A NOVA CANCIÓN GALEGA E A TRANSICIÓN

(BENEDICTO GARCÍA VILLAR)

 

 

COMEZO EN MADRID

Para ser mínimamente rigoroso coa historia habería que empezar por dicir que esta parte desta historia empezou alá polos meses de febreiro-marzo do ano 67. Con máis pena que gloria estaba eu tratando de levar con algo de dignidade académica o 2º ano do 2º curso de telecomunicacións (que era así, con tódalas letras, como se lle chamaba) na única escola daquela especialidade que había daquela, ou sexa, a de Madrid. Non é estrano, por tanto, que coincidíramos, tanto na propia escola de enxeñeiros, como nos diferentes Colexios Maiores e os poucos pisos e algunhas pensións que había, con alumnos e, con algunha singularísima excepción, alumnas, doutros lugares de Galicia e moitos de Cataluña e do resto do país.

Naquela escola, e dado o carácter diríase “extravagante” dos estudios que se realizaban, pululaban os exemplares máis curiosos que un poidera imaxinar, aínda que non faltaban individuos normaliños de todo. A min, aprendiz de pelacables, admirábame a facilidade dun grupo que alí había para montar, da noite á mañán, unha emisora de radio, un estudio de grabación, ou calquera outro invento que se terciara. Naturalmente, aquel grupo foi o responsable de construír un trebello tal que actuando como “pantalla herziana” impedía ós coches-patrulla dos grises recibi-las órdenes de radio da D.G.S. (Dirección General de Seguridad) dándolles, en troques, órdenes totalmente disparatadas. Se aquel día tocaba manifestación en Paraninfo, na Cidade Universitaria, podíase ver ós coches dirixirse á praza das Ventas ónde tiñan sido astutamente enviados. A verdade é que aquelo durou pouco e no curso seguinte seica as cousas non foron tan doadas para os disuasores das ondas.

Pois foi que neses meses de febreiro e marzo tiven a oportunidade de escoitar, en vivo e en directo, primeiro a Joan Manuel Serrat e logo a Raimon. Os dous estaban realizando unha das súas primeiras xiras polos Colexios Maiores e Residencias de Madrid e pasaron por onde eu estaba. Alí deixaron as letras que daquela se repartían sempre nos recitais e máis dunha pegada nalgún de nós. Eu, que viña de disfrutar do latín en todo o gregoriano habido e por haber nunha infancia-adolescencia canora na coral do meu colexio de curas, non atopei demasiadas razóns para non face-lo propio en catalán, ¡por que non!. Se lle engadímo-lo morbo de facer algo que semellaba contestación, a ir contra corrente, non é difícil imaxinar ó rapaz, galego naquela confusión madrileña, a piques de cumpri-los 20 anos, cantando a todo pulmón “Som”, “Diguem no” e claro, “Al vent”, e con algo menos de pulmón “Ara que tinc vint anys” e algunha máis.

E seguindo a lóxica das cousas e do momento non é tampouco difícil imaxinar que de entre os colegas e amigos que me escoitaron naqueles días, con moita paciencia e algunha complacencia, algún tivera a xenialidade da pregunta do millón: ¿e por que non en galego?

Podo asegurar e aseguro que foi como se me meteran de corpo enteiro na “berenguela” no intre de da-las doce. Claro, era clarísimo, pero arrepiaba todo o corpo só de pensalo. Non se trataba de poñer en galego unha canción que xa estaba feita. O desafío era doble: tiña que ser en galego pero tiña ademais, para ben ser, que facerse ex professo , algo novo, non usando ningún poeta coñecido ou descoñecido; e logo estaba a música. Á parte da experiencia coral, non tiña máis, como algúns outros rapaces, que a da armónica ( Seductora-Honner ) que me regalaran ó cumpri-los 7 anos e o aporreo entusiasta pero de escasa cualificación da guitarra da “reválida de 4º”. Despois un fito poucas veces comentado: no verán dos quince anos, chegamos a formar un trío de piano, batería e guitarra eléctrica que se atrevía con temas dos Shadows como Apache e outros (poucos outros) que bailaban con prestancia os e as quinceañeros de entón no Salón Amarillo do Casino, na rúa do Villar. Na baterÍa estaba Juan Gelabert e no piano, Xerardo Estévez.

Con máis esforzo que fortuna o tema foi saíndo e quedou bautizado co título de “Un home” co beneplácito de tódolos presentes que abarrotaban aquel cuarto de estudiante que miraba á magnífica serra do Guadarrama.

Compañeiro no estudio da electrónica era Xavier Alcalá quen na primeira ocasión que tiven recibiu a boa nova. Xa que logo fíxome saber que tiña un amigo que empezaba a cantar e a quen nunca cheguei a coñecer: Andrés Lapique Dobarro. Puxemos de manifesto o interés común por “facer algo” e decidimos, entre os dous, que o mellor era botar a andar un grupo, cos tres, que se ía chamar “Os Novos Xoglares Galegos”. Non pasou do maxín pero foi bonito mentres durou.

 

NO INTERIOR, GALICIA

Dado o pouco resultado académico que os madriles tiñan para min e como en Santiago iniciábanse os estudios de Económicas, decidín que o mellor era quedar na casa e non seguir de “cara” pola vida. Pero aquel verán do 67 íame dar unha das mellores oportunidades da miña vida: o encontro con Celso Emilio Ferreiro. Coa súa obra, claro, porque el andaba entón polos lares venezolanos sufrindo no “país dos ananos”. Aquí deixara editado por Basilio Losada a “Longa Noite de Pedra”, en Ediciones El Bardo , con vinte exemplares, os da censura, sen prólogo, e os outros, toda a edición que foi ás librerías, con prólogo. O prólogo de marras tiña, entre outras lindezas, un poema tremendo, “Carta a Fuco Buxán”. Naquel intre, a situación do país era tal, que era considerado subversivo, non só o relato despiadado que o Celso facía da situación do “labrego esfarrapado”, senón que tamén o era a conclusión, a orientación, a consigna que se daba: emigrar mentres non pasara o tempo que denigraba, mentres non chegara o tempo da patria. Este magnífico panfleto poético foi posto nas miñas mans por Xan Facal, que asistira, xunto con moitos dos seus hirmáns e os meus primos García Devesa, á miña primeira cantada en Galicia: foi nos montes de Toba próximo a Corcubión. Aquelas terras, aquelas augas, sobre todo as de Sardiñeiro, inspirarían moitos dos meus traballos na canción.

