GALICIA CANTA
(Caracas, 1970)

Lee 3 comentarios e/ou engade o teu

 

 

Textos, imaxes i enlaces relacionados e/ou que apuntan a esta páxina:

blogoteca.com/desons/index.php?cod=1827 :
(De Sons) :
Respostando ao Regueifeiro, aquí vos deixo información do disco Galicia Canta. Esta copiada dun artigo de Xurxo Martínez Crespo para a web de www.galizacig.com. Pensaba limitarme a poñe-lo enlace pero, como agora mesmo non carga, i eu teño a páxina gardada.. decidinme a copiala aquí. ..outro día compartirei máis música deste disco.




34 anos de música galega en Sudamérica
A Coruña, 1 de xullo de 2004
Xurxo Martínez Crespo


Imaxe: Capa do disco Galicia
Canta, de 1970, hoxe unha
xoia da musicoloxía
galega do exilio
americano.
O primeiro disco de música e poesia galega foi editado en Caracas en 1970.

O movemento Voces Ceibes tamén tivo a súa contraparte cando en 1970, en Caracas, Venezuela, Xulio Formoso, o actual ministro de Cultura, Farruco Sesto Novás, Celso Emilio Ferreiro e J.J. Sesto Novás gravan en Pobovox, Galicia Canta.

Xulio Formoso, fillo do xornalista Julio Formoso. Farruco Sesto e J.J. Sesto fillos do artista Xosé Sesto, e Celso Emilio Ferreiro que acompañou a estes mozos emigrados nesta xeira do resgate da música e da poesia galega da outra beira do océano.

Este disco de 1970 no que Celso Emilio colabora tocando o pandeiro en Pandeirada ao Che, e baixo o seudónimo de Aristides Silveira escrebe a nota da contraportada do disco, hoxe unha peza de colección.

Foi o primeiro e derradeiro disco de Xulio Formoso integramente en galego, despois chegarían 12 discos máis, moitos con poesías de Celso Emilio Ferreiro, pero xa mesturados con outros temas e en español. Entre estes discos, do hoxe viceministro da Revolución Bolivariana de Venezuela, Farruco Sesto, poeta e autor da meirande producción discográfica de Xulio Formoso está Amantes de ningún lugar.


Imaxe: Detalle da compañia discográfica Pobovox de Caracas.
Os temas deste primeiro disco, Galicia Canta, 12 en total, repártense entre cantigas coma Romance Incompleto con música de X.G. del Valle e letra de Celso Emilio Ferreiro. No Vietnam con música de Benedicto e letra de Lois Diéguez. O umbral con música de X. Moscoso e letra de X. Les. Ti Galicia con música de Miró e letra de X. Costa e P.J. Puértolas. Vento de inxustiza con música e letra de Guillermo Rubia e A emigración con música de Xoan Rubia e letra de Manuel Curros Enríquez, até chegar aos seis derradeiros temas musicalizados por Xulio Formoso e da autoria de Celso Emilio, Farruco e J.J. Sesto.



TEMAS


A história do meu povo
Letra: J.J. Sesto
Música: Xulio Formoso


Vouvos contar a história do meu povo
agora que me toca a min cantar.
A história do meu povo é o traballo
pola terra e o mar.
Nunca tivemos reis
nin cabalos de guerra quixemos cabalgar.
falamos unha lingua campesiña
que xamáis en mil anos soñou en protestar.
A história do meu povo é o traballo pola terra e o mar.
A história do meu povo é o presente, e eiquí quero acabar.
Son os mozos que lle berran á história pola terra e o mar.
Meu povo nunca foi señor da súa terra,
nin tivo escravos, porque escravo é.
A liberdade gañouna coa fuxida
cativa liberdade de noite sen mencer.
A história do meu povo
ha de ser o traballo
farturento e en paz.



Un vento ven
Letra: J.J. Sesto
Música: Xulio Formoso


Foto: Xulio Formoso en 1970
na gravación do disco
Galicia Canta.

Ven, ven, ven, un vento ven,
ven, ven, ven, un vento ven
Vento norte, vento forte.
Ven, ven, ven, un vento ven,

Portas de ferro pechadas
hai na casa do patrón
pra non deixar que entre o vento, ven, de revolución.

Ven, ven, ven, un vento ven,
ven, ven, ven, un vento ven
Vento norte, vento forte.
Ven, ven, ven, un vento ven,

Mais ten as portas abertas
O povo traballador
Pra deixar que entre o vento, ven,
De revolución.

