetas, mestres e investigadores do folklore e a cultura tradicional de Galicia, membros históricos de Fuxan os Ventos e actuais compoñentes de A Quenlla. Ademais da súa produción discográfica con estes grupos, teñen participado por separado ou conxuntamente noutros discos de música galega como o Quiquiriqui (2006) producido pola Asociación de Gaiteiros Galegos e en obras teatrais como Pan, catro propostas arredor da malla e publicado diversos libros. É salientable o seu labor de recompilación de contos, lendas, refráns, ditos ou poemas, principalmente na súa Terra Chá natal e nas zonas onde exercen o seu traballo de mestres: Mesía (Mero) e Boimorto (Mini). O arquivo sonoro froito deste labor, composto por milleiros de cintas magnetofónicas, foi cedido ao Museo do Pobo Galego para a súa dixitalización e incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). No campo educativo son autores de diveros libros de texto de ciencias sociais, naturais e lingua galega para o ensino infantil e primario. En abril de 2009 foilles concedido o Pedrón de Ouro como recoñecemento á súa traxectoria de corenta anos de investigación musical.

Xornadas Interxeneracionais Rurais
As Xornadas Interxeneracionais Rurais nestes seis anos pretenderon seguir constituíndo un espazo de reflexión e debate dirixido, fundamentalmente, ós nosos maiores aos que se lles ofrecen charlas, presentación de ofertas de programas, visitas e festas culturais. Tamén están pensadas para os xoves e así poder desenvolver un traballo conxunto xa que un dos grandes legados dos nosos maiores é que sexan escoitados trasmitíndonos todo o que aprenderon ó longo da sua vida. Estamos ante unhas xornadas abertas nas que queremos contar cos máis novos e ofrecerlles un camiño para seguir avanzando na súa formación, nunha formación baseada tamén na aprendizaxe do no noso patrimonio que tan preto está de nós e moitas veces nin o vemos.

- Mini e Mero -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



FESTIVAL QUEREMOS GALEGO
http://sites.google.com/a/queremosgalego.org/queremos-galego/festival-queremos-gaelgo
(texto engadido o día 21/ / 3/ / 10 )



- Berrogüetto- Ruxe-Ruxe- Luar Na Lubre- Zurrumalla- Fuxan Os Ventos- Os Tres Trebons- A Quenlla- Fía Na Roca- Garcia MC- GalegoZ- Lamatumba- Os Carunchos- Espido- Uxía Senlle -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Disco e libro con trece «cantigas» do Camiño
http://www.lavozdegalicia.es/ocioycultura/2010/02/24/0003_8314939.htm#
(texto engadido o día 24/ / 2/ / 10 )


No proxecto Raíces enmárcase tamén o traballo colectivo Cantigas do Camiño , un disco conxunto inspirado e relacionado coas rutas xacobeas que inclúe 13 composicións de artistas que participan no ciclo. O disco será accesible en dous formatos. Poderá adquirirse cun libro escrito en galego, español e inglés, nunha edición de luxo de 90 páxinas con ilustracións, textos ao redor do Camiño de Santiago, fotos e letras de cada unha das cancións dos artistas participantes. Ademais, editarase un cedé en formato estándar que será distribuído, a partir de marzo, en máis de 400 supermercados do grupo Gadis, Claudio, Haley e Cash Ifa, a un prezo de 4,95 euros.


Os 13 artistas coas pezas que interpretan o disco son: Susana Seivane ( Camiño longo ), Faltriqueira ( Ultreia et suseia ), Guadi Galego & Vaamonde, Lamas e Romero ( Dum Paterfamilias ), Uxía ( A casa da xente ), Leilía ( 1000 camiños ), Luar na Lubre ( Romance de Don Gaiferos ), Sondeseu ( Amence no Camiño-Alborada de Pontecaldelas ), Fuxan os Ventos ( Camiño da romaría ), Treixadura ( Foliada de Santiago ), Milladoiro ( O Camiño ), Bonovo ( A ruta esquecida ), Emilio Rúa ( Crenzas ) e Berrogüetto (Indosesta ).



