(...) ¡Que
bárbaro! ¡Canto que aprender! ¡Canto mundo diante de nós! E do público
que enchía a sala só recordo as súas caras amables, acolledoras. Bueno,
menos aquel home do fondo, si, aquel de gris, que, cambiando só de
rostro, nos acompañaría de recital en recital. Era o encargado de velar
polo cumprimento da censura. Convén aclarar, para os que non o
viviron, que era preceptivo enviar á censura cunha antelación
determinada (normalmente bastantes días) os textos que se pretendía
cantar. Alí (sempre imaxinamos que nun cuarto sórdido e sen luz) uns
individuos extranos, a quen por certo nunca coñecín, dictaminaban o que
se podía e o que non se podía cantar, afinando incluso se se autorizaba
para maiores de 14 anos, ou de 18. Pero claro, como non estaba nada
escrito nin determinado en norma algunha, os criterios eran totalmente
cambiantes, podendo atopar que o que o censor de Vigo consideraba “non
cantable” e, polo tanto, olímpicamente “prohibido”, pasaba por non ter
o máis mínimo perigo para o censor de Pontevedra que daba o “nihil obstat” correspondente. Isto tamén animou a nosa capacidade creadora e ten
habido verdadeiros especialistas na materia. A primeira adaptación, que
eu recorde, foi a do final da “Carta a Fuco Buxán” que tiña, ó parecer,
un dos principais problemas cando enunciaba:
“Fuco Buxán, ¿non sintes que na Iberia
feden a podre os homes e as paisaxes?
Debidamente “retocados”, estes versos pasaron a ser:
“Fuco Buxán, ¿non sintes que en Liberia
feden a podre os homes e as paisaxes?
¿Que
raio nos importaría a nós o que pasaba en Liberia? Pensaría o probo
funcionario. Pero pasar, pasou; claro que, na cantarela, cantábase en
“versión orixinal” ¿Quen ía se-lo guapo de distingui-lo engano?
Otra,
máis coñecida, sería a de Bibiano, anos máis tarde, co “Can de
palleiro”. ¿Que censor era capaz de imaxina-lo efecto sonoro daqueles
versos?:
“A túa forte dentadura
viráse abaixo, abaixo a dentadura,
abaixo a dentadura, abaixo a dentadura, ...”
A
complicidade cantores-público era tal quen non se precisaba de ningunha
consigna pois xa o respetable se encargaba de face-la modificación
pertinente: “dentadura” por “dictadura”; o resultado era espectacular.
( Benedicto García: A nova canción galega )