Tiña agora diante de min outro reto: facerlle unha música apropiada a aquel poema. E puxémonos un plazo: a finais de verán voltaríamos falar. Dito e feito; claro que a influencia raimoniana poucas veces foi tan evidente. Pero se algo quedaba claro era a contundencia do resultado. Suso García Devesa, Maricarmen Sanleón e Xan Facal, xunto cun pequeno grupo de animadores e animadoras entenderon que aquelo era escoitable e podía ter continuidade co que alimentaron a miña ansia creadora que xa estaba devorando es versos do exemplar de “Longa Noite de Pedra” que conseguira.

No primeiro trimestre do curso 67-68, curso singular, plural e pluscuamperfecto, tivemos un fin de semana de reflexión un grupo da JEC (Juventud Estudiantil Católica) que daquela existía en Santiago. Que recorde, estivemos reunidos en Pontedeume o colectivo de “cristianos de base” formado, entre outros, por: Susana López Facal, Sindo Villar, Camino Noia, Tuco Cerviño, Mª Xosé Rodríguez Galdo, Xavier Castillo, Mariquiña Tomé, Enrique Moreno, Marisol Facal, Emilio Pérez Touriño e mais eu. Como non podía ser menos, na cea, ós postres, eu era requerido amablemente polo grupo para interpreta-los meus dous “temas”, cousa que facía sen chistar e con todo o aprecio do mundo por parte daquel auditorio de privilexio. De privilexio para o cantor, naturalmente, descoñecedor entón do papel que a historia do seu país ía adxudicar a moitos dos membros daquel grupo trinta anos máis tarde.

No primeiro curso da neonata Facultade de Económicas coincidín con homes e mulleres que tamén irían, como o grupo da JEC , algún tempo despois, a configurar boa parte do noso máis valioso activo político e cultural. De entre eles tivo nesta historia unha particular intervención Arturo Reguera, home sen fendas e amigo implacable da verdade e dos amigos, que me puxo en contacto cos alumnos “organizados” de Filosofía e Letras. Os alumnos de Letras organizaban por aqueles días unha “aula poética” na súa Facultade e fun convidado a cantar. Alí estaba con todo o seu esplendor revolucionario Blanca Caamaño, delegada e presentadora do acto. O cantor cantou as súas dúas cancións e o público fartouse de aplaudir. Era a primeira vez que tal cousa sucedía e serían moitas as “primeiras veces” que se producirían naqueles apretados e densos días. Entre os organizadores estaba Emilio Gregorio Fernández que forneceu a miña despensa poético-musical co texto de “O arte de amar”.

De xeito que de alí a pouco xa tiña na miña producción cancioneira tres temas cos que empezar a andar polo mundo. E un novo encontro ía ter lugar para definir máis o escenario. A verdade é que non podo lembrar exactamente as pezas da cadea que o fixeron posible pero o que si sei é que ós poucos días coñecín a Xavier de quen se me fixera unha sinopse como dun -“tipo raro” que anda por ahí tocando a harmónica ó Bob Dylan e cantando cousas do Celso- Con semellante presentación e coas ganas que eu tiña de colegas non era estrano que o panorama poidera adiviñarse prometedor. E abofé que non defraudou.

O “tipo raro” aquel tiña de estrano un nada desdeñable arsenal biblio e discográfico no cuarto da Pensión “Touriño” na Rúa Nova, cuarto que tantas veces visitaría eu ó longo daquel curso. Ademais como coincidencia ben explicable, xa tiña pasado polo repertorio máis incandescente de Raimon (convén lembrar que o de Xátiva cantara no Estadio da Residencia de Santiago en maio do 67) No primeiro encontro acordamos ir dar unha serenata ás mozas pola noite e, nin cortos nin perezosos, ahí imos polo Patio de Madres arriba e abaixo coa nosa producción galaica con todo o convencimento do mundo. Non sei realmente o que pasaría por dentro das contras que non se abrían; as poucas que se abriron nos ofreceron rostros que parecían pagar con máis paciencia que agrado o noso esforzo “renovador” do costume tan compostelano da serenata. Non está de máis sinalar aquí que naqueles momentos empezaba a ser de enorme importancia ofrecer unha alternativa a toda canta manifestación humana se produxera presentándose sempre propostas do máis variopinto a cada xesto, costume ou modelo de conducta que se presentara. Frente ó fenómeno da “tuna,” tan identificado naquel entón coa tradición universitaria máis reaccionaria e franquista, probaron sorte outras fórmulas. A nosa, dende logo, non estivo coroada polo éxito.

Así que probamos sorte nun mencer en Cambados, onde tiñamos costume de ir ver saí-lo sol, logo dalgunha intensa noite de estudio, cun grupo impagable de compañeiros e compañeiras da Facultade. As pedras milenarias escoitaron impertérritas e o sol saeu como tódolos días. Aínda menos mal.

 

 

DO “GAUDEAMUS” Ó “VENCEREMOS”

Sempre hai persoas, as máis das veces anónimas, que aportan en intres da historia un aquel de xenialidade á hora de configurar escenografías que pasan a ser definitorias de determinados momentos. Estoume a lembrar, por exemplo, da figura dos barbudos cubanos subidos nos camións confiscados ó exército de Batista entrando na Habana ou a Lenin encaramado na tribuna de madeira arengando á multitude enfervorizada. Pero así como hai estes elementos de carácter plástico, tamén hai outros sonoros que arroupan e, en casos, definen aquelas ou outras escenas.

No fervor que a Universidade de Santiago tivo na súa primavera do 68, adianto do maio francés e non influencia daquel, como tantas veces se ten afirmado, houbo tamén un alguén xenial, descoñecido para os historiadores, que se preocupou de dar soporte musical ás concentracións que se realizaban. A primeira gran idea foi aproveitar un himno xa existente. O “Gaudeamos igitur” pasou de ser un himno tremendamente reaccionario, sobre todo naqueles días, coas súas loubanzas á Academia e ós profesores, a ser un elemento de aglutinamento do alumnado en pé de guerra, que o ofrecía como algo propio, exclusivo, inasequible para aqueles mortais que, debaixo dos uniformes de “grises” ou dos grises traxes de “sociais”, representaban o máis burdo do aparato represivo franquista. Pero quenes o cantaban non comprendían tampouco, por moita letra ciclostilada que se pasara, o que decía aquel demo de himno que semellaba na gorxa dos iracundos estudiantes o maior dos panfletos.