Ven, ven, ven, un vento ven,
ven, ven, ven, un vento ven
Vento norte, vento forte.
Ven, ven, ven, un vento ven,

Meniña esta longa noite
De pedra estase a acabar.
Alborexa o dia cun vento, ven,
De liberdade.

Ven, ven, ven, un vento ven,
ven, ven, ven, un vento ven
Vento norte, vento forte.
Ven, ven, ven, un vento ven.




Cholo peruán
Letra: Farruco Sesto
Música: Xulio Formoso


Farruco Sesto, actual ministro
de Cultura de Venezuela, compuxo
moitas das letras da carreira
musical de Xulio Formoso e
colaborou activamente na
realización deste disco
Galicia Canta xunto a
Celso Emilio Ferreiro.

Negro nacín no fosco sul,
son un tribeño de Vietnam,
estudo leis en París,
chámome Cholo peruán,
galego son de beiramar.

Apaño golpes no sub-way,
véxolle os dentes ao napalm,
de leis non quero vivir,
en Lima afártome de fame,
o medo abafa o meu fogar.

En todas partes
na primavera
as árvores enchense de flores.
Non embergantes
endexamáis
florece o tempo no meu cor.

Negro nacín no fosco sul.
Son un tribeño de Vietnam,
Estudo leis en París,
Chámome Cholo peruán
galego son de beiramar.

Prenderei fogo a Jacksonville,
os invasores morrerán.
As barricadas son o meu,
na serra fálame a mañá,
en Santiago hei de cantar.

En todas partes
na primavera
as árvores énchense de flores.
Haberá un dia
que o tempo novo
encha de flores o meu cor.



Pandeirada ao Che
Letra: Farruco Sesto
Música: Xulio Formoso
Pandeiro: Celso Emilio Ferreiro

Foto: Celso Emilio Ferreiro
colabora no disco Galicia Canta
tocando o pandeiro en
Pandeirada ao Che, e baixo o
seudónimo de Aristides Silveira
escrebe a nota da contraportada
do disco, hoxe unha peza de
colección.


Dende o profundo da serra
polo ar un vento ven
un vento dun pensamento
que leva o teu nome Che.
Sen morte algunha que o pare,
morte que o poida conter,
corre libre pola xente
e leva o teu nome, Che.
Un vento coma unha estrela,
coma unha fouce de pé,
coma unha fouce afiada,
que leva o teu nome, Che.
Un vento cheo de ganas
de queimar e revolver,
un vento de lúa nova,
que leva o teu nome, Che.
O sangue que lle antecede
co que xurde detrás del
forma un feixe de rosas,
que leva o teu nome, Che.
E cando os nemigos fuxen
ou comezan a morrer
quen os abate é un vento
que leva o teu nome, Che.
E cando as sombras se alonxan
dándolle paso ao mencer,
a luz do dia é un vento
que leva o teu nome, Che.



Pola longa lonxania
Letra: Celso Emilio Ferreiro
Música: Xulio Formoso


Pola longa lonxania
vou camiñando sen présa.
Na noite escura está acesa
unha luz que anúncia ó dia.
Aquelo que eu ben queria,
liberdade, nunca voltou.
Cuberto de noite vou
pola longa lonxania.

O vento lurpio non cesa
de oubear sobre o meu povo.
Como non lle temo ao lobo
vou camiñando sen présa.
Vida errante, noite espesa,
negrura embaixo e enriba.
Mais a miña esperanza altiva
na noite escura está acesa.

Aquelo que eu preferia,
revolución, canto tarda.
Mais o meu anceio agarda
unha luz que anúncia ó dia.



O dedo na chaga
Letra: Celso Emilio Ferreiro
Música: Xulio Formoso


Estas palabras que digo
abróllanme dende o fondo
porque eu endexamáis escondo
a canción que vai conmigo.

Cos meus cantares consigo
ser coma o vento lixeiro,
ninguén me marca o sendeiro,
ninguén me dicta a canción,
teño limpo o corazón
pra vivir ceibe e senlleiro.

Meu canto rudo e sinceiro
co badoco non se avén.
Desprezo a todo o que ten
alma servil de logreiro
sen outro Deus que o diñeiro.

Meu canto a ninguén falaga,
ninguén por cantar me paga,
soio o povo, meu irmán,
aplaude o meu canto chan,
se poño o dedo na chaga.


Xurxo Martínez Crespo.


es.youtube.com/watch?v=37rcVk46poI :
(Luar Na Lubre - Pandeirada do Che) :


info@ghastaspista.com

 

Páxina Anterior