...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Radio 3 (RNE) retransmitirá en directo a actuación de Fuxan os Ventos en Lugo
http://www.fuxanosventos.net/nova.php?filId=16&filLin=G
(texto engadido o día 9/ / 10/ / 09 )


Radio 3 (RNE) retransmitirá en directo a actuación de Fuxan os Ventos en Lugo o próximo 12 de outubro (Praza Horta do Seminario, entrada de balde), dentro do programa de Festas de San Froilán da cidade amurallada. O concerto dará comezo ás 21:00 h.

Acompañando ao grupo estarán desta vez Xabier Díaz (Berrogüetto), Guadi Galego (Berrogüetto, Nordestinas), Pepe Ferreirós (Milladoiro), Nova Galega de Danza, Miguel Lustres e Sabela.
- Fuxan Os Ventos -

+ 2 noticias relacionadas

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Fuxan os Ventos presenta novo disco
http://www.anosaterra.org/nova/34909/fuxan-os-ventos-presenta-novo-disco.html#
(texto engadido o día 1/ / 10/ / 09 )


Fuxan os Ventos presenta o 14 de outubro en Compostela 'Terra de Soños', un libro cd e un en dvd co espectáculo celebrado no Auditorio de Galicia que supuxo o regreso da banda tras case dúas décadas sen subirse aos escenarios

Arteria Noroeste acollerá a presentación de Terra de Soños, un libro cd e dvd no que a banda de música tradicional e folk fai un repaso polo seu repertorio acompañada de convidados de renome. Tanto o cd como o dvd recollen o espectáculo que a banda ofreceu no Auditorio de Galicia, en Compostela, no que se escenificaron a estreita vinculación que entre a canción popular galega e as novas formas de expresión do folk que caracterizan ao grupo.

Ademais de reunir a todos os membros de Fuxan os Ventos sobre o escenario tras case vinte anos do seu último concerto, Terra de Soños contou con convidados de luxo da altura de Xabier Díaz, Guadi Galego, Uxía, Mercedes Peón, Pepe Ferreirós, Rodrigo Romaní, a Nova Galega de Danza e cunha banda dirixida por Xosé Lois Romero, artífice tamén dos arranxos instrumentais para este proxecto.

Con oito discos editados e una traxectoria de máis de trinta anos comprometida coa identidade de Galiza, Fuxan os Ventos traspasou fronteiras e xeracións. Con este traballo ofrece unha visión renovada e actualizada do seu legado musical.
- Fuxan Os Ventos -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



'TERRA DE SOÑOS', O VINDEIRO MARTES EN FERROL
http://www.fuxanosventos.net/nova.php?filId=15&filLin=G
(texto engadido o día 21/ / 8/ / 09 )


Fuxan os Ventos estarán de novo sobre os palcos, desta vez coa actuación en Ferrol o próximo 25 de agosto (Praza de Armas, entrada de balde), dentro das Festas de Verán da cidade e do programa Vai de Camiño do Xacobeo. Lembremos que Fuxan os Ventos voltaron aos escenarios, tras case unha década, o pasado mes de outubro, cun dúas actuacións no Auditorio de Galiza, en Compostela. O espectáculo 'Terra de Soños', que agora se traslada á cidade ferrolá, verá a luz a finais deste ano en formato digipack (CD + DVD).

Na escenificación da estreitísima vinculación entre a canción popular galega e as novas formas de expresión do noso folk atópase o eixo que vertebra este Terra de soños: Fuxan os Ventos contará co acompañamento dunha banda dirixida por Xosé Lois Romero, artífice tamén dos arranxos instrumentais para este proxecto, e de dous dos nomes máis senlleiros da música galega: Xabier Díaz (Berrogüetto) e Nova Galega de Danza.