E claro, o himno tiña que ser sustituído por outro máis “presentable”. Vicente Araguas, que ten memoria de elefante, asegura no seu libro imprescindible, “Voces Ceibes”, publicado hai xa 8 anos por Ed. Xerais, que foi un domingo chuvioso en que se manifestaban os estudiantes frente ó intento do odiado decano de Ciencias, Ocón, de inaugurar un monumento a non sei quen no campus, cando apareceron copias, tamén ciclostiladas, do “Venceremos nós”. Para algún sector do estudiantado máis informado, non era descoñecida a canción gracias a que circulaba a versión orixinal “We shall overcome” cantada por Joan Baez. Por tanto, non foi difícil que os concentrados, antes da disolución pertinente por parte da policía, entonaran, aínda timidamente, a versión galega do himno.

A potencia animadora da canción, máxime cando se fai colectiva, empezou a quedar de manifesto e explicaría parte da ansia por ter unha manifestación propia e, ó mesmo tempo, a acollida que a nós se nos dispensou desde aqueles ámbitos.

Por aqueles días de finais de febreiro anunciouse profusamente polas facultades unha conferencia de Xesús Alonso Montero na Residencia de “El Pilar” , na Enseñanza. Alí fomos tódolos que podiamos entrar, Xesús falou de literatura e desacougo e ó remate díxosenos a Xavier e a min, que xa estabamos preavisados, que o “profesor” tiña moito interés por escoitarnos. E debeu quedar contento de veras porque o demostrou ben de veces. Ó caso é que fomos ó “Cosechero”, na rúa Nova, enfrente da pensión de Xavier onde tiñámo-las guitarras. Alí, non sei como porque o sitio era mínimo, meteuse unha morea de xente, do P.C. a meirande parte. Recordo a Marisa Melón e a Federico Ordax, ó abogado Manolo Rodríguez, a “Quiques” Montes, a Mario, lector de portugués, José Manuel Mille, Olga Iglesias, Vicente A. Areces, Rafa Bárez, a “Pancho” Fontenla, Eduardo Seijas “Palas”, Luz Rubiños e a Arturo Reguera, ademais dun montón que non podo reproducir. E alí, pingando suor polos catro costados, demos conta do noso repertorio. Xavier xa tiña un feixe importante de cancións, pero aínda que só foran a “María Soliña”, o “Monólogo do vello traballador” e o “Fuco Pérez”, todas elas de Celso, xa pagaba a pena. E claro, o “profesor” quedou encandilado e xa facendo plans para un recital en Lugo.

 

 

A PRIMEIRA, NA FRENTE

E de novo o Arturo Reguera fixo de “ponte”, esta vez con Manuel María a quen escribeu informándolle que en Santiago había un rapaz que cantaba en galego e que estaba precisando letras para cantar. O poeta, descoñecido totalmente para o rapaz, remitiu á volta de correo un “Cancioneiro” con textos para cancións del e mais de Lois Diéguez, quen gozou de mellor fortuna á hora de ver (ou mellor, escoitar) os seus versos convertidos en cancións: “No Vietnam”, “Eu son a voz do pobo” e “Loitemos” pasaron ó repertorio habitual a partir de ahí, aínda que a última correu a mesma sorte que a “Carta a Fuco Buxán” do Celso: a prohibición sistemática e tenaz.

Coa miña media ducia de cancións e a ducia larga de Xavier, sempre moito máis prolífico, estabamos en condicións de acepta-lo reto de cantar en público nun recital preparado en serio e así se lle comunicou a Alonso Montero que preparou todo para que poideramos cantar na Escola de Peritos Agrícolas de Lugo o 30 de marzo ás 7 da tarde. Solicitado e obtido o correspondente permiso da autoridade gubernativa, editáronse cancioneiros (os primeiros que tiñamos) cunha fermosísima e afiada presentación de Xesús titulada “Palabras para un recital de canciós” que reproduzo aquí:

“Coido que dentro de algús anos se falará de este recital como dun feito histórico. Penso, en verdade, que o feito ten corpo de acontecemento e, como tal, vai marcar, dun xeito ou de outro, a nosa cultura. Dende hoxe Galicia ten o que noutros ámbitos menos precarios teñen dende hai tempo: unha canción á altura do intre histórico, unha canción nascida para desacougar e alumear: unha canción pra acadarmos concencia dos nosos problemas reales.

A voz de estes dous mozos, Benedicto e Xavier, vai levar as mellores inquedanzas e as mellores carraxes a eidos deica agora alleos á literatura; por primeira vez tamén, centos e mais centos de homes e mulleres do noso país van escoitar a súa fala feita arte e feita cultura viva.

Este xeito de expresión xurde en Galicia un pouco tarde, pero tiña que xurdir porque os países endexamais renuncian á expresión operante. Estes mozos da Universidade Galega chegan a nós no tempo de desacougar, morto xa o tempo de calar e o tempo de falar por falar.”

Dende primeira hora da tarde foran chegando á casa de Xesús en Lugo, situada enfrente xusto da Escola de Peritos, do outro lado do xardín, amigos que foran convocados para o acto. Alí coñecimos a Manuel María e a Saleta, a Emilio Valadé, a Moncho Ramos e un longo etcétera que foi enchendo a casa. A iso das seis da tarde unha chamada telefónica poñía lívido o semblante de Xesús: un coñecido chamara para avisar que pola radio estaban dando unha nota do Gobernador Civil pola que se anunciaba a suspensión do recital. De seguido fixéronse chamadas a diversas instancias e a confirmación era unánime: o recital estaba prohibido. Para colmo de ignominia, como se de criminais perigosos se tratara, dous policías de uniforme custiaban a entrada da casa, evidentemente para impedi-la nosa saída da mesma. Asomámonos á ventana e comprobamos que na porta do lugar onde tiñamos que cantar había varios vehículos e furgonas ben recoñecibles. O recital fíxose na casa e quedamos roucos de canto e de carraxe.

 

 

RECITAIS “A EITO”

No mes de abril foi un non parar continuo, de convites que empezamos a recibir, e realizar, por toda a xeografía do país, que tantas veces recorreriamos despois.

