VOCES CEIBES
"Daquela todos tiñamos vinte anos.."
Vicente Araguas
( extracto )


Lee 1 comentario e/ou engade o teu

 

A "nova canción galega", coma os reloxos, a televisión ou os coches, non a inventou ninguén con nome e apelidos. Quero dicir que xurdiu simultaneamente e a varias voces. Dunha banda estaba Benedicto , que dera un recital nunha aula (a numero 2, creo) de Filosofía e Letras, tal vez en febreiro do 68. Da outra, Xavier González del Valle (un dos primeiros musicadores de Celso Emilio Ferreiro, moi sinaladamente de "María Soliña"). No Colexio Maior San Agustín paraba Xerardo Moscoso , que tiña dúas ou tres cancións en galego. Guillermo Rojo puxera no papel pautado varios textos propios. Ao tempo, como xa se vería, iniciaba o camiño en Barcelona Miro Casabella . Asemade Aurichu Pereira musicou -e moi ben, por certo- poemas de Salvador García-Bodaño. Nun momento dado, estiveron a piques de aparecer en disco coa voz de Anxo Tarrío , quen, ademais doutras aptitudes, tiña a de ser un bo cantante e mellor guitarrista. Como tal figurara na formación do trío santiagués Los Bardos. Por Madrid circulaba outro Xavier González que, durante un tempo, fixo dúo cunha rapaza de voz fermosa, María , nos últimos anos dedicada á gravación de jingles publicitarios. Sen esquecer, desde logo, a Andrés Do Barro , daquela tamén en Madrid e, así mesmo, cantante monolingüe. Nin a un par de ferroláns, Emilio e Fernando , que ficarían axiña á beira do camiño. Quero dicir con isto que só faltaba por dar o pistoletazo de saída. Xente había, aínda que moitos ficasemos no papel honroso de "percusores".

Eu ( Vicente Araguas ), xa dixen, aproveitando a ausencia de Isaac Ángel, ía poñendo en orde as miñas ideas musicais. De cando en vez coa proveitosa axuda de Antón Seoane. Desta maneira, nunha das sentadas do inicio da folga tirei de guitarra, apoiei o pé nunha papeleira e botei un par de cancións miñas e, xa posto, (sempre pensei que o exceso de seriedade é malo para o fígado e pon engurras na faciana) unha versión esperpéntica de "Puppets on the string", que en galego resultaba "Espantallos na piola".

(...)

Consecuencia desta improvisada actuación, cun repertorio feito por min e por Sandie Shaw, recibín certa visita no Colexio Maior, a principios de abril, que me deu que pensar.O caso é que na miña ausencia apareceu un individuo que, pola descrición: maior, entradas na cabeleira, traxe e gravata, podía ser un membro da Brigada Político-Social (BPS). Como eu non estaba, o tipo deixou unha tarxeta -máis raro aínda, un estudiante con tarxetas- citándome no Café Roal. Desestimando toda prudencia alá marchei á hora prevista, atopándome co cordial e ceremonioso Xavier González del Valle , serodio estudiante de Quimicas, que nunca remataría e que se presentaba como cantautor. Falaba dun posible recital en Medicina. Quería contar comigo.

Fixamos unha cita posterior no Colexio Maior San Agustín e alí, na sala de música, tivo lugar o meu encontro primeiro con Benedicto , que viña con Xavier e Guillermo Rojo , acompañado este dun rapaz o que esquecín e seica era tamén cantante. Pola miña banda aportei a Xerardo Moscoso (...) Desta xuntanza sairían os plans para o mítico recital do 26 de abril na Facultade de Medicina (...) a noticia de que algo pasou na Facultade correu como a pólvora (...) E de tal maneira que para a nosa sorpresa, e da policía e mesmo a das autoridades académicas, o paraninfo de Medicina estaba cheo a rebentar. Non menos, tal vez, de dúas mil persoas (...) Ben sei que bastante daquela xente non era galeguista de expresión. Que a UPG e o PSG a penas estaban implantados. Non obstante aquel acto, noutra lingua (en español, por exemplo) non tería ocorrido (...)

