[1] [2]
Novas que incluen 'A Quenlla':
| IV xornadas de patrimonio cultural en Arteixo
| (texto engadido o día 16/ / 11/ / 12 ) | 
A A.C. Monte da Estrela de Arteixo, organizará, por cuarto ano consecutivo, as súas Xornadas de Patrimonio Cultural, que desta volta decorrerán os sábados 3 de novembro, 17 de novembro e 1 de decembro. Máis detalladamente:
3 de novembro, 17h: xogos populares. Contaremos con membros da Liga Nacional de Billarda. Organizarase un aberto de billarda ao remate. 17 de novembro, 17h: a sidra, bebida tradicional galega a reivindicar. Contaremos coa presenza de Bieito Romero. Organizarase un magosto popular ao remate. 1 de decembro, 18h: palestra concerto, da música tradicional á música de autor. Contaremos coa presenza de Mini e Mero, de A Quenlla.
| ...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
(texto engadido o día 4/ / 11/ / 12 ) | 
A forza da música galega navega polo temporal da crise. Dixo Antón Vilar Ponte: «Interésanos máis un coro galego en Madrid que un deputado en Cortes por Galicia». «Tal foi a dedución feita por tan egrexio persoeiro a respecto do coro pontevedrés Aires d'a Terra, de grande sona a comezos do século XX. Tendo en conta que o propio Ponte era representante político galego en Madrid, maxinemos qué pensaría calquera daqueles devanceiros galeguistas ao respecto da brillante realidade que a nosa música folk está vivindo case cen anos despois daquel período». Isto escribían no ano 2000 Xoán Manuel Estévez e Óscar Losada no libro Crónica do folk galego. 25 anos de historia (TrisTram). Unha ducia de anos despois, a situación parece outra e ata cambiou o nome: «Universalmente é música celta e aquí parece que se vai impoñendo o de música de raíz, que é máis ampla, porque, por exemplo, para os norteamericanos si falas de folk entenden que son cantautores», explica Roi Maceda, que forma parte do grupo Quempallou e traballa para a discográfica Zouma. Quempallou é unha das formacións que editou disco este ano: Vellas Novas é o seu título. Ademais actuaron en festivais como o de Pardiñas, Lorient, Brincadeira (Cambre) ou Ponte da Barca (Portugal). Neste outono tamén Uxía Senlle publicaba disco, Andando a terra. Uxía canta a Manuel María, un traballo no que, como indica o título, canta os poemas do escritor da Terra Chá. É a maneira que ten Uxía de celebrar os seus máis de 25 anos no mundo da música, unha traxectoria que vai seguir esta liña xa que ten teño en proxecto «pór música a poemas de Saramago ou Pessoa». Triple «Sons da lubre» O grupo máis activo dos últimos anos está sendo Luar na Lubre, e por varios motivos: en xaneiro incorporou a súa nova voz feminina, Paula Rey; en xuño presentaba novo disco, Mar Maior (Warner España). Logo veu a xira de presentación que Bieito Romero resumía nestes datos, antes dos concertos desta semana en Palencia ou no Festival Irish Fleed de Cáceres: «Once semanas nas listas dos discos máis vendidos, 22 concertos, os catro primeiros enchendo durante catro días seguidos no Círculo de Belas Artes de Madrid. En total, máis de 40.000 asistentes». E para a próxima semana máis novidades: «Sairá outro disco, Sons da lubre nas noites de luar, un recompilatorio con tres cedés e un DVD do concerto que fixemos o 31 de xullo na praza da Quintana, en Santiago, diante de 6.000 persoas». Con todo isto, e datos como os 30 concertos do ano pasado con motivo dos 25 anos do grupo, Bieito Romero explica que Luar na Lubre tivo que reinventarse: «Agora somos empresa, estamos casi autofinanciándonos porque esta é unha música de militancia, ninguén contrata folk en Galicia; facer música é ir contracorrente». Na mesma liña sitúanse dous históricos como Mini e Mero: «É duro dicilo, pero o momento actual é máis difícil para a música galega que cando comezamos nós hai case 40 anos». Isto dicían no encontro de música tradicional Terra de Trasancos que organizou o mes pasado o coro Toxos e Froles en Ferrol. Xosé Luis Rivas Cruz, Mini, insistía esta semana en que iso débese «a moitos factores, como é a depreciación da cultura galega, o autoodio, que non se impulse a cultura desde a Administración, e non falo de subvencións, senón de intencións». Para Mini e Mero, que teñen recollidas «entre 14.000 e 15.000 cantigas de sempre» que queren que estean a disposición «de todo o mundo na Rede», a cultura «non se pode subvencionar, ten que camiñar por si soa», apunta o primeiro, despois de lembrar que Irmandiños é o último disco destes dous músicos, e o seu grupo A Quenlla, premiados co Pedrón de Ouro. Roi Maceda asegura que na música galega «o problema é a visibilidade porque Galicia é moi creativa, estamos a un nivel altísimo, na primeira liña de vangarda; o problema é saber vender todo o que facemos». Festivais si, pagando Maceda indica que esta fin de semana ten lugar o Castañazo Rock en Chantada, onde están citados os organizadores de varios festivais galegos. A idea é facer unha fronte común que lles permita saír adiante «compartindo estratexias e medios». «Os festivais de música galega teñen moitos problemas e, polo que me din, algún, como o Irmandiños de Moeche, estivo a piques de suspenderse este