O primeiro que si se realizou foi o organizado pola Asociación Cultural de Vigo, o día 4. Imaxino que o traballo correría a cargo de Xan Facal. El foi quen fixo de presentador e el quen me puxo os pelos de punta, por primeira vez, recitando aquelo de Atahualpa Yupanqui:

 

“Soy gaucho entre el gauchaje

y soy naide entre los sabios

y son para mí los agravios

que le hagan al paisanaje”

 

¡Que bárbaro! ¡Canto que aprender! ¡Canto mundo diante de nós! E do público que enchía a sala só recordo as súas caras amables, acolledoras. Bueno, menos aquel home do fondo, si, aquel de gris, que, cambiando só de rostro, nos acompañaría de recital en recital. Era o encargado de velar polo cumprimento da censura. Convén aclarar, para os que non o viviron, que era preceptivo enviar á censura cunha antelación determinada (normalmente bastantes días) os textos que se pretendía cantar. Alí (sempre imaxinamos que nun cuarto sórdido e sen luz) uns individuos extranos, a quen por certo nunca coñecín, dictaminaban o que se podía e o que non se podía cantar, afinando incluso se se autorizaba para maiores de 14 anos, ou de 18. Pero claro, como non estaba nada escrito nin determinado en norma algunha, os criterios eran totalmente cambiantes, podendo atopar que o que o censor de Vigo consideraba “non cantable” e, polo tanto, olímpicamente “prohibido”, pasaba por non ter o máis mínimo perigo para o censor de Pontevedra que daba o “nihil obstat” correspondente. Isto tamén animou a nosa capacidade creadora e ten habido verdadeiros especialistas na materia. A primeira adaptación, que eu recorde, foi a do final da “Carta a Fuco Buxán” que tiña, ó parecer, un dos principais problemas cando enunciaba:

 

“Fuco Buxán, ¿non sintes que na Iberia

feden a podre os homes e as paisaxes?

 

Debidamente “retocados”, estes versos pasaron a ser:

 

“Fuco Buxán, ¿non sintes que en Liberia

feden a podre os homes e as paisaxes?

¿Que raio nos importaría a nós o que pasaba en Liberia? Pensaría o probo funcionario. Pero pasar, pasou; claro que, na cantarela, cantábase en “versión orixinal” ¿Quen ía se-lo guapo de distingui-lo engano?

Otra, máis coñecida, sería a de Bibiano, anos máis tarde, co “Can de palleiro”. ¿Que censor era capaz de imaxina-lo efecto sonoro daqueles versos?:

 

“A túa forte dentadura

viráse abaixo, abaixo a dentadura,

abaixo a dentadura, abaixo a dentadura, ...”

A complicidade cantores-público era tal quen non se precisaba de ningunha consigna pois xa o respetable se encargaba de face-la modificación pertinente: “dentadura” por “dictadura”; o resultado era espectacular.

Pero estabamos en Vigo, no local, en López de Neira e claro, entre o público da primeira fila estaba Camilo Nogueira, Paz e Xaquín Facal e moitos máis que nos fixeron cantar ata que quixeron.

O seguinte foi en Pontevedra o día 18 e era organizado pola Aula de Música do Ateneo. Se non recordo mal, alí estaba Xulio (daquela Julio) Pardellas de Blas, Fontenla, Alonso “o esperantista” e Alfredo Conde, que daquela xa era amigo de Xavier e con quen daría moitas paseadas polas rúas de Santiago, falando de poesía, política e do que se terciara.

Foi un recital moi “formal” con escenario e todo, nun salón moi señorial nun chaflán dunha tamén señorial rúa de Pontevedra (coido que era prestado por otra institución lerezana) Con “tarxeta-invitación” e todo que anunciaba:

 

A NOVA CANCIÓN GALEGA

Sobre poemas de Celso Emilio Ferreiro,

Lois Diéguez e Avelino Díaz

BENEDICTO GARCÍA – XAVIER DEL VALLE

Xa só polo feito de atreverse na Pontevedra de entón a organizar tal cousa merecía tódolos parabéns e o público asistente encheu con aplausos incluso as sillas baleiras. Foi o segundo do mes.

Ós tres días, é dicir, o domingo 21, para as 11,45, da mañán, claro, como quen di, á hora da misa e co frío correspondente, anunciábase no “Salón Parroquial do Couto”, deste lado do río porque en Ourense non había quen cedera un local para o evento. Pepe Conde Corbal despepitouse facendo os carteis, “un por un”, da súa man. E Carlos López Polo e os seus muchachos, baixo a tutela de Manolo Peña-Rei, despepitáronse repartido, pegando e facendo “boca a boca” para avisar á parroquia. Parroquianos e parroquianas, desde logo había bastantes e non faltou o avogado Alfonso Pazos, sempre seguidor do noso traballo. Era o terceiro da tanda.

 

 

MEDICINA: UN RECITAL PARA A HISTORIA

Do cuarto tense escrito e falado bastante. Foi a “posta de largo” do que se chamaba xa “A Nova Canción Galega”. E para ese día xa non eramos só dous a cantar.

Da asemblea de delegados saíra a necesidade de organizar un acto aglutinador para facer, digamos, o remate de campaña, pois a batalla estudiantil, logo de encerros e carreiras, tocaba ó seu fin. Recibímo-la invitación para celebrar un recital en Medicina, no local máis grande dos que habitualmente eran usados para as reunións masivas. Masivas, dunha universidade que daquela andaba polos 5.000 estudiantes.

Tamén recibímo-lo encargo de contactar con outros cantores que se estaban incorporando á tarefa. Así conectamos, por diferentes vías, con Xerardo Moscoso, Vicente Araguas e Guillermo Rojo. Coido que incluso tivémo-la ousadía de sometelos a algún tipo de “exame” para ver se podía ser; ¡que burrada! En fin que collímo-las follas cos textos e correndo para a Delegación de Estudiantes, sita nos baixos da Facultade de Medicina, para facer uns improvisados cancioneiros e outros tamén improvisados carteis que anunciaran o acto. Ademais, como sempre se facía, nos boletíns informativos deses días aparecía profusamente anunciado o recital para o venres 26, ás 7 da tarde.

E o éxito de asistencia foi manifesto. Penso que non esaxero moito se digo que había perto de 2.000 persoas; todos eran, menos tres ou catro, estudiantes. De entre os profes, claro, Carlos Alonso del Real e José Antonio González Casanova. O público ocupaba non só os asentos senón tamén ata o último centímetro cadrado que había de pasillo, de hoco de ventana,..., só non había xente nas lámpadas.

Con un único micrófono daqueles “de pataca” por todo despliegue técnico e co mesmo equipo que o profesor de turno usaba naquela aula, o recital deu comezo, logo dunha intervención chea de ganas e de medo por parte de Manolo Pombo (que debía ser daquela ou delegado do último ano ou responsable de actividades culturais) seguiron os cantantes, un a un. Sei que facía moitísima calor pero sei tamén que poucas veces sentín tremer o corpo daquel xeito. Co noso mal galego alá iamos facendo o que se podía nas presentacións. Cómpre dicir que ningún dos que alí cantamos, como a inmensa maioría dos que alí escoitaban, tiñamos no noso carnet de galegofalantes máis de uns días ou unhas horas. Algún fixo auténticos esforzos para endereitar unha frase medianamente aceptable. Quizais iso lle deu máis forza, máis encanto.