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



FUXAN OS VENTOS en CASTRELOS [entradas xa á venda]

(texto engadido o día 6/ / 8/ / 09 )



- Fuxan Os Ventos -

+ 1 noticia relacionada

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Festas en Vigo - Selección de Malmequer
http://www.blogoteca.com/malmequer/index.php?cod=66899
(texto engadido o día 27/ / 7/ / 09 )


5 agosto: Juan Perro e Narf no Peirao de Trasaltánticos

6 agosto: Kogito, Ganjahr Family e Álvaro Costas na Praza da estrela

7 agosto: Emilio Rúa na Praza da Constitución ás 23:00

7 agosto: Corisco, Lembranzas Galegas, Xirandola,... na Praza de Compostela ás 22:00

7 agosto: Brath no Peirao de Trasaltánticos ás 23:00

8 agosto: XIX Mostra do Traxe Tradicional na Praza de Compostela ás 22:30

9 agosto: Vigo Folk: OM-Off e orquestra Academia Sibelius

10 agosto: Vigo Folk: Da outra marxe na Praza de Compostela ás 22:30

11 agosto: Vigo Folk: Trasmundi na Praza de Compostela ás 22:30

12 agosto: Vigo Folk: Galandum Galandaina na Praza de Compostela ás 22:30

12 agosto: Fuxan os Ventos no Parque de Castrelos ás 23:00

13 agosto: Vigo Folk: Quempallou na Praza de Compostela ás 22:30

14 agosto: Vigo Folk: Toques de Caramulo na Praza de Compostela ás 22:30
- Narf - Corisco- Lembranzas Galegas- Xirandola- Brath- Fuxan Os Ventos- Quempallou- Vigo -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



O PATRIMONIO INMATERIAL NA MARIÑA.
http://mrpatrimonio.blogspot.com/2009/06/1-xornada-de-literatura-oral.html
(texto engadido o día 11/ / 6/ / 09 )


A literatura oral na canción galega
contará coa participación dos músicos
Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias ( Mini e Mero )
e desenvolveráse no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro
( Travesía da Mariña )
O VENRES día 12 de xuño, ás 20 horas


Mini e Mero é un dúo de cantautores chairegos, formado por Xosé Luís Rivas Cruz (Mini, nado en Begonte o 18 de xuño de 1951) e Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero, Vilalba, 27 de xuño de 1951), músicos, poetas, mestres e investigadores do folklore e a cultura tradicionais galegos, membros históricos de Fuxan os Ventos e actuais compoñentes de A Quenlla.
Ademais da súa produción discográfica cos devanditos grupos, teñen participado por separado ou conxuntamente noutros discos de música galega, como o Quiquiriqui producido no ano 2006 pola Asociación de Gaiteiros Galegos e en obras teatrais como Pan, catro propostas arredor da malla (creación e adaptación musical súa) e publicado diversos libros.
É salientable o seu labor de recompilación de contos, lendas, refráns, ditos ou poemas, principalmente na súa Terra Chá natal e nas zonas onde exercen o seu traballo de mestres: Mesía (Mero) e Boimorto (Mini).
O arquivo sonoro froito deste labor, e composto por milleiros de cintas magnetofónicas, foi cedido ao Museo do Pobo Galego para a súa dixitalización e incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, que ha estar dispoñible no web do museo.
No campo educativo son autores de diveros libros de texto de ciencias sociais, naturais e lingua galega para o ensino infantil e primario.
En abril de 2009 foilles concedido por unanimidade o Pedrón de Ouro como recoñecemento á súa traxectoria de corenta anos de investigación musical, galardón que recibiron o 24 de maio de 2009.

Noticia enviada por Xan Rolei

- Mini e Mero- A Quenlla- Mariña- Patrimonio -

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



Mini e Mero (un texto de Xabier Cordal para Vieiros.com)
http://www.vieiros.com/opinions/opinion/777/mini-e-mero
(texto engadido o día 27/ / 4/ / 09 )

A historia comezara ben anos antes, mais para o que a nós respecta debían de correr as festas de agosto nunha pequena parroquia de Cariño. Na máquina de discos do bar, entre os éxitos de Raffaella Carrà e Bonie M., lucía coma un estandarte o único disco no noso idioma. Eu coaba un peso de mocete e dáballe cheo de razón ás dúas teclas.


