ESPECIAL SOBRE A MÚSICA GALEGA
E O ESTATUTO DE AUTONOMÍA

no programa

UN MUNDO DE MÚSICAS
DE RADIO VOZ

dirixido e presentado por Bieito Romero

 

(I Parte, emitida o 3 de Febreiro de 2007)

 

Hoxe imos facer un programa especial co cal pretendemos abrir un debate ou cando menos invitar á reflexión sobre a situación da música no noso país, en Galicia. No programa de hoxe teremos opinións que nos daran diferentes músicas e músicos da nosa terra sobre a situación actual, sobre o futuro e sobre a posibilidade de que a nosa música poidese estar reflexada especialmente, como valor patrimonial e identitario, no novo estatuto galego.

A música tradicional designa xeralmente a música propia dun pobo dunha determinada zona xeográfica, nun determinado contexto social e que ten as súas raigames mais ou menos lonxanas, froito da transmisión oral vai sufrindo diferentes evolucións i é permeabel aos contactos e as influencias culturais que moitas veces lle chegan do exterior, como así ten acontecido coa nosa música a traverso dos tempos imprimíndolle a personalidade que hoxe en día ten e convertíndoa nunha das máis ricas, variadas e fermosas de Europa.

Estamos en tempos de reformas estatutarias que dun xeito claro modificarán e marcarán o futuro das diferentes comunidades do Estado onde se realicen, así sendo conscentes da importancia que esto ten, e sabendo que a música galega é un gran patrimonio a coidar e respetar, e ademáis tendo en conta que é un sector da industria cultural deste país que xenera un gran movemento, dende Un Mundo de Músicas queremos sondear o sentir dunha parte importante dos músicos galegos en activo na actualidade, sobre a situación actual e do que eles pensan sobre o que será o seu futuro, así como de si a música galega debe de estar contemplada no novo estatuto galego como os andaluces contemplaron o flamenco na súa recentemente aprobada reforma estatutaria.

No estatuto de Andalucía os andaluces reflexan diste xeito nun párrafo do Artigo 68 referido a Cultura e Patrimonio: "Corresponde así mismo a Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de coñecemento, conservación, investigación, formación, promoción e difusión do flamenco como elemento singular do Patrimonio Cultural andaluz"

A partires de esto imos comezar unha ronda de opinións de distintos persoeiros da nosa música das que sen dúbida extraeremos conclusións moi interesantes i enriquecedoras (..) que sirva orientativamente de reflexión sobre o que na actualidade hai e do que pode ou debería vir no futuro.

E aquí comezamos esta rolda de consultas, coas dúas preguntas que imos a formular a tódo-los convidados que temos hoxe no programa:

¿Cal é segundo a túa perspectiva a situación actual da música galega, e como ves o seu futuro?
 

¿Cres que a nosa música debería estar contemplada no novo estatuto como ben a protexer, preservar e apoiar por ser parte importante da nosa identidade como pobo?

 

 EMILIO CAO 


Influencia dos ambios tecnolóxicos, falta de rumbo da administración, necesidade dunha maior interlocución cos sectores industriais e no referente as relacións exteriores, dun cambio forte que non percibo que se estea a dar
 
Calquera que teña un mínimo de sensibilidade ca cultura galega diría que "lóxicamente". Creo que di moi pouco dos políticos galegos que nin sequera se fixera a mínima mención. Agardo que corrixan ese erro e que poidan ter unha maior sensibilidade co sector.

 


 

 MINI (A Quenlla) 


A música galega como arma ao servicio das libertades da miña xente do meu país, ben sei que isto é algo que hoxe non se leva (...) hoxe está coidandose moito a estética, hai moita calidade musical, porque hai músicos a punta pala e moi bos, pero eu non sei si esa música está a favor dun labor colectivo ou non. Si tende a facer país.(..)
¿Hai pouso suficiente para intentar refacer ou facer lentamente unha música nacional?, o proceso imitativo, a globalización. Música galega versus Música en galego.
 
 
Eu non creo nos Estatutos (..) a música galega non hai que protexela, terá vida si o pobo galego ten vida. (..) Si este país ten vida protexerase a si mesmo e circulará. Evidentemente pode ser unha medida o de metelo no Estatuto, pero mal asunto si hai que facelo (..) fagamos un país dinámico e non nos esquezamos da xente do rural, da xente do común. ¿Si gardou a nosa cultura durante séculos como non vai ser capaz de dinamizala? (..) O país é o que é e será o que el queira, ou o que lle deixen

 


 

 OSCAR FERNÁNDEZ (Os Cempés) 


As músicas minoritarias, e a música galega como tal. A música de creador. A transmisión oral frente a transmisiçon "via 40 principales".
As subvencións: penso que é un error grande que se subvencione totalmente a música. (..) Cada vez que hai un espectáculo sin que haiga que pagar unha entrada estamos facéndolle un moi fraco favor á música

Creo que sería bastante lóxico.. dentro da lóxica dos políticos. Quedaría máis tranquilo si se falara das artes en xeral, facendo fincapé nas concebidas en galego. (..) Non se pode discutir que o galego ou se protexe ou chegara un momento que se deixará de ouvir(..) penso que máis importante sería por exemplo facer cumplir a lei de normalización lingüistica: indirectamente se apoiaría a música galega.
 