Alí cantamos todos coas nosas músicas. Con letras alleas, Xavier e mais eu, e con letras propias, Xerardo, Guillermo e Vicente. Este último, con varias músicas dun compañeiro seu, Antonio Seoane (despois foi Antón, e xa ven...) Ó Xerardo fixéronlle repetir aquel magnífico “Requiem II” adicado a Luther King e a min fixéronme o propio co “Fuco Buxán”, pero o intre máis arrepiante foi cando Xavier na súa “Longa Noite de Pedra” ataca coa súa ben timbrada voz de barítono os versos finais:

I eu morrendo ...

Nese instante, como se se confabularan as fadas con todos nós, as campás da catedral (de novo discrepo da memoria de Vicente que di no seu libro que eran as de San Francisco, alí perto) empezan a soar, levando o compás

Nesta longa noite de pedra ...

¡E facendo acorde coa melodía! ¿Pódese pedir máis?

A saída foi ordenada, pacífica, cantando, iso si, “Venceremos nós”, mentres se baixaban as escaleiras.

Se tiveramos paciencia para suma-las persoas que nos últimos trinta anos aseguran que “estaban alí aquel día” pasarían de 6.000 Curioso fenómeno de aritmética.

Ó día seguinte Xavier cantando e Alfredo Conde recitando, foron actuar a Negreira nunha sala de cine, nun acto máis ou menos improvisado por Xulio González, médico do lugar. A pesar da improvisación a Garda Civil deu un bó susto ós actuantes.

 

 

NACE “VOCES CEIBES”

Durante casi todo o mes de maio andivemos teimando en varias e importantes cousas e para tales menesteres nos metiamos nas catacumbas do “Bodegón” do “Compostela”. Non estaba Guillermo que abandonou por un período corto de tempo o grupo para reintegrarse despois e estaba Margariña Valderrama. Por un lado tiñámo-lo ideario, ou mellor, as bases mínimas de traballo que debían aglutinarnos. Estaba claro que o noso era un asunto de canción en galego , monolingüe (non se fora repeti-lo de Serrat co “La, la, la” eurovisivo) e con contido abertamente social (pobre eufemismo) Ademais non podía ter nada de folklore, no formal, polas connotacións inmediatas que aquel tiña cos grupos de Coros y Danzas de la Sección Femenina de Falanje. Por outra parte estaba o asunto dos discos. EDIGSA, editora catalana na que gravara Manuel María un disco de “Poemas ditos coa súa voz”, fermosísima, per certo, tiña interés, transmitido polo poeta, en nós, con grande contento pola nosa parte. A editora tiña por embaixador un toledano galegofalante, cun galego traballadísimo e requintado, Manolo Conde, que trouxo de Barcelona o “gran xefe” Claudi Martí. Na casa de Salvador García-Bodaño realizouse o primeiro contacto cara a cara, quedando para o outono a discusión de contratos e gravación de discos.

Pero logo de deixar claros principios e maneiras, ¿como raios chamármonos? Estaba claro que aquelo era un grupo (no que, por certo, tamén estaba incluído Alfredo Conde) e precisaba como agua de maio dun nome identificador porque o de “Nova Canción Galega” era demasiado xenérico. Estaba, ademais, o dos cataláns con “Els setze judges” e dos vascos con “Ez dok amairu” e aquí non podía ser menos. Vicente propuña nomes máis ou menos provocadores ou inverosímiles que non recordo e os demais non aportabamos moito. Ó fin Xavier deu coa clave ¡”Voces Ceibes”! Ademais soaba ben e significaba moito. Veña, aprobado; e ata hoxe. Bueno, ata decembro do 74

 

 

PRIMEIRA DETENCIÓN, PRIMEIRA MULTA

No mes de xullo tiña dúas convocatorias seguidas: unha o 17 no “Silos Club” de Pontevedra (sala de festas ó ar libre, hoxe desaparecida) para participar como convidado e xurado no “Festival Galego da Canción Moderna”, invento que argallara Xulio Pardellas cos seus colegas e outra o 18 que, co título de “Día da Xuventude”, organizaba a Xuventude Rural Católica da Diócesis de Santiago en Ribadumia.

Ó día 17, pola tarde, fomos chegando os membros do xurado, entre eles Xosé Luís Méndez Ferrín, que debería dilucidar sobre as cancións que se presentaban naquel incrible “Festival Galego da Canción Moderna” que non pretendía, segundo explicacións dos organizadores, máis que ser un pequeno “impulso” para aqueles que empezaban. Polo tanto, a min chamábaseme como “consagrado” para avalar e esas cousas e, de paso, que cantara. Cantar, cantei, a pesar de que, na interpretación do pobriño do “Fuco Buxán” tivera a un par de individuos, de gris, claro, que con xestos máis que evidentes trataban desde os laterais, tapados do público polas cortinas, de evitar que eu seguira cantando. Cando rematei o “tema” como puiden expliquei, tamén como puiden, que uns “señores” pretendían impedirme cantar. “Se non queres caldo, dúas cuncas”. O público, para que contar; e eles, con máis medo ca min, entran no escenario e ... directo para o calabozo.

Surrealismo e esperpento déronse cita aquela noite para evidencia-lo que era clarísimo: eu sobráballes alí, queimáballes a miña presencia e non sabían que facer conmigo. E pola mañán, estaba almorzando nunha praza de Pontevedra co abano de periódicos de Galicia que sacaban a noticia. O 23 de xullo o Gobernador Civil comunicoume a multa de MIL PESETAS, daquela eran cartos, por “interpretar canciones prohibidas... y dirigir frases subversivas a los asistentes ...”

O de Ribadumia ía contar coa presencia (con misa e homilía) do Sr.Cardeal (daquela Don Fernando Quiroga Palacios con quen teríamos un encontro “vis a vis”, non precisamente agradable, anos despois con motivo do “Xuízo dos 23 de Ferrol”) que foi, misou e homiliou. E tamén ía haber un cantante de “Voces Ceibes” (que era eu) que debería actuar no apartado “Canción do atardecer”. Atardecer atardeceu, pero sen canción. A “superioridade” aconsellou ós organizadores que se retirara do programa.