Atacou Benedicto "Eu son a voz do pobo", de Lois Diéguez, no medio dunha ovación cerrada que daba a pauta do que sería o recital. Logo "Un home", do propio Benedicto García Villar, a súa primeira composición dos tempos de estudiante de enxeñería en Madrid, antes de volver a Santiago a facer Económicas. "Loitemos", tamén de Lois Diéguez e, sobre todo, "Carta a Fuco Buxán", de Celso Emilio Ferreiro. Cando Benedicto atacaba o

Fuco Buxan, ¿non sintes que na Iberia
feden a podre os homes e as paisaxes?

o galénico do recinto viña abaixo a forza de aplausos. Gracias a Celso e á súa palabra irada, naturalmente. Pero tamén porque a guitarra e a voz de Benedicto eran belixerantes. E belixerante era o son popular chantado, nese momento, entre a xentiña do 68 na Facultade de Medicina. E con eles, sentados nalgún curruncho da sala, Fuco Buxán e Celso Emilio Ferreiro aínda que esa noite os pillara en Caracas ou en calquera outra terra de ningures.

O repertorio de Xavier xiraba, case todo, en torno a Celso. Para os dous foron as ovacións máis afervoadas da noite. "Monólogo do vello traballador", "María Soliña", "Romance incompleto" e, sobranceiramente, "Longa noite de pedra", solemnemente interrompida na súa interpretación polas campás do veciño Convento de San Francisco, esconxuradas para bater con ladaíña triste, cando Xavier salmodiaba:

I eu morrendo
nesta longa noite de pedra.

(...) Guillermo Rojo (...) tiña en troques un repertorio propio (...) cancións como "Quen tivera vinte anos", "Tirade ao chan os fusiles", "A vos irmáns" ou "Señor, eu fun poeta", tiñan connotacións pacifístas e místicas (...)

Xerardo Moscoso (...) tiña dúas cancións preparadas: "Deuda cumprida" e "Requiem NºII (o número I que nunca cheguei a escoitar estaba, polo visto, dedicado a Ernesto Che Guevara). A segunda canción era unha sentida homenaxe a Luther King, lider negro da igualdade de dereitos, asasinado ese mesmo ano en Memphis. Pois ben, quer porque alí todos eramos negros, quer porque a voz (ou o talante) do Moscoso tiñan carisma, a súa canción chegou á xente coa mesma forza cós poemas de Celso. (...) E logo estaba eu ( Vicente Araguas ) con cancións propias, "Comunión", "A cea" (..) e "Eles non sabían cantar", texto meu e musica (unha auténtica xoia que precisamente por culpa do texto prohibido pola censura non chegou a ser gravada) de Antón Seoane.

Estaba eu nervioso, emocionado e orgulloso. Sentíame agora vingado da malleira que nos fora propinada no mesmo lugar por aqueles que na noite agardaban, caladiños e despregados no exterior, a nosa saída, con música e pola porta grande.

Pasadas as datas do 1 de Maio (...) fun convocado a unha xuntanza no "bodegón" do Hotel Compostela. Tratábase de crear un colectivo de canción galega, á maneira dos vascos, Ez dok amairu e os cataláns, Els setze judges .

Os asistentes eramos Benedicto , Xavier (co prestixio que lle confería a súa relación epistolar con Raimon), Xerardo Moscoso, Margariña Valderrama, Alfredo Conde e máis eu ( Vicente Araguas ). Guillermo Rojo decidira facer o camiño pola súa conta e, se ben entrou en Voces Ceibes máis adiante, de momento andaba en tratos con EDIGSA (...).

Reunidos, pois, os seis naquel bodegón decadente (malia que no retrete lucía a pintada de "viva Galicia Ceibe de farrapos e cadeas") e sentadas as bases: canción monolingüe, social, belixerante, etc., faltaba o nome que tiña que agruparnos. Recordo que eu propuxera o de "As ovellas negras" e que fora rexeitado por radical e improcedente á hora de tramitar os preceptivos permisos de actuación. Os biosbardos , que era o barallado por Alfredo, resultaba un chisco lírico e, por tanto, inoperante. Ao fin Xavier González del Valle apuntou o definitivo: "Voces Ceibes" . Era eufónico, directo, agresivo (dentro dun límite) e simbólico. Nalgún sitio teño lido, concretamente nunha entrevista con Xerardo Moscoso, que a idea do nome fora de Margariña, pero eu estou seguro de que o artífice, sen ningún voto en contra, foi o Xavier. E presumo de ter memoria de elefante rancoroso.