ano», explica este músico. «Moitos festivais subsistiron este ano porque fixeron a programación cos colegas», apunta Montse Rivera, de Leilía. E abre a controvertida cuestión do pagamento: «Non hai cultura de pagar por ver actuar a un grupo galego, porque durante anos a música galega foi gratis». Esta é outra liña de debate para un futuro que, segundo os gaiteiros Bellón e Maceiras, non terá nada que ver con aquel bum nos anos 90. Entenden que un dos cambios é que «estamos acostumados á subvención e agora mesmo o apoio a música é penoso, aínda que este é un problema dunha conciencia social na que se valora máis o que vén de fóra que o noso». Salienta Bellón «todo o poder musical que ten Galicia» e apunta como están sendo as empresas privadas as que están apoiando as iniciativas musicais. Cita os casos de R ou Estrella de Galicia e asegura que «o único que vive da música é Carlos Núñez», actualmente en xira por Estados Unidos e que «actúa nos clubs de Nova York», anota Maceda, que fala tamén de Cristina Pato, que, «está a un nivel moi alto» e tamén se reinventou. Bellón está «a favor de que se pague entrada para os festivais, como se fai en tódolos sitios do mundo» e apunta outra novidade: «Susana Seivane, que é moi amiga, fai un formato de trío e así pode viaxar fóra, porque con todo o grupo non se pode». Montse Rivera distingue entre os organizadores dos festivais e apunta que «as empresas de contratación tamén están caendo ou reducindo persoal». E cita casos como os de Abada ou Nordesía. A portavoz de Leilía, que actuarán o día 15 no Pazo da Cultura de Narón (20.30 horas), salienta que «por un lado está a crise do mundo profesional e logo a cultura base: nunca tiven tanta xente como agora nas clases de baile». O mesmo pasa na escola BellónMaceiras de Fene, onde votou a andar esta semana unha banda «con 40 gaiteiros de todas as idades; é unha cousa que temos comentado moitas veces con Montse, de Leilía, que tamén dá clases: con esta xente o relevo está garantido».
| + 1 noticia relacionada ...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
| Sala Discotasca (Redondela) | Programación Outubro-Novembro 2012
| (texto engadido o día 25/ / 10/ / 12 ) | 
| - Sala Discotasca- Pelepau- Tanto Nos Ten- A Quenlla- Pan de Capazo -
...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
| 8 de Setembro. Cabodano de Manuel María (Cemiterio de Outeiro de Rei)
| (texto engadido o día 2/ / 9/ / 12 ) | 
CELEBRANDO A MEMORIA DE MANUEL MARIA MEMORIA DA CHAIRA ENTEIRA
8 DE SETEMBRO, cabodano de MANUEL MARÍA
ÁS 14,30 Xantar de irmandade no Restaurante Río Ladra (A Ponte-Gaioso) Ás 17, 30 recital de poesía en Penas das Rodas Ás 18,30, lembranza no Cemiterio de Outeiro de Rei Ás 19,00 Rito da navalla arredor de Valdi, no Campo de Santa Sabela. Concerto de poesía cantada de Manuel María: A Quenlla, Miro Casabella, Tino Baz, Antón Valcarce… Para máis información ou apuntarse ó xantar (20 €), teléfono 646413890 Organizan Irmandade Manuel María e Asociación Cultural Xermolos
| - Manuel María- A Quenlla- Miro Casabella- Tino Baz -
...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
| II Foliada de Orzabai (Lugo)
| (texto engadido o día 1/ / 6/ / 12 ) | 
Azpeitia poñerá a voz que o resto entoaremos, o roncón das gaitas será o vento que zoe e retumbe no golpe de bombo que marca. De Orbazai barrio empastará Tomás coas cordas de Alejandro. Na combinación infinita de incansábel e insaciábel obradoiro completo dará unha e mil voltas e tocará Reviralvolta. Coma se fose naquel escenario de magosto coa Quenlla, voltarán a estar xuntos Caivanca mais Arrincadeira nesta outra feira. Caivanca, dos seus chalecos, con suma elegancia. Arrincadeira,cos seus gaiteiros firmes en restra mais ben dispostos pra festa. | Co solsticio de Penas de Rodas entre lusco-fusco a Folquiada de Lugo con esas mulleres que levando a batuta fan pensar nun mundo posíbel de equinocio foliará. E con aquel dito de que a sorte da fea a bonita a desexa as Antaruxas e Sorteiros sen vestido de postín encarnizan a sorte da parranda da montaña, a auga sagrada, de Fonsagrada. Dende a torre de San Paio do concello de Friol, as Xestas Verdes que asoman dende as vistas da torre virán a esta outra de nome friccionar eiquí con nós. | E tamén dedillando no trasto da corda dun instrumento, os Trastiños de Castelo amosarán os seus sentimentos. Como a música é interpretación e esta non é arte senón , o teatro cantado de Nasdrovia correrá tambén o seu cargo. E que dicir de nós, aireados, por moreas, dos da casa da malla onde se fai a festa, porque os Airiños de Orbazai sómosvos do que non hai. |
| ...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
| 14 de Abril en O Campo (Irixo) Festival Reivindicativo contra a Incineradora do Lixo
| (texto engadido o día 14/ / 4/ / 12 ) | 
14 de Abril: Festival Reivindicativo en contra da Incineración dos residuos, o cal vai durar todo o día e parte da noite, participando varios grupos de música: Serandeiros de Boborás. Piconas do Irixo. Ce Orquestra Pantasma. Roberto Sobrado. Andrés e Constenla Os Varacuncas. A Quenlla Ataque Escampe Zënzar. Os Kambotes. Skarmento. A Banda Desarmada.