Tamén nese verán démo-lo primeiro recital en Ferrol. Sería na Sociedade Cultural e Deportiva “Bertón” en Caranza, aínda incipiente barrio-dormitorio dos traballadores dos asteleiros ferroláns. Naquel recital había, dentro do local, que de planta era un rectángulo non maior de 6x10 metros sen divisións, ademais do público (como medio cento de persoas) máis de vinte números dos “grises” uniformados ó mando dun oficial. A “forza pública” rodeaba á xente e nós tiñamos só dúas cancións autorizadas. Para cantar éramos Xavier, Vicente e mais eu. Sen cortármonos o máis mínimo empezou un de nós cantando os dous temas. Rematou e seguiulle o segundo outra vez cos mesmos temas e logo o terceiro. Cando íamos de novo a inicia-la ronda, o oficial, desencaixado, mandou parar aquilo inmediatamente “por subversivo”.

Tense repetido, casi sempre por persoas malintencionadas ou pouco reflexivas, que o noso “caldo de cultivo” foron as multas e prohibicións. Diante desta afirmación sempre contestamos e contestarémo-lo mesmo: ¿Que pasaría se lle deran a “Voces Ceibes” as facilidades que a calquera cantante digamos “comercial” ou de “canción lixeira” (por utilizar términos da época, tipo Juan Pardo) para actuar alí onde lle petara e sen consecuencias sancionadoras? ¿Que pasaría se, en vez do silencio sistemático dos medios de comunicación (a radio daquela, por exemplo) tiveran un espacio as cancións producidas aquí por nós? ¿Cantos posibles organizadores de recitais e outros actos culturais non se viron disuadidos de organizar nada polas posibles consecuencias negativas se levaban a “Voces Ceibes”? As respostas son tan rotundas que non teñen réplica.

 

 

BARCELONA: DISCOS, MIRO E A DEREITA CATALANA

Tal e como se acordara, en setembro fomos a Barcelona coa cabeza chea de boas intencións e ganas de traballar. Viaxamos xuntos Xerardo e mais eu e xuntos pasamos unhas poucas aventuras. A primeira foi a de discuti-lo contido dos contratos. Xa quedara claro en Santiago que estes tiñan que se-los mesmos para tódolos “Voces Ceibes”, que todos gravaríamos e que en tódalas portadas aparecería o nome do grupo ó lado do do cantante respectivo. Pero logo estaba a letra pequena. Para iso foi inestimable a axuda de Raimon, con quen se carteaba daquela Xavier, e que, como “gato escaldado” naquelas lides, nos propuña unha defensa cerrada do noso castelo de esencias inexpugnable. Algunhas torres quedaron en pé pero outras caeron frente ó asedio sistemático dos “homes da empresa”. Ó final gravamos, primeiro eu e logo Xerardo, nuns estudios, Gema, que tiñan unha mesa mezcladora ¡de catro canales!

Naquela viaxe contactamos e cantamos con Miro, que viña de graba-lo seu primeiro disco tamén, e entre aquela visita nosa e a que fixeron despois Xavier e máis tarde Vicente, o Miro quedou definitivamente integrado en “Voces Ceibes”.

 

 

TODOS XUNTOS: PRIMEIRA E ÚNICA VEZ

Guillermo tamén se reintegrara no grupo, de xeito que compría facer un recital “de altura”. A Agrupación Cultural “O Galo” de Santiago encargouse de organizar un espectáculo para o día 1 de nadal, domingo, pola mañán, no Cine “Capitol”. Encargouse do cartel Reimundo Patiño, que fixo o recado con mimo e a presentación, nun Capitol cheo ata a bandeira foi de Manuel María. Foi a primeira e última vez que estivemos todos xuntos no escenario e teño dese día o recordo de moitos panfletos voando (tirados desde o piso de arriba) e moitas persoas coñecidas de tódolos puntos de Galicia. Estaba Alfredo Conde, Salvador García-Bodaño, etc. Recordo que á saída, Xerardo Fernández Albor, ademais de felicitar, indicou as súas preferencias de entre as cancións que tiña cantado aquela mañán.

En xaneiro do 69 actuamos en Oviedo e Gijón. Era a primeira vez que saíamos (á parte de Barcelona) e alí fomos Xerardo, Guillermo, Xavier e mais eu a cantar a un público interesadísimo no que pasaba aquí ó lado; tan perto e tan lonxano. Universidade en Oviedo, con promotores como Mari Maseda e Moncho Neira, e público de Centro Galego en Gijón. O esquema de funcionamento ía ser sempre o mesmo: cada vez que un ou varios dos membros de “Voces Ceibes” actuase, anunciábase co nome do grupo, independentemente de quen fora (aínda que se podía especificar) Na actuación en si, todos estabamos sentados no escenario e, un a un, iamos saíndo para cantar alternativamente.

 

 

TEMPO DE SEQUÍA

A lista das actuacións autorizadas vai disminuíndo sospeitosamente para engordar a das prohibicións e das actuacións a “salto de mata” nas que, sen permiso previo, e expoñéndose ó que fora, cantábase onde e cando se podía. Cantamos en Colexios Maiores, en Residencias ou en iglesias. Empezamos a ser requeridos nalgunhas das pouquísimas Asociacións Culturais que había e que se atrevían a facer unha actuación salvaxe. Parecía como se cos discos no mercado as dificultades fosen maiores que antes. Non parece que a isto foran alleos o titular do Ministerio de Información y Turismo , Fraga Iribarne e o seu “segundo” Pío Cabanillas. A xogada era boa: por un lado amordazábase a canción operante de “Voces Ceibes” mentres por outro potenciábase a “alternativa Juan Pardo” e adláteres .

A finais dese ano fun chamado a filas e ¡adiós canción!, polo menos para min. E ós de aquí, polo que narra Vicente, non lles foi alá moi ben. Miro seguía en Barcelona, Xavier e Guillermo dicen “adeus” ese mesmo ano e o “Chuspe” (Xaime Barreiro) entra e sae do grupo coa velocidade do raio.

As mobilizacións contra o Consello de Guerra de Burgos e as penúltimas sentencias de morte do franquismo (decembro do 70) foron especialmente fortes en Madrid, onde remataba a mili en xaneiro do 71. A partir de ahí son chamado a colaborar cos cantantes do grupo de “Canción del Pueblo” de Madrid onde estaban Elisa Serna, Adolfo Celdrán, Hilario Camacho, etc. e cos que actuaba de “animador” o periodista Antonio Gómez, quen pasearía coa “Castañuela 70” de “Las Madres del Cordero” por toda España .