 


 

 XOSÉ LOIS ROMERO 
 (Igaem, Nova Galega de Danza..) 



A evolución positiva da música galega nestes últimos 20 anos. O que algún puido pensar que era unha aventura romántica hoxe en día é un dos grandes valores (..) debido a propia teima dos músicos e dos artistas no convencimento do valor da música galega como un producto contemporaneo i exportable, mesmo nunha situación realmente hostil por parte das administracións, politicamente, e co histórico aillamento contra o que temos que loitar permanentemente (..) hoxe en día a ninguén lle cabe dúbida que a música galega é un dos elementos mais integrados no pobo galego, na sociedade, xa non só a nivel interno senón cara o exterior. Alternancia xeracional garantizada. Necesidade cara o futuro de compensar o desequilibrio entre a parte creativa e a parte estructural. A música galega é o grande embaixador de Galicia en todo o mundo.
A identificación dos galegos coa música galega en calquera lugar do mundo é incluso superior ao da bandeira e o idioma (..) o son dunha gaita en calquer lugar do mundo ten unha trascendencia emocional, conceptual, identificadora, representativa de Galicia indiscutible. Un estatuto que pretenda diseñar a Galicia do futuro (..) non pode obviar a música como un dos grandes pilares nos que asentar a súa cultura e a súa posición internacional. (..)

 


 

 MERCEDES PEÓN  


A recollida de campo, unha transmisión moi feble: Algo hai que facer para que esas melodías, esas expresións que veñen de pais a fillos e que van evolucionando na sociedade que teñan un sentido na sociedade actual (...). No eido da tradición oral somos únicos en toda Europa (..) e agora estamos nun momento moi delicado. No eido da creación faltarían circuitos. (..) .

Paréceme algo fundamental. Sería un xeito real de que os nosos políticos o levaran para adiante tanto a nivel económico como a nivel cultural. (..) ¿Onde hai que firmar? (..)
A xente é incapaz de ver nos nosos ancestros, nos nosos pais e os nosos avós a beleza inmensa (..) só son quen de ver, por culpa dun machaque histórico, vulgaridade, i eso é moi doloroso.

 

 


 

 GUADI GALEGO  
 (Berrogüetto, Nordestin@s,..)  



A nivel de calidade estamos nun momento fantástico, a canteira empeza a dar o seu fruto, e ademáis estase diversificando, sen esquecer as raíces. A nivel administrativo e a nivel de mercado, estamos nun momento quizais non tan grato como fai dez anos, pero é o noso traballo que isto cambie.

Estou totalmente dacordo (..). A música galega ten que ter unha denominación de orixe, coma o viño, por facer unha comparación un pouco máis vanal, e creo que podería ser unha fonte de inversión non só para a nosa cultura senón para a nosa economía, i eu creo que é o mellor que podemos ter tanto como pasaporte para saír das nosas fronteiras como para vivir no noso país.

 


 

 XOSE FERREIROS  
 (Milladoiro)  



A vintetantos anos vista penso que a situación é positiva. Millorouse moito tanto na cantidade como na calidade. Hoxe hai moita xente adicada a traballar na nosa música dun xeito serio e riguroso (..) A xente que é mais nova dicirlle que non se desanimen porque estes momentos un pouco máis tranquilos ou de repouso son normais e hai que saber convivir con eles. En tóda-las facetas artísticas hai crestas de ola e remansos.
Penso que é importante crear novos circuitos que apoiarán moito a que esto se consolide.(..) é importante educar ás novas xeracións en apreciar realmente este tesouro que temos e que o valoremos na súa xusta medida, e non o deixemos de lado como unha música menor (..) tamén é preciso un apoio institucional, a música forma parte da cultura dun país que debemos preservar para as novas xeracións e tamén porque a música é un espello do noso país cara fora.

Eu penso que sí porque se metemos todo nunha cousa moi xenérica podería quedar esvaído a cousas como as que temos agora. Non se trata de ser exclusivista senón de defender o teu. A música ten que estar contemplada como algo a preservar e protexer. (..) encheume de vergoña allea o que pasou no parlamento fai pouco.