Para achegarvos pode ser dende carretera, ou tren, con liña directa dende Ourense e Compostela, e parada a 50 m do recinto.
Contaremos CON CARPA por si chove e haberá comida e bebida a prezos moi populares!
Estades tod@s invitados e esperámosvos a todos no Campo!!
| ...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
(texto engadido o día 14/ / 3/ / 12 ) | 
A RECUPERACIóN DO CANTO DE TABERNA CONTA CON CADA VEZ MáIS ADEPTOS NO PAíS
¿Quen dixo que as tabernas de toda a vida están condenadas á desaparición? Nos últimos anos multiplícanse as iniciativas para lles dar nova a vida da man da música. Os cantos tabernarios resoan por todos os recantos do país cada vez con máis forza. Pontevedra é a última en se sumar á iniciativa, da man de Maravallada, cun ciclo dedicado a esta forma da nosa tradición. Os que se queiran iniciar, téñeno ven sinxelo, xa está dispoñible na rede un Repertorio Tabernario cos ghits que mais soan onda os pipotes.
No primeiro venres de marzo, a cidade de Pontevedra vía renacer unha actividade que, cando menos na súa vertente máis tradicional, levaba anos sen se practicar. O grupo Maravallada botaba a andar o ciclo Cantos de Taberna, unha iniciativa coa que o Concello quere traer de volta esta forma musical aos bares locais. A iniciativa enmárcase nun renacer xeral desta actividade, que da man de asociacións e concellos está a se recuperar, malia á mudanza de hábitos de ocio e á paulatina desaparición dos lugares onde se adoitaba practicar.
O canto Definir o que se entende por canto da taberna é complicado. Para alén do lugar no que se interpretan os temas, a primeira vista semella que non hai moitas diferenzas con outras formas da nosa tradición, xa que os temas e a instrumentación coinciden a miúdo. “Poderíase dicir que é un canto furtivo, porque de entrada realízase a unhas horas, na noitiña, nas que moita xente tería que estar xa na casa”, explica Torres. Como principais diferenzas, os especialistas sinalan que se dá un predominio vocal sobre os instrumentos, e que é característico o cantar en grupo, e con voces masculinas. “Polo xeral era un canto de homes, xa que antes non había mulleres na taberna”, lembra. En canto á música “é un canto con pouca instrumentación, hai que pensar que polo xeral era improvisado, e entón podíase contar cunha guitarra que houbese na taberna, ou un acordeón, pero pouca cousa máis”, sinalan desde Maravallada.
A música Dentro da recuperación destes cantos, hai tamén tendencias. Deste xeito, Torres apunta que “desde a nosa perspectiva, non se pode meter un grupo de música nun local e chamarlle a iso música de taberna. Nós levamos un acordeón, percusión e como oito algunha gaita para cancións moi específicas, e aos grupos que veñen ao ciclo pedímoslles o mesmo. Ademais, non se poden meter grupos moi numerosos nunha taberna, porque polo xeral son pequenas e entón non se cabe”. Suso Sánchez é un dos organizadores, desde a asociación O Castelo, do concurso de Cantos de Taberna desta localidade, que reúne desde hai catro anos 16 grupos de todo o país. Desde a súa experiencia sinala que “nós facemos o concurso aberto, a calquera que queira participar. Aínda que orixinalmente os cantos eran fundamentalmente vocais, nós temos no certame desde rondallas, a grupos de música tradicional, pandeireteiras ou mesmo xente con saxos ou guitarras, procuramos variedade”.
Tradición e innovación A variedade e a improvisación son marca deste xénero musical. “Había sempre innovacións”, apunta Sánchez. Malia á importante pegada do repertorio tradicional, no era estraño a introdución de tangos, boleros ou todo tipo de temas coñecidos en festas, a radio ou a televisión. “Nós cinguímonos á tradición, pero isto non está acotado, pódese cantar o que se queira. De feito hai xente que se arrinca a cantar outro tipo de temas, e nós imos detrás, o que interesa é a participación”, sinala Torres desde Maravallada. Dun xeito ou doutro, os músicos que traballan este xénero recoñecen un predominio de temas galegos, e mesmo apuntan os éxitos que máis se corean nas sesións. Deste xeito, para Torres, “as cancións de toda a vida están sempre presentes. A Rianxeira ou Catro vellos mariñeiros son o equivalente aos temas enchepistas das discotecas, cando se tocan, todo o bar comeza a cantar”. Pola súa banda, Sánchez sinala que “Quen teña viño é das que sempre están”.
Os lugares e o ocio Desde Maravallada recoñecen que en Pontevedra este costume estaba practicamente extinto aínda que non falta en calquera noite quen se arrinque a cantar nun bar ou na rúa con repertorios xa do máis variado. “Custounos atopar tabernas típicas, xa quedan poucas e tivemos que botar man de locais que xa non son tan específicas e que máis ben son cafés, pero con propietarios que queren colaborar”, lembran. Fronte a isto, destaca a vitalidade que lle apoñen a esta tradición en Melide. Segundo sinala Sánchez “alí sempre se cantou polas tabernas e é unha tradición viva”, explica. Malia a que, como, de xeito semellante, o costume mantense en boa parte do país, as mudanzas nos hábitos de ocio supoñen unha especial ameaza a este tipo de cantos. A substitución de tabernas por cafeterías, pubs ou discotecas son só unha parte do problema. “ao meu ver o canto de taberna perdeuse pola televisión. Cando apareceu, a xente que cantaba comezou a estorbar”, explica Torres. Encol da recuperación desta forma de entretemento, este músico apunta que “semella chocante que agora volte o interese. O mesmo e porque estamos en crise que a xente quere cantar. Tamén pode ser unha moda. Pero resulta curioso, porque cando o facemos nas tabernas conseguimos un éxito aínda que poñan fútbol pola televisión, co tirón que ten iso”.