Mentres, o grupo ía cambiando algunhas caras. Moscoso, que traballaba nunha clínica en Pontevedra, introducía en “Voces Ceibes” a Suso Vaamonde, con quen non recordo ter cantado algunhas veces e Vicente Araguas facía o propio con Bibiano, incorporación esta procedente do singular mundo dos grupos de “pop-rock” do momento.

Nunha reunión celebrada en Santiago, no “Gaiola”, coa presencia de Xerardo, Vicente e Bibiano, indicóuseme que tiña que vir para Galicia se pretendía seguir formando parte de “Voces Ceibes”. Levantei a casa que tiña nos madriles e os proxectos que tiña alá e viñen para acó. Iso si que era “todo po-la patria” e o demais son pamplinas .

Desta segunda estadía en Madrid, teño necesariamente que facer mención do descubrimento dun amigo, o “Mañas” (home bondadosísimo, ¿que sería del?) quen nun ático ínfimo no Madrid dos Austrias onde vivía, me fixo escoitar un disco dun “tipo estrano”, portugués. O disco era “Traz outro amigo tambêm” e o “tipo estrano”, Xosé Afonso.

En xullo, xa instalado acá definitivamente, tiven oportunidade de estrear pasaporte e aproveitei para facer pinitos por ahí fóra. Tiven ocasión de coñecer xentes no exilio socialista en Toulouse onde cantei e outras do mundo da radio en Holanda, onde tamén cantei.

No 72 ían pasar cousas moi importantes, un fito á altura, noutro orden de cousas, do 68.

 

 

10 MARZO, FERROL E MILÁN

Para empezar, fumos chamados a prepara-la parte galega da “Exposición de Arte Contemporáneo” que, en solidariedade co movemento obreiro español antifranquista, se celebraría do 10 de marzo ó 20 de abril en Italia. Tratábase de reunir, e abofé que foi así, co “mascarón de proa” de Picasso e Joan Miró, unha parte importante das artes plásticas dos artistas comprometidos máis notables. Paralelamente iría a poesía, baixo a tutela de Rafael Alberti e a canción belixerante do momento onde estaría un pequeno grupo.

Os plásticos galegos non se fixeron de rogar e comprometeron obra, importante, Xosé Luís de Dios, Virxilio Fernández, Xulio Maside, Acisclo Manzano, Reimundo Patiño, Agustín Pérez-Bellas, Xaime Quessada e Mercedes Ruibal. Todo foi transportado, xunto con outros centos de obras que saíron do país, en vagóns “camuflados” polos ferroviarios, coa complicidade, claro, dos colegas franceses e italianos. Aquel acontecemento, impulsado por CC.OO. e co apoio solidario dos sindicatos italianos CGIL, CSIL e UIL e a CGT francesa, tivo como marco os inmensos salóns do Palacio das Cariátides ó pé do Duomo de Milán.

Ningún de nós (Bibiano e mais eu chegábamos alí o día 10) podía imaxina-lo que estaba a pasar en Ferrol. A consternación, máxime coa encomenda que levábamos, era total. Ós primeiros momentos de confusión e desconcerto seguiu un compromiso aínda máis evidente para da-lo “do de peito”. E traballamos arreo naqueles días, xunto con Xerardo Moscoso, Elisa Serna e Julia León.

Á volta, xa estábamos advertidos, era máis que probable que recibíramos algunha “visita” inoportuna. Efectivamente, ós dous días de chegar xa tiña a luz azul intermitente á porta da casa. Acompáñanos. E métenme no coche. A verdade é que aquel subcomisario, Armas, sempre segundón do poderoso e cínico Armada, non daba moito medo, ou non tiña outras instruccións máis que as de, unha vez máis, deixar claro que “aquí se sabe todo” , prometer unha chea de “hostias” e cerrar con “ya verás como cuando lleguen los tuyos quieres ser comisario de pueblo” . A algúns o subsconsciente xógalles malas pasadas ¿non?


XOSÉ AFONSO, CAPÍTULO APARTE

Aínda houbo tempo antes de rematar abril para chamar a Porto, a Discos Orfeu a pregunta-lo enderezo do Zeca Afonso, colle-lo coche e plantarnos na sala da súa casa. Por fin tiña diante de min a aquel “tipo estrano” que tanto teimara por coñecer. ¡Ah! Pero el non nos coñecía a ningún dos catro galegos que tiña diante del. E non era para andarse de coñas; a PIDE (Policía política de Salazar) rondaba a casa e calquera podía ser PIDE. Ademais estaba o do idioma. E voçês, ¿são mesmo galegos da Galiza? E logo, ¿fálase mesmo assim lá cima? E así dúas horas de duro “sondeo” ata que, atando cabos, entendeu que éramos “galegos da Galiza” e non PIDES. Despois foron outras dúas horas de conversa compulsiva e emocionada de quen acaba de albiscar un océano do outro lado da serra. E dous anos de casi continuo ir e vir estar aquí e estar alá, convivir traballar, cantar, aprender moito a cambio de casi nada. ¡Gracias amigo “Mañas” por facerme oír, no teu mínimo ático do Madrid dos Austrias aquel inesquecible Traz outro amigo tambêm !

Primeiro en Galicia (xa o 8, 9 e 10 de maio) Despois, Asturias, París, Bruxelas (cantando con Bibiano debaixo do Atomium no ano 72, ¡casi ná! ) Pero podo asegurar que o público, ás horas que nos tocou tocar, estaba máis interesado en botar unha “soneca” que en escoitarnos a nós.

Vicente estaba agora de profesor en Glasgow, e iniciamos Bibiano e mais eu unha serie de xiras (penso que foron 3 en total) por moitos lugares da emigración galega en Suíza.

O 73 colle a Bibiano na “mili” en Madrid, Moscoso fixera “abur” para Suíza e quedo máis solo que a unha. Aproveito para ir aprender algo de inglés alá cos nativos mentres paso brillo ós platos e mesas dun griego emprendedor por terras de Dick Turpin, en York, onde estaba Xaquín Álvarez Corbacho preparando o seu “master” . Dun saltiño vexo ó Araguas en Londres e o levo naquel Dyane-6 tolo que tiña a Glasgow.

De novo Portugal, Asturias, e Madrid. Todo con Xosé Afonso. Desa época é a gravación do seu L.P. “Eu vou ser como a toupeira” , en Madrid, onde nós, Maite e máis eu, tivemos unha participación moi grata.

E o 25 de abril. Para que logo digan. Esta xente, que non tiñan nin para un micro nun pabellón de deportes, teñen para comprar de saldo un xeneral con monóculo; os presos na rúa e os PIDES na trena . E os amigos, periodistas, músicos, escritores, etc., empezan a aparecer dirixindo periódicos, revistas, compañías de teatro, grupos de baile. E o Zeca que delira. ¡É incrible! Pero é verdade: a libertade está alí, daquel lado do río...