Poucos agostos despois xente chegada de toda a comarca enchía o campo das festas da Pedra para escoitar ao vivo aquel grupo. Ao ronsel de Rosalía de Castro (non sabemos se a deu lido Pete Seeger) mergulláranse na música popular sinalando os conflitos do seu tempo. Cantaban contra o réxime autonómico comerciado pola nomenclatura franquista, contra a emigración e as celulosas, contra a tiranía da industria leiteira. Letras de Darío Xohán Cabana, de Manuel María ou de Marica Campo enriqueceron a banda sonora dunha idade, atroaron en Madrid cando aínda era capaz de escoitar as culturas nacionais: “se non tedes sachos/ traguémolos nós”, advertían ironicamente.

Fuxan os Ventos non eran só a dedicación etnográfica de Xosé Luís Rivas Cruz e de Baldomero Igrexas Dobarrio a enlamaren os pés en cada corredoira. Pero sen Mini e a súa barba grave de portentosa dicción, sen a guitarra combatente e a voz arrubiada de Mero, o proxecto resultaba incomprensible.

Os medios patronais ditaron esquecemento para eles nas crónicas do revival. A formación que conseguiu devolver ao pobo unha parte da súa música desfixérase por varias razóns e non vén ao caso aventurármolas aquí. Despois chegou A Quenlla, teimando. Os carballos cativos, se cadra rebolos da chaira de Duarría escoitaban a fin de semana desde o frío do local de ensaio as verdades incómodas, as verdades verdaderas que tamén cantara o camarada chileno.

A profesión de mestres e a condición insubornable de Xosé Luís Rivas e Baldomero Igrexas aforráballes transixir cun mercado musical que ditaba, seguramente, demasiada renuncia. Eles seguiron ao choio. Os vellos axitadores acabaron coñecendo coma case ninguén non só os ritmos condenados a esfragarse coa sociedade rural, senón tamén os contos, as adiviñas, os romances esgrevios ao son da zanfona que Faustino Santalices rescatara das montañas do sur. O dúo investigou, publicou, desenvolveu o don da ubicuidade. Lonxe ás veces dos focos da moda, xenerosos en cada unha das enormes e domésticas feridas que este país –ninguén o dubide- seguirá supurando á marxe do cálculo electoral, son imprescindibles Mini e Mero. Compartimos emoción a través deles no escenario da multitude ou na tarima do cuarto máis humilde, como só Zeca Afonso e os grandes souberon facer. Nunca poderemos pagar a quen nunca nada pediu, por iso o Pedrón de Ouro será a mellor escusa para que reciban en xustiza -con Mariana Ploae-Hanganu, portavoz da nosa literatura na outra estrema da Romania- a admiración e mais o abrazo comunal.

+ 1 noticia relacionada

...comentarios..
:: Enlace a esta nova ::



[1] [2]


En 'Novas Relacionadas'



* A Quenlla sae ao paso do "desleixo actual" cun novo traballo (..)

* Ses lidera Desaramar, un proxecto musical reivindicativo

* Música e poesía, na inauguración da Casa Museo de Manuel María

* Bellón e Maceiras van a Moscú e Anxo Lorenzo toca en Bélxica

* A colaboración entre unha suíza e un galego permitiu elaborar o "Cancioneiro Popular Galego", o


(mostráronse só as últimas recibidas)


Fuxan Os Ventos



Web oficial

en Myspace


Buscando en
información
de discos
engadida en
Ghastas Pista?:



Fuxan Os Ventos:
Terra de soños
Fuxan Os Ventos:
Na memoria dos tempos
Fuxan Os Ventos:
Sempre e mais despois
Fuxan Os Ventos:
Fuxan Os Ventos, ``Terra de Soños´´ - Concerto no Auditorio de Galiza de Santiago de Compostela o 19 de outubro de 2008. (extracto)


Fuxan Os Ventos:
Fuxan Os Ventos







buscar mais información
sobre Fuxan Os Ventos en
Ghastas Pista?
buscar mais información
sobre Fuxan Os Ventos en
Ghastas Pista?

Voltar á páxina anterior

Ghastas Pista?

Falándoche de música galega dende o Século XX
info@ghastaspista.com

[ Discos ]-[ Historia..]-[ Novas ]-[ Concertos ]-[ Radio ]-[ De copas ]
[ Foro ]-[ Actualizacións ]-[ Videos ]-[ Outras ]