Os protagonistas do retorno Sánchez apunta que “é un fenómeno bastante recente. Nós como grupo non somos os únicos, verificamos que toda a xente que participa son máis ou menos novos”. Foz, Pobra de Brollón, Mondoñedo, Moaña, Ferrol, co seu recoñecido Ciclo de Músicas Portuarias, Compostela, Lalín, A Coruña ou mesmo Barcelona (co grupo Os Recanteiros) son só algúns dos lugares onde, con maior ou menor frecuencia, resoan estes cantos nocturnos. En Melide, cada ano esgótanse as prazas para participar no certame, e desde a organización recoñecen que “xa contabamos con ter unha boa acollida. Pensamos que é algo que funciona por si só. A toda a xente que toca ou canta gústalle cantar polos bares, é algo que resulta divertido. É moi distinto que estar nun escenario, moito máis libre”.
Influencias Dentro do proceso de recuperación desta tradición, Torres apunta a influencia decisiva dalgúns grupos musicais. “A Roda tivo unha grande importancia, sobre todo porque fixo arranxos para temas clásicos permitindo que se puidesen cantar por todo o mundo, con ritmos moi pegadizos. Eu penso que conseguiron popularizar isto, e que sen eles non existiría hoxe o canto tabernario. Tamén podemos falar de Fuxan os Ventos ou de A Quenlla”. Máis recentemente, o proxecto Nordestin@s de Guadi Galego, Ugia Pedreira e Aber Rábade reivindicaban unha aproximación ás cancións dos bares portuarios.
Repertorio Para alén da súa actividade en Maravallada, Torres é tamén autor dun libro que lle vai facilitar en boa medida aos interesados achegarse a este mundo. Repertorio tabernario publicado pola Área de Normalización da Universidade de Vigo, achega as letras de máis dun cento de temas populares. “Constatei que a xente se lanzaba a cantar sen saber toda a letra, e desde hai anos estaba coa idea de facer un libriño que as trouxese e que se puidese levar facilmente no peto, para botar man del”. Logo dun amplo traballo de selección buscando os temas máis populares, a publicación está a ter un grande eco, e están para se esgotar os 700 exemplares da tiraxe, aínda que a obra está tamén dispoñible na rede.
Para alén da proposta pontevedresa, que se desenvolve o último venres de cada mes, a vindeira cita será en Melide o 28 de abril, entre as 12 da mañá e as tres da tarde, no casco vello da vila. Os interesados en se achegar, só precisan ter gana e perder un pouco a vergoña.
| - cantos de taberna -
...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
(texto engadido o día 17/ / 12/ / 11 ) | 
O sábado 17 de decembro, no Incio, terá lugar unha Homenaxe a Lois, organizada polo Concello do Incio, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, co seguinte programa: - 19:00 h. Acto de presentación. Descubrimento de placa conmemorativa. - 19:30 h. Recital poético no Local Multiusos do Concello, con Marica Campo, Olga Novo e Manuel Rivas. - 22:00 h. Concerto no Antigo Mercado Gandeiro, con A Quenlla e Ondas Martenot.
| - A Quenlla -
...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
(texto engadido o día 19/ / 9/ / 11 ) | 
Mini e Mero, músicos, poetas, mestres e investigadores do patrimonio cultural galego, foron galardoados co Premio Ramón Piñeiro-Facer País na súa décima edición. Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, e Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, actuais compoñentes do grupo A Quenlla, formaron parte tamén de Fuxan os ventos. O xurado, integrado por representantes de 18 asociacións culturais da comarca de Sarria (Lugo) analizou e considerou 29 propostas. O premio foi instituído en 2002 pola Asociación Cultural Val de Láncara para recoñecer o labor senlleiro de persoas e entidades a prol de Galicia. O acto de entrega terá lugar en Láncara (Lugo) o vindeiro 15 de outubro. Os 18 membros do xurado, representantes doutras tantas asociacións culturais da comarca de Sarria, avaliaron o constante labor dos premiados, Mini e Mero, "a prol da creación e recreación do cancioneiro galego e de diferentes manifestacións do noso patrimonio inmaterial, participando de modo individual ou con diferentes grupos no proceso de dignificación e recuperación das máis diversas facetas da expresión musical, incoporando ao seu repertorio creacións de poetas clásicos e modernos xunto con obras propias que gozan de xeral aceptación". Recoñeceron asemade "o compromiso profesional de Mini e Mero como educadores a prol da galeguización do ensino e dunha escola creadora e non alleante no medio rural" e salientaron "a constante e desinteresada colaboración que os premiados prestan a colectivos culturais tanto de Galicia como da diáspora, levando a mensaxe de loita e solidariedade coas xustas reivindicacións do noso pobo". Subliñaron por último "a súa activa participación nas actividades de recuperación da memoria histórica". Nesta décima edición a candidatura de Mini e Mero competiu con outras 28, propostas polas distintas asociacións que colaboran con "Val de Láncara" na organización e concesión do Premio Ramón Piñeiro-Facer País. Reseñado en Xornal, La Voz de Galicia, Cultura Galega.
