Excelentes novas dende Compostela. O pasado sábado 26 de xaneiro constituíuse a Federación Galega de Festivais.
15 asociacións sen ánimo de lucro, organizadoras todas elas de festivais de música na Galiza, que deciden xuntar esforzos para optimizar os seus recursos e garantir a supervivencia da rede de festivais que ao longo de todo o ano serve de altofalante á música do país.
A Federación Galega de Festivais nace co obxectivo de promocionar a música do país e a organización de concertos e festivais, con especial atención ás comarcas rurais. Pretende dar apoio ás asociacións que dinamizan o tecido cultural galego e fomentar a comunicación e o intercambio de ideas entre elas.
- Castañazo de Chantada - Revenidas de Vilaxoán - Festa da Poesía do Condado - Treze-Catorze de Salceda - Vibra do Bierzo, - Festa Folc de Vilariño - Rebumbio de Mos - Terra Brava do Incio - Festival Furtivo de Cangas - A Chorar a Cangas - Rebusca e A Rebusca de outono de Manzaneda - Festival das Brétemas de Ponteareas - San Martiño Caníbal de Sarria - Festival Taíña de Goián - Castelo Rock de Muros - Berra Val Miñor.
Estos son os festivais que organizan as asociacións que polo de agora acolle a nova federación, pero a cifra axiña ha aumentar: máis asociacións amosaron xa o seu interese, e dende a federación, que prevé celebrar a súa primeira Asemblea Xeral contra o mes de marzo, fan un chamado ao tecido asociativo do país vinculado á organización de festivais musicais para se integrar neste proxecto que pretende darlle pulo á música ao vivo no país.
Polo de agora, o contacto da Federación é o enderezo e-mail: fgfestivais@gmail.com.