JUAN PARDO - GALICIA, MIÑA NAI DOS DOUS MARES (1976)

Lee 13 comentarios e/ou engade o teu

Textos, imaxes i enlaces relacionados e/ou que apuntan a esta páxina:

sono-tone.net/clasicos.htm :
(Sono-Tone A Revista Galega de Música) :
Hai moitos Juan Pardos posíbeis. Temos o Juan Pardo mod de Los Vándalos, los Pekenikes e Los Brincos. Temos ao Juan Pardo productor e padriño de ducias de artistas (Andrés Do Barro, Andee Silver, Queimada, Camilo Sexto...). Temos ao Juan Pardo teen-idol da época de Juan y Junior. Temos ao Juan Pardo pepeiro do "Xuntos máis fortes". Temos ao Juan Pardo compositor da sintonía da mítica serie de debuxos da nosa infancia Don Quijote. Temos ao Juan Pardo ídolo das hexaxenarias nas galas de fin de ano. E tamén temos ao Juan Pardo dos 70, un Juan Pardo perdido, na percura do seu lugar na música e co seu innegábel talento botándolle por fora. Foi a época dos discos en inglés e a vocación de songwriter. E tamén foi a época na que deu a luz a este disco, unha auténtica rareza por vir de quen ven -que non está nada mal vindo dun fillo de militar nado en Mallorca- e unha auténtica xoia na historia da música galega. Cunha falla absoluta de modestia -no interior do LP sae caricaturizado xunto a Rosalía, Pondal, Castelao e Cabanillas, coma un máis- e uns arranxos excesivos dignos da época (coros soviéticos, cordas barrocas e todo tipo de luxos de producción hoxe en día raros de ver) o ferrolán musica a Pondal (A fala e falade galego) e, sobre todo, a Cabanillas (En pé!, Na morte de Castelao...), nun disco irrepetíbel no senso literal da palabra. Non vexo eu ao bon de Juan Pardo cantando ao "dereito a libertar a terra" ou animando ás pijas de LaCoru a abandonar os "duros acentos de Castela" trinta anos despois. Ou si. Os vaivéns políticos sonche cousa do demo. Cuestións políticas aparte, este disco é dos que hai que ter. Tanto por ser fiel reflexo dunha época -en 1976 debía de ser galleguista de toda la vida até Don Manuel- como pola calidade dunhas cancións -"Probiña da tola" estaría sen dúbida entre as primeiras nunha hipotética lista das mellores cancións galegas da historia- que, se somos capaces de borrar mentalmente a produción kitsch setenteira que as decora, farán parte do noso playlist fundamental de por vida. I é que o señor Pardo, queramos ou non, é un dos mellores compositores e vocalistas da historia contemporánea da nosa música.

Vincent Jalo


info@ghastaspista.com

Páxina Anterior