| - Mini e Mero- A Quenlla -
...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
(texto engadido o día 30/ / 8/ / 11 ) | 
| - A Quenlla- Buxaina -
...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
(texto engadido o día 21/ / 6/ / 11 ) | 
| - Mini e Mero- A Quenlla -
...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
(texto engadido o día 18/ / 6/ / 11 ) | 
| - A Quenlla- Os Tres Trebóns- Zënzar -
...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
(texto engadido o día 31/ / 8/ / 10 ) | 
BAR HIPOLITO (Avenida de Castrelos, 26 - Enfrente do Pavillón das Travesas): 3 de Setembro: Saltanocribo 4 de Setembro: Matamá Ensemble 11 de Setembro: Kerkennai 17 de Setembro: Contracochenos 18 de Setembro: Noite de O Fiadeiro 25 de Setembro: A Quenlla
BAR BATALLÓN (Martín Codax, 17 - Zona Churruca): 4 de Setembro: Davide Salvado 11 de Setembro: Saldos Negativos 18 de Setembro: Noite de O Fiadeiro 24 de Setembro: Contradança 25 de Setembro: Ghaita de Pedra
| - Saltanocribo- Matamá Ensemble- Kerkennai- Fiadeiro- A Quenlla- Davide Salvado- Ghaita de Pedra -
...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
(texto engadido o día 28/ / 8/ / 10 ) | 
| - Lúa Meiga- a quenlla- leo i arremecaghona- tanto nos ten -
...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
(texto engadido o día 28/ / 7/ / 10 ) | 
SABADO 7 DE AGOSTO
BELLÓN MACEIRAS QUINTETO (GALIZA) 22:00h
ÄL JAWALA (ALEMANIA) 23:30h
CANTECA DE MACAO (MADRID) 01:00h
GALEGOZ (GALIZA) 03:00h
DOMINGO 8 DE AGOSTO CÉ ORQUESTRA PANTASMA (GALIZA) 12:00h é as 170:30h
PELEPAU (GALIZA) 13:30 é as 20:00
PABLO SEOANE (GALIZA) 20:30h XOSÉ MANUEL BUDIÑO (GALIZA) 22:00h
ALALÉ (IRLANDA) 00:00h
GÜINTERVAN (GALIZA) 01:30h
XVII MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL
Un ano máis a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), achégase ata o Festival de Pardiñas para organizar a que será a "XVII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional". Un evento que constitúe unha das mostras de luthería máis antigas da península e que congrega cada ano a numerosos artesáns do país para mostrar o seu traballo ao público. Este ano a mostra conta coa presenza de 22 artesáns que nos amosarán o seu bo facer, e séguese apostando pola música e polo baile tradicional a través de actuacións en directo, obradoiros e a sempre estimada participación do público presente.
Para levar a cabo esta actividade, este ano contamos coa axuda da Consellería de Cultura e Turismo, Maderas Barber, Comercial Pazos e Seivane-Goretex. Unha colaboración que resulta imprescindible para que a AGG continúe na súa loita de divulgación e dignificación da cultura tradicional.
Durante as xornadas do 7 e 8 de Agosto, e no marco incomparable do Festival de Pardiñas, a XVII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional contará cun programa repleto de actividades.
O Sábado contaremos cun pregoeiro de luxo, Nando Casal, un dos membros fundadores do grupo Milladoiro. Posteriormente terá lugar unha demostración e construcción de gaitas con torno de varas, a cargo do artesán Nebra.Para rematar as actividades do sábado, contaremos coa actuación de Os Minhotos, grupo chairego composto por cinco músicos, que naceu como cuarteto, alá polo ano 96 e que pouco a pouco foi incorporando outros instrumentos da nosa música como o acordeón, a requinta ou a zanfona.
Durante a xornada do Domingo haberá actividades dende a mañá co Concerto Os instrumentos femininos, a cargo de Pablo Carpintero, Rosa Sánchez, Mª del Carmen Picallos e Xaneco. Xa pola tarde contaremos cunha demostración práctica de instrumentos de corda e percusión a cargo do grupo Diluvea, que está formado por Diego Langarika, Luis Martínez e Beatriz Martínez. O Obradoiro de Baile Tradicional, correrá a cargo de Gustavo Couto, mestre desta disciplina e coautor do libro Bailaben, e máis tarde Pablo Carpintero e Rosa Sánchez serán de novo os encargados de ofrecernos un concerto de repertorio antigo de Pontevedra, que rematará cun obradoiro de Treboada a cargo de Oli Xiraldez.
As actividades previstas para enriquecer a exposición, están enfocadas para que sexan totalmente participativas, así pois haberá un escenario disponible, durante todo o día para todos aqueles músicos que desexen tocar, e aqueles artesáns que queiran falar ou facer algunha demostración da sonoridade dos seus instrumentos.