 



 SARA VIDAL  
 (Luar Na Lubre)  



No caso da Galiza a música é unha das expresións máis reveladoras da súa identidade sociocultural. A nível artístico, a música galega é moi prolífera, no sentido de que hai unha forte actividade musical de calidade, existindo, incluso, grupos que son recoñecidos a nível internacional, dignificando, desta maneira, a imaxen da Galiza no estranxeiro. . Con todo, esta actividade só se manten grazas ao esforzo individual dos músicos, sentindose a ausencia de apoios institucionais e dunha legislación que incentive a profisionalización de todas as persoas que traballan no sector musical, tanto músicos como técnicos
A estratéxia política non fomenta eficazmente/pragmaticamente o desenvolvemento dunha indústria musical galega competitiva e constante, cuxos efeitos serian seguramente o aumento de aportacións económicas, aumento da empregabilidade e unha internacionalización máis positiva e consistente da Galiza, tal como aconteceu no caso irlandés.

Seguindo o exemplo da Andaluzia, que no seu estatuto consagra a música flamenca como un pilar fundamental da súa cultura, tamén o estatuto da Galiza deveria afirmar e valorar a sua música autóctone, encanto elemento distintivo e único, etnográfico e económico.
É necesário materializar lexislativamente o apoio, o desenvolvemento e a promoción da música galega. É urxente que as nosas autoridades políticas muden o seu entendimento sobre a música e sobre o seu potencial industrial, devendo ser un dos pontos contemplados e reinvidicados no futuro estatuto, porque discutese moito sobre a palavra nación mais non se contempla a realidade cultural do país.

 


 

 

 MIRO CASABELLA   


A Música Instrumental e a Canción. A barreira idiomática. A falta de aopoios á música de cantautor: xa que para a xente que exerce o poder político é cantada nunha lingua que non lle senta ben e moito menos cando por riba é solidaria co seu pobo e molestamente reivindicativa. Esta clase social no poder fai que non somentes a canción non teña futuro senón tampouco o país. A todo isto van ligados uns medios de comunicación nun porcentaxe moi alto xa son tercer mundistas: aínda na TVG conservan un programa do pasado que seria mellor que esquecéramos ou que puxeran ás catro da mañá xa que dice moi pouco e mal do país

Pois sí creo que debería estar contemplada a protección da nosa música ou forma de expresión cantada na nosa lingua no Estatuto de Autonomía xa que sería unha forma de preservala contra os destruidores de identidades.
Necesidade da súa independencia (podería entenderse que se pon ao servicio dun poder) e protección (actuacións para escolares, institutos, colexios, universidades, etc.. centros culturales e outros tipos de asociacións e tamén cubrindo todo o ensino e ocio deste país normalizado así a lingua como expresión)

 


 

 MANOLO RICO  
 (Folclorista i etnógrafo)  



Gran proxección internacional da música galega. Sobre todo debido á gran capacidade creadora que demostramos ter os galegos. As importancia das iniciativas privadas. A catalogación e mesmo a difusión deste patrimonio material de Galicia no ámbito musical estivo nas mans de moitas iniciativas privadas como son os grupos tradicionais, os gaiteiros, as corais, asociacións.. e persoas que traballaron arreo para colectar o corpus literario/musical de Galicia. Hoxe seguen sendo as institucións privadas as grandes dinamizadoras da cultura do país, despois temos que sumar outros esforzos, institucionais, como pode ser o do Arquivo Sonoro de Galicia que puxo en marcha un proxecto de investigación, recuperación e conservación, pero o Consello da Cultura é un organismo consultivo, i é o propio Goberno Galego o que debe ter esa capacidade de iniciativa e que parece ser que comeza a iniciar agora a Consellería de Cultura.

Todos recoñecen a nosa identidade (..) o noso patrimonio cultural, do que forman parte a lingua propia ou a música, é a maior e a máis orixinal creación colectiva dos galegos. Non cabe dúbida que o novo estatuto debe recoller esta obriga de todas as institucións: afianzar a conciencia da nosa identidade a través da investigación, da difusión, e do coñecemento dos nosos valores patrimoniais e lingüisticos entre os que está a música

 

 

 

 

 

 

  ATENCIÓN! :picar e resumir textos non é o meu (aquí recurro á manida excusa: eu son de ciencias!) así que é mais que recomendable ir pinchando nos distintos arquivos de audio para saber o que REALMENTE dixo cada un, noutro caso non me fago responsable de posibles malentendidos :P
   

 

¡¡Participa!!
(escrebe aquí a túa opinion e, se queres, o teu nome, enderezo e-mail, e canto che interese que apareza reflexado na web)