(..)

( Miro Casabella ) entrou en Voces Ceibes un par de meses despois (ao tempo que Guillermo ) aportando empuxe, honradez e, o máis importante, calidade e capacidade e innovación. (..)

O Claudi (EDIGSA) xa andaba preocupado pola falta de comercialidade da "canción galega" e instaba a que buscasemos canles mais "operativas". De momento, a súa garnde inversión, Maria e Xavier, "Brila raio de aurora", tampouco vendía o mínimo necesario para os seus cálculos o que tiña ao home ben preocupado. María fixera doblete con Miro no vello Festival do Mediterráneo -chamado agora de Barcelona- coa canción "Soia" deste último. (..) "Soia" pasou ao final do devandito festival demostrando as posibilidades de Miro como compositor, quen logo, aprendendo a manexar gaita e zanfona, investigando, coa axuda de Ramiro Cartelle, no mundo das cantigas medievais e do folclore popular, probaría o que, contra os detractores (..), a "nova canción galega" tamén se estaba movendo.

E falo da evolución musical de Miro como podería falar da de Bibiano (interesante mostra de folk-rock na súa última etapa) ou da de Benedicto, aprendendo intelixentemente a lección portuguesa e a de Alberto Gambino. (..)

 

Textos, imaxes i enlaces relacionados e/ou que apuntan a esta páxina:

farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pIdNoticia=65088&pIdSecc.. :
(Bugallo entrega a Araguas e á Aula Castelao os premios Pedrón de Ouro
)
:
A asociación foi distinguida pola súa defensa da cultura galega e o escritor recibiu o galardón de Honra. Redacción / padrón A Aula Castelao de Filosofía e Vicente Araguas recibiron onte os premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra, que concede anualmente a Fundación do Pedrón de Ouro. O acto, na súa cuadraxésima segunda edición, estivo presidido pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, na Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón. Como é costume, o evento comezou cunha ofrenda floral diante da estela da poetisa e actuaron como mantedor Manuel Outeiriño e, como presentador, Xosé Ramón Fandiño. A Fundación salientou da Aula Castelao os seu s vintecatro anos de actividade, "sempre dende unha posición intelectual crítica, moderna, rigorosa, universal e netamente galega". De Vicente Araguas, subliñou a súa producción literaria, traducida nunha ducia de libros de poemas, dúas novelas, ensaios, prólogos, estudos críticos e traduccións ao galego de autores como Joyce, Stevenson ou Heaney e ao castelán de obras de Celso Emilio Ferreiro, Cunqueiro ou Darío Xohán Cabana. Bugallo, que amosou a súa satisfacción por participar no acto dunha institución "tan importante e consolidada da historia cultural de Galicia", louvou as traxectorias dos premiados e fixo súas as palabras do presentador, Fandiño, que se referiu ao Ano da Memoria. Fandiño recordou aos moitos demócratas que despois de 1936 viviron unha existencia "chea de densas sombras" e aos que pagaron coa súa propia vida "o seu compromiso e amor a Galicia". Pola súa parte, o presidente da Aula Castelao, Fernando Pérez, tras recoller o galardón, defendeu unha filosofía rigorosa, comprometida e universal, que "é o fundamento da Semana Galega de Filosofía", que organiza anualmente a entidade. Araguas estendeu a distinción a todos aqueles que "dende a diáspora", manteñen o seu compromiso con Galicia, e a su localidade de orixe, Neda, cuxo alcalde e concelleira de cultura acudiron o acto de entrega. Entre os máis de 200 asistentes figuraban tamén Carme Adán, secretaria xeral da Vicepresidencia da Xunta e anterior presidenta da Aula Castelao, e Benedicto, Xavier del Valle e Miro Casabella, fundadores con Vicente Araguas en 1968 de Voces Ceibes.

info@ghastaspista.com

Páxina Anterior