Van participar estes artesáns:
Lois Mouriño / Obradoiro de instrumentos tradicionais / Compostela
Oli Xiraldez / Gaitas e requintas / Balaide –Teo
Nebra / Gaitas e zanfonas / Porto do Son
Xosé Tuñas / Percusión / Ames
Luis Martínez / Instrumentos de corda / Soutomaior
Pablo Carpintero / Gaitas Requintas e percusións / Santiago
Diego Piñeiro / Gaitas / Palma de Mallorca
Xaneco / Obradoiro de instrumentos musicais galegos / Outeiro de Rei
Diego Langarika / Percusión / Vigo
Che Vázquez / Trompas e instrumentos tradicionais / Brión- A Luaña
Paporrubio instrumentos musicais / Gaitas e frautas / Sarria
Xermán Arias / Luthería e zanfonas / Sarria Afonso Castro / Gaitas / O Rosal
Foliqueiras / Percusión Tradicional / Vigo
Carlos Fandiño / Gaitas / Teixeiro
Cristobal Prieto / Gaitas e frautas / O Hío – Cangas
O Chilro / Percusión e gaitas / Cambados
Roi / Gaitas e requintas / Vigo
Rebollo instruments / Instrumentos de Corda / Beluso
Xaime Rivas / Zanfonas / Vigo
Morenita / Percusión / Laza – Ourense
Roi / Instrumentos de Corda / Pontevedra
Programa:
Sabado día 7 
17.00h – Apertura da Mostra
17.30h – Pregón a cargo de Nando Casal
18.00h – Demostración de construción de gaitas con torno de varas – Nebra
19.00h – Actuación de Os Minhotos
20.00 a 21.30 h – Escenario libre para músicos espontáneos
Domingo día 8 
11.30h – Apertura da Mostra
12.00h - Concerto “Os instrumentos femininos” - Pablo Carpintero, Rosa Sánchez, Mª del Carmen Picallos, Xaneco
16.00h - Demostración de construción de gaitas con torno de varas – Nebra
17.00h – Demostración práctica de instrumentos de corda e percusión – Diluvea: Diego Langarika,Luis Martínez, Beatriz Martinez
18.00h – Obradoiro de Baile tradicional - Gustavo Couto.
19.00h – Concerto de repertorio antigo de Pontevedra – Pablo Carpintero ,Rosa Sánchez
20.00h - Obradoiro de Treboada - Oli Xiraldez
20.30 a 21.30h - Escenario libre para músicos espontáneos
Tamen O Domingo dia 8 As 13,30 Na Mostra de Instrumentos de Música Tradicional PRESENTACIÓN DO CD “OS IRMANDIÑOS. UNHA VEZ FOI O TREBÓN”, Poemas de Manuel María, interpretados por A Quenlla. Xa está á venda en Cd, cos textos musicados e unha melodía instrumental que serve de soporte aos textos dialogados na obra. O Festival de Pardiñas, vai medrando coma un manancial de iniciativas e novidades culturais, grazas á concentración de vibracións de creatividade, e á fidelidade ó pobo, daquelas e daqueles que nos achegamos aquí para compartir os nosos debezos de beleza. Hai anos, nesta fervenza emocional que é Pardiñas, Manuel María, comunicoulle a Mero, do grupo A Quenlla, a súa ilusión de que fose este grupo o que musicase os seus poemas de “Os Irmandiños”, e poder dalos á luz… Non caeu en saco furado, e Mero e Mini, acolleron este compromiso. E velaquí, que neste festival 2010, van presentar a edición musical desta obra de teatro de Manuel María. Vai ser unha hora máxica, para a historia do noso pobo. O poeta da Terra Chá gustaba de promover poéticamente persoaxes e acontecementos da nosa historia, ata convertelos en sinais senlleiras para axudar a facer pobo ás novas xeracións, nesta liña esta obra ideada para representar, mostranos agora este acontecemento das revoltas irmandiñas. A primeira guerra irmandiña foi no 1431 nas terras dos Andrade, Pontedeume e Vilalba…, ata chegar á Irmandade de toda Galiza, contra os abusos dos señores, provocando a caída de 150 torres e castelos. A Quenlla puxo música e interpreta, nunha peza única, esta obra. É unha mostra máis da calidade da súa poesía cantada. Da que xa levan producido moitos froitos, facendo un servizo fundamental á nosa cultura. A Quenlla agasalla este traballo marabilloso á Irmandade Manuel María, que se compromete a difundilo en todos os eidos da vida e actividade do país. A honra é moita por ser obra de Manuel María, e por estar interpretada polo grupo A Quenlla, as mellores voces, as máis fieis á escrita… Grazas tamén a Saleta, a dona de Manuel María, por permitirnos esta publicación. Acreditamos que Pardiñas é un mar en calma, no que cada vaga de creación, provoca e suxire outra aínda máis intensa. Si un día Manuel María, decidiu pór música a “Os Irmandiños”, neste ambiente, na XXXI edición, presentamos a versión, e dámola a coñecer, tamén cando facemos memoria dun dos intérpretes, César Morais, e o cartel do Festival é obra de Rita Galeotte, tamén autora do deseño da carpeta de presentación desta achega que ven a engrandecer aínda máis a obra de Manuel María e de A Quenlla. Presentacion do CD “OS IRMANDIÑOS”, no esceario da Mostra de Instrumentos, coa participación de: Marica Campo Miro Casabella Xosé Estévez Xosé Neira Vilas David Otero E unha interpretación do grupo A Quenlla.
| - Pardiñas- -
+ 1 noticia relacionada ...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
(texto engadido o día 23/ / 6/ / 10 ) | 
COLABORAN NESTE NÚMERO
Fernando Arribas Arias Profesor de EXB e Licenciado en Humanidades, traballa como Técnico de Difusión no Museo Provincial de Lugo. Etnógrafo e Historiador de Cine, leva publicados diversos traballos sobre a sétima arte en Lugo e sobre os cruceiros da Terra Chá. Conferenciante e investigador, actualmente prepara a súa tese de Doutoramento sobre os cruceiros galegos. Membro da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico-Artístico de Lugo en representación do Consello da Cultura Galega.
Laura Branco Naceu en Foz en 1984. Licenciada nas Filoloxías Portuguesa e Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, é membro do grupo de investigación GALABRA (sobre os sistemas culturais galego, luso, brasileiro e africanos de língua portuguesa) desde 2006. En cualidade de investigadora en formación desenvolve a súa tese de Doutoramento sobre a construción discursiva e os procesos culturais no período histórico da Ilustración na Galiza. Combina esta faceta co hábito da escrita, desde a adolescencia, tendo publicado algúns poemas en revistas, e participado en diferentes recitais poéticos en diferentes lugares da xeografía galega, principalmente na Mariña de Lugo. Os tres que se presentan nesta entrega fan parte do seu libro inédito Doenças dum espelho.
Escola de Arte e Lecer: Teatro A Escola de Arte e Lecer Fingoi é unha escola aberta de arte e cultura, onde se mestura a vangarda e a tradición. O seu obxectivo é dar unha oferta de calidade, organizando obradoiros moi diversos, dirixidos a nenos/as, xoves e adultos, fóra do horario lectivo, coa fin de que os participantes poidan adquirir novos recursos para o seu tempo libre e de lecer e para que desenvolvan a súa creatividade e sensibilidade estética. O grupo Palimoco dirixe as actividades de teatro e danza nas que se pretende mellorar a expresión corporal e vocal, fomentar o diálogo e a creatividade dos nenos, romper coas tensións do corpo e da mente e desenvolver a atención nun mesmo. Progresivamente, os rapaces aumentan a súa expresividade e creatividade, coñecen o seu propio corpo e o movemento no espazo, participan na procura do ritmo individual e grupal, e aumentan a concentración e confianza nun mesmo. A obra “Non quero crecer”, inspirada na historia de Peter Pan, é unha adaptación do Grupo Trasnadas baixo a dirección de Paula Buján coa intervención de arredor de 20 actores e actrices de entre 5 e 14 anos.
Manuel Fernández “Lolo” Naceu en Anseán, o Corgo (Lugo) en 1956. Graduado en Artes Aplicadas, talla en madeira e cerámica. Despois de pasar por diversas experiencias escultóricas (madeira, pedra, cemento) iníciase no campo da cerámica, formándose en numerosas técnicas. En 1999 recibiu o 1º Premio do Certame Antonio Fraguas Fraguas da Deputación da Coruña. Expuxo con regularidade desde 1983 en Sarria, Lugo, Madrid, Oviedo, A Coruña e Lorian. Actualmente amosa a mostra “As cores da terra, as cores do ceo” na Sala Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, ata o 31 de xullo.
Mini e Mero Xosé Luís Rivas Cruz (Mini), nado en Begonte o 18 de xuño de 1951, e Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero), Vilalba, 27 de xuño de 1951, músicos, poetas, mestres e investigadores do folklore e a cultura tradicional de Galicia, membros históricos de Fuxan os Ventos e actuais compoñentes de A Quenlla. Ademais da súa produción discográfica con estes grupos, teñen participado por separado ou conxuntamente noutros discos de música galega como o Quiquiriqui (2006) producido pola Asociación de Gaiteiros Galegos e en obras teatrais como Pan, catro propostas arredor da malla e publicado diversos libros. É salientable o seu labor de recompilación de contos, lendas, refráns, ditos ou poemas, principalmente na súa Terra Chá natal e nas zonas onde exercen o seu traballo de mestres: Mesía (Mero) e Boimorto (Mini). O arquivo sonoro froito deste labor, composto por milleiros de cintas magnetofónicas, foi cedido ao Museo do Pobo Galego para a súa dixitalización e incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). No campo educativo son autores de diveros libros de texto de ciencias sociais, naturais e lingua galega para o ensino infantil e primario. En abril de 2009 foilles concedido o Pedrón de Ouro como recoñecemento á súa traxectoria de corenta anos de investigación musical.
Xornadas Interxeneracionais Rurais As Xornadas Interxeneracionais Rurais nestes seis anos pretenderon seguir constituíndo un espazo de reflexión e debate dirixido, fundamentalmente, ós nosos maiores aos que se lles ofrecen charlas, presentación de ofertas de programas, visitas e festas culturais. Tamén están pensadas para os xoves e así poder desenvolver un traballo conxunto xa que un dos grandes legados dos nosos maiores é que sexan escoitados trasmitíndonos todo o que aprenderon ó longo da sua vida. Estamos ante unhas xornadas abertas nas que queremos contar cos máis novos e ofrecerlles un camiño para seguir avanzando na súa formación, nunha formación baseada tamén na aprendizaxe do no noso patrimonio que tan preto está de nós e moitas veces nin o vemos.
| - Mini e Mero -
...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
(texto engadido o día 21/ / 3/ / 10 ) | 
| - Berrogüetto- Ruxe-Ruxe- Luar Na Lubre- Zurrumalla- Fuxan Os Ventos- Os Tres Trebons- A Quenlla- Fía Na Roca- Garcia MC- GalegoZ- Lamatumba- Os Carunchos- Espido- Uxía Senlle -
...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
(texto engadido o día 17/ / 2/ / 10 ) | 
BERTAMIRÁNS:
Sábado 20 de Febreiro, ás 19:30 hh, no Centro Social A Fouce.
Actuarán:
* Mini e Mero, do grupo A Quenlla. Música de raiz.
Entrada de Balde
Esta Caravana, que percorrerá as principias vilas e cidades de Galicia, rematará o 21 de Marzo, cunha grande MANIFESTACIÓN CONTRA A DESTRUCCIÓN DO TERRITORIO:
Domingo 21 de Marzo ás 12:00 na Alameda de Compostela
SALVEMOS A COSTA, NON AO PLAN DO LITORAL POR UNHA ORDENACIÓN RACIONAL DO TERRITORIO POLA DEFENSA DOS SECTORES PRIMARIOS: SOBERANIA ALIMENTARIA E ENERXÉTICA E POR OUTRO MODELO DE TRANSPORTE.
