Habelas Hainas, Quadrilha e Güintervan poñeran a música dende o escenario mentres que PelePau e Arandela animaran as rúas.
Xa está todo preparado para a celebración da IX edición do Festival Terra Brava. Unha cita na que a música tradicional, os xogos populares, os contos de sobremesa e as propostas musicais máis innovadoras, reúnen nunha mesma carballeira a xentes de tódalas idades e condición.
As actividades comezarán pola mañá coa sorprendente proposta do grupo de percusión galega PelePau e os gaiteiros do Incio Arandela que farán un percorrido pola vila e animarán os instantes previos ao xantar que se celebra cada ano no mesmo recinto que o festival. A sobremesa tamén estará animada por estes grupos e os músicos espontáneos que queiran sumarse á festa.
Xa pola tarde, os obradoiros de xogos para cativos e maiores apenas deixará tempo libre antes de que á noitiña comecen os concertos. Un cartel que se completa con Habelas Hainas, que nos achegan a música máis tradicional dende Compostela; Quadrilha, histórica banda que chega dende Portugal; e Güintervan, coa súa incansable mestura de folk galego, balcánico e de quen sabe cantos lugares. Para Nemesio Pérez, un dos organizadores do festival dende a súa primeira edición, “non é doado organizar unha festa destas características, pero paga a pena cando durante un día vemos ao pobo cheo de vida, e con ilusión de alcanzar o ano que vén o que será o noso décimo Festival Terra Brava”.