 

 

DE “VOCES CEIBES” Ó M.P.C.G.

En xuntanza que reúne a Vicente Araguas, Bibiano e a min dase por “finiquitado” o grupo formalmente no final do ano 74. Pero ¡teimudos que somos! Un mes antes iniciáramo-la constitución do “Movemento Popular da Canción Galega” que, baixo uns principios moito máis “transixentes” que os de “Voces Ceibes”, agrupou xentes tan variopintas como “Faiscas do Xiabre”, Pilocha, Antón Seoane e Rodrigo Romaní, Quintas Canella, Xurxo Mares, Xosé Manuel, Emilio Cao, Jei Noguerol, Miro, Luis Emilio Batallán, “Raíces da Terra”, Bibiano e Benedicto. A primeira e única gran ocasión foi o recital dado no Pabellón do Obradoiro de Santiago o 2 de marzo do 75 que congregou a máis de 5.000 persoas con ganas de canción.

Ese ano, o 20-N, todos dormimos máis esperanzados.

 

 

A CHAMADA TRANSICIÓN

Comeza formalmente para tódolos historiadores, coa morte do xeneral, a chamada Transición democrática: paso da dictadura a un sistema de libertades que, no ámbito que nos ocupa, tivo os seus máis e os menos. Padeceu a canción, como outros xeitos de expresión, o que se deu en chamar os “coletazos do franquismo”. Coletazos que non eran máis que a resistencia, a vida ou morte, da máquina enferruxada que nos deixou en herencia o ferrolán. Por unha banda, a canción, arroupada cada día por máis milleiros de seguidores; pola outra, o sistema que prohibía, censuraba e multaba.

O primeiro “bombazo” foi o “1º Festival dos Pobos Ibéricos”. A fórmula, moitas veces despois repetida consistía en buscar un cartel o máis amplo posible de cantores nun local, aberto ou pechado, no que poidera congregarse a meirande cantidade posible de público. No anfiteatro natural da Autónoma de Madrid cabían, e abofé que as había, unhas 40.000 persoas. E como se foran coidadores do redil, un cordón de grises e tricornios rodeando o lugar: a pé, a cabalo, en tanquetas e en helicóptero, que recibía os pertinentes asubíos do respetable cada vez que asomaba o fuciño.

Como aquelo funcionou mellor que ben, rapidamente se prepararon outros eventos similares noutras cidades con resultados variopintos: por exemplo, en Pamplona xa non se chegou a celebrar o que estaba previsto na Ciudadela e en Valencia, no estadio do Molinón, ateigado de público, fomos amablemente invitados polas porras a abandona-lo lugar.

En Galicia tivemos unha mostra que quedou gardada para a posteridade, polo menos na súa dimensión sonora: o 25 de xuño celebrouse unha “Homenaxe a Santiago Álvarez”, a la sazón na prisión de Carabanchel, xunto con Santiago Carrillo e outros dirixentes comunistas. O recital era no Pabellón de Deportes e ademais dos espectadores que enchían as gradas e boa parte do patio de butacas, había un cordón de uniformados que non pagaran entrada e que rodeaban, esta vez sen cabalos, a tódolos asistentes. Nun momento do acto, logo dos consabidos berros de “amnistía e libertá” , un mozo sae de entre o público das gradas cunha bandeira, non lembro se roxa ou tricolor, e inicia unha carreira cara o escenario onde Bibiano e máis eu mantiñamos un acorde rítmico coas guitarras en espera de inicia-lo canto de “Amador e Daniel”. Os policías de paisano preparados no patio de butacas lánzanse sobre o rapaz. Nese instante o graderío vense abaixo de berros e asubíos. Os polis desisten e o rapaz coloca a bandeira no escenario. Nós seguímo-la cantarela, logo doutra tanda de berros.

A racha prohibidora chega ata ben entrado o ano 77 dándose xustamente un récord nese tempo: de 12 recitais para os que se solicitara permiso nos meses de xaneiro, febreiro e marzo dese ano, só o concederan ¡para 4! é dicir, o 75 % de prohibicións.


A “NORMALIDADE”

Ese ano iníciase a “normalidade” profesional coa grabación dos primeiros discos L.P. e continúa cunha moi intensa actividade canora, moi importante no que se refire á presencia fóra de Galicia da canción galega. Cataluña, Navarra, País Basco, Valencia son destinos habituais e tamén Italia, Francia, Bélxica ou Venezuela reciben a visita dalgún de nós.

E como tódalas situacións ou actividades máis ou menos normalizadas, a de cantor galego tamén tivo os seus remates. Por agotamento, por outras perspectivas, nalgún momento por desencanto ou por incomprensión, o forno dos nosos bolos quedou no inicio dos 80 definitivamente pechado.

Se se fala do 23-F como remate formal da transición, a este menda pescoulle falando en Ribeira sobre instrumentos de música en Galicia a un animoso grupo de entusiastas que alí me levaron.

 

 

FINALE MA NON TROPPO

En tempos en que tantos “aprendices de bruxo” hai, ós que lles encanta o de “todo vale” e, polo tanto, fan a cotío totum revolutum na historia da canción galega, non está de máis botar unha ollada serena para atrás de verdade. Iso pretendín con estas notas, absolutamente subxectivas e apaixoadas ata o tormento e das que o único responsable é quen isto escribe, que exerce libérrimo o dereito da memoria conscientemente selectiva e neuróticamente teimuda.

Ós que seguen a pensar que todo vale e que todo é o mesmo dígolles que ¡que se lle vai facer! Algúns seguiremos estando deste lado da raia por moito que outros, gurús de aldea, sigan empeñados en despintala.

Para aqueles exploradores da historia que queiran reescribila sen refacela, e poder facer isto sen o peso da propia vivencia, están abertas as carpetas, os arquivos dos papeis e da memoria.

A tódolos interesados no tema recomendo vivamente, de novo, a lectura placentera e divertida do libro de Vicente Araguas, “Voces Ceibes”, editado por Edicións Xerais.

E os máis novos que, sen saber moi ben como, descubran un interés nisto, que saiban que os que participamos nesta gran aventura non o fixemos atándonos a nada nin a ninguén. Limitámonos a ser “dun tempo e dun país”.

 

 

Santiago, maio de 2001
BENEDICTO GARCÍA VILLAR

 

Voltar á páxina anterior