Goberne quen goberne Galiza Non Se Vende
Terra viva e vida digna para tod@s
http://www.myspace.com/caravanagalizanonsevende http://galizanonsevende.org/
| - Galiza Non se Vende- Mini e Mero -
...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
(texto engadido o día 11/ / 6/ / 09 ) | 
A literatura oral na canción galega contará coa participación dos músicos Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias ( Mini e Mero ) e desenvolveráse no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro ( Travesía da Mariña ) O VENRES día 12 de xuño, ás 20 horas
Mini e Mero é un dúo de cantautores chairegos, formado por Xosé Luís Rivas Cruz (Mini, nado en Begonte o 18 de xuño de 1951) e Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero, Vilalba, 27 de xuño de 1951), músicos, poetas, mestres e investigadores do folklore e a cultura tradicionais galegos, membros históricos de Fuxan os Ventos e actuais compoñentes de A Quenlla. Ademais da súa produción discográfica cos devanditos grupos, teñen participado por separado ou conxuntamente noutros discos de música galega, como o Quiquiriqui producido no ano 2006 pola Asociación de Gaiteiros Galegos e en obras teatrais como Pan, catro propostas arredor da malla (creación e adaptación musical súa) e publicado diversos libros. É salientable o seu labor de recompilación de contos, lendas, refráns, ditos ou poemas, principalmente na súa Terra Chá natal e nas zonas onde exercen o seu traballo de mestres: Mesía (Mero) e Boimorto (Mini). O arquivo sonoro froito deste labor, e composto por milleiros de cintas magnetofónicas, foi cedido ao Museo do Pobo Galego para a súa dixitalización e incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, que ha estar dispoñible no web do museo. No campo educativo son autores de diveros libros de texto de ciencias sociais, naturais e lingua galega para o ensino infantil e primario. En abril de 2009 foilles concedido por unanimidade o Pedrón de Ouro como recoñecemento á súa traxectoria de corenta anos de investigación musical, galardón que recibiron o 24 de maio de 2009.
| Noticia enviada por Xan Rolei
- Mini e Mero- A Quenlla- Mariña- Patrimonio -
...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
(texto engadido o día 27/ / 4/ / 09 ) | A historia comezara ben anos antes, mais para o que a nós respecta debían de correr as festas de agosto nunha pequena parroquia de Cariño. Na máquina de discos do bar, entre os éxitos de Raffaella Carrà e Bonie M., lucía coma un estandarte o único disco no noso idioma. Eu coaba un peso de mocete e dáballe cheo de razón ás dúas teclas.
Poucos agostos despois xente chegada de toda a comarca enchía o campo das festas da Pedra para escoitar ao vivo aquel grupo. Ao ronsel de Rosalía de Castro (non sabemos se a deu lido Pete Seeger) mergulláranse na música popular sinalando os conflitos do seu tempo. Cantaban contra o réxime autonómico comerciado pola nomenclatura franquista, contra a emigración e as celulosas, contra a tiranía da industria leiteira. Letras de Darío Xohán Cabana, de Manuel María ou de Marica Campo enriqueceron a banda sonora dunha idade, atroaron en Madrid cando aínda era capaz de escoitar as culturas nacionais: “se non tedes sachos/ traguémolos nós”, advertían ironicamente.
Fuxan os Ventos non eran só a dedicación etnográfica de Xosé Luís Rivas Cruz e de Baldomero Igrexas Dobarrio a enlamaren os pés en cada corredoira. Pero sen Mini e a súa barba grave de portentosa dicción, sen a guitarra combatente e a voz arrubiada de Mero, o proxecto resultaba incomprensible.
Os medios patronais ditaron esquecemento para eles nas crónicas do revival. A formación que conseguiu devolver ao pobo unha parte da súa música desfixérase por varias razóns e non vén ao caso aventurármolas aquí. Despois chegou A Quenlla, teimando. Os carballos cativos, se cadra rebolos da chaira de Duarría escoitaban a fin de semana desde o frío do local de ensaio as verdades incómodas, as verdades verdaderas que tamén cantara o camarada chileno.
A profesión de mestres e a condición insubornable de Xosé Luís Rivas e Baldomero Igrexas aforráballes transixir cun mercado musical que ditaba, seguramente, demasiada renuncia. Eles seguiron ao choio. Os vellos axitadores acabaron coñecendo coma case ninguén non só os ritmos condenados a esfragarse coa sociedade rural, senón tamén os contos, as adiviñas, os romances esgrevios ao son da zanfona que Faustino Santalices rescatara das montañas do sur. O dúo investigou, publicou, desenvolveu o don da ubicuidade. Lonxe ás veces dos focos da moda, xenerosos en cada unha das enormes e domésticas feridas que este país –ninguén o dubide- seguirá supurando á marxe do cálculo electoral, son imprescindibles Mini e Mero. Compartimos emoción a través deles no escenario da multitude ou na tarima do cuarto máis humilde, como só Zeca Afonso e os grandes souberon facer. Nunca poderemos pagar a quen nunca nada pediu, por iso o Pedrón de Ouro será a mellor escusa para que reciban en xustiza -con Mariana Ploae-Hanganu, portavoz da nosa literatura na outra estrema da Romania- a admiración e mais o abrazo comunal.
| + 1 noticia relacionada ...comentarios.. :: Enlace a esta nova ::
[1] [2]
En 'Novas Relacionadas'
*
* Vieiros: Galiza Hoxe - Mini e Mero, merecido Pedrón de Ouro
*
*
|
buscar mais información
sobre A Quenlla en
Ghastas Pista?
|
|