JEI NOGUEROL - CANTIGAS DA FRADERÍA (1978)
Lee 2 comentarios e/ou engade o teu

Textos, imaxes i enlaces relacionados e/ou que apuntan a esta páxina:

galiciadigital.com/psd/Opinion/opinion_detalle.php?id=532.. :
A aparición do primeiro disco de Jei Noguerol no ano 1971 supuxo todo un revulsivo no ámeto da canción galega. Tratábase dunha gravación en formato “single” e nos dous temas incluídos descubriamos a unha nova voz infrecuente naquela altura, porque falar por aquel entón dun xoven que exhibía desinhibidamente os seus anceios e inquedanzas Denantes dos vinte anos, tal como titulaba unha das cancións, era alo menos sorprendente nun contexto como o que vivía o cancioneiro galego da época, polarizado entre as opcións contrapostas de Voces Ceibes en canto a contidos sociais e contestatarios e máis comercial e exitosa de cantantes standard representada por un Juan Pardo ou Andrés do Barro. A maiores, Noguerol viña acompañado duns músicos que, acordes coa temática do seu canto, despregaban instrumentalmente toda a modernidade sonora imaxinábel hai máis de trinta anos, representada na ocasión polo grupo catalán OM, paradigma de rock progresivo co que satisfacer a expresión de rebeldía tan propia da mocedade de calquera territorio , tamén por suposto da galega. Houberon de pasar varios anos para que o noso cantor mudara de discurso, e xa chantado definitivamente na diáspora galega de Barcelona, dera en evocar cal emigrante que de feito era as vivencias propias de quén se sente extranxeiro no seu País, tal como cantou nun dos seus temas gravados, algúns deles de doada asunción popular, caso de Voa, voa, mentres que outros evidencian o seu vencello ao paradisiaco territorio da Mariña luguesa de onde é nativo –Viveiro-, por exemplo cando pon en solfa o namoramento panteísta a medio dun dos seus temas máis logrados, Que bicaba na terra. E sen esquencer a crúa realidade das comunicacións terrestres que a menudo isolaban a Galiza do resto da península Ibérica, cantada nesta ocasión a xeito de súplica cómica dirixida ao Señor Ministro, por favor. E como queira que a emigración tamén afectou ós artistas galegos daquela xeira, os novos cantores habían de recurrir a estudos discográficos disponíbeis fóra do noso País para ver de materializar as súas gravacións, neste caso a través da editora catalana Edigsa. Do seu catálogo aparecen agora rescatados en formato de CD os discos que Jei Noguerol rexistrou entre os anos 1971 e 1976. Unha boa ocasión para completar esta parte do noso patrimonio cultural esquencido.

info@ghastaspista.com